Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 16 de abril de 1996 Páx. 3.506

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE POIO

ANUNCIO.

O Pleno deste Concello, en sesión do 6 de febreiro de 1996, aprobou definitivamente o seguinte:

Regulamento de participación veciñal.

Preámbulo

Acolléndose ás disposicións legais vixentes (artigos 4.1º.a e capítulos IV da Lei reguladora de bases de réxime local), o Concello de Poio pretende desenvolver unha normativa que regule a participación cidadá co recoñecemento expreso dos dereitos dos cidadáns e das entidades que os aglutinan e nas cales se organizan, nomeadamente as asociacións de veciños e as súas federacións, as entidades deportivas, culturais, sindicais, empresariais, etc., que representan o elemento vertebrador duha colectividade.

Un regulamento de participación veciñal nun marco de democracia formal como a actualmente vixente, en ningún caso debe consolida-los seus mecánismos de funcionamento, que están fundamentados na delegación do exercicio da soberanía e da participación política, mediante os procesos electorais que lexitiman para a acción de goberno e a defensa de intereses privados de determinadas correntes de opinión e grupos de presión á marxe da sociedade civil.

Como visión alternativa e rupturista, entendemos que a democracia real pasa pola participación activa de tódolos veciños na vida do seu barrio e parroquia, pola participación real na vida política diaria do concello, que é a institución máis próxima á cidadanía. Consideraremos que para que isto poida ser posible é necesario gobernar cos seguintes criterios básicos:

1.-Xestión transparente ó servicio da maioría dos veciños.

2.-Facilitar canles de información ó conxunto da poboación.

3.-Poñer en funcionamento canles de participación.

Disposicións xerais

Artigo 1º.-O obxecto do presente regulamento é o establecemento das formas, medios e procedementos de información e participación dos veciños e entidades cidadás na xestión municipal, de conformidade coa lexislación vixente.

Artigo 2º.-Os obxectivos que se pretenden atinxir co presente regulamento son:

-Facilita-la máis ampla información sobre as actividades e xestión municipal.

-Promove-la participación dos veciños e entidades cidadás na xestión municipal.

-Crea-los órganos e mecanismos que garantan as posibilidades de consulta ós veciños.

-Fomenta-lo asociacionismo.

-Garanti-la solidariedade e o equilibrio entre os distintos barrios e parroquias do concello.

Do rexistro municipal.

Artigo 3º.-O Rexistro Municipal de Asociacións ten por obxecto permitirlle ó concello coñece-lo número de entidades existentes no seu territorio, facilita-la relación entre estas e o concello, coñece-los seus fins e a súa representatividade, para os efectos de posibilita-lo fomento do asociacionismo e a participación cidadá, baixo os criterios de obxectividade, imparcialidade e igualdade.

Artigo 4º.-O concello porá en marcha un rexistro de asociacións no que poderán inscribirse todas aquelas entidades legalmente constituídas que acrediten o seu funcionamento democrático, sen ánimo de lucro, que teñan como marco territorial de actuación o concello de Poio, e que teñan como obxectivo fundamental a defensa dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños. En especial as asociacións de veciños, deportivas, recreativas, xuvenís, estudiantís, mediambientais, profesionais e sindicais entre outras.

Artigo 5º.-A solicitude de inscrición presentarase no rexistro xeral, debendo aporta-los seguintes documentos:

-Estatutos da entidade.

-Acta da última asemblea xeral de socios.

-Identificación das persoas que ocupan cargos directivos.

-Domicilio social.

-Número de socios.

-Programa de actividades do ano que corre.

-Orzamento do ano que corre.

As asociacións deberán presentar no prazo máximo dun mes contado a partir da data de celebración da asamblea xeral de socios e de acordo co que estipulan os seus estatutos, as actas acreditativas do funcionamento democrático da entidade e que fagan referencia á renovación de cargos e das asambleas xerais de socios.

Igualmente, no caso de que sexan perceptores de fondos públicos municipais, anualmente, deberán presentar memoria acreditativa das actividades realizadas con cargo ós ditos fondos.

