Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 24 de abril de 1996 Páx. 3.817

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 12 de abril de 1996 pola que se regula a concesión de subvencións ás corporacións locais encamiñadas á dotación de equipos para o desenvolvemento dos medios de comunicación municipais.

A Secretaría Xeral de Comunicación, co fin de que as corporacións locais teñan cobertura radiofónica de carácter local que facilite ós cidadáns uns medios de comunicación que amplíen o marco da pluralidade informativa, vén establecendo con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma unha líña de subvencións de capital.

Neste sentido, a Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1996, inclúe a oportuna consignación para a finalidade sinalada.

A concesión de subvencións e axudas con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega deberán someterse ó cumprimento dos requisitos de publicidade, concorrencia e obxectividade, a teor do sinalado no artigo 78.1º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, o que esixe a realización na correspondente orde reguladora, así como a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Polo exposto, e en uso das facultades que me atribúen os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e de seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

A Secretaría Xeral de Comunicación poderá conceder subvencións encamiñadas á dotación de equipos para o desenvolvemento dos medios de comunicación municipais ás corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia, ata o límite sinalado no artigo 9º desta orde.

Artigo 2º.

O obxectivo é incentiva-la iniciativa local para a dotación de estudios e equipamento de sistemas de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia.

Artigo 3º.

1) Poderán ser beneficiarios dunha subvención as corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia que solicitasen ou soliciten a concesión do servicio de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia para emisoras municipais.

2) As solicitudes de subvención serán formuladas polo presidente da entidade local respectiva, segundo o modelo que se xunta como anexo a presente orde, e a ela se unirán os seguintes documentos:

-Memoria descritiva dos investimentos que se pretenden realizar.

-Orzamento ou valoración económica das actuacións para as que se solicita a subvención, con indicación da cantidade que se pide como axuda.

-Compromiso de dotación orzamentaria suficiente para o mantenemento do servicio.

3) As peticións de subvención presentaranse no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública (edificio administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela), ou nos das súas delegacións provinciais. Tamén se poderán remitir en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4) O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais, contados desde o día seguinte o da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.

Os acordos de concesión de subvencións serán adoptados polo secretario xeral de Comunicación.

Para as resolucións pertinentes, teranse en conta os seguintes criterios:

-O fomento dos valores e da identidade cultural e social de Galicia e, en especial, o emprego do galego na programación.

-Horario de emisión, porcentaxe de producción propia e porcentaxe de programas informativos, culturais ou educativos.

Artigo 5º.

A resolución respecto da presente liña de subvencións será notificada a tódolos solicitantes transcorridos 3 meses desde o remate do prazo de presentación de solicitudes. Esgotado o devandito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente (artigo 43.2º C), contrario sensu, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.

Os concellos ós que se lle conceda unha subvención ó amparo do disposto nesta orde, estarán obrigados a efectua-lo investimento que serviu de base para a concesión, debendo xustificalo antes do 30 de outubro mediante certificación na que se fará consta-la realización do investimento e a contía do gasto realizado.

A dita certificación será requisito necesario para proceder ó pagamento da subvención.

Artigo 7º.

A Secretaría Xeral de Comunicación poderá realiza-las inspeccións e comprobacións que considere necesarias co fin de asegura-lo cumprimento das normas e requisitos cos que se concederon as subvencións.

Artigo 8º.

1) As entidades receptoras das subvencións quedarán obrigadas:

a) A non altera-lo destino da subvención.

b) A admiti-las inspeccións e o control que estableza a Secretaría Xeral de Comunicación.

c) A efectua-la xustificación do gasto na forma preceptuada, facultándose á citada secretaría xeral para determina-lo correcto cumprimento desta esixencia.

2) O incumprimento de calquera das obrigacións mencionadas será causa determinante da revogación da subvención, así como do reintegro, se é o caso, da subvención percibida e dos intereses de demora correspondentes.

Artigo 9º.

As subvencións que se concedan en execución da presente orde faranse efectivas con cargo á aplicación 04.07.361.A 760.0 dos orzamentos xerais da

Comunidade Autónoma para 1996, no que existe un crédito para este efecto por importe de 15.000.000 de pesetas.

Disposición derradeira

Nos aspectos non contidos na presente orde, haberá que aterse ó disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e 36 da Lei 11/1995, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1996.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

3140