Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 19 de abril de 1996 Páx. 3.657

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 138/1996, do 29 de marzo, polo que se modifica o artigo 9 do Decreto 117/1994, do 4 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Economía e Facenda.

A nova realidade sobre a participación das comunidades autónomas nos asuntos relacionados coa Unión Europea (UE) esixe a adaptación dos órganos competentes da Xunta de Galicia ás responsabilidades derivadas deste feito.

A maior participación das comunidades autónomas nos asuntos europeos concrétase, fundamentalmente, nos traballos do Comité das Rexións, órgano da UE que permite a participación rexional na producción da normativa comunitaria, e nas vías de cooperación abertas entre a Administración xeral do Estado e a Administración autonómica para o tratamento dos asuntos europeos.

A este marco xeral hai que lles engadir, ademais, as novas responsabilidades asumidas pola Comunidade Autónoma en canto á cooperación interrexional e presencia en certos foros europeos.

Finalmente, faise necesario darlles adecuada resposta ás novas esixencias da UE en canto á planificación, programación e avaliación dos recursos financeiros comunitarios en termos de eficacia, economicidade e eficiencia, así como en canto á notificación e compatibilización das axudas públicas. Así mesmo, as demandas derivadas da actuación de órganos consultivos e a asunción de novas tarefas de xestión dos fondos comunitarios xustifica, aínda máis, a revisión e asignación de funcións con criterios de minimización do custo financeiro da dita adaptación.

Por todo iso, co obxecto de actualizar por tales motivos a organización da Dirección Xeral de Planificación Económica e Relacións coa Unión Europea contida no Decreto 117/1994, do 4 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Economía e Facenda, procede a modificación do seu artigo 9 nos termos que na parte dispositiva se indican.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo dos informes da Inspección Xeral de Servicios e da Dirección Xeral de Presupostos e trala deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vintenove de marzo de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícase o artigo 9 do Decreto 117/1994, do 4 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Economía e Facenda, que queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 9º.

Correspóndenlle á Dirección Xeral de Planificación Económica e Relacións coa Unión Europea as seguintes funcións:

a) O exercicio de tódalas competencias que o Estatuto de autonomía lle atribúe á Comunidade Autonóma en materia de planificación económica.

b) A coordinación coa Dirección Xeral de Presupostos para efectos da repercusión da planificación económica na elaboración dos orzamentos. Así mesmo, o seguimento de actuacións de política económica da Administración autonómica.

c) A relación sobre materias relativas á Unión Europea (UE) e á política económica, tanto no ámbito da Comunidade Autónoma como doutras administracións, a través dos órganos colexiados de coordinación que corrrespondan ou das diversas comisións sectoriais establecidas. Así mesmo, o mantemento de relacións con outras administracións públicas e cos sectores socioeconómicos en canto se refire ó seguimento das súas actuacións investidoras, e co Consello Económico e Social de Galicia.

d) A coordinación e impulso de actuacións da Administración autonómica en materias relacionadas coas políticas rexionais e sectoriais da UE, así como das referentes ás organizacións rexionais europeas.

e) O seguimento do impacto económico a medio prazo das políticas comunitarias e, en particular, da política de competencia no que concirne ás axudas públicas.

f) A elaboración de análises e estudios sobre o impacto territorial da actividade económica en xeral e do gasto público en particular, así como, se é o caso, a instrumentación de propostas para a corrección dos desequilibrios rexionais.

g) A coordinación das relacións coa Administración xeral do Estado e coa local e, se é o caso, coa europea, en materias de coordinación de investimentos en canto á programación a medio prazo.

A Dirección Xeral de Planificación Económica e Relacións coa Unión Europea estará integrada polas seguintes unidades, que exercerán as funcións que se indican:

1. A Subdirección Xeral de Planificación Económica, que terá ó seu cargo:

a) A realización e dirección de estudios e traballos conducentes á elaboración, seguimento, actualización e implementación da programación económica a medio prazo.

b) A análise dos planos sectoriais e dos orzamentos das administracións públicas en relación coa programación a medio prazo da Xunta de Galicia.

c) A planificación e avaliación das intervencións comunitarias, así como a tramitación e seguimento de axudas públicas ante a Comisión da UE para os efectos do previsto no artigo 93 do Tratado Constitutivo da Comunidade Económica Europea (CEE).

A Subdirección Xeral de Planificación Económica contará con tres servicios:

1.1. O Servicio de Metodoloxía e Planificación, que exercerá as seguientes funcións:

a) A aplicación de métodos e indicadores para a planificación económica anual e plurianual e a avaliación do impacto das medidas económicas na economía galega.

b) A instrumentación dos acordos sobre a planificación económica rexional dos órganos colexiados de coordinación competentes nesta materia.

c) En particular, a elaboración de informes e a actuación administrativa derivada da Secretaría Técnica da Comisión Delegada para Asuntos Económicos e da adscrición do Consello Económico e Social de Galicia á Consellería de Economía e Facenda.