Artigo 6º.-Será requisito previo imprescindible para a sinatura de convenios de colaboración entre o concello e a entidade estar inscrito no Rexistro Municipal de Asociacións que en ningún caso pode ser denegada unha vez encubertos os datos incluídos neste regulamento.

En ningún caso poderá denegarse a información solicitada por calquera entidade a través dos canles legais, baixo a escusa de non estar inscrita no Rexistro Xeral de Asociacións.

Artigo 7º.-No prazo de 15 días desde a solicitude de inscrición, salvo que esta se interrompa pola necesidade de aportar documentación non incluída inicialmente, o concello notificará á asociación o seu número de inscrición e a partir dese momento considerarase de alta para tódolos efectos.

Artigo 8º.-No último trimestre do ano, as asociacións presentarán unha memoria onde constará como mínimo a relación de actividades realizadas e o balance económico do primeiro semestre do exercicio e da súa aplicación, así como o programa de actividades e orzamento para o ano seguinte.

Do Consello de Participación Veciñal.

Artigo 9º.-O Consello de Participación Veciñal (CPV) estará constituído por 1 representante de cada grupo político que forme parte da corporación municipal e 1 membro de cada colectivo veciñal podendo nomear un suplente para cada un deles.

Co obxectivo de garanti-la non execución de acordos que atenten contra os intereses colectivos do conxunto dos veciños establécese o dereito a veto. Este será efectivo cando 2/3 dos representantes veciñais acorden facer uso do dito dereito.

Nas xuntas que celebre o CPV, poderán tomar parte os asesores que o concello e asociación de veciños estimen oportuno.

O CPV nomeará entre os membros pertencentes asociacións veciñais e na xunta constituínte o presidente, secretario, vicepresidente e vocais.

O cargo de presidente deberá ser rotativo, e exercerase por períodos de 12 meses.

Do funcionamento do Consello de Participación Veciñal.

Artigo 10º.-O consello reunirase unha vez cada 2 meses, podendo facelo extraordinariamente nun menor prazo de días, cando así o considere. As sesións serán públicas e abertas para o conxunto dos veciños que así o desexen tendo dereito a voz pero non a voto.

Será ordinariamente convocado polo presidente, podendo facelo, igualmente pola metade dos compoñentes das asociacións de veciños membros do consello.

Considerarase constituído en primeira sesión cando estean presentes a metade máis un dos seus membros de dereito, e en segunda cos asistentes, sempre que asistan un mínimo de tres entidades asociativas e estea ou non presente a representación do concello.

Cando alúgn membro do consello non acuda por tres veces consecutivas ás xuntas legalmente convocadas, será requirida á entidade a quen representa para que proceda á súa substitución.

Atribucións do Consello de Participación Veciñal.

Artigo 11º.-O CPV recibirá comunicación escrita cun mínimo de 48 horas de antelación, da orde do día das comisións de goberno e pleno municipal.

Igualmente recibirá información dos acordos das comisións de governo e pleno municipal.

Os temas debatidos polo CPV serán incluídos obrigatoriamente na orde do día do organismo municipal que lle competa e na xunta máis inmediata para que sexa debatido por este.

Os acordos serán transmitidos ó CPV a través das actas correspondentes.

O CPV poderá controlar e revisar, cando o coide oportuno, a tramitación de todo tipo de asuntos administrativos, para o cal lle será entregada toda a documentación que solicite, e a efectividade e execución dos acordos municipais.

Artigo 12º.-Serán materias a discutir no Consello de Participación Veciñal, entre outras:

-Ordenanzas fiscais.

-Orzamentos municipais.

-Plans de acción municipal.

-Urbanismo.

-Transporte público.

-Saneamento.

-Servicios sociais.

-Sanidade.

-Acción sociocultural, etc.

Artigo 13º.-Os representantes das diversas entidades poderán intervir naquelas comisións informativas nas que figuren asuntos que afecten a estes colectivos na orde do día, sempre que o soliciten previamente da alcaldía, especificando de xeito xustificado a representación e motivo. Tamén poderán asistir por invitación expresa do presidente da comisión.

