Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 15 de abril de 1996 Páx. 3.383

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 1996 pola que se publica o Regulamento de contratación administrativa da Universidade de Santiago de Compostela.

Aprobado polo Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela o Regulamento de contratación administrativa da universidade.

Este rectorado, no uso das atribucións conferidas polo artigo 63 e) dos estatutos da Universidade, resolve publica-lo acordo do Consello Social de aprobación do Regulamento de contratación administrativa da Universidade de Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 1996.

Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

Regulamento de contratación da Universidade de Santiago de Compostela

Capítulo I

Contratos administrativos

Sección primeira

Disposicións comúns ós contratos administrativos

Artigo 1º

1. O presente regulamento, que regula a xestión contractual da Universidade de Santiago de Compostela, será de aplicación ós contratos de obras, xestión de servicios públicos, subministracións, ós

de consultoría e asistencia, de servicios e ós que se celebren excepcionalmente con persoas físicas para a realización de traballos específicos e concretos non habituais que aquela realice, con suxeición á lexislación básica de contratos das administracións públicas e ás disposicións que a desenvolvan.

2. Quedan fóra do ámbito de aplicación do presente regulamento os contratos a que se refire o artigo 11 da Lei de reforma universitaria.

Artigo 2º

1. Correspóndelle ó rector a facultade de celebrar en nome da universidade e no ámbito da súa competencia os contratos a que se refire este regulamento.

2. Esta atribución leva implícita todas aquelas facultades que a lexislación xeral sobre contratos lle atribúe ó órgano de contratación e poderá ser obxecto de delegación expresa.

Artigo 3º

A Universidade de Santiago de Compostela poderá asina-los contratos que teñan unha contía non reservada expresamente ó goberno da Comunidade Autónoma de Galicia e que virá delimitada anualmente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Artigo 4º

Os pregos de cláusulas administrativas xerais que poida establece-la universidade, elaboraraos o Servicio de Xestión Económica e serán aprobados polo Consello Social logo de proposta da Xunta de Goberno, e informe do Servicio de Asesoría Xurídica.

Artigo 5º

1. A elaboración dos pregos de cláusulas administrativas particulares correspóndelle ó Servicio de Xestión Económica, e a súa aprobación, con anterioridade á licitación de todo contrato, compételle ó rector logo de informe do Servicio de Asesoría Xurídica.

2. Os pregos de cláusulas administrativas particulares que poidan ser de aplicación a contratos de natureza análoga poderán ser modelos tipo, que contarán co informe do Servicio de Asesoría Xurídica e serán aprobados por resolución rectoral.

Artigo 6º

Os pregos de prescricións técnicas que teñan que rexe-la execución do contrato, elaboraraos a Unidade Técnica, o Servicio de Xestión Económica ou o centro de gasto propoñente, segundo a natureza do contrato, e serán aprobados polo órgano de contratación.

Artigo 7º

1. A mesa de contratación estará integrada, como mínimo, polos seguintes membros:

a) Rector ou vicerrector no que delegue, que a presidirá.

b) Presidente do Consello Social ou membro deste no que delegue.

c) Xerente ou vicexerente no que delegue.

d) Xefe do Servicio de Xestión Económica.

e) Xefe do Servicio de Control Interno.

f) Xefe do Servicio de Asesoría Xurídica, que actuará como secretario.

2. No caso de ausencia do rector ou vicerrector, exercerá a presidencia o presidente do Consello Social ou membro deste no que delegue. En caso de ausencia de ámbolos dous exercerá a presidencia o xerente ou vicexerente no que delegue.

Os xefes de servicio serán substituídos, en caso de ausencia, polos xefes de sección dos seus servicios que aqueles determinen.

3. Non obstante, será suficiente para a válida constitución da mesa a asistencia de catro dos seus membros.

4. A mesa de contratación, previamente á proposta de adxudicación, poderá solicita-los informes técnicos que estime oportunos, así como darlle audiencia a calquera interesado no procedemento.

Artigo 8º

Todo contrato irá precedido das seguintes actuacións administrativas:

a) Aprobación do procedemento, do prego de prescricións técnicas e do gasto correspondente.

b) Replanteo e aprobación do proxecto no caso de obras.

Sección segunda

Cesión do contrato e subcontrato

Artigo 9º

1. Os dereitos e obrigas dimanantes do contrato poderán ser cedidos a terceiros sempre que as cualidades persoais ou técnicas do cedente non foran a razón determinante da adxudicación do contrato.

2. Para que os adxudicatarios poidan cede-los dereitos e obrigas a terceiros deberán cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a universidade autorice previa e expresamente a cesión.

b) Que o cedente teña executado polo menos un 20% do importe do contrato ou realizada a explotación polo menos durante un prazo dunha quinta parte do tempo de duración do contrato se este fora de xestión de servicios públicos.

c) Que o cesionario teña capacidade para contratar coa administración e que estea debidamente clasificado se tal requisito lle fora esixido ó cedente.

d) Formalización da cesión entre adxudicatario e cedente mediante escritura pública.

