Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 18 de abril de 1996 Páx. 3.592

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 20 de marzo de 1996 pola que se publica o regulamento e o calendario para as seccións de feiras do libro de 1996.

As seccións de feiras do libro, reguladas polo Decreto 40/1995, do 27 de xaneiro, e pola Orde do 12 de febreiro de 1996 pola que se regulan as que se celebrarán durante o ano 1996, son acontecementos de ampla raizame en Galicia e de crecente importancia como promotoras do libro e da lectura entre a poboación galega. O seu continuo éxito e o conseguinte aumento de actividades e mellora de programación require a continua adecuación das normativas e regulamentos que rexen estes eventos, de forma que do seu cada vez maior tamaño e complexidade non resulte unha menor eficiencia, senón unha máis ampla capacidade de organización e de servicios.

A citada Orde do 12 de febreiro de 1996 dispón no seu artigo 6º a elaboración dun regulamento de feiras e a proposición dun calendario delas entre os cometidos da comisión técnica presidida polo director xeral de Cultura, co que ademais se cumpran as esixencias do Decreto 40/1995, do 27 de xaneiro, respecto á publicación do calendario de feiras organizadas pola Consellería de Cultura.

Cómpre, pois, unha vez constituída a dita comisión e unha vez sometidas ó seu dictame as normas regulamentarias polas que se deben rexe-las feiras deste ano, baseadas nas xa existentes da Federación de Libreiros de Galicia para estes eventos e o calendario delas, publica-lo regulamento e calendario de acordo co citado decreto. Por iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Este regulamento é de obrigado cumprimento por tódolos participantes nas feiras do libro que se celebren no ano 1996.

Artigo 2º

Os aspirantes a participar nas feiras do libro farán a inscrición na sede da Federación de Libreiros de Galicia, nas condicións tradicionais dela.

Artigo 3º

A orde de admisión, para tódalas feiras, terá a preferencia seguinte:

A. Os libreiros da localidade, inscritos no Rexistro de Librerías da Consellería de Cultura, e que leven un ano asociados á Federación de Libreiros de Galicia. Para estes efectos o libreiro que non faga fronte, na data de presentación, a máis de dous recibos, durante o ano, será considerado como non federado, para efectos da súa participación nas feiras do libro, aínda que despois sexan feitos efectivos.

B. As editoriais galegas membros da Asociación Galega de Editores.

C. Os libreiros do resto de Galicia que reúnan as mesmas condicións cós do apartado A.

D. Os restantes libreiros e editores de Galicia.

E. Libreiros do resto do Estado que teñan establecemento aberto ó público permanentemente.

F. Editores que acudan con todo o seu fondo editorial, sen venda a prazo e cun catálogo que a comisión técnica considere suficientemente amplo para poder optar a unha caseta.

G. Editores e outros vendedores a prazo.

Artigo 4º

O prazo de presentación de solicitudes para participar en calquera das feiras que se convoquen pecharase ós 30 días naturais, antes do día de apertura da feira correspondente, agás para a Feira de Santiago de Compostela.

Artigo 5º

Cada caseta quedará claramente identificada por un cartel que corresponderá ó nome da firma solicitante, non poderá ser cedida nin arrendada a outra persoa ou entidade e terá obrigatoriamente que contar con varios fondos diferenciados, ningún dos cales poderá supera-lo 50% do espacio dedicado a exposición. No caso das editoriais deberán levar fondos propios ou fondos galegos que leven en distribución, non podendo estes últimos superar en ningún caso o 50% do espacio dedicado a exposición.

Artigo 6º

Cada expositor ocupará a caseta correspondente que manterá aberta e debidamente instalada durante as horas programadas para cada feira. Todo expositor que teña a caseta pechada durante as devanditas horas será advertido pola comisión organizadora da correspondente feira ou pola persoa autorizada para iso, para que proceda á súa inmediata apertura. No caso de que desatenda a advertencia ou reincida, entenderase que renuncia ó seu dereito a participar na feira e procederase á clausura definitiva da súa caseta, perdendo tódolos dereitos adquiridos pola súa participación e sen dereito a compensacións.

Artigo 7º

Na solicitude deberá constar claramente o nome da empresa, o nome e apelidos do representante legal, co CIF da empresa e o DNI do representante na feira, enderezo, e, se é o caso, número de Rexistro de Librerías ou número de asociado á Asociación Galega de Editores. Tódalas solicitudes deberán ir acompañadas dunha fotocopia do último recibo do IAE e do pagamento da taxa correspondente.

