Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 24 de abril de 1996 Páx. 3.828

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 12 de marzo de 1996 pola que se convocan bolsas para inventario e catalogación de fondos de museos.

O Decreto 314/1986, do 16 de outubro, polo que se regula o sistema público de museos da Comunidade Autónoma de Galicia establece a obriga de tódolos museos de Galicia de confeccionaren o inventario e o catálogo das pezas que posúan, como medio para documentar cientificamente estas e así poder exerce-las funcións que a todo centro destas características lle corresponden.

Por outra banda, a Consellería de Cultura ten atribuída, en aplicación das súas competencias en materia de museos e patrimonio moble, a facultade de velar pola conservación, coidado e adecuado coñecemento dos museos e do patrimonio moble de Galicia, así como a de fomenta-la formación do persoal técnico dos museos, colaborando cos de Galicia, na medida das súas posibilidades orzamentarias, para o mellor cumprimento por estes dos fins e obrigas que lle son propios.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Convócanse bolsas para inventario e catalogación dos fondos de museos, con cargo á aplicación orzamentaria 010.003.357A-481.00, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1996. O importe total das axudas en ningún caso excederá do crédito asignado para o efecto.

2. Os bolseiros realizarán os seus traballos en diversos centros museísticos de Galicia e serán coordinados e dirixidos pola Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura e por persoal técnico e facultativo debidamente cualificado, designado para o efecto por aquela.

3. Os traballos terán unha duración de 6 meses a partir da data de incorporación que establezca a Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura.

4. Os bolseiros seleccionados quedarán obrigados a:

-Asistir diariamente durante un mínimo de 5 horas ós centros onde resulten destinados. O horario será o establecido polos servicios técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental de acordo co centro de destino.

-A segui-las indicacións técnicas dos coordinadores.

-A entregarlles ós coordinadores, ó finaliza-la bolsa, informe técnico así como copia dos inventarios e catálogos resultado do seu traballo.

Ó remata-la actividade, os coordinadores dos bolseiros depositarán na Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura copia do material realizado por cada bolseiro. O orixinal dos inventarios e catálogos quedará depositado no mesmo lugar no que se realizou o traballo.

Artigo 2º

1. Os solicitantes dunha bolsa deberán ser licenciados universitarios con coñecementos de museoloxía e materias afíns.

2. As solicitudes presentaranse conforme o modelo oficial, que figura como anexo I desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Cultura ou nas súas delegacións provinciais. O prazo de presentación será de 15 días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, as solicitudes poderán así mesmo presentarse de calquera das formas previstas no artigo 38.4º de Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Os solicitantes, deberán xunta-la seguinte documentación:

Fotocopia do DNI.

Declaración responsable de non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda, calquera

que fose esta, situacións que producen incompatibilidade co disfrute da bolsa que nesta orde se convoca.

Fotocopia compulsada do expediente académico.

Anexos I e II debidamente cubertos e fotocopia dos méritos alegados. Só contabilizarán aqueles méritos dos que se achege proba documental.

Artigo 3º

1. As bolsas serán adxudicadas prioritariamente para os seguintes museos e campos:

No campo da historia da arte:

-Museo das Peregrinacións (1 bolsa)

-Tratamento Documental do Inventario (1 bolsa)

-Museo Municipal de Ourense (1 bolsa)

-Museo Histórico de Sargadelos (1 bolsa)

-Museo Municipal Manuel Torres de Marín (1 bolsa)

No campo da arqueoloxia:

-Museo do Castro de Viladonga (1 bolsa)

-Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (1 bolsa)

-Tratamento Documental do Inventario (1 bolsa)

-Museo da Terra de Melide (2 bolsas)

No campo da etnografía

-Museo Etnolóxico de Ribadavia (1 bolsa)

-Museo Etnográfico Sotelo Blanco (1 bolsa)

-Parque Etnográfico do Río Arnoia e Museo do Xoguete (1 bolsa)

-Museo Etnográfico da Limia (1 bolsa)

2. Reservaranse 4 bolsas para licenciados en xeografía e historia, coa especialidade de Museoloxía, que obtiveran a licenciatura nos anos 1993, 1994 e 1995. Estas reservas terán destino nos centros seguintes:

-Museo de Belas Artes da Coruña (1 bolsa)

- Museo Etnolóxico de Ribadavia (1 bolsa)

-Museo do Castro de Viladonga (1 bolsa)

-Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (1 bolsa)

Os interesados nesta reserva, que será excluínte, deberán facelo constar expresamente na solicitude.

Artigo 4º

O importe da bolsa non excederá da cantidade de 695.000 ptas cada unha.

Artigo 5º

1. Os correspondentes servicios técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura poderán reclamarlles, se fose necesario, ós solicitantes que enmenden os defectos administrativos apreciados na documentación esixida, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, outorgándose un prazo de 10 días desde o recibo do escrito de requerimento.

2. A avaliación dos méritos alegados, que lle corresponde á Dirección Xeral do Patrimonio His

tórico e Documental da Consellería de Cultura, farase segundo o seguinte baremo:

-Especialidade en historia da arte: 3 puntos.

-Especialidade en etnografía: 3 puntos.

-Especialidade en arqueoloxía: 3 puntos.

-Especialidade en museoloxía: 3 puntos.

-Experiencia de traballo remunerado en catálogos e inventario de fondos de museos. Por cada mes: 0,25 puntos. Ata un máximo de 4 puntos.

-Experiencia de traballo non remunerado en museos. Por cada mes: 0,10 puntos. Ata un máximo de 1,20 puntos.