Artigo 10º

1. Salvo que o contrato dispoña o contrario ou que pola súa natureza e condicións se deduza que

ten que ser executado directamente polo adxudicatario, poderá este concertar con terceiros a súa realización parcial.

2. A orientación dos subcontratos estará sometida ó cumprimento, entre outros, dos seguintes requisitos:

a) Que se lle dea coñecemento por escrito á universidade do subcontrato que se vai celebrar.

b) Que as prestacións parciais que o adxudicatario subcontrate con terceiros non excedan da porcentaxe que, superior ó 50% do orzamento do contrato, se fixe no prego de cláusulas administrativas particulares. No suposto de que tal previsión non figure no prego, o contratista poderá subcontratar ata unha porcentaxe que non exceda do indicado 50%.

3. Os contratistas poderán indicar na oferta as partes de obra e as empresas que serán obxecto de subcontratación. Considerarase esta aprobada, ó resulta-lo contratista adxudicatario.

4. En materia de obras a Unidade Técnica, e no resto o Servicio de Xestión Económica, serán as unidades responsables da vixilancia do cumprimento das normas reguladoras da subcontratación e a cesión do contrato. A Unidade Técnica comunicaralle calquera incumprimento ó Servicio de Xestión Económica.

5. O incumprimento daqueles requisitos implica a invalidez da subcontratación realizada.

Capítulo II

Contrato de obras

Artigo 11º

Obxecto do contrato.

Para os efectos deste regulamento enténdese por contrato de obras o celebrado entre a universidade e un empresario, que teña por obxecto:

a) A construcción de bens que teñan natureza inmoble, tales como edificios, viais, monumentos, instalacións varias, así como calquera outra análoga de enxeñería civil.

b) A realización de traballos que modifiquen a forma ou substancia do terreo o do subsolo como dragados, sondaxes, prospeccións, corrección do impacto medioambiental, actuacións urbanísticas ou outros análogos.

c) A reforma, reparación, conservación ou demolición dos definidos nas letras anteriores.

Sección primeira

Da elaboración de proxectos

Artigo 12º

1. Para os efectos de elaboración dos proxectos, as obras clasifícanse en:

a) Obras de primeiro establecemento, reforma ou gran reparación.

b) Obras de reparación simple.

c) Obras de conservación e mantemento.

d) Obras de demolición.

Artigo 13º

1. Cando na obra concorran circunstancias especiais, o rector poderá acordar, a proposta da Unidade Técnica, a redacción dun anteproxecto ou proxecto básico da obra co alcance e contido que se estableza no propio acordo. Aprobado o anteproxecto ou proxecto básico, quedará autorizada a redacción posterior dos proxectos parciais que nel se indiquen e que poderán ser obxecto de contratación e execución independentes.

2. Para a redacción do anteproxecto ou proxecto básico poderá acudirse ó procedemento de concurso de proxectos con intervención de xurado.

Artigo 14º

1. Dentro do marco da programación plurianual da universidade, a Unidade Técnica elaborará anualmente un programa sobre as necesidades de novos edificios e instalacións de carácter xeral e de ampliacións, modificacións e mantemento dos existentes proxectados para esa anualidade, con indicación das características e o orzamento aproximado.

2. Cando se formule a necesidade de execución de obras non incluídas na programación a que se refire o presente artigo, os decanos e directores de centros e de servicios elevarán a correspondente proposta ó órgano de contratación, acordándose, se é o caso, a incoación do procedemento de contratación e elaboración dos proxectos, mediante resolución do rector.

3. Por resolución rectoral dictada en execución do acordo que aprobe o dito programa, acordarase a iniciación dos procedementos de contratación tanto dos proxectos como da execución das obras que se estimen prioritarias.

4. En cada exercicio orzamentario, unha vez aprobadas polo claustro as liñas de programación plurianual para ese exercicio, a universidade dará a coñecer, mediante un anuncio indicativo, as características básicas dos contratos que teña proxectado celebrar nese exercicio e que superen os importes establecidos para a publicidade no DOCE.

Este anuncio enviarase o antes posible á Oficina de Publicacións Oficiais das Comunidades Europeas para que produza o efecto de reducción dos prazos previstos na Lei de contratos das administracións públicas.

5. A universidade dedicará unha porcentaxe do custo de execución material das obras que acometa a incluír traballos artísticos, de decoración, embelecemento, dotación para obras de arte ou restauracións destas, conforme á lexislación aplicable a cada caso.

