Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 19 de abril de 1996 Páx. 3.657

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 137/1996, do 17 de abril, sobre asunción de funcións e servicios transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia mediante o Real decreto 90/1996, do 26 de xaneiro, en materia de instalacións radioactivas de segunda e terceira categoría e a súa asignación á Consellería de Industria e Comercio.

Correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de industria en virtude do establecido no artigo 30.1.2 do seu Estatuto de autonomía.

A dita competencia foille transferida a esta Comunidade Autónoma polos reais decretos 1634/1980, do 31 de xullo, e 2563/1982, do 24 de xullo, e asumida pola Xunta de Galicia e asignada á Consellería de Industria e Comercio polo Decreto 132/1982, do 4 de novembro.

Polo Decreto 73/1996, do 29 de febreiro, procedeuse á asunción de funcións e servicios transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia en materia, entre outros, de instalacións radioactivas de segunda e terceira categoría, e asignáronselle as anteditas funcións e servicios á Consellería da Presidencia e Administración Pública; consellería que, a través da Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente exerce, pola súa vez, as funcións de inspección nesta materia en virtude dunha encomenda de xestión efectuada ó seu favor pola Administración xeral do Estado.

Correspondéndolle a competencia substantiva sobre esta materia á Consellería de Industria e Comercio e non considerando axeitado que as competencias de xestión estean radicadas no mesmo órgano que exerce as de inspección, é polo que procede asignarlle á Consellería de Industria e Comercio as competencias transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 90/1996, do 26 de xaneiro, en materia de instalacións radioactivas de segunda e terceira categorías modificando, nese sentido, o Decreto 73/1996, do 29 de febreiro.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de abril de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Quedan asumidas as funcións e servicios traspasados pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 90/1996, do 26 de xaneiro, en materia de instalacións radioactivas de segunda e terceira categoría, nos termos e condicións especificados no acordo da

Comisión Mixta de Transferencias publicado como anexo ó antedito real decreto.

Artigo 2º

1. Asígnanselle á Consellería de Industria e Comercio as funcións e servicios asumidos de conformidade co disposto no artigo anterior.

2. Os órganos da Consellería de Industria e Comercio exercerán as atribucións que lles corresponden conforme as normas que regulan a súa estructura.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Industria e Comercio para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto, e para adopta-las medidas precisas para a plena efectividade e executividade das funcións traspasadas.

Segunda.-O presente decreto entrara en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 73/1996, do 29 de febreiro, en todo aquilo que se opoña ó establecido no presente decreto.

Santiago de Compostela, dezasete de abril de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

9602798