-Cursos de museoloxía e monográficos de historia da arte, arqueoloxía, antropoloxía ou etnografía:

a) Por cursos de menos de 40 horas: 0,10 puntos. Ata un máximo de 1 punto.

b) Por cursos con acreditación expresa de máis de 40 horas: 0,25 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

c) Por cursos con acreditación expresa de máis de 100 horas: 0,50 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

d) Por cursos con acreditación expresa de máis de 250 horas: 1 punto. Ata un máximo de 3 puntos.

Asistencia a congresos: 0,10 puntos. Ata un máximo de 1 punto.

Presentación de comunicacións en congresos: 0,25 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

Presentación de relatorias en congresos: 0,50 puntos. Ata un máximo de 4 puntos.

Publicacións relacionadas con museoloxía, historia da arte, arqueoloxía, antropoloxía ou etnografía, impresas antes do remate do prazo de presentacións de solicitudes:

a) Por cada libro publicado: 1 punto. Ata un máximo de 3 puntos.

b) Pola publicación de inventarios ou catálogos: 0,5 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

c) Por cada artigo en revista especializada: 0,5 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

O mesmo mérito só se valorará unha vez : como comunicación, publicación ou asistencia a congresos.

Doutoramento:

a) Pola realización total dos cursos de doutoramento ou tese de licenciatura: 1 punto.

b) Pola realización da tese de doutoramento: 2 puntos.

Cursos de galego:

a) Iniciación: 0,5 puntos.

b) Iniciación e/ou perfeccionamento: 1 punto.

Curso de informática aplicada ós museos:

a) Con duración inferior a 40 horas: 0,25 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

b) Con acreditación expresa de duración superior a 40 horas: 0,50 puntos. Ata un máximo de 4 puntos.

Elaborarase un listado por cada un dos campos ou especialidades, tendo en conta que os méritos específicos alegados só se valorarán no campo ó que correspondan.

3. A selección das bolsas reservadas para os licenciados dos anos 1993, 1994 e 1995 efectuarase con base nas cualificacións obtidas en tódolos cursos da licenciatura, e resultarán seleccionados aqueles solicitantes que obteñan a puntuación máis alta.

4. As listas provisionais de bolseiros faranse públicos nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura e nos das súas delegacións provinciais. O prazo de exposición será de 10 días naturais contados o da partir do día seguinte a súa publicación, e durante os cales se poderán face-las alegacións pertinentes.

5. A resolución da convocatoria correspóndelle ó conselleiro de Cultura por proposta do director xeral do Patrimonio Histórico e Documental. O acordo farase público, para efectos de notificación ós interesados nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura e nos das súas delegacións provinciais.

6. A resolución de adxudicación pon fin á vía administrativa, de acordo co artigo 109 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e contra ela cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir da data de notificación efectiva desta ós interesados.

7. Unha vez rematado o período de desfrute da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicita-la devolución da documentación achegada.

Artigo 6º

O pagamento da bolsa axustarase á normativa orzamentaria de aplicación.

Ós adxudicatarios das bolsas poderáselles requiri-la documentación necesaria para proceder ó pagamento da dita bolsa.

Artigo 7º

1. No caso de que os beneficiarios das bolsas incumprisen algunha das condicións ou obrigas estipuladas na presente orde, a Consellería de Cultura instruirá expediente sancionador conforme ó previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e poderá, mesmo, anula-los beneficios concedidos e solicita-la devolución das cantidades percibidas, se as houbese, nos prazos que establece o Regulamento xeral de recadación.

2. O persoal técnico e facultativo que en cada provincia coordine e dirixa os bolseiros poderá propoñerlle á Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura a extinción

da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das condicións sinaladas.

3. A Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura expedirá, logo do informe favorable dos coordinadores, ó remata-los traballos, certificación acreditativa da prestación dos servicios.

4. As bolsas non implican relación funcionarial nin laboral coa Consellería de Cultura, nin compromiso que se estenda máis alá do seu ámbito de duración.

Artigo 8º

A Consellería de Cultura poderá facer pública unha nova convocatoria en iguais ou diferentes termos, no caso de que as adxudicacións acordadas non cubrisen a totalidade do crédito asignado.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase ó director xeral do Patrimonio Histórico e Documental para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 1996.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

ANEXO II

Sinale por orde de preferencia do 1 ó 14 os destinos:

No campo da historia da arte:

-Museo das Peregrinacións (1 bolsa)

-Tratamento documental do inventario (1 bolsa)

-Museo Municipal de Ourense (1 bolsa)

-Museo Histórico de Sargadelos (1 bolsa)

-Museo Municipal Manuel Torres de Marín (1 bolsa)

No campo da arqueoloxía:

-Museo do Castro de Viladonga (1 bolsa)

-Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (1 bolsa)

-Tratamento documental do inventario (1 bolsa)

-Museo da Terra de Melide (2 bolsas)

No campo da etnografía:

-Museo Etnolóxico de Ribadavia (1 bolsa)

-Museo Etnográfico Sotelo Blanco (1 bolsa)

-Parque Etnográfico do Río Arnoia e Museo do Xoguete (1 bolsa)

-Museo Etnográfico da Limia (1 bolsa)

Os que optaran pola reserva de praza sinalen por orde de preferencia do 1 ó 4 os destinos:

-Museo de Belas Artes da Coruña (1 bolsa)

-Museo Etnolóxico de Ribadavia (1 bolsa)

-Museo do Castro de Viladonga (1 bolsa)

-Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (1 bolsa)

2981