Artigo 15º

1. Todo proxecto relativo a obras de primeiro establecemento, reforma ou gran reparación, comprenderán como mínimo:

a) Unha memoria.

b) Os planos necesarios para que a obra quede perfectamente definida.

c) O prego de prescricións técnicas.

d) Un orzamento, integrado ou non por varios parciais, con expresión dos prezos unitarios e dos descompostos, estados de cubicacións ou medicións e os detalles precisos para a súa valoración.

e) Canta documentación veña prevista en normas de carácter legal ou regulamentario.

2. Ademais, cando a contía sexa superior a 10 millóns de pesetas, incluirase un programa de desenvolvemento dos traballos en tempo e custo óptimo, de carácter indicativo.

3. Nos proxectos de obras de primeiro establecemento o proxecto deberá redactarse en consonancia co estudio xeotécnico dos terreos sobre os que a obra se vaia executar.

4. Para os proxectos de obras de primeiro establecemento, reforma ou gran reparación, inferiores a 20.000.000 de pesetas, e para os restantes proxectos enumerados no artigo anterior, poderase simplificar, refundir ou incluso suprimir algún ou algúns dos documentos anteriores, e sempre que os restantes sexan suficientes para definir, executar e valora-las obras que comprenden.

5. Cando así estea establecido ou a natureza da obra o requira, incluirase a necesidade dun control de calidade das obras. Os proxectos de obras establecerán o programa de control de calidade. Cando a universidade o considere oportuno a contratación e pagamento será realizado directamente por esta, e este importe será imputado ós gastos xerais do contrato.

Artigo 16º

1. A elaboración dos proxectos de obras correspóndelle ordinariamente á Unidade Técnica.

2. Non obstante o disposto no número anterior, cando na obra concorran circunstancias especiais, poderase acorda-la contratación dun arquitecto ou empresa que, ademais de teren plena capacidade de obrar, reúnan os requisitos de solvencia técnica ou financeira necesarias para o desenvolvemento do traballo encomendado.

3. O contrato a que se refire o parágrafo anterior regularase polo establecido no título IV da Lei 13/1995, do 18 de maio.

Artigo 17º

1. A función de supervisión dos proxectos de obras que vaia executa-la universidade será exercida pola Oficina de Supervisión da mesma, que examinará detidamente os proxectos e vixiará o cumprimento

das normas técnicas reguladoras da materia e asemade os aspectos económicos e de comprobación aritmética.

2. A Oficina de Supervisión de Proxectos de Obras da Universidade de Santiago de Compostela estará constituída polo director da Unidade Técnica e mailo xefe do Servicio de Control Interno da Universidade.

Artigo 18º

1. Unha vez redactado e supervisado o proxecto, a Unidade Técnica procederá a executa-lo replanteo previo da obra, co fin de comproba-la realidade de cantos supostos figuren no proxecto aprobado e sexan básicos para o contrato a celebrar. Este requisito será indispensable para a convocatoria de licitación, en procedementos abertos e restrinxidos e para a adxudicación, en procedementos negociados.

Unha vez realizado o replanteo previo incorporarase o proxecto ó expediente de contratación.

2. O replanteo da obra constará na acta que deberá levantarse para tal efecto.

Artigo 19º

1. O expediente de contratación do contrato de obra conterá necesariamente:

a) Certificación sobre a viabilidade do proxecto e acta onde conste o replanteo.

b) Informe da oficina de supervisión.

c) Resolución rectoral aprobatoria do proxecto.

d) Prego de cláusulas administrativas particulares, con informe emitido polo Servicio de Asesoría Xurídica.

e) Documento que acredite a existencia de crédito orzamentario expedido polo Servicio de Contabilidade e Orzamentos.

f) Se é o caso, resolución debidamente razoada, declarando a urxencia do expediente.

3. O expediente rematará, mediante resolución rectoral motivada, na que se aprobe o expediente de contratación e se ordene a apertura do procedemento, a forma de adxudicación e o gasto.

Artigo 20º

Correspóndelle ó Servicio de Xestión Económica a elaboración dos pregos de cláusulas administrativas particulares que incluirán os pactos e condicións definidoras dos dereitos e obrigas que asumirán as partes do contrato. Así mesmo, este remitirá ó Servicio de Contabilidade e Orzamentos unha proposta para a emisión do documento contable de autorización de crédito.

Sección segunda

Da adxudicación dos contratos

Artigo 21º

Procedementos de adxudicación.

A adxudicación dos contratos poderá levarse a cabo por procedemento aberto, restrinxido e negociado.

1. No procedemento aberto todo empresario interesado poderá presentar unha proposición.

2. No procedemento restrinxido só poderán presentar proposicións aqueles empresarios seleccionados expresamente pola universidade, logo solicitude daqueles.

3. No procedemento negociado o contrato seralle adxudicado ó empresario xustificadamente elixido pola universidade, logo de consulta e negociación dos termos do contrato con un ou varios empresarios.

Artigo 22º

Poxa e concurso.

