Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 17 de abril de 1996 Páx. 3.541

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 132/1996, do 29 de marzo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Vigo (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de delimitación e expropiación de terreos para implantación do Parque Tecnolóxico de Vigo.

O Concello de Vigo (Pontevedra), en sesión celebrada o día 27 de xullo de 1994, aprobou inicialmente o proxecto de delimitación do ámbito territorial para desenvolve-lo sistema xeral de equiamentos do parque tecnolóxico e na sesión do 3 de novembro de 1994 acordou a súa aprobación definitiva, así como solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O Concello remitiu documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 11 de xaneiro de 1996 de baixo o número 274.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 15 de decembro 1995.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque:

Primeiro, para a execución do Parque Tecnolóxico de Vigo, realizouse, no seu día, unha previsión total de investimento de sete mil douscentos millóns de pesetas (7.200.000.000 de ptas.). Desta cifra desemvolveuse xa un total de dous mil setecentes cincuenta e un millóns de pesetas (2.751.000.000 de ptas.) en concepto de adquisición de terreos, planeamento, estudios comunitarios e de impacto ambiental e gastos accesorios. Así mesmo, nos orzamentos plurianuais do consorcio da zona franca de Vigo, atópanse compromentidos os catro mil cincocentos millóns de pesetas (4.500.000.000 de ptas.) restantes que se dedicarán, fundamentalmente, á execución das infraestructuras.

A inmobilización dos fondos necesarios supón un enorme custo de oportunidade e unha dilapidación de recursos para a cidade de Vigo, senón tamén de toda a Comunidade Autónoma.

Por outra banda, o atraso na materialización do investimento suporá un aumento do seu custo e desvirtuará a eficacia do Parque Tecnolóxico, co conseguinte risco de que, unha vez máis, a nosa comarca perda o tren das tecnoloxías.

Segundo, porque cómpre impulsa-la área de servicios e industrial de Vigo, co conseguinte beneficio, non só para a cidade, senón tamén para a propia Comunidade Autónoma de Galicia, pois é evidente que o feito de que a mesma dispoña da infraestructura precisa para potencia-las enerxías tecnolóxicas favorecería a súa recuperación e desenvolvemento.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de marzo de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo concello de Vigo (Pontevedra), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e derei tos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de delimitación e expropiación de terreos para implantación do Parque Tecnolóxico de Vigo.

Santiago de Compostela, vintenove de marzo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

2812