Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 23 de abril de 1996 Páx. 3.769

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de abril de 1996 pola que se convocan axudas para o desenvolvemento de proxectos educativos conxuntos (PEC), no marco do Programa Sócrates, Lingua, Acción E.

O programa Sócrates foi adoptado o 14 de marzo de 1995, (decisión nº 819/95/CE do Parlamento

Europeo e do Consello da Unión Europea) e publicado no Diario Oficial das Comunidades Europeas do día 20 de abril de 1995, co objectivo de contribuír ó desenvolvemento dunha educación e dunha formación de calidade e dun espacio europeo aberto á cooperación en materia de educación.

Este programa articúlase a través de tres capítulos e concretamente no marco do capítulo III, acción 1, desenvólvese a acción E do Programa Lingua, que pretende favorece-la motivación e a capacidade dos xoves para se comunicaren en linguas estranxeiras.

Para lograr este propósito promóvense intercambios de alumnos no marco dun proxecto educativo conxunto (PEC) entre centros escolares de distintos estados membros da Unión Europea.

A Orde do 1 de marzo de 1996 do Ministerio de Educación y Ciencia (BOE do 16) estableceu as normas xerais a que deben aterse as convocatorias específicas de axudas para o desenvolvemento desta actividade, habilitando ás administracións autónomas en exercicio de plenas competencias educativas para realiza- la publicación anual de tal convocatoria. Na súa virtude,

DISPOÑO:

Primeiro.

Convócanse axudas para a realización de proxectos educativos conxuntos (PEC) no marco da acción E do Programa Sócrates-Lingua, con cargo ós contratos establecidos entre a Axencia Nacional Sócrates e a Comisión Europea e pola cantidade que resulte no seu momento da aplicación da fórmula de reparto entre as distintas administracións en exercicio de plenas competencias educativas que foi aprobada por Orde do 1 de marzo de 1996 (BOE do 16) do Ministerio de Educación e Ciencia.

Segundo.

Poderán solicitar estas axudas os centros docentes dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que impartan as seguintes ensinanzas:

a) Ensinanzas establecidas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordención xeral do sistema educativo:

De réxime xeral: educación secundaria obrigatoria (2º ciclo), bacharelato e formación profesional.

De réxime especial: ensinanzas artísticas e ensinanzas de idiomas.

b) Ensinanzas de bacharelato unificado polivalente, curso de orientación universitaria, formación profesional reglada, artes aplicadas e oficios artísticos, educación de adultos, arte dramático e danza, música, turismo e ensinanza oficial de idiomas, correspondentes ó sistema anterior á dita lei, ata a súa extinción.

Terceiro.

As axudas que se concedan destinaranse á elaboración de proxectos educativos conxuntos (PEC) entre centros escolares de, alomenos, dous estados

membros da Unión Europea. Estes proxectos incluirán, entre outras actividades, un intercambio ou encontro de alumnos.

O proxecto debe ser elaborado polo profesorado responsable nos centros de forma participativa, logo de coñecer e valora-las ideas, necesidades e intereses do alumnado participante e debe estar respaldado polo profesorado e a dirección do centro.

Ó planifica-los proxectos prestarase especial atención á inclusión de elementos que impliquen activamente ó alumnado en tódalas fases e aspectos do proxecto.

O alumnado participante traballará arredor dun tema relacionado coa súa educación e formación, a través do que potenciará a súa capacidade comunicativa, tendo así a oportunidade de utilizar unha lingua estranxeira nun contexto estreitamente relacionado cos seus intereses educativos e profesionais.

Cuarto.

Para a elaboración e o desenvolvemento dos proxectos educativos conxuntos (PEC), poderanse conceder axudas para a realización de:

a) Visitas preparatorias do profesorado responsable a un centro asociado doutro estado membro da Unión Europea, co obxecto de facilita-los acordos de colaboración entre os centros e a preparación axeitada do proxecto.

b) Intercambios bilaterais ou encontros multilaterais de grupos de alumnos, que terán como obxectivo o aumento da motivación dos estudiantes no que respecta á aprendizaxe dunha lingua estranxeira e á súa utilización como medio de comunicación.

Quinto.

