Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 15 de abril de 1996 Páx. 3.355

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 1996, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifican os estatutos da Federación Galega de Actividades Subacuáticas.

Vistos os estatutos da Federación Galega de Actividades Subacuáticas e a acta de aprobacion da súa asemblea xeral extraordinaria do 25-11-1995.

Visto o informe da Sección de Rexistro de Clubs e Asuntos Xurídicos, a Orde do 28 de xullo de 1995, de desenvolvemento do Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Lei 10/1990, xeral do deporte, e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar con efectos desde a aprobación da súa asemblea os estatutos aprobados de conformidade co artigo 8 da Orde do 28 de xullo de 1995 e autoriza-la publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 1996.

Eduardo Lamas Sánchez

Secretario xeral para o Deporte

Estatutos da Federación Galega de Actividades Subacuáticas

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º

1. A Federación Galega de Actividades Subacuáticas no sucesivo Fegas, inscrita no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, co número 160, é unha entidade asociativa privada, se ben de utilidade pública, que se deberá de rexer polos presentes estatutos e, en canto neles non estea previsto, pola Lei 10/1990, do 15 de outubro, do deporte, polo Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a orde que o desenvolve, do 28 de xullo de 1995 (DOG 15/1995) e polas restantes disposicións que en calquera momento lle sexan de aplicación.

2. A Fegas ten personalidade xurídica propia, así como plena capacidade para obrar para o cumplimento dos seus fins e xurisdicción nos asuntos da súa competencia.

3. Posee patrimonio propio independente do dos seus afiliados e carece de ánimo de lucro.

4. A Fegas está integrada na Federación Española de Actividades Subacuáticas, os estatutos da cal acepta, e se obriga a cumplir, sempre que non entren en contradicción cos seus propios estatutos e desde logo dentro do ordenamento xurídico español e autonómico galego.

5. A Fegas ostenta a representación da Federación de Actividades Subacuáticas, ante a autonomía de Galicia, en canto se relacione coa actividade subacuática deportivo-recreativa e cultural.

6. A Fegas non admite ningún tipo de discriminación, por ela ou os seus membros, por razón de nacemento, raza, sexo, opinión, ou calquera outra circunstancia persoal ou social.

7. A Fegas ten o seu domicilio na Coruña, calle Miguel Servet, 3-1º dereita, e por acordo da xunta directiva, poderá ser trasladado dentro do mesmo termo municipal, precisando o cambio de domicilio a outro municipio acordo da asemblea xeral e conseguinte modificación estatuaria.

Artigo 2º

A Fegas está integrada polos clubs deportivos federados de ámbito autonómico, inscritos no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas de Galicia, que entre as súas actividades conten con calquera modalidade subacuática deportivo-recreativa, e polos deportistas, técnicos, xuíces e árbitros de actividades subacuáticas.

Artigo 3º

O ámbito de actuación da Fegas, no desenvolvemento das competencias que lle son propias, esténdese a toda a autonomía de Galicia.

Artigo 4º

Correspóndelle á Fegas, como actividade propia, o goberno, administración e regulamentación das

diversas actividades subacuáticas deportivo-recreativas na Comunidade galega. En particular, correspóndelle á Fegas desenvolver os programas de ensino do mergullo deportivo-recreativo que emanen da Escuela Nacional de Mergullo Autónomo Deportivo, (ENMAD), para os niveis de mergullador, monitor ou instructor.

Así mesmo correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Ostenta-la representación da Federación Española de Actividades Subacuáticas, así como de calquera outra organización internacional á que poida adherirse, na autonomía galega, en todas aquelas especialidades deportivo-recreativas consideradas como actividades subacuáticas.

b) Ostenta-la representación de Galicia en calquera das epecialidades deportivo-recreativas consideradas como actividades subacuáticas, ante calquera autoridad deportiva, internacional, nacional, autonómica, ou de calquera outra orde.

c) Contrata-lo personal necesario para o cumprimento das súas funcións e a prestación dos seus servicios.

d) Cualificar e organizar, se é o caso, as actividades e competicións de ámbito social, local, provincial, e autonómico, así como, logo de consulta á Secretaría Xeral para o Deporte, as de carácter nacional ou internacional.

e) Actuar en coordinación coa Federación nacional, ou con outras federacións autonómicas, na promoción xeral das actividades subacuáticas.

f) Deseñar, elaborar e executar, en colaboración coa Federación nacional ou outras federacións autonómicas, os proxectos de preparación dos deportistas de alto nivel nas especialidades subacuáticas, así como participar nas listas anuais deles.

g) Colaborar coa Comunidade Autónoma, e a Federación Nacional de Actividades Subacuáticas, na formación de técnicos deportivos, e na prevención, control e represión no uso de substancias e fármacos prohibidos e métodos non regulamentados no deporte.

h) Exerce-la potestade disciplinaria deportiva, nos termos establecidos na Lei do deporte, 10/1990, do 15 de outubro, e Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, as súas específicas disposicións de desenvolvemento e os seus estatutos e regulamentos.

i) Controlar e supervisa-las subvencións de todo tipo que outorgue ós clubs, ós deportistas e ós técnicos, nas condicións que fixe a Secretaría Xeral para o Deporte.

j) Executar, se é o caso, as resolucións do Comité Galego de Disciplina Deportiva.

k) En xeral, cantas actividades e funcións non se opoñan, menoscaben ou destrúan o seu obxecto.

Artigo 5º

Contra os actos realizados pola Fegas, no servicio das funcións públicas de carácter administrativo,

poderase recorrer ante o conselleiro da Presidencia da Xunta de Galicia. As súas resolucións agotarán a vía administrativa.

Artigo 6º

A organización territorial da Fegas concrétase nas provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Na súa virtude, tal organización confórmase polos seguintes clubs, que en cada momento estean presentes no libro de rexistro da federación.

TÍTULO II

Dos clubs e entidades deportivas

Artigo 7º

Son clubs e entidades deportivas de actividades subacuáticas as asociacións privadas integradas por persoas físicas ou xurídicas, que teñan por obxecto a promoción dunha ou varias especialidades deportivas subacuáticas, a práctica das mesmas polos seus asociados, así como a participación nas súas actividades e competicións.

Deberán inscribirse no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, o que se acreditará á Fegas por medio de certificación da inscrición, para o seu recoñecemento.

Artigo 8

Para participar en actividades e competicioós, os clubs e entidades deportivas deberán inscribirse previamente na Fegas, a través da cal se inscribirán na Federación Española de Actividades Subacuáticas.

Os clubs e entidades deportivas federados deberán aceptar todas aquelas disposicións e regulamentos que se dicten no ámbito interno da federación autónoma, ou da propia federación española. No suposto de vulnera-las ditas disposicións, recaería sobre eles o prexuízo ó que dera lugar a través do réxime disciplinario correspondente.

TÍTULO III

Dos deportistas

Artigo 9º

Son os deportistas da Fegas as persoas físicas titulares de licencia federativa.

Para a súa participación nas actividades e nas competicións de calquera modalidade subacuática, será requisisto indispensable estar en posesión da licencia federativa en vigor.

Artigo 10º

Os deportistas con licencia federativa quedan sometidos ás normas que rexan a práctica de calquera tipo de actividade subacuática, así como as das competicións oficiais.

TÍTULO IV

Dos comités

Artigo 11º

A Fegas poderá crear cantos comités considere necesarios para a mellor organización, representación e salvagarda das súas actividades e intereses.

Artigo 12º

Os diferentes comités da Fegas teñen unha función esencialmente técnica; por iso, