Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 23 de abril de 1996 Páx. 3.789

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 1996 pola que se desestiman as reclamacións presentadas por determinados socios da confraría de pescadores San Bartolomé de Noia, en relación con diversos actos administrativos dictados pola comisión xestora dentro do proceso electoral ós órganos rectores da confraría.

En relación coas reclamacións presentadas por determinados socios da confraría de pescadores San Bartolomé de Noia, referidas a diversos actos administrativos dictados pola comisión xestora dentro do proceso electoral ós órganos rectores da confraría, exponse o seguinte:

Feitos.

Primeiro.-A mencionada comisión xestora foi creada por acordo dos propios socios da confraría de pescadores San Bartolomé de Noia, en canto corporación de dereito público, no uso das facultades de auto-organización inherentes a súa natureza xurídica (artigo 1 da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia), mediante acta sus

crita o día 4 de outubro de 1995, coa finalidade de poñer fin ó conflicto aberto trala demisión dos seus órganos rectores, a través da convocatoria urxente dun novo proceso electoral. Na composición da comisión tiñan representación en igual número os dous sectores enfrontados, nomeándose, por unanimidade, un órgano arbitral integrado por representantes das outras confrarías da ría Muros-Noia, con funcións conciliadoras e dirimentes.

Segundo.-Con datas 20, 21 e 22 de novembro de 1995, unha serie de socios da mencionada confraría, presentan, ó abeiro do artigo 1.2º da Lei 9/1993, varias reclamacións impugnando diversos actos administrativos dictados pola comisión xestora no marco do proceso electoral: os acordos relativos ás convocatorias, constitución e ó proceso seguido para a toma de decisións no seo da comisión, e, particularmente, das reunións que este órgano celebrou os días 29 e 30 de outubro de 1995; a actuación dos árbitros nomeados; a inclusión e non exclusión do censo electoral de determinadas persoas; o desenvolvemento do proceso electoral; e a inclusión do antigo patrón maior da confraría nunha das candidaturas.

Fundamentos de dereito.

I. A competencia da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para resolve-las reclamacións presentadas vén determinada pola relación de tutela administrativa que a vincula ás confrarías, tal e como recolle o artigo 1.2º da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia.

Nembargantes, é preciso aclarar que, de acordo coa xurisprudencia do Tribunal Supremo (sentencia do 27 de outubro de 1995) e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (sentencia do 15 de maio de 1992), «a única intervención da Administración en materia electoral é a correspondente a resolve-los recursos de alzada contra as resolucións das mesas electorais... O que non cabe é a súa anulación en vía administrativa polo órgano de tutela, sen prexuízo da súa impugnación en vía xurisdiccional».

En consecuencia, á declaración de nulidade dun proceso electoral ós órganos rectores das confrarías so pode ser efectuada polos tribunais de xustiza, limitándose as facultades que a Administración ostenta á análise da legalidade dos actos suxeitos a dereito administrativo emanados dos órganos rectores destas corporacións, para, se é o caso, poñe-las posibles irregularidades que os vician en coñecemento do Ministerio Fiscal, para os efectos previstos no artigo 111 da Lei orgánica do réxime electoral xeral

Polo tanto, o coñecemento do presente recurso faise no estricto marco das facultades que, de acordo coa xurisprudencia antedita, lle corresponden a esta consellería.

II. As causas que a xuízo dos recorrentes viciarían de nulidade os actos administrativos impugnados refírense, en primeiro lugar, á pretendida vulneración da normativa aplicable respecto á realización das convocatorias, á constitución e o proceso seguido para a toma de decisións no seo da comisión, particularmente nas reunións que este órgano celebrou os días 29 e 30 de outubro de 1995.

Neste sentido, alégase que os representantes designados polo autodenominado grupo opositor ó cabildo saínte descoñecían a hora de celebración e a orde do día das ditas reunións, de forma tal que se estaría conculcando o preceptuado nos artigos 24.1º e 25.3º b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en adiante, LRXPAC).