1.2. O Servicio de Intervencións Comunitarias, que exercerá as seguintes funcións:

a) A participación na planificación das intervencións comunitarias.

b) A avaliación previa, de seguimento e posterior á súa execución, de tódalas formas de intervencións comunitarias dentro da política rexional.

c) A elaboración de propostas para o aproveitamento dos recursos financeiros provenientes das restantes políticas comunitarias con posible incidencia rexional.

d) A tramitación e seguimento das axudas públicas, en relación co previsto no artigo 93 do Tratado Constitutivo da CEE, para unha correcta aplicación da política rexional comunitaria.

1.3. O Servicio de Estudios e Conxuntura Económica, que exercerá as seguintes funcións:

a) A creación, mantemento e aplicación das bases de datos de conxuntura económica en coordinación co Instituto Galego de Estatística.

b) A análise e avaliación de estimacións e previsións regulares sobre o comportamento da economía galega, especialmente da evolución do PIB rexional e dos seus compoñentes básicos.

2. A Subdirección Xeral de Coordinación de Investimentos, que terá ó seu cargo:

a) A formulación de instruccións para a coordinación da programación dos proxectos de investimentos da Xunta de Galicia e, en particular, dos que configuran o Fondo de Compensación Interterritorial (FCI), Fondos Estructurais, Fondo de Cohesión e Iniciativas Comunitarias da Unión Europea, así como a programación e xestión do Fondo de Cooperación Local (FCL).

b) A participación e representación, compartidas cos órganos sectoriais da Administración autonómica, nos órganos e comités de seguimento relativos ós fondos citados no apartado anterior.

c) O seguimento e certificación dos investimentos cofinanciados cos ditos fondos, ante as correspondentes administracións, para os respectivos reembolsos á Comunidade Autónoma.

A Subdirección Xeral de Coordinación de Investimentos contará con tres servicios:

2.1. O Servicio de Cooperación Local, que exercerá as seguintes funcións:

a) O deseño da normativa reguladora do FCL, en canto non estea atribuída a outros centros directivos.

b) Os traballos de secretaría da Comisión Galega de Cooperación Local, órgano rector do FCL.

c) A xestión dos expedientes do FCL, así como a coordinación entre as distintas administracións para estes efectos.

2.2. O Servicio de Xestión de Fondos, que exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación da programación e da xestión do FCI, FEDER, FEOGA e Fondo de Cohesión.

b) A xestión e tramitación ante a Administración xeral do Estado e ante a UE dos reembolsos dos fondos citados no apartado anterior.

2.3. O Servicio de Xestión de Investimentos, que exercerá as seguintes funcións:

a) O seguimento da execución das actuacións investidoras das administracións públicas en Galicia.

b) A coordinación da programación e da xestión do Fondo Social Europeo (FSE), do Instrumento Financeiro de Orientación da Pesca (IFOP) e das Iniciativas Comunitarias.

c) A xestión e tramitación ante a Administración xeral do Estado e ante a UE dos reembolsos dos fondos citados no apartado anterior.

3. A Subdirección Xeral de Asuntos relacionados coa Unión Europea, que terá ó seu cargo:

a) A dirección técnica das actuacións derivadas da participación de Galicia nos órganos e institucións da UE e nas organizacións rexionais de ámbito europeo, en particular no Comité das Rexións, así como a xestión de todos aqueles asuntos que, relacionados coa UE, requiran unha actuación coordinada coa Administración xeral do Estado e, se fora o caso, coas institucións comunitarias.

b) A coordinación das actividades de información e de difusión levadas a cabo no ámbito da Administración autonómica que contribúan ó mellor coñecemento das institucións e das políticas comunitarias e á mellor utilización dos instrumentos que ofrecen.

c) A coordinación das actividades de colaboración que a Administración autonómica leve a cabo con entidades públicas e privadas en materias relacionadas coa Unión Europea.

A Subdirección Xeral de Asuntos Relacionados coa Unión Europea contará con dous servicios:

3.1. O Servicio de Acción Exterior, que exercerá as seguintes funcións:

a) Asegura-la participación e a representación, se é o caso, da Comunidade Autónoma nas institucións e órganos da UE e nos foros interrexionais de ámbito europeo nos que Galicia estea integrada.

b) Seguimiento das relacións de ámbito bilateral entre Galicia e outras rexións estranxeiras de estados pertencentes á UE e da participación en programas multilaterais e bilaterais de cooperación interrexional.

c) Asegura-la participación da Comunidade Autónoma nos mecanismos de cooperación coa Administración xeral do Estado para o tratamento dos asuntos relacionados coa UE.

3.2. O Servicio de Cooperación Institucional, que exercerá as seguintes funcións:

a) Asegura-la coordinación entre os órganos da Administración autonómica nos asuntos relativos á Unión Europea e cooperar tecnicamente nas acti

vidades de colaboración entre a Administración autonómica e outras entidades públicas e privadas no mesmo ámbito.

b) Seguimento e información sobre programas comunitarios de interese para a Comunidade Autónoma.

c) Organización de actividades de difusión que contribúan ó mellor coñecemento das institucións e políticas comunitarias e, en xeral, do proceso de integración europea e facilitar información sobre temas relativos á UE».

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o artigo 9 do Decreto 117/1994, do 4 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Economía e Facenda, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó previsto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de marzo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

9602966