Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 18 de abril de 1996 Páx. 3.648

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE SANTISO

EDICTO.

Publicada a oferta de emprego público do Concello de Santiso no BOE núm. 288, con data 2 de decembro de 1995, e aprobadas polo Concello Pleno as bases do correspondente proceso selectivo, en sesión celebrada o día 11 de xaneiro de 1996, en uso das atribucións que me confire o artigo 41.14º a) do ROF, en conexión co artigo 21.1º g) da Lei 7/1985, do 2 de abril, resolvín convocar probas selectivas para cubrir, polo sistema de concurso-oposición libre, unha praza de administrativo, consonte as bases que a seguir se transcriben:

Bases que rexerán a convocatoria das probas selectivas de acceso para a praza de administrativo, da subescala administrativa, escala de Administración xeral.

Primeira.-Obxecto da convocatoria e características da praza.

1. De acordo coa oferta de emprego público, convócanse probas selectivas para prover en propiedade, polo sistema de concurso-oposición libre, unha praza de administrativo, integrada na escala de Administración xeral, subescala administrativa, grupo C do artigo 25 da Lei 30/1984, dotada coas retribucións básicas correspondentes ó dito grupo e as complementarias e demais emolumentos que correspondan, consonte a lexislación vixente e que a corporación teña establecidas ou determine.

2. Son funcións mínimas do posto de traballo en atención á súa propia natureza e características específicas dentro do organigrama funcional deste concello, sen prexuízo das demais que por necesidades do servicio puidesen corresponderlle, as seguintes:

-Colaboración directa coa Secretaría-Intervención na obtención e achega de datos en informes, propostas, expedientes e demais traballos propios desta.

-Control e seguimento de arquivo, expedientes e documentos en xeral.

-Coñecemento e manexo de tratamento de textos, bases de datos e follas de cálculo, así como as aplicacións específicas que se instalen.

-Realización e comprobación de liquidacións, leva-la mecánica da contabilidade, elaboración e comprobación das contas, realización de cálculos de complexidade media e materias relacionadas.

-Seguimento e control de servicios de xestión directa e indirecta.

-Substituír provisionalmente a secretaria-interventora en caso de ausencia ou enfermidade.

-Información e atención ó público a nivel de procedementos administrativos.

-Tarefas complementarias e coordinadas coas propias dos auxiliares de Administración xeral.

Segunda.-Condicións ou requisitos dos aspirantes.

Para ser admitido á realización das probas selectivas, os aspirantes deben reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español, sen prexuízo do establecido na Lei 17/1993, do 22 de decembro, en canto resulte de aplicación e nos termos por esta establecidos.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade antes de que remate o prazo de presentación de instancias para tomar parte nas probas selectivas e non exceder daquela en que faltan menos de dez anos para a xubilación forzosa por idade determinada pola lexislación básica en materia de función pública.

c) Estar en posesión do título de bacharelato, formación profesional de segundo grao ou equivalente, ou en condicións de obtelo antes de que remate o prazo de presentación das instancias para tomar parte nas probas selectivas.

d) Non padecer enfermidade ou eiva física ou psíquica que impida o desempeño das correspondentes funcións.

e) Non estar separado mediante expediente disciplinario do servicio de ningunha Administración pública nin atoparse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

Terceira.-Solicitudes.

1. Os que desexen tomer parte no presente proceso selectivo deberán presentar solicitude segundo modelo facilitado polo concello, facendo consta-lo seguinte:

-Que reúne todos e cada un dos requisitos da convocatoria.

-Que se compromete, no caso de obte-la praza, a presenta-la documentación requirida nas bases e prestar xuramento ou promesa, de acordo co sinalado no Real decreto 707/1979, do 5 de abril.

2. As instancias dirixiránselle ó alcalde-presidente do Concello de Santiso, e acompañaráselle xustificante de ter ingresado na Tesourería Municipal o importe dos dereitos de exame.

3. Os dereitos de exame fíxanse en 3.000 ptas., que se ingresarán na conta corrente que para tal efecto se designe.

4. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral do Concello de Santiso ou na forma prevista no artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento adminsitrativo común.

5. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación do extracto da convocatoria no BOE.

6. Os aspirantes con algún tipo de minusvalidez poderán solicitar simultaneamente a adaptación das condicións físicas para a adecuada realización das probas, ó que accederá o concello salvo circunstancias que imposibiliten materialmente tales adaptacións.

Cuarta.-Admisión de aspirantes.

1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas, bastará con que os aspirantes manifesten nas instancias que reúnen todos e cada un dos requisitos esixidos e demais declaracións segundo o establecido nas bases segunda e terceira, e que aboasen os dereitos de exame.

2. Unha vez finalizado o prazo de presentación de instancias, o alcalde-presidente dictará resolución no prazo máximo dun mes, e declarará os aspirantes admitidos e os excluídos, co motivo da exclusión. A dita resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, Boletín Oficial da provincia da Coruña e taboleiro de anuncios do Concello, con indicación do prazo para emendas, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992; resoltas as ditas reclamacións, publicaranse as listas definitivas na mesma forma ca no caso anterior.

3. Na resolución pola que se publican as listas definitivas, sinalarase o lugar, data e hora do comezo do primeiro exercicio e composición nominal do tribunal cualificador.

4. Cando non concorran circunstancias que determinen a exclusión provisional de ningún dos aspirantes, procederase directamente á publicación das listas definitivas, conforme o previsto nos apartados anteriores.

5. A publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución á que se refire o apartado 2 do presente artigo marcará o comezo do prazo para interpo-los recursos procedentes derivados de posibles impugnacións.

Quinta.-Tribunal cualificador.

1. O tribunal, cunha composición predominantemente técnica, estará constituído polos seguintes membros:

-Presidente: un membro da corporación, a proposta desta.

-Secretaria: a da corporación ou funcionario capacitado en quen delegue ou legalmente o substitúa, con voz pero sen voto.

-Vocais: un representante proposto pola Comunidade Autónoma.

-Un funcionario con habilitación de carácter nacional, proposto polo Colexio Oficial da provincia.

-Un funcionario de carreira, experto en informática, nomeado polo presidente da Deputación Provincial da Coruña, entre funcionarios do seu cadro de persoal, con participación dos sindicatos no seu nomeamento.

-Un vocal designado pola corporación entre os seus membros.

-Un representante designado pola universidade.

-Un funcionario de carreira, de igual ou superior categoría cá praza que se convoca, designado pola corporación.

Por cada un dos membros do tribunal designarase un suplente.

2. O tribunal non poderá actuar sen a asistencia de máis da metade dos seus membros con capacidade de voto, titulares ou suplentes indistintamente, e deberán figurar en todo caso o presidente e o secretario.

3. O nomeamento das persoas que integrarán o tribunal cualificador realizarase por acordo plenario e publicado nos termos establecidos nestas bases, vistas as propostas formuladas polos organismos correspondentes.

4. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir e comunicarllo ó alcalde, cando concorra algunha das causas previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Os membros do tribunal terán dereito pola súa concorrencia ás sesións que sexa necesario celebrar, ó aboamento das asistencias na contía regulamentariamente establecida.

6. O tribunal poderá reclama-la axuda ou asistencia doutras persoas, funcionarios ou non, co obxecto de que presten asesoramento sobre a valoración das probas que se van realizar.

Sexta.-Proceso de selección.

Desenvolverase en dúas fases:

a) Concurso

b) Oposición libre

a) Fase de concurso.

A fase de concurso, que é previa á de oposición, non terá carácter eliminatorio, nin poderá terse en conta para supera-las probas da fase de oposición.

O tribunal cualificará os seguintes méritos, e aplicarase a valoración establecida no correspondente baremo e con base na documentación achegada polos aspirantes, e non serán obxecto desta valoración aqueles méritos que non estean debidamente acreditados.

Os correspondentes méritos acreditaranse mediante fotocopia compulsada.

-Baremo de méritos.

1. Por período de tempo inscrito no INEM como demandante de emprego: 0,025 puntos por mes, sen que poidan computarse os períodos inferiores, cun máximo de 1 punto.

