Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 17 de abril de 1996 Páx. 3.541

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 133/1996, do 29 de marzo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Barro (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de mellora e pavimentación do camiño Aspera-Portela.

O Concello de Barro (Pontevedra), en sesión celebrada o día 7 de abril de 1995, aprobou o proxecto de mellora e pavimentación do camiño Aspera-Portela e na sesión do 16 de agosto de 1995 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 31 de xaneiro de 1996 de baixo o número 896.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 10 de outubro 1995, nº 9288.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, poque se trata dun camiño que une dúas importantes vías de comunicación dentro do municipio de Barro unha de carácter interior de comunicación e acceso ás distintas parcelas entre dous núcleos de poboación como son os de Bretoña e San Mauro e outra máis importante e con moito tránsito de comunicación interparroquial que comunica a estrada C-531 de Vilagarcía a Pontevedra e a estrada N-550. Na actualidade este camiño é de terra e cun largo aproximado de 3 metros. Ten un pavimento de terra moi deteriorado e o acceso ó mesmo desde ámbalas vías de comunicación é moi difícil, o que pon en perigro a saída del, sobre todo á vía interparroquial, dado o tráfico importante da mesma. Esta solución facilitaría, por un lado, o acceso ás parcelas dos afectados e ó mesmo tempo poderá solucionar calquera problema de conxestión de tráfico ou calquera

imprevisto que xurda en ámbalas vías de comunicación, cortes de tráfico por reparación do seu pavimento; por accidentes ou calquera outra causa.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do consellerio de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de marzo de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Barro (Pontevedra) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído ó efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de mellora e pavimentación do camiño Aspera-Portela.

Santiago de Compostela, vintenove de marzo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

1900