Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 18 de abril de 1996 Páx. 3.620

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 1996 pola que se convocan tres cursos sobre policía científica dirixidos ós membros dos corpos das policías locais de Galicia, e membros da unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1996 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración de tres cursos sobre policía científica, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Os cursos teñen por obxectivos: a) Coñecer como traballa a policía científica e as posibilidades que existen no campo da identificación policial. b) Saber cales son os sistemas e modos de identificación, así como as peculiaridades e necesidades de cada un deles. c) Dota-lo policía dos coñecementos indispensables para que a súa actuación diante dun caso real sexa correcta.

Destinatarios.

Os cursos van dirixidos ós membros dos corpos das policías locais de Galicia, e membros da unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán será de 40 por curso.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, acompañada dunha fotocopia do DNI e do carné profesional.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará ás 14 horas das seguintes datas:

-A Coruña: 26 de abril.

-Lugo: 14 de maio.

-Ourense: 28 de maio.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal ou polo concelleiro delegado e seladas, será isto requisito indispensable para ser admitido nos cursos; o incumprimento deste requisito suporá á non admisión ó devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, 2-4 Polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de

novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

Os cursos celebraranse en sesións de tarde, de luns a venres, e neles trataranse, entre outros, os seguintes temas: a) As funcións da policía científica. b) Identificación persoal: mostras biolóxicas, a voz, a escrita, fotografía, descrición, lofoscopia e outras. c) Identificación de armas, obxectos e mostras químicas: balística, trazas, análises químicas. d) O lugar dos feitos como campo de traballo da policía científica: a inspección ocular. e) A protección do lugar como imperativo. f) O indicio da orixe lofoscópica: as marcas dactilares e a súa importancia. g) A actuación policial diante do descubrimento dun cadáver ou os seus restos.

Datas.

Os cursos celebraranse nas seguintes datas:

-A Coruña: do 6 ó 10 de maio.

-Lugo: do 27 ó 31 de maio.

-Ourense: do 10 ó 14 de xuño.

O horario será de 16 a 20 horas do serán.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase os seguintes días:

-A Coruña: 30 de abril.

-Lugo: 20 de maio.

-Ourense: 31 de maio.

Esta relación publicarase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

Lugar.

Os cursos desenvolveranse nas cidades da Coruña, Lugo e Ourense, quedando por concreta-lo seu lugar de celebración, que se comunicará previamente xunto coa lista de admitidos.

Certificado de asistencia.

Ó remate de cada curso entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nel, non podendo supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, suporá a non expedición do certificado.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 1996.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

2586