2. Por posesión de carreira universitaria concluída, 1 punto por cada carreira, cun máximo de 2 puntos.

3. Pola realización de cursos relacionados coa actividade que se vai realizar de máis de 60 horas lectivas: 0,5 puntos por curso, cun máximo de 1,5 puntos.

A cualificación desta fase deberá estar concluída antes da celebración da fase de oposición, e farase público o seu resultado no taboleiro de edictos da Casa do Concello.

b) Fase de oposición.

1. As probas selectivas de oposición non poderán comezar ata que transcorran dous meses desde a publicación do anuncio de convocatoria no BOE.

2. A publicación que contén o anuncio ó que se refire o apartado 3 da base cuarta serviralles de emprazamento ós opositores para o comezo das probas selectivas. O dito anuncio efectuarase quince días antes do comezo do primeiro exercicio.

Os anuncios de celebración das restantes probas publicaranse sucesivamente no taboleiro de anuncios do concello.

3. Os opositores serán convocados para cada exercicio en chamamento único. Serán excluídos aqueles que non comparezan, salvo causas de forza maior debidamente xustificadas e apreciadas libremente polo tribunal.

Os opositores que concorran ás probas, unha vez comezadas estas e determinado o contido do exercicio que se vaia desenvolver, resultarán excluídos, salvo as causas citadas no apartado anterior nas mesmas condicións sinaladas neste.

4. Exercicios da oposición.

a) Primeiro exercicio: de carácter obrigatorio para tódolos aspirantes. Consistirá en contestar por escrito un test de 100 preguntas con respostas alternativas relacionadas co contido do programa que figura no anexo I. Determinarase logo de sorteo de tres alternativas seleccionadas polo tribunal inmediatamente antes da celebración do exame. O tempo para a realización deste exercicio é de 1 hora.

b) Segundo exercicio: de carácter obrigatorio para tódolos aspirantes. Consistirá en desenvolver por escrito durante o período máximo de 1 hora un tema de carácter xeral extraído por sorteo polo tribunal inmediatamente antes de celebrarse o exercicio e relacionado coas materias comprendidas no programa anexo á convocatoria, aínda que non se ateñan ó epígrafe concreto deste, e terán os aspirantes ampla liberdade no que se refire á forma e exposición.

c) Terceiro exercicio: de carácter obrigatorio para tódolos aspirantes. Consistirá na realización, durante o tempo de 1 hora e 30 minutos, dun suposto ou supostos prácticos, extraídos por sorteo de, polo menos, tres alternativos que propoña o tribunal inmediatamente antes de realizarse o exercicio e relacionados co contido da parte segunda e temas 12, 13, 14 e 15 da parte primeira do programa que figura como anexo a estas bases.

Durante o desenvolvemento desta proba, os aspirantes poderán en todo momento facer uso dos textos legais dos que acudan provistos. Non se permitirá o uso de comentarios doctrinais, coleccións de dictames ou similares e, en ningún caso, textos con supostos prácticos resoltos.

d) Cuarto exercicio: de carácter obrigatorio para tódolos aspirantes. Consistirá en realizar un exercicio práctico co ordenador, extraído por sorteo de, polo menos, tres alternativos que propoña o tribunal inmediatamente antes de realizarse o exercicio. O tempo será dunha hora.

e) Quinto exercicio: de carácter obrigatorio para tódolos aspirantes. Consistirá en traducir do castelán ó galego, durante o tempo de media hora, un documento administrativo extraído por sorteo de, polo menos, tres alternativos que propoña o tribunal inmediatamente antes de realizarse o exercicio.

Non poderán utilizarse diccionarios nin textos legais de ningunha clase.

5.-Medios materiais para a realización dos exercicios e instruccións xerais para o desenvolvemento destes.

a) Para a realización das distintas probas, o tribunal proporcionaralles ós aspirantes tódolos materiais necesarios.

Non se permitirá a utilización de ningún outro material có anteriormente citado.

b) Unha vez rematada a proba, o tribunal procederá a recolle-los correspondentes exercicios e, efectuada a corrección e puntuación das probas, o tribunal procederá inmediatamente á publicación dos que superaron as probas por orde de puntuación e aqueles que non a superaron, baixo a denominación de non apto, sinalando a data, lugar e hora de celebración do seguinte exercicio.