As dilixencias de inscrición faranse na Federación de Libreiros de Galicia.

Os editores e pracistas que desexen participar nas feiras do libro deberán achegar coa solicitude de inscrición o catálogo de fondos que van expoñer e vender.

Artigo 8º

Pechado o prazo de admisión de solicitudes, farase unha relación de participantes e determinarase, no caso de que houbera máis solicitudes aceptadas ca casetas, quen quedará excluído. Esta exclusión farase sempre por sorteo, entre as solicitudes presentadas en cada grupo. As cotas de casetas dispoñibles para cada feira, correspondentes a cada grupo dos especificados no presente regulamento, serán notificados nas convocatorias das respectivas feiras. O número de invitacións realizadas pola comisión técnica non poderá exceder do 10% do total delas.

Artigo 9º

Seleccionado o número de participantes, adxudicarase o número de orde da caseta, que estarán numeradas do número 1 en diante. Os criterios de colocación dos posibles tipos ou seccións de casetas estarán determinados, en función do interese de cada feira, pola comisión organizadora dela quen decidirá a situación das casetas institucionais ou as posibles seccións que se poidan decidir por interese da feira ou promoción do libro galego. Dentro destes a orde de colocación dos mesmos farase sempre por sorteo.

Artigo 10º

Pechado o prazo de admisión de solicitudes, e pasados 5 días, se non existisen suficientes solicitudes para celebra-la feira, cubrindo as casetas programadas, procederase á proposta de suspensión da feira. Se é o caso, a suspensión seralles notificada por escrito á Consellería de Cultura, ó director da feira correspondente e ó solicitante.

Artigo 11º

Queda prohibida a realización por parte dos feirantes de actividades paralelas no recinto da feira ou nas súas proximidades non aprobadas pola comisión técnica, especialmente aquelas que poidan supoñer prexuízo para ela. Queda así mesmo prohibido todo comportamento que supoña menosprezo, competencia desleal ou falta de respeto grave cara ós outros feirantes. A comisión técnica, logo da presentación dunha acta de infracción elaborada pola comisión organizadora da feira, poderá proceder á clausura definitiva da caseta do infractor, que perderá tódolos dereitos adquiridos sen dereito a compensación.

Artigo 12º

Queda prohibida a colocación de carteis que modifiquen a denominación da firma participante e tamén queda prohibida a exhibición de materiais de promoción alleos ó libro e ó seu contido.

Artigo 13º

Queda prohibida a práctica de técnicas de venda que coaccionen o público, insistindo na prohibición de que os participantes atendan o público desde o exterior das casetas. Trátase con isto de acada-la necesaria uniformidade nas condicións de venda e na creación dun recinto feiral que en ningún momento poida supor un compromiso para os visitantes.

Artigo 14º

Cada expositor deberá responder do perfecto estado da súa caseta ó remate da feira, repoñendo pola súa conta o material que sufrira deterioración, imputable a unha mala utilización.

Artigo 15º

En cada caso, será a comisión técnica quen estudiará tódolos incidentes que se susciten, así como a gravidade deles, determinando as medidas a adoptar, dun xeito inmediato, en cada un deles.

Artigo 16º

O calendario previsto para o ano 1996 de feiras do libro organizadas pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e a Federación de Libreiros de Galicia coa colaboración da Asociación Galega de Editores é o que segue:

Santiago de Compostela: 27 de abril ó 5 de maio.

Verín: 16 de maio ó 19 de maio.

Ourense: 1 de xuño ó 9 de xuño.

Ferrol: 10 de xuño ó 16 de xuño.

Lugo: 15 de xuño ó 23 de xuño.

Vigo: 1 de xullo ó 10 de xullo.

Sanxenxo: 11 de xullo ó 14 de xullo.

As Pontes de García Rodríguez: 16 de xullo ó 19 de xullo.

O Carballiño: 26 de xullo ó 28 de xullo.

A Coruña: 1 de agosto ó 10 de agosto.

Pontevedra: 17 de agosto ó 25 de agosto.

Monforte de Lemos: 29 de agosto ó 1 de setembro.

Artigo 17º

A Consellería de Cultura poderá, en función das solicitudes presentadas ou das propias necesidades das feiras, realizar variacións nas citadas datas ou anular algunha das feiras. Nestes casos comunicaránselle-los cambios a tódolos interesados.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Cultura para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 1996.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

2803