1. As visitas preparatorias deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Efectuaranse a un centro doutro estado membro da Unión Europea que desexe establecer relacións educativas que conduzan á organización dun proxecto educativo conxunto e un posterior intercambio ou encontro de xoves e confirmara por escrito o seu acordo para recibir ó profesorado galego.

b) As axudas que se reciban servirán para sufraga-los gastos de viaxe, estadía, prima de seguro de accidentes e preparación de materiais. A axuda media oscilará entre 500 e 1.000 Ecus por profesor.

c) A súa duración será como máximo de sete días.

2. Os intercambios de alumnos deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) A participación nestas actividades debe contar co compromiso expreso das autoridades educativas de cada un dos centros asociados.

b) O intercambio de alumnos será unha das diversas actividades programadas no marco dun Proxecto Educativo Conxunto (PEC) co centro asociado e formará parte do proceso educativo do alumnado.

c) O proxecto educativo conxunto deberá estar integrado na programación xeral do centro.

d) Os proxectos educativos conxuntos deberán basearse no principio de reciprocidade, de forma que o alumnado de ámbolos dous centros teña a oportunidade de desenvolve-la súa parte do proxecto no centro do país asociado.

e) A duración da actividade para cada un dos grupos no país asociado deberá ser de alomenos catorce días (incluíndo a viaxe).

f) O intercambio deberá ter lugar dentro da localidade na que o centro asociado estea localizado.

g) Salvo circunstancias excepcionais, os participantes deberán residir nos domicilios do alumnado receptor.

h) O grupo estará composto, como mínimo, por dez alumnos e un profesor, axustándose a este módulo os grupos superiores.

i) As axudas que se reciban servirán para sufraga-los gastos de viaxe de alumnos e profesores galegos ata o país de acollida; as primas do seguro que deba concerta-lo centro español; os gastos derivados da elaboración do proxecto e en casos excepcionais, os gastos de aloxamento no país estranxeiro.

j) O valor da axuda concedida non será superior ó 50 por 100 do custo do intercambio, salvo en circunstancias especiais, e a súa finalidade é a de contribuír ós gastos orixinados durante a realización do intercambio. No suposto de que se dea algunha destas circunstancias (desavantaxes debidas á localización xeográfica dentro do Estado membro, a unha minusvalidez dos xoves participantes, a situacións socioeconómicas especiais ou proxectos que inclúan unha das linguas comunitarias menos utilizadas e ensinadas), poderán preverse axudas que cheguen ata o 75 % do custo do proxecto.

3. Os encontros multilaterais deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) O encontro multilateral deberá entenderse como a reunión nun mesmo lugar, (normalmente un dos centros participantes), dos grupos de alumnos de centros educativos de máis de dous países da Unión Europea.

b) Este encontro realizarase despois de ter levado a cabo un traballo previo en cada un dos centros escolares arredor dun mesmo tema, favorecéndose co encontro de alumnos a posta en común dos temas traballados e a mellora da capacidade lingüística.

c) O resto de requisitos: compromiso expreso das autoridades educativas de cada un dos centros asociados, integración do proxecto na programación ceral do centro, duración da actividade, aloxamento, número de participantes, partidas económicas susceptibles de seren financiadas e contía da axuda que se pode conceder, serán os sinalados no apartado quinto.punto 2, relativo a intercambios de alumnos.

Sexto.

Os centros que desexen solicitar axuda económica para a realización de visitas preparatorias deberán presenta-la seguinte documentación:

a) Solicitude, conforme ó anexo I desta orde.

b) Así mesmo, deberán presentar por triplicado conforme ss orientacións incluídas nas súas primeiras páxinas, o documento que se remitirá ós centros. É fundamental cubri-lo formulario unicamente neste modelo impreso, posto que el servirá á Comisión Europea para efectua-lo seguimento das axudas concedidas por cada Estado membro.

c) Certificado da dirección do centro no que se faga constar que a dita actividade está considerada na programación xeral do centro así como a data en que foi aprobada polo consello escolar.

d) Comunicación do centro estranxeiro, na que se acepta a visita do profesorado galego.

Sétimo.