6.-Cualificación dos exercicios.

1º. Cada un dos exercicios cualificaranse de 0 a 10 puntos, e serán eliminados os opositores que non acaden un mínimo de 5 puntos en cada un deles.

2º. No primeiro exercicio procederase como segue:

-Cualificarase inicialmente un punto por resposta correcta.

-O resultado obtido tralas anteriores operacións dividirase por 10 e o cociente será o resultante a puntuación correspondente ó exercicio.

-Para tódolos efectos será tido en conta unicamente un decimal por arredondamento das centésimas.

-Cando se sinalen dúas ou máis respostas alternativas, considerarase en todo caso incorrecta a resposta.

3º. As cualificacións dos exercicios segundo, terceiro e cuarto obteranse sumando as puntuacións outorgadas por cada un dos membros do tribunal, dividindo o total polo número de asistentes, e eli

minarase a nota máis alta e máis baixa cando a diferencia entre ambas sexa de tres puntos ou máis. O exercicio de galego non fará media cos demais.

4.-No primeiro exercicio terase en conta única e exclusivamente a exacta correspondencia das respostas sinaladas polos opositores coas establecidas como correctas polo tribunal.

Nos restantes exercicios valorarase, ademais, a claridade e coherencia na exposición, a precisión conceptual e a corrección no estilo.

ANEXO I

PROGRAMA

Parte I.-Organización e procedemento.

Tema 1.-O Estado. Concepto, elementos e formas de Estado. A división de poderes e as súas relacións.

Tema 2.-A Constitución. Concepto e clases. Historia do constitucionalismo español. A Constitución española de 1978. Elaboración, influencias, características, estructura e principios xerais.

Tema 3.-A Coroa. Funcións constitucionais de El-Rei. Sucesión, rexencia e tutela.

Tema 4.-O poder lexislativo. Funcións e órganos. Elementos do órgano lexislativo. As Cortes Xerais: organización, atribución s funcionamento.

Tema 5.-O poder xudicial. O Consello Xeral do Poder Xudicial. A organización xudicial española. O Ministerio Fiscal.

Tema 6.-A organización da Administración Central do Estado. Órganos superiores. Presidente e vicepresidente do Goberno. O Consello de Ministros e as comisiñóns delegadas do Goberno. Ministros e secretarios de Estado. Os gobernadores civís. Delegados da Administración central.

Tema 7.-As comunidades autónomas. Os estatutos de autonomía. Réxime de competencia e as relacións entre o Estado e as comunidades autónomas.

Tema 8.-A Comunidade Autónoma de Galicia. O seu estatuto, organización e estructura básica.

Tema 9.-Regulación constitucional dos tratados internacionais. Participación de España en tratados internacionais. Especial referencia á Organización das Nacións Unidas.

Tema 10.-o proceso de adhesión de España á Comunidade Económica Europea. Exame do tratado de adhesión. Referencia á acta única europea e ós tratados de Maastricht.

Tema 11.-As fontes do dereito administrativo. A Constitución. As leis. Disposicións con forza de lei. O regulamento. Outras fontes.

Tema 12.-O acto administrativo. Concepto, clases e elementos. A súa motivación e notificación. Eficacia e validez dos actos administrativos.

Tema 13.-O procedemento administrativo. Tempo. Forma. Iniciación. Desenvolvemento. Exame especial das notificacións. Instrucción. Terminación.

Tema 14.-Os recursos adminsitrativos. Concepto e principios xerais. Recurso ordinario e de revisión. A xurisdicción contencioso-administrativa.

Tema 15.-O servicio público. Os modos de xestión. Consideración especial da concesión. As empresas municipais e os consorcios.

Parte II.-Administración local.

Tema 16.-Evolución histórica da Administración local en España. Entidades que comprende. Principais leis reguladoras de réxime total.

Tema 17.-O concello. Concepto doctrinal e legal. Organización, competencias e obrigas mínimas.

Tema 18.-Os bens das entidaddes locais. Clasificación. Réxime dos comunais. Os montes en man común.