Sen embargo, é o certo que o respecto estricto ós mecanismos de actuación formal contidos no capítulo II do título I da LRXPAC quedaba neste suposto condicionado polas especiais circunstancias do caso, tendo en conta que foi inviable o nomeamento dun presidente, dado o sistemático desacordo entre as partes implicadas, e que a funcionalidade da figura do secretario quedou limitada a «levantar acta das reunións da comisión» (cláusula 2ª, parágrafo 2º da acta constitutiva da propia comisión, do 4 de outubro de 1995), en consonancia coa propia esixencia dos agora reclamantes.

En efecto, é inesixible que o funcionamento da xestora se desenvolvese de acordo có esquema que a Lei procedemental deseña, con base nas características organizativas que non concorren este caso. Segundo a lei, a realización material da convocatoria é acordada polo presidente e, por orde deste último, levada a cabo polo secretario, quen ademais se constitúe en órgano de relación entre a comisión e os seus membros, correspondéndolle igualmente, e baixo tal perspectiva, realizar ós últimos as citacións que resulten precisas (artigo 23 da LRXPAC). No presente caso, nin se produciu designación de presidente nin era esixible que o secretario desempeñase tódalas funcións previstas no art. 25.b) da lei (como xa se sinalou, estas limitáronse na acta constitutiva da comisión xestora).

Por maior abastanza, aínda admitindo a existencia de defectos procedementais, hai que deixar claro que non todos eles teñen a mesma categoría nin producen as mesmas consecuencias sobre os actos ós que afectan, pois se ben algúns son de tal natureza que deben produci-la nulidade da resolución, outras veces, aínda que o acto sexa defectuoso, non produce invalidez, sendo preciso examinar en cada caso as consecuencias que pode produci-la omisión dalgún trámite no expediente administrativo á parte interesada.

Entre a xurisprudencia mais recente, a sentencia do 29 de novembro de 1989 sinala que:

«O vicio de forma ou procedemento non é invalidante de seu, senón en canto concorran os supostos de que o acto careza dos requisitos indispensables para alcanza-lo seu fin ou do lugar a indefensión».

E a sentencia do 21 de marzo de 1990:

«As infraccións formais... unicamente producirán a anulabilidade e nin sequera esta se produce respecto dalgunhas das ditas infraccións -cal son as de as normas reguladoras das formas- se non son esenciais nin dan lugar a indefensión».

Esta declaración constitúe un exemplo dunha doutrina xurisprudencial que foi reducindo progresivamente os vicios de forma determinante de invalidez,

para limitalos a aqueles que supoñen unha «diminución efectiva, real e transcendente de garantías, incidindo así na cuestión de fondo e alterando eventualmente o seu sentido en prexuízo do administrado e da propia Administración». Do exposto despréndese que, para que o defecto formal sexa determinante da anulabilidade, é absolutamente necesario que supoña unha auténtica diminución efectiva, real e transcendente das garantías, ou, en expresión do texto legal, que dea lugar a indefensión.

Tal circunstancia non se produciu, por canto foi respectado o dereito de tódolos membros da xestora a seren informados cunha antelación razoable do momento no que as reunións ían celebrarse, e dos temas que nas mesmas se ían tratar (artigo 24 LRXPAC), tal e como se desprende das actas da comisión. Xa que logo, nas referidas circunstancias, a convocatoria realizada (dun día para outro) nos termos en que se fixo era a única esixible, tendo en conta que quen alegan no seren debidamente convocados non actuaron coa mínima dilixencia esixible no funcionamento da comisión, ignorando o espírito de cooperación que tería que ter presidido as relacións entre os seus membros.

As mesmas consideracións cabe facer sobre o pretendido descoñecemento da orde do día alegado polos recorrentes, con varias circunstancias engadidas, sobre todo que o calendario electoral fora previamente pactado.