1. Tanto no procedemento aberto coma no restrinxido a adxudicación poderá efectuarse por poxa ou por concurso.

2. A poxa versará sobre un tipo expresado en diñeiro, con adxudicación ó licitador que, sen superar aquel, oferte o prezo máis baixo.

3. No concurso a adxudicación recaerá no licitador que, no seu conxunto, faga a proposta máis vantaxosa, tendo en conta os criterios que se establezan nos pregos, sen atender exclusivamente ó prezo da mesma e sen prexuízo do dereito da universidade a declaralo deserto.

4. O órgano de contratación utilizará normalmente a poxa e o concurso como formas de adxudicación. O procedemento negociado só procederá nos casos determinados na Lei de contratos das administracións públicas.

5. O prazo máximo de adxudicación de todo tipo de contrato da Universidade de Santiago de Compostela será de tres meses contados desde a apertura da proposición, salvo que se estableza outro no prego de cláusulas administrativas particulares.

Artigo 23º

1. Cando se aplique o procedemento negociado sen publicidade previa deberán ser consultadas polo menos tres empresas, se iso fora posible, capacitadas para a execución do contrato, e fixar coa seleccionada o prezo xusto deste, deixando constancia de todo iso no expediente.

2. Poderá acordarse a aplicación do procedemento negociado respecto ás obras nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 140 da Lei de contratos das administracións públicas.

3. Contratos menores de obras. Terán a consideración de contratos menores aqueles dos que a contía non exceda de 5.000.000 de pesetas.

Para gastos menores de obras de orzamento inferior a 1,1 millóns de pesetas será esixible a folla de pedimento, que supón a aprobación do gasto e, como documento xustificativo, a factura correspondente.

Para os contratos comprendidos entre 1,1 e 5 millóns o procedemento esixirá consultar a tres empresas como mínimo, folla de pedimento aprobatoria do gasto, o orzamento das obras e cando

as normas o requiran, un proxecto. Nestes casos deberá asinarse o correspondente contrato.

4. Correspóndelle ó director da Unidade Técnica propoñe-las empresas que deban ser obxecto da consulta. A mesa de contratación, á vista das propostas presentadas e dos informes emitidos, elevará ó órgano de contratación a proposta de adxudicación.

Artigo 24º

Considérase, salvo norma básica que o estableza, como desproporcionada ou temeraria a baixa de toda proposición na cal a porcentaxe exceda en 10 unidades, polo menos, a media aritmética das porcentaxes de baixa de tódalas proposicións presentadas, sen prexuízo da facultade do órgano de contratación de apreciar, non obstante, logo dos informes axeitados e a audiencia do adxudicatario, como susceptibles de normal cumprimento as respectivas proposicións.

Artigo 25º

A Xunta de Goberno e o Consello Social serán informados a través da memoria económica anual das contratacións de obras do exercicio. Sen prexuízo disto, poderán solicitar, ámbolos dous órganos, información en calquera momento.

Artigo 26º

Notificación e publicidade das adxudicacións.

A adxudicación do contrato, unha vez acordada polo órgano de contratación e calquera que sexa o procedemento seguido e a forma de adxudicación empregada, seralles comunicada ós participantes na licitación.

Publicarase no Diario Oficial de Galicia a adxudicación dos contratos cando o importe de licitación sexa igual ou superior a 5 millóns de pesetas en todo tipo de contratos e igual ou superior a 5 millóns de pesetas os gastos de primeiro establecemento e o prazo de duración de 5 anos no contrato de xestión de servicos públicos. Deberán publicarse no Boletín Oficial del Estado e Diario Oficial das Comunidades Europeas as adxudicacións dos contratos que pola súa contía se tiveran publicado neles.

Artigo 27º

O contrato, calquera que sexa o procedemento e a forma de adxudicación, formalizarase en todo caso dentro dos trinta días naturais desde a notificación da adxudicación. O Servicio de Xestión Económica redactará o contrato e tramitarao ó contratista e máis ó rector para o seu asinamento.

Sección terceira

Da recepción das obras

Artigo 28º

1. O acto formal da recepción das obras impulsarase de oficio e terá lugar dentro do mes seguinte á súa entrega e a ela concorrerán:

-O director da Unidade Técnica ou facultativo que designe o rector.

-O persoal facultativo ou técnico encargado da dirección das obras.

-O contratista, asistido, se o estima oportuno, dun facultativo.

2. No prazo de seis meses contado desde a data da acta de recepción, deberá acordarse e serlle notificada ó contratista a liquidación correspondente e aboárselle o saldo resultante, de se-lo caso. A dirección facultativa das obras nomeada pola administración formulará a proposta de liquidación das realmente executadas, tomando como base para a súa valoración as condicións económicas establecidas no contrato.

Capítulo III

Do contrato de subministración

Artigo 29º

1. Entenderase por contrato de subministración o que teña por obxecto a compra, o arrendamento ou a adquisición de productos ou bens mobles, salvo os relativos a propiedades incorporais e valores negociables que se rexerán pola lexislación patrimonial das administracións públicas aplicable a cada caso.