Artigo 14º.-A comisión de goberno, se o coida oportuno, poderá convocar ás súas sesións os representantes das entidades cidadás para a defensa dos intereses xerais ou dos veciños.

Artigo 15º.-Calquera entidade inscrita no Rexistro Municipal de Asociacións poderá manifesta-la súa opinión sobre temas de especial transcendencia das sesións do pleno da corporación, mediante escrito dirixido ó alcalde pola entidade afectada. O texto do escrito incorporarase á acta no expediente correspondente.

Da iniciativa cidadá.

Artigo 16º.-Enténdese por iniciativa cidadá as propostas presentadas por veciños ou entidades cívicas, con suficiente grao de elaboración como para ser executables, nas que os interesados leven a cabo unha contribución no desenvolvemento delas.

Artigo 17º.-A iniciativa será presentada por escrito dirixido ó alcalde e nela deberán figura-los datos de identificación de quen realice a proposta e, se é o caso, a asociación a quen representa.

Na avaliación das iniciativas o concello considerará os criterios de interese público da proposta e contribución dos solicitantes.

Artigo 18º.-Informaráselles ós solicitantes do trámite a seguir pola proposta. En todo caso a resolución comunicaráselles ós solicitantes.

Artigo 19º.-En caso de carencia orzamentaria deberá incluírse na seguinte transferencia de crédito as partidas necesarias para a realización das propostas aprobadas, ou ben, figurarán nos orzamentos do ano seguinte.

Da consulta cidadá.

Artigo 20º.-O concello, de acordo co artigo 71 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, poderá someter a consulta popular os asuntos da competencia propia municipal e de carácter local que sexan especialmente relevantes para os intereses dos veciños, excepto os relativos á facenda local.

Artigo 21º.-A consulta cidadá en tódolos casos preverá o dereito de tódolos cidadáns censados a seren consultados e a que a consulta exprese as posibles solucións alternativas coa máxima información posible, escrita e gráfica.

Artigo 22º.-Correspóndelle ó concello realiza-los trámites pertinentes para celebra-la consulta cidadá sobre materias da súa competencia.

Tamén se poderá celebrar consulta cidadá a petición colectiva asinada por un mínimo de veciños non inferior ó 25% do censo electoral municipal, logo da resolución dos acordos interesados.

Todo o que non prevé este artigo regularase polo disposto na lexislación estatal ou da Comunidade Autónoma referente ás diferentes modalidades de referendo.

Disposicións transitorias

Primeira.-No prazo dun mes contado a partir da data da aprobación deste regulamento, deberán estar incluídas no Rexistro Municipal de Asociacións a totalidade das entidades que así o desexen que estén legalmente constituídas e que acrediten o cumprimento dos seus estatutos.

Segunda.-Aprobado o Regulamento de participación veciñal e logo da inscrición das entidades no Rexistro Municipal, o CPV constituirase no prazo de dous meses.

Terceira.-Este regulamento poderá ser revisado no prazo dun ano no caso de que a experiencia amosada polos veciños o considere oportuno.

Cuarta.-O Consello de Participación Veciñal manterase unha vez finalizada a lexislatura correspondente; os membros representantes dos partidos políticos deberán reelixirse unha vez tomen posesión os novos corporativos e se constitúan os órganos de xestión municipal.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Para o que dispón este regulamento e para aquelas materias que non están reguladas, serán o pleno municipal e o CPV os que interpreten e resolvan todo conflicto e controversia que se presente.

Segunda.-O concello editará periodicamente unha revista informativa que distribuirá gratuitamente e na cal se recollerán acordos tomados polo Consello de Participación Veciñal, ordenanzas municipais, orzamentos, actividades desenvolvidas polo concello, prazos para o pagamento de impostos, etc.

Terceira.-O presente regulamento entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Poio, 1 de febreiro de 1996.

O alcalde

Rubricado

Números de teléfono do Diario Oficial de Galicia

Teléfonos: 544268 - 544270

Fax: 544272 - 544273