Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 17 de abril de 1996 Páx. 3.538

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se autoriza e se declara de utilidade pública a instalación eléctrica que se cita. (Expediente número 95/398 A.T.).

Visto o escrito presentado por Julio Bernárdez Zabaleta, en nome de Eléctrica de Moscoso, S.L., con data 28-11-1995, no que se solicita que se conceda a autorización administrativa e a declaración de utilidade pública da obra denominada L.A.T. desde a subestación de Taboadelo en Ponte-Caldelas ata un centro de interconexión en Recelo, A Lama, prevista para 66 kV, para o que xunta o proxecto correspondente.

Resultando que realizada a información pública que determina o Decreto 2617/1966, se presentaron alegacións con data 12-2-1996 por veciños de Portasouto (concello de Ponte-Caldelas), indicando non estar de acordo co trazado, que o plano de situación non concorda exactamente co do perfil da liña, que afecta á paisaxe e que pasa por riba dunha zona de recreo no río Verdugo. Xuntan e solicitan que se utilice un trazado alternativo. Solicitan por último a separación da liña das súas vivendas e espacios recreativos no río.

Resultando que, trasladadas as anteriores alegacións a Eléctrica del Moscoso, S.L. a este, en escrito con data de entrada 1-3-1996, indica que tódolos propietarios no tramo considerado nas alegacións permitiron o paso da liña. Que con dous dos alegantes, Ramón Rodríguez e esposa, se chegou no seu día a un acordo, precisamente para que, sen ser propietarios, o impacto visual desde a súa vivenda fose o mellor posible. Que o plano de situación dada a escala, permite unha suficiente localización da liña. A situación exacta queda reflectida no plano do perfil. Que non existen zonas sinalizadas de recreo no río. Que as alternativas propostas afectan a terreos particulares e arboredo. Por conseguinte solicitan que se desestimen as alegacións. Xuntan copia de autorizacións de paso e planos de variantes.

Considerando que nas alegacións, aínda que se indica que o plano de situación non coincide co que aparece no perfil, dada a súa escala, a súa misión é permitir localiza-la traza que aparece neste, e isto puido ser realizado polos alegantes.

Considerando que nas alegacións non se menciona que se incumpran normas regulamentarias senón o efecto paisaxístico, e non estando suxeita a declaración de impacto ambiental Real decreto 1131/1988, e Decreto 442/1990 da Xunta de Galicia.

Considerando que, no caso presente, non se demostrou polos alegantes que os novos terreos afectados sexan de dominio público, nin tampouco que se cumpre o resto do condicionado establecido no artigo 26 limitacións do Decreto 2619 do 20-10-1966, sobre expropiación forzosa.

Considerando que a obra é imprescindible para a seguridade e regularidade da subministración eléctrica na zona servida por Eléctrica de Moscoso, S.L.

Considerando que se cumpren os requisitos que impón o Decreto 2617/1966, sobre autorización de instalacións eléctricas o Decreto 2619/1966 sobre expropiacións en materia de instalacións eléctricas, o Decreto 3151/1968 que aproba o Regulamento de liñas aéreas de alta tensión e os decretos 1131/1988 e 442/1990, sobre avaliación do impacto ambiental.

Esta delegación provincial, resolveu:

Autorizar a Eléctrica de Moscoso, S.L., a instalación eléctrica que ten como características as seguintes:

Liña de alta tensión, dobre circuíto, a 66 kV, desde a subestación de Taboadelo en Ponte-Caldelas, propiedade de Unión Fenosa, ata o centro de interconexión de Recelo, no concello da Lama. O tramo aéreo ten unha lonxitude de 11,592 km, con conductor tipo LA-110, sobre apoios metálicos. O tramo subterráneo ten unha lonxitude de 1,120 km, con conductor tipo R.H.V.

Declarar, a utilidade pública da instalación eléctrica que se autoriza, para os efectos sinalados na Lei 10/1966, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas e o seu regulamento de aplicación do 20 de outubro de 1966.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interpoñerse recurso ordinario perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día da súa publicación no DOG.

Esta instalación non poderá entrar en servicio, mentres o seu peticionario non conte coa aprobación do proxecto de execución, logo de cumpri-los trámites que se sinalan no capítulo VI do citado Decreto 2617/1966, do 20 de outubro.

Pontevedra, 6 de marzo de 1996.

Ramón Álvarez Abad

Delegado provincial de Pontevedra

2855