Polo tanto, non pode apreciarse a nulidade dos actos administrativos relativos á constitución, convocatoria e orde do día das reunións da comisión xestora con base en defectos formais, inexistentes, por canto o órgano colexiado carecía dos mecanismos de actuación imprescindibles para evitar que se produciran, por canto tal carencia era evidente e foi buscada por quen a creou, desde o primeiro momento, e por canto, en ningún caso, se limitaron dereitos fundamentais dos socios nin se produciu indefensión.

III. En segundo lugar, non se pode soste-la pretensión de que a participación activa dos árbitros designados nas reunións da comisión xestora é ilexítima, xa que choca frontalmente co texto da Lei 30/1992 e coa natureza das funcións atribuídas ós mesmos.

Da acta constitutiva da comisión despréndese claramente que os árbitros pasaron a formar parte como membros de pleno dereito desta, gozando de tódalas as facultades derivadas de tal status nos termos que recolle o artigo 24 da LRXPAC, entre elas as de participaren nos debates das sesións e exerceren o seu dereito ó voto, sen que ó seu exercicio nun plano de igualdade poida opoñerse obstrucción ou impedimento ningún. E non cabe esquecer que a designación de quen deberían desempeñar funcións arbitrais foi unanimemente acordada polos sectores enfrontados.

Polo demais é absurdo que quen ostenta voto de calidade non poida exercelo cando este non é tal, ou sexa, cando non se produce empate, xa que a especial validez que á manifestación da vontade se outorgue en supostos de total desacordo presupón como «condictio iuris» a súa validez normal.

IV. En terceiro lugar, á inclusión no censo electoral de determinadas persoas que, segundo os reclamantes, non cumprían os requisitos esixibles para iso choca coas manifestacións vertidas nas actas levantadas polo secretario da comisión xestora, que se presumen certas e veraces. Tal presunción non é, desde logo, inatacable; é unha presunción «iuris tantum» que, polo tanto, pode ser desvirtuada pero non con base en simples alegacións non probadas.

Polo que se refire ós traballadores xubilados, estes carecen de dereito a voto, en contra do que pretenden os reclamantes, tendo en conta a interpretación conxunta do artigo 5.3º da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de Confrarías de pescadores de Galicia -«a condición de membro (dunha confraría) pode manterse en tanto se exerza a actividade profesional, sen que constitúa impedimento para eso a situación de inactividade ou o seu desemprego ocasional»- e o artigo 17.f) do Decreto 425/1993 -«para obte-lo citado permiso de explotación para o marisqueo a pé o solicitante deberá cumpri-los seguintes requisitos:.....f) Non ser pensionista de xubilación, invalidez permanente, absoluta ou total, para calquera profesión, en favor de familiares, ou perceptor da pensión da renda de integración social en Galicia».

V. En cuarto lugar, e polo que respecta á exclusión dos que non se encontran ó día no pagamento das cotas sociais, é necesario ter en conta que, de acordo cos estatutos da confraría, a suspensión ou desposesión da condición de socio (e, polo tanto, a limitación dos seus dereitos) configúrase unicamente como unha posible sanción administrativa, que presupón, claro está, a previa comisión dunha infracción de tal carácter.

Pois ben, dun lado a falta de pagamento das cotas non aparece claramente tipificada como infracción nos estatutos da confraría (cando este tipo de conductas deben estar taxativamente definidas nas normas que as cualifican de infraccións, e iso por imperativo constitucional: artiago 25 da Constitución española, que consagra o principio de legalidade das sancións e infraccións administrativas). Por maior abastanza, aínda cando chegara a considerarse que o non pagamento supón infracción, antes de impoñer restricción de dereito ningún sería necesario proceder á apertura dun expediente sancionador, con tódalas garantías ó respecto establecidas na LRXPAC, e, moi en especial (xa que elo tamén se esixe constitucionalmente) con audiencia ó interesado, quen, ademais, podería en calquera momento da tramitación abona-las cantidades debidas e poñer, pois, punto final ó procedemento, imposibilitando a imposición de sanción algunha e moito menos a de privación dun dereito fundamental inherente á

condición de socio dunha confraría, cal é o de sufraxio (activo e pasivo). Tal ablación podería ser só consecuencia da instrucción dun expediente sancionador tramitado con respecto a tódalas garantías constitucional e legalmente previstas.

