Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 24 de abril de 1996 Páx. 3.832

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 8 de abril de 1996 pola que se convoca un novo proceso electivo para cubri-las prazas vacantes do Consello Galego de Servicios Sociais.

A orde do 10 de maio de 1995 (DOG do 2 de xuño) establece que o Consello de Servicios Sociais está constituído por unha serie de membros elixidos polas entidades prestadoras de servicios sociais inscritas no rexistro regulado polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro, e polas asociacións de consumidores e usuarios de Galicia que se atopen inscritas no Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios, creado polo Decreto 95/1984, do 24 de maio.

Unha vez proclamados os candidatos, e efectuadas as votacións por parte das devanditas entidades, procedeuse a publica-los resultados das eleccións dos vocais do Consello Galego de Servicios Sociais, quedando algún dos sectores sen representación ó non presentaren as entidades candidatura ou porque, presentándoa, non cumprían os requisitos formais establecidos na citada Orde de 10 de maio.

Tendo en conta que a orde trata de potencia-la participación de tódalas áreas implicadas e co obxecto de proceder á definitiva constitución do Consello Galego de Servicios Sociais, na sesión do día 13 de febreiro na que se constituíu o dito consello, adoptouse o acordo de convocar un proceso electivo para as prazas non cubertas polo procedemento regulamentario.

En virtude do exposto e facendo uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo primeiro.-Convocar un novo proceso electivo para cubri-las prazas vacantes do Consello Galego de Servicios Sociais nas seguintes áreas:

-Entidades que actúan na área da xuventude.

-Entidades que actúan no ámbito da muller.

-Entidades que actúan na área da vellez(entidades que dispoñan de centros asistenciais).

-Entidades veciñais.

Artigo segundo.-As normas para a designación ou elección, segundo o caso, e posterior nomeamento dos vocais do consello serán as previstas na orde da Consellería de Sanidade e Servicios de 10 de maio de 1995 (DOG nº 105 do 2 de xuño).

Artigo terceiro.-Para os efectos do disposto no artigo anterior, as devanditas entidades deberán presenta-las súas candidaturas no prazo de 15 días naturais desde a publicación da presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Servicios Sociais para adoptar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 1996.

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

3038