2. En todo caso consideraranse incluídos no apartado anterior, entre outros, os contratos seguintes:

A adquisición e o arrendamento de equipos e sistemas para o tratamento da información, os seus dispositivos e programas e a cesión do dereito de uso destes últimos. Terán tamén a consideración de contrato de subministración o seu mantemento cando se contrate conxuntamente coa adquisición ou o arrendamento.

3. Non obstante o expresado no apartado anterior, a adquisición de programas de ordenador a medida considerarase contrato de servicios.

Artigo 30º

1. Naqueles casos en que por similitude de subministracións ou para a obtención de mellores condicións, sexa conveniente a contratación global, a universidade poderá acorda-la homologación das subministracións que se determinen.

2. Os contratos de subministracións daqueles bens dos que se teña acordado a homologación, celebraranse baixo os principios de publicidade e concorrencia, con criterios de eficacia na xestión e economía no gasto, mediante concurso e sen que a adxudicación teña que ser necesariamente a un só contratista.

3. Unha vez adxudicados os contratos de subministracións de bens a que se refiren os números anteriores, remitirase ós distintos centros de gasto e responsables de asuntos económicos, unha relación dos que teñan sido obxecto de contratación con indicación das súas características, prezo e empresa adxudicataria, co fin de que aquelas poidan adquirir directamente a clase e o número de bens que precisen, facendo constar na factura que se axusta ó contrato.

Artigo 31º

O expediente de contratación conterá necesariamente:

a) Prego de cláusulas administrativas particulares, con informe emitido polo Servicio de Asesoría Xurídica.

b) Prego de prescricións técnicas.

c) Documento que acredite a existencia de crédito orzamentario expedido polo Servicio de Contabilidade e Orzamentos.

d) Se é o caso, resolución debidamente razoada, na que se declare a urxencia do expediente.

3. O expediente rematará mediante resolución motivada, na que se aprobe o expediente de contratación e se ordene a apertura do procedemento a forma de adxudicación e o gasto.

Artigo 32º

Correspóndelle ó Servicio de Xestión Económica a elaboración dos pregos de cláusulas administrativas particulares que incluirán os pactos e condicións definidoras dos dereitos e obrigas que asumirán as partes do contrato. Así mesmo, este remitirá ó Servicio de Contabilidade e Orzamentos unha proposta para a emisión do documento contable de autorización de crédito.

Sección primeira

Adxudicación dos contratos de subministracións

Artigo 33º

Procedementos de adxudicación.

A adxudicación dos contratos poderá levarse a cabo por procedemento aberto, restrinxido e negociado.

1. No procedemento aberto todo empresario interesado poderá presentar unha proposta.

2. No procedemento restrinxido só poderán presentar proposicións aqueles empresarios seleccionados expresamente pola Administración, logo de solicitude deles.

3. No procedemento negociado o contrato seralle adxudicado ó empresario xustificadamente elixido pola Administración, logo de consulta e negociación dos termos do contrato con un ou varios empresarios.

Artigo 34º

1. Os contratos de subministracións adxudicaranse ordinariamente polo procedemento de concurso.

2. A poxa como forma de adxudicación do contrato de subministracións só poderá empregarse naquelas adquisicións de escasa contía nas que os productos a adquirir están perfectamente definidos por estar normalizados e non ser posible varia-los prazos de entrega, nin introducir modificacións de ningunha clase no contrato, quedando por conseguinte o prezo como único factor determinante da adxudicación.

Artigo 35º

De acordo co establecido no artigo 56.3º da Lei 11/1983, do 25 de agosto de reforma universitaria,

poderán adquirirse polo procedemento negociado os bens de equipo necesarios para o desenvolvemento de programas de investigación dos que o importe non supere os 25.000.000 de pesetas. Para a aplicación do dito procedemento en adquisicións que superen este importe, requirirase o acordo explícito do Consello Social.

O Consello Social poderá modifica-la contía a partir da que se requirirá o seu acordo explícito.

Artigo 36º

Terán a consideración de contratos menores os que non excedan de 2 millóns de pesetas. Para gastos menores de subministracións de orzamento inferior a 1,1 millóns de pesetas será esixible proposta de gasto, e como documento xustificativo, a factura correspondente.

Para os contratos menores de importes comprendidos entre 1,1 e 2 millóns o procedemento esixirá consultar a tres empresas como mínimo, folla de pedimento aprobatoria do gasto e como documento xustificativo, a factura correspondente. Deberá asinarse o correspondente contrato.

Artigo 37º

A Xunta de Goberno e o Consello Social serán informados a través da memoria económica anual das contratacións de subministracións do exercicio. Sen prexuízo disto, poderán solicitar, ámbolos dous órganos, información en calquera momento.