1. Os centros que desexen solicitar axudas para a realización de intercambios bilaterais ou encontros multilaterais de grupos de alumnos deberán presenta-la seguinte documentación:

a) Solicitude, conforme o anexo I desta orde.

b) Así mesmo, deberán presentar por triplicado conforme ás orientacións incluídas nas súas primeiras páxinas, o documento que se remitirá ós centros. É fundamental cubri-lo formulario unicamente neste modelo impreso, posto que el servirá á Comisión Europea para efectua-lo seguimento das axudas concedidas por cada Estado membro.

c) Certificado da dirección do centro no que se faga constar que o Proxecto Educativo Conxunto (PEC) está considerado na programación xeral do centro así como que foi aprobado polo consello escolar.

d) Compromiso expreso da aceptación da realización do proxecto por parte do centro estranxeiro.

2. En relación co componente do proxecto que inclúe a mobilidade dos alumnos, os directores dos centros solicitantes recabarán as oportunas autorizacións do pai, nai ou titor, quedando éstas arquivadas nos centros.

Oitavo.

1. As solicitudes enviaranse á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (San Lázaro 107. 15771 Santiago de Compostela), e presentaranse a través do rexistro xeral. Tamén poderán utilizarse para a presentación de solicitudes calquera das dependencias previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que optasen por presenta-la súa solicitude nunha oficina de correos, farano en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

2. Calendario de presentación e desenvolvemento.

a) Primeiro prazo de presentación: ata o 13 de maio de 1996 para a realización das visitas preparatorias e os proxectos educativos conxuntos (PEC) que se desenvolvan entre o 2 de setembro de 1996 e o 30 de xuño de 1997.

b) Segundo prazo de presentación: ata 4 de novembro de 1996 para a realización das visitas preparatorias e os proxectos educativos conxuntos (PEC) que se desenvolvan entre o 1 de marzo de 1997 e o 30 de xuño de 1997.

Noveno.

1. As solicitudes serán avaliadas por unha comisión de selección integrada polos seguintes membros:

Presidente: o director xeral de Ordenación Educativa e Centros ou persoa na que delegue.

Vicepresidente: a subdirectora xeral de Ordenación Educativa ou persoa na que delegue.

Vocais: a xefa de Servicio de Formación do Profesorado.

Dous funcionarios da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros..

Secretario: actuará un dos vocais.

Esta comisión verificará que as solicitudes recibidas se axustan ás características que debe reunir un Proxecto Educativo Conxunto (PEC), definidas no apartado terceiro da presente resolución e ós requisitos especificados no apartado quinto.

2. As solicitudes presentadas que reúnan as anteriores condicións serán avaliadas pola devandita comisión en función dos criterios establecidos na Guía do Candidato do Programa Sócrates-Lingua, elaborada pola Comisión Europea, que especifica os seguintes aspectos:

Darase prioridade ós proxectos que:

* Poñan énfase na promoción do concepto de dimensión europea da educación.

* Constitúan un enfoque innovador no intercambio ou encontro educativo para os fins da ensinanza de linguas estranxeiras.

* Inclúan alumnado de ensino profesional e técnica.

* Se ocupen das linguas menos difundidas e menos ensinadas.

* Conduzan a incrementa-la igualdade de oportunidades entre os sexos.

* Traten da necesidade da aprendizaxe de linguas por parte das persoas desfavorecidas.

* Sexan bilaterais, é dicir, entre centros de dous países da Unión Europea, porque son os máis adecuados para a consecución dos fins previstos no programa, aínda que tamén poden recibir apoio económico os proxectos nos que participen centros de máis de dous países membros da Unión Europea,

cando estea debidamente xustificado pola natureza do proxecto.

Procurarase así mesmo unha participación equitativa dos centros que:

* Estean situados en zonas rurais e outras rexións desfavorecidas.

* Sexan consideradas desfavorecidas por outras razóns socioeconómicas.

* Teñan pouca experiencia previa na participación en proxectos transnacionais e non recibiran anteriormente apoio comunitario para este fin.

En tódolos proxectos valorarase:

* A súa contribución do proxecto educativo conxunto á mellora da motivación e a capacidade dos xoves para comunicarse nunha lingua estranxeira.

* A integración do proxecto nas actividades habituais do centro.

