Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 24 de abril de 1996 Páx. 3.825

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de marzo de 1996 pola que se convocan premios á innovación educativa.

Os decretos 426/1991 do 12 de decembro (DOG do 14 de xaneiro de 1992), 245 do 30 de xullo (DOG do 14 de agosto), 78/1993 do 25 de febreiro (DOG do 2 de abril) e 275/1994 do 29 de xullo (DOG do 31 de agosto), establecen, respectivamente, os currículos de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato para a Comunidade Autónoma de Galicia.

Unha vez establecidos os devanditos currículos pola Administración educativa, é competencia dos centros desenvolvelos, tanto á nivel de proxecto curricular como de programación de aula. Neste marco de desenvolvemento curricular, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pretende impulsa-la innovación educativa nos niveis non universitarios e recoñece-lo traballo realizado polos profesores e profesoras que, individual ou colectivamente, están a levar adiante prácticas educativas innovadoras. Por todo isto, a presente orde establece as bases para a convocatoria e concesión de premios á innovación educativa.

En consecuencia co anteriormente exposto a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso das competencias que ten atribuídas,

DISPÓN:

Artigo 1º. Obxecto.

O obxecto desta orde é a convocatoria de catro premios á innovación educativa para as distintas etapas correspondentes ás ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato; e a aprobación das súas bases de concesión.

Artigo 2º. Dotación económica.

Os catro premios ós que se alude no artigo anterior estarán dotados economicamente segundo a seguinte distribución:

Un primeiro premio de 400.000 pesetas.

Un segundo premio de 300.000 pesetas.

Un terceiro premio de 200.000 pesetas.

Un cuarto premio de 100.000 pesetas.

O pagamento destes premios farase con cargo á aplicación orzamentaria 07.03.3225.227.06 unha vez realizada a retención correspondente.

Artigo 3º. Condicións.

1. Poderá participar na presente convocatoria o profesorado dos centros educativos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que estea en activo e imparta ensinanza nos niveis non universitarios.

2. Os concursantes, de xeito individual ou en grupo, deberán presentar un traballo de aplicación práctica na aula sobre calquera aspecto do currículo desenvolvido durante o curso 1995-1996 antes da data límite de entrega.

3. Os traballos presentados poderán abranguer calquera etapa, ciclo ou curso do ensino non universitario, e deberán explicita-los aspectos establecidos no apartado 8 do presente artigo.

4. Os traballos que concorran deberán ser orixinais e non premiados con anterioridade.

5. O prazo de presentación dos traballos finaliza o 30 de setembro de 1996.

6. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá proceder á reproducción, publicación e divulgación daqueles traballos que concorran á presente convocatoria.

7. Os concursantes deberán presenta-lo traballo en soporte informático e en soporte papel por triplicado no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través das distintas delegacións provinciais ou polas canles establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de proceder ó envío

certificado por correo, a instancia que debe acompaña-lo traballo estará datada e cuñada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

8. Os traballos deberán ir acompañados da seguinte documentación:

a) Instancia dirixida ó director xeral de Ordenación Educativa e Centros, asinada polo autor ou, se é o caso, polo coordinador responsable do grupo de traballo, segundo o modelo do anexo da presente orde.

b) Certificación do director do centro educativo, acreditativa de que os concursantes prestan os seus servicios como persoal docente no devandito centro ou de que estiveron destinados neste durante a realización da experiencia.

c) Memoria descritiva, dun máximo de 20 folios, da experiencia educativa na que se reflectirá a xustificación da actividade no marco do proxecto curricular do centro e da programación de aula, os obxectivos e contidos desenvolvidos, a metodoloxía empregada, datas ou períodos da súa realización, desenvolvemento da experiencia e criterios e procedementos de avaliación. Igualmente, deberá consta-la valoración, tanto dos profesores como dos alumnos, sobre o traballo realizado respecto da consecución dos obxectivos previstos.

d) Anexos dos traballos ou actividades realizados polos alumnos durante a experiencia.

Artigo 4º. Composición e funcións da comisión.

1. Os traballos que concursen e se axusten á presente convocatoria, serán examinados e avaliados por unha comisión composta polos seguintes membros:

O director xeral de Ordenación Educativa e Centros, ou persoa na que delegue.

O inspector xefe da Inspección Central, ou persoa na que delegue.

A subdirectora xeral de Ordenación Educativa, ou persoa na que delegue.

O subdirector xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos, ou persoa na que delegue.

A xefa do servicio de Ordenación e Innovación Educativa.

Un funcionario ou funcionaria do servicio de Ordenación e Innovación Educativa.

Un funcionario ou funcionaria da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario.

2. A comisión, se é o caso, poderá contar co asesoramento de especialistas.

3. Os premios poderán ser declarados desertos.

4. Con carácter excepcional, e por proposta unánime e motivada da comisión, o director xeral de Ordenación Educativa e Centros poderá efectúa-la redistribución dos premios.

5. A proposta de concesión de premios emitida pola comisión avaliadora elevarase ó conselleiro para a súa aprobación e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º. Certificación.

A Administración educativa poderalles recoñecer ós participantes, mediante expedición de certificado, as actividades de innovación realizadas no marco da presente convocatoria.

Artigo 6º. Retirada da documentación.

Os interesados ou os seus representantes legais poderán retira-la documentación dos traballos non premiados e que non vaian ser obxecto de publicación, na Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros no prazo de 30 días a partir da publicación da resolución da presente convocatoria.

A presente orde entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 1996.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

96-2473