Artigo 38º

Poderá procederse ó pagamento previo dunha subministración, mediante constitución de garantía polo importe de que se trate, cando por esta vía poidan obterse descontos significativos ou por outras circunstancias que haberá que xustificar suficientemente no expediente.

Por resolución autorizarase o pagamento por este procedemento.

Sección segunda

Das importacións

Artigo 39º

Cando sexa necesaria a importación de bens para a universidade, procederase ordinariamente polo procedemento negociado sen publicidade.

Artigo 40º

O centro ou dependencia destinataria do ben obxecto da importación realizará unha proposta xustificativa da necesidade de adquisición do ben. Na proposta incluirase:

a) Informe xustificativo de que o ben non se fabrica en España ou na Unión Europea.

b) Factura pro-forma.

Artigo 41º

Aceptada a proposta, o Servicio de Xestión Económica procederá a:

1. Tramitar á Sección de Contabilidade o expediente para a retención do crédito correspondente.

2. Solicita-la certificación de que non se fabrica na U.E. ó órgano competente e tramitar, se é o caso, as exencións arancelarias.

3. Xestiona-la documentación necesaria para proceder no seu día ó despacho da mercadoría.

4. Proceder, por mediación dun banco, á apertura dun crédito documentario destinado ó banco do país de orixe.

Artigo 42º

Os gastos derivados da importación e mailos impostos que correspondan, imputaranse á mesma partida orzamentaria que o ben obxecto da importación.

Artigo 43º

Formalizarase contrato por escrito e deberán constar no expediente as garantías necesarias.

O prego de cláusulas administrativas particulares poderá ser substituído polo propio clausulado do contrato.

Nestes contratos incluiranse cláusulas de submisión ós tribunais españois ou cando as circunstacias o aconsellen, a incorporación de cláusulas tendentes a resolve-las discrepancias que poidan xurdir mediante sinxelas fórmulas de arbitraxe.

Artigo 44º

Non terán a consideración de importación as compras dentro da Unión Europea, e o procedemento para estas compras será o establecido con carácter xeral na Lei de contratos das administracións públicas e neste regulamento.

Sección terceira

Da recepción das subministracións

Artigo 45º

1. A recepción das subministracións realizarana os servicios centrais ou os centros receptores das subministracións segundo o importe de licitación sexa superior ou inferior a 10.000.000 de ptas. respectivamente.

Cando o importe sexa igual ou inferior a 10.000.000 a recepción realizarana os destinatarios e concorrerán a ela por parte da uiversidade como mínimo:

a) O director do centro de gasto ou o responsable da unidade administrativa destinataria da subministración.

b) O responsable de asuntos económicos do centro ou servicio universitario.

Cando o importe sexa superior a 10.000.000 de ptas., á recepción concorrerán por parte da universidade como mínimo:

a) Un representante do centro, servicio ou dependencia administrativa destinataria da subministración.

b) O xerente ou persoa que designe.

c) O xefe do Servicio de Xestión Económica ou persoa que designe.

En todo caso a recepción realizarana os servicios centrais no suposto de pagamento anticipado.

2. Cando a natureza dos bens o requira, e previamente á súa recepción, a universidade poderá, mediante un técnico na materia, realizar análises dos bens co fin de comprobar que se atopan en estado de ser recibidos. Se das análises resultara a existencia, debidamente razoada, de vicios ou defectos imputables ó empresario, farase constar así no acto de entrega e daránselle as instruccións precisas ó empresario para que remedie os defectos observados ou proceda a unha nova subministración.

3. En todo caso, estenderase acta de recepción asinada por tódolos asistentes.

Sección cuarta

Da modificación do contrato de subministracións

Artigo 46º

Cando como consecuencia das modificacións do contrato de subministración se produzan aumento, reducción ou supresión das unidades de bens que integran a subministración ou a sustitución duns bens por outros, sempre que estes estean comprendidos no contrato, estas modificacións serán obrigatorias para o contratista, sen que teña dereito ningún en caso de supresión ou reducción de unidades ou clases de bens, a reclamar indemnización polas ditas causas.

Serán causa de resolución do contrato as modificacións da subministración, aínda que fosen sucesivas, que impliquen, illada ou conxuntamente, alteracións do prezo do contrato, en máis ou en menos, en contía superior ó 20 por cento do importe daquel ou representen unha alteración substancial da prestación inicial.

Capítulo IV

Do contrato de xestión de servicios

Artigo 47º

A Universidade poderá xestionar indirectamente, a través de persoa natural ou xurídica, e mediante contrato, aqueles servicios relacionados co servicio público do ensino superior, sempre que teña un contido económico que os faga susceptibles de explotación por empresarios particulares.

Artigo 48º

A universidade, para os efectos da contratación da xestión dun servicio, deberá elaborar e aproba-lo réxime xurídico deste, no que asuma a actividade de que se trate como propia, estableza as súas competencias, e as prestacións en favor dos usuarios.