Tema 19.-Os contratos administrativos na esfera local. Réxime xurídico. Procedemento de contratación. Selección de contratistas. Formas de extinción. Cumprimento e incumprimento dos contratos.

Tema 20.-Recursos dos concellos. As ordenanzas fiscais.

Tema 21.-O orzamento municipal. Significado e contido. Técnicas de preparación. O orzamento por programas. Execución do orzamento. Liquidación.

Tema 22.-Contabilidade das entidades locais. Normativa reguladora. Control e fiscalización.

Tema 23.-O termo municipal. A poboación municipal. O padrón municipal de habitantes.

Tema 24.-Ordenanzas e regulamentos das entidades locais. Clases. Procedemento de elaboración e aprobación.

Tema 25.-A función pública local. Organización e clases. Funcionarios con habilitación de carácter nacional. Demais persoal funcionario. Persoal laboral. Persoal eventual. Cadro de persoal e relacións de postos de traballo. A oferta de emprego público.

Tema 26.-Dereitos, deberes e situacións dos funcionarios públicos locais. Especial referencia ó réxime da Seguridade Social.

Tema 27.-A atención ó público. A información administrativa. Relacións da Administración cos cidadás. O cidadán como cliente e destinatario dos servicios e prestacións públicas.

Tema 28.-O arquivo. Organización dos fondos documentais. O arquivo a disposición da Administración os cidadás e a Investigación. A documentación na Administración local. Tratamento e análise. Clases de documentos e o seu aproveitamento.

Tema 29.-As eleccións locais. Antecedentes e sistema actual. Constitución de 1978 e Lei orgánica 5/1985, do réxime electoral xeral. Modificacións posteriores.

Tema 30.-Réxime do solo e ordenación urbana. Lexislación vixente e os seus principios inspiradores. Competencia urbanística municipal. O muni

cipio como principal autor do urbanismo. A clasificación do solo.

Tema 31.-Instrumentos de planeamento urbanístico. Tipoloxía do planeamento municipal. Plans xerais municipales. Normas subsidiarias ou complementarias do planeamento. Plans parciais. Estudios de detalle. Os programas de actuación urbanística. Proxectos de urbanización. Procedimentos de elaboración e aprobación.

Tema 32.-Execución do planeamento. sistemas de actuación urbanística. As cesións obrigatorias e gratuítas.

Tema 33.-Intervención na edificación e uso do solo. O dereito a edificar. Infraccións urbanísticas: restauración da orde urbanística, expedientes sancionadores.

Parte III.-Informática.

Tema 34.-Concepto de informática. Arquitectura de ordenadores; a unidad central de proceso. A memoria central, unidade aritmética e lóxica. Definición de rexistro. Evolución da estructura dos ordenadores. Xeracións.

Tema 35.-A periferia dun ordenador. Soportes da información. Equipos transcritores. Unidades de entrada e unidades de salida. Canais de entrada e saída.

Tema 36.-O lógical. Diferentes tipos. Evolución histórica. Concepto de programa. Linguaxes de programación. O lógical funcional ou sistema operativo. Os paquetes de programas.

Tema 37.-Funcionamento en tempo real. Multiprogramación. O tempo compartido. Técnicas conversacionais.

Tema 38.-Estructuras de almacenamento de datos. Tipos de ficheros. Métodos de acceso. As bases de datos: características, obxectivos e tipos.

Tema 39.-A teleinformática. Esquema xenérico de trasmisión de datos a distancia e características básicas dos elementos fundamentais. As redes públicas de trasmisión de datos.

Tema 40.-Desenvolvemento dunha aplicación informática. Análisis do sistema e de requirimentos. Documentación. Mantemento dunha aplicación informática.

Tema 41.-Centro de proceso de datos. Tipoloxías organizativas. Especialidades e funcións informáticas. Funcións do centro de proceso de datos. As relacións do centro de proceso de datos co resto da organización.

Tema 42.-A automatización de oficinas. Sistemas físicos máis utilizados: os ordenadores persoais. Logicales específicos para automatización de oficinas. Repercusións organizativas da automatización.

Santiso, 26 de febreiro de 1996.

O alcalde

Rubricado