Por todo iso, calquera acordo da comisión xestora impedindo o exercicio do dereito de voto de calquera socio da corporación en base ó non pagamento de

cota, tal e como pretenden os reclamantes, sería manifestamente ilegal, debéndose, pois, desestima-la súa reclamación.

VI. En quinto lugar, as reclamacións presentadas en relación co proceso electoral, chocan co contido das actas da comisión. Ningunha das circunstancias por eles mencionadas (confección das papeletas electorais, formato e remisión destas ós electores) é contrario á normativa electoral, por canto ningún destes supostos vulnera o disposto na Lei orgánica do réxime electoral xeral nin na normativa específica que regula os procesos electorais ós órganos rectores das confrarías (Real Decreto 670/1978, do 11 de marzo, e Orde de 31 de agosto de 1978).

VII. Por último, suscítase na reclamación a inclusión de José Antonio Agrafojo Arestiño nas listas electorais.

Alegan os reclamantes que, no momento da súa inclusión nas listas electorais, Agrafojo Arestiño estaba inhabilitado por sentencia firme do Tribunal Supremo.

Dado que a referida sentencia foi notificada oficialmente ós procuradores dos procesados o día 10 de novembro de 1995, 19 días antes da inclusión do condenado na candidatura electoral, e tendo en conta o disposto no artigo 17.2º da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial (precepto que desenvolve o contido do artigo 118 da Constitución española), e no que se prescribe que «...os particulares respectarán e, no seu caso, cumprirán as sentencias e as demais resolucións xudiciais que ganaran firmeza ou sexan executables de acordo coas leis.», elevouse consulta á xunta electoral central na que se cuestionaba a legalidade do acordo de inclusión na candidatura electoral do condenado por sentencia firme, solicitando en que momento se entendía que era efectiva a inelixibilidade do candidato.

Na súa reunión do día 14 de febreiro, a xunta electoral central adoptou acordo no que se recolle que «a efectividade da inelixibilidade prodúcese desde o momento no que se produce o comezo do cumprimento da pena». Neste senso, o artigo 986 da vixente Lei de axuizamento criminal prescribe que «... la sentencia dictada a seguir da de casación pola Sala Segunda do Tribunal Supremo será ejecutada polo Tribunal que pronunciase a sentencia casada, en vista da certificación que para o efecto lle remitirá a referida sala.».

Dado que no presente suposto, e xa que na data en que se produciu a inclusión Agrafojo Arestiño nunha das candidaturas electorais á confraría de Noia, o tribunal «a quo» (Audiencia Provincial da Coruña) non recibira a certificación á que se refire o artigo referido e, polo tanto, non puido ter notificada a inhabilitación ó afectado, debe considerarse conforme a dereito o acordo da comisión xestora aprobando a súa inclusión nunha candidatura electoral, pois esta se produciu antes do comezo do cumprimento da pena.

En consecuencia, e dado todo o exposto con anterioridade, esta Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura,

RESOLVE:

Desestima-las pretensións deducidas polos reclamantes en relación coa ilegalidade de diversos actos do proceso electoral impugnado, todo iso sen prexuízo do dereito dos afectados a impugnaren xurisdiccionalmente o mencionado proceso electoral.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderán os reclamantes interpoñer recurso contencioso-administrativo na forma e prazos previstos na Lei reguladora da xurisdicción contencioso administrativa do 27 de decembro de 1956 (artigo 58 e concordantes).

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 1996.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

2806