Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 18 de abril de 1996 Páx. 3.618

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 1996 pola que se convoca un curso sobre relacións co cidadán dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia, e membros da unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1996, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre relacións co cidadán, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivos:

a) Desenvolver habilidades para controla-lo xurdir de conflictos cos cidadáns e reduci-lo seu impacto cando se producen.

b) Desenvolver habilidades para relacionarse eficazmente cos cidadáns.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia, e membros da unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán neste curso será de 60.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, acompañada dunha fotocopia do DNI e do carné profesional.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 26 de abril de 1996, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal ou polo concelleiro delegado e seladas, será esto requisito indispensable para ser admitido nos cursos; o incumprimento deste requisito suporá á non admisión ó devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, 2-4 Polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

O curso celebrarase en sesións de tarde, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas: a) Principios que rexen a conducta humana. b) O rol playing

e o ensaio de conducta: 1.-Intervención en situacións de crise. 2.- Facer e recibir críticas. 3.- Saber escoitar. 4.- Solución de problemas.

Datas.

O curso celebrarase en datas do 6 ó 10 de maio de 1996.

O horario será de 16 a 20 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 30 de abril, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

Lugar.

O curso desenvolverase na cidade de Pontevedra, quedando por concreta-lo seu lugar de celebración, que se comunicará previamente xunto coa lista de admitidos.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nel, non podendo supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, suporá a non expedición do certificado.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 1996.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

96-2682