Artigo 49º

1. A contratación dos servicios pola universidade poderá adoptar calquera das modalidades do artigo

157 da Lei de contratos das administracións públicas.

2. Correspóndelle ó rector determinar en cada caso a modalidade de contratación dos servicios.

Artigo 50º

1. Todo contrato de xestión de servicios irá precedido das seguintes actuacións:

a) Elaboración e aprobación do anteproxecto de explotación e das obras precisas, se é o caso.

b) Tramitación e resolución do expediente de contratación coa aprobación do prego de cláusulas de explotación e, de se-lo caso, do gasto correspondente.

2. O prego de explotación deberá conter como mínimo as seguintes cláusulas:

a) Prazo de duración da xestión e prórrogas de que poida ser obxecto, sen que en ningún caso o prazo total, incluídas as prórrogas, poida exceder de 75 anos.

b) Descrición detallada do servicio que debe presta-lo empresario.

c) Definición das obras que, de se-lo caso, deban executarse con referencia ós respectivos proxectos.

d) Medios auxiliares que achegue a universidade.

e) Tarifas máximas e mínimas que teña dereito a recibi-lo empresario e procedemento para a súa revisión e, se é o caso, subvención que a universidade lle conceda ó empresario.

f) Dereitos e obrigas das partes e, en especial, a obriga do empresario de manter en bo estado as obras e instalacións.

g) Fianza provisional e definitiva que deberá presta-lo empresario.

h) Penalidades en que poida incorre-lo empresario xestor.

i) Supostos especiais de extinción do contrato.

j) Submisión expresa do empresario a este regulamento e lexislación de contratos, ó prego de cláusulas administrativas xerais e de explotación e ás regulamentacións específicas do servicio de que se trate.

3. Os proxectos de obras que sexan necesarias para establece-lo servicio serán redactados pola Unidade Técnica da universidade ou polos empresarios que opten á adxudicación. Neste último caso a universidade supervisará os proxectos presentados, e poderá introducir modificacións neles.

En todo caso serán de aplicación as normas relativas ós proxectos e concesións de obras.

Artigo 51º

1. Os contratos de xestión de servicios públicos adxudicaranse ordinariamente por procedemento aberto ou restrinxido, mediante concurso.

O procedemento negociado só poderá ter lugar, logo de xustificación razoada no expediente, nos supostos establecidos no artigo 160.2º da Lei de contratos das administracións públicas.

Artigo 52º

1. A xestión do servicio será levada total e directamente polo mesmo empresario.

2. Non obstante, sempre que o contrato o autorice expresamente e coas condicións que este determine, poderá o empresario concertar con terceiros a xestión de prestacións accesorias, sendo o único responsable ante a universidade da xestión do servicio.

Capítulo V

Dos contratos realizados por outras administracións públicas con destino á universidade de Santiago de Compostela

Artigo 53º

1.Rematado o procedemento contractual das obras e subministracións realizadas por outras administracións públicas con destino á universidade, procederase ó acto de entrega á universidade de Santiago de Compostela dos bens de que se trata.

2. A entrega deberá constar en escritura pública, que regulará necesariamente os seguintes aspectos:

a) Criterios para a atribución da titularidade dos bens obxecto do contrato.

b) Criterios para o financiamento dos gastos de reparación, conservación e mantemento, cando non lle se transmita á Universidade a propiedade deles.

3. Logo de asinamento do documento público, o rector designará un facultativo que emitirá un informe sobre a situación das obras, as condicións das instalacións ou dos bens obxecto da entrega.

Capítulo VI

Dos contratos de consultoría e asistencia, dos servicios e dos traballos específicos e concretos non habituais

Sección primeira

Tipos de contratos

Artigo 54º

1. Son contratos de consultoría e asistencia aqueles que teñen por obxecto:

a) Estudiar e elaborar informes, estudios, plans, anteproxectos, proxectos de caracter técnico, organizativo, económico ou social, así como a dirección, supervisión e control da execución e mantemento de obras, instalacións e da implantación de sistemas organizativos.

b) Levar a cabo, en colaboración coa universidade e baixo a súa supervisión, as seguintes prestacións:

- Toma de datos, investigacións e estudios para a realización de calquera traballo técnico.

-Asesoramento para a xestión de bens públicos e organización de servicios do mesmo carácter.

-Estudio e asistencia na redacción de proxectos, anteproxectos, modificación duns e outros, dirección, supervisión e control da execución e mantemento de obras e instalacións e da implantación de sistemas organizativos.

-Calquera outro servicio directa ou indirectamente relacionado cos anteriores e nos que tamén predominen as prestacións de caracter intelectual.