* A calidade das propostas para organiza-lo proxecto, principalmente en relación cunha participación activa e equilibrada por parte de tódolos centros asociados, unhas disposicións de coordinación claras e afectivas e uns planos de traballo precisos.

3. Esta comisión axustará a súa actuación ó disposto nos artigos 22 e seguintes da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Décimo.-Tendo en conta a proposta da comisión de selección, o director xeral de Ordenación Educativa e Centros resolverá a convocatoria, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, de acordo co seguinte calendario:

-Antes do día 2 de setembro de 1996, para a convocatoria na que o prazo de presentación remata o 13 de maio de 1996.

-Antes do día 15 de febreiro de 1997, para a convocatoria na que o prazo de presentación remata o 4 de novembro de 1996.

A dita resolución especificará:

a) Relación de centros seleccionados, con indicación da axuda concedida en cada caso.

b) Relación de centros non seleccionados por obteren unha puntuación inferior ó último concedido, que figurarán enumerados por orde decrecente de puntuación. Ós ditos centros poderáselles adxudica-la axuda se se produce algunha renuncia por parte dos centros beneficiarios. Para iso seguirase a orde de prioridade establecida na dita relación, adxudicándose as axudas en función de que a renuncia producida se refire á visita preparatoria ou a intercambio ou encontro de alumnos, e a súa contía será, como máximo, a correspondente ós centros que renunciasen a elas.

c) Relación de centros excluídos, con indicación da súa causa.

Non se publicará resolución no DOG, no caso de non haber solicitudes para algún dos prazos.

Décimo primeiro.-Contra a Resolución de adxudicación, os centros poderán interpoñer, no prazo dun mes, recurso ordinario ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Décimo segundo.-De acordo coa normativa vixente, os beneficiarios deste tipo de axudas quedan obrigados a:

1. Comunicar, se é o caso, a obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade de calesquera administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

2. Someterse ás actuacións de control financeiro que correspondan e ás de comprobación que poidan efectua-la Axencia Nacional Sócrates e a Comisión Europea.

3. Xustifica-lo correcto investimento das axudas recibidas, mediante a presentación da documentación dos apartados 3.1 e 3.2:

(Deberán remitirse, no prazo dun mes desde a finalización da actividade, á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. San Lázaro 107. 15771 Santiago de Compostela.)

3.1. Memorias pedagóxicas.

3.1.1. Visitas preparatorias: os centros beneficiarios deste tipo de axuda enviarán unha breve memoria (orixinal e copia) das actividades levadas a cabo durante a súa estadía co profesorado do centro asociado, indicando os futuros proxectos de colaboración acordados.

3.1.2. Intercambios ou encontros: os centros beneficiarios enviarán unha memoria descriptiva (orixinal e copia) do Proxecto Educativo Conxunto (PEC) levado a cabo, aportando información detallada do componente do intercambio ou encontro de alumnos, cunha extensión máxima de 25 folios.

A dita memoria reflectirá o grao de cumprimento dos obxectivos programados, o número de alumnos participantes e a avaliación das actividades desenvolvidas, incluíndo elementos de análise por parte do alumnado. Poderá xuntarse material audiovisual.

3.2. Xustificación económica.

3.2.1. Certificación da dirección do centro que exprese que quedou cumprida a finalidade que motivou a concesión da axuda.

3.2.2. Certificación do consello escolar sobre a aplicación dada á axuda recibida. Os xustificantes orixinais (recibos, facturas e cualquera outro xustificante de gasto), quedarán en poder dos centros a disposición dos órganos de control financeiro citados no apartado décimo segundo. punto2.

3.2.3. Ficha financeira segundo o modelo que se enviará ó centro seleccionado.

Décimo terceiro.-A non xustificación da axuda percibida de acordo co disposto nas bases da citada Orde do 1 de marzo de 1996 (BOE do 16) conllevará o reintegro das cantidades non xustificadas e a esixencia dos xuros de demora, sen prexuízo das responsabilidades administrativas en que se poida incurrir de acordo cos artigos 81 e 82 da vixente Lei xeral orzamentaria, na súa nova redacción dada pola Lei 31/1990, de 27 de decembro.

Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión das ayudas e, en todo caso, a obten

ción concurrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Décimo cuarto.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 1996.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

96-2256