2. Son contratos de servicios en que o obxecto sexa:

a) De carácter técnico, económico, industrial, comercial ou calquera outro de natureza análoga, sempre que non se atopen comprendidos nos contratos de consultoría e asistencia, traballos específicos e concretos non habituais ou nalgún dos regulados noutros apartados deste regulamento.

b) Complementario para o funcionamento da universidade

c) De mantemento, conservación, limpeza ou reparación de bens, equipos e instalacións.

d) Os programas de ordenador desenvolvidos a medida para a universidade, que serán de libre utilización por esta.

3. Son contratos para a realización de traballos específicos e concretos non habituais os que, non estando incluídos nos apartados anteriores, se celebren excepcionalmente pola universidade cando o seu obxecto non poida ser atendido polo labor ordinario dos órganos administrativos.

Sección segunda

Adxudicación dos contratos de consultoría e asistencia, dos servicios e dos traballos específicos e concretos non habituais

Artigo 55º

Procedementos de adxudicación.

A adxudicación dos contratos poderá levarse a cabo por procedemento aberto, restrinxido e negociado.

O concurso será a forma normal de adxudicación destes contratos.

A poxa como forma de adxudicación só poderá utilizarse en contratos de escasa contía nos que o seu obxecto estea perfectamente definido tecnicamente e non sexa posible introducir modificacións de ningunha clase nel, quedando o prezo como único factor determinante da adxudicación.

Artigo 56º

En todo caso, para os contratos de consultoría e asistencia e dos traballos específicos e concretos non habituais, adxudicados polo procedemento negociado sen publicidade, cando corresponda en función da contía, procederá o asinamento dun contrato. No de servicios procederá o asinamento dun contrato cando así se considere pola súa naturaleza.

O expediente iniciarase cunha proposta de gasto, na que se incluirán aquelas cláusulas especiais que

deban ser incluídas no contrato e que serán redactadas polo órgano propoñente.

Consideraranse recepcionados os contratos deste artigo cando se asine de conformidade a factura.

Sección terceira

Contratos de elaboración de proxectos de obras

Artigo 57º

Para a elaboración de proxectos de obras, observarase o establecido no capítulo VI do título IV da Lei de contratos das administracións públicas.

Artigo 58º

Os proxectos de obras serán recibidos pola universidade despois da supervisión realizada polo órgano correspondente da administración contratante das obras.

Capítulo VII

Dos convenios de cooperación, colaboración, coordenación e asimilables

Artigo 59º

A universidade, a través dos seus órganos de goberno competentes, poderá celebrar convenios de cooperación, colaboración, coordinación e asimilables con outras administracións e entidades públicas producindo declaracións de efectos plenos entre as partes que o asinan.

Artigo 60º

Os citados acordos deberán incluír, como mínimo:

a) Órganos que os asinen.

b) Distribución do exercicio de funcións ou prestacións de servicios entre as distintas partes.

c) Precisión dos mecanismos necesarios de seguimento, execución e resolución de conflictos.

d) Conexión coa lexislación de aplicación.

e) Especificación dos créditos destinados ó financiamento do mesmo.

Artigo 61º

A universidade poderá realizar convenios de colaboración cos particulares para o fomento de actividades culturais, científicas e outras de interese xeral cos requisitos establecidos no artigo anterior.

Capítulo VIII

Dos acordos de colaboración con institutos e departamentos da universidade para o desenvolvemento de informes, estudios e outro tipo de servicios para a propia universidade

Artigo 62º

A xunta de goberno poderá aproba-la celebración de acordos de colaboración con departamentos, institutos ou profesores universitarios da propia Universidade de Santiago de Compostela para a realización de informes, estudios e outro tipo de servicios.

Artigo 63º

Os citados acordos deberán incluír, como mínimo:

a) Especificación dos créditos destinados ó financiamento deles.

b) Precisión dos mecanismos necesarios para o seu seguimento.

Artigo 64º

A contraprestación económica destes acordos poderá realizarse mediante o incremento do crédito do departamento ou instituto ou mediante retribucións complementarias ó persoal pola colaboración realizada.

Artigo 65º

As retribucións complementarias do persoal do departamento ou instituto pola colaboración realizada deberán ser acordadas polo Consello Social polo procedemento do artigo 46-2 da LRU.

Disposicións adicionais

Primeira.-As disposicións de carácter xeral contidas na regulación do contrato de obras serán aplicables supletoriamente ó resto dos contratos administrativos, sempre que a natureza deles o permitan.

Segunda.-A modificación do presente regulamento será aprobada polo Consello Social logo de proposta da Xunta de Goberno.

Terceira.-As contías a que se refire este regulamento poderán ser modificadas anualmente a través do orzamento da universidade. Cando se trate de contías máximas para a contratación polo procedemento negociado, a modificación producirase automaticamente desde a aprobación de novas contías na lexislación estatal ou autonómica de contratos.

Cuarta.-Autorízase a xerencia para elabora-los formularios e instruccións aclaratorias da presente normativa.

Disposición derradeira

O presente regulamento entrará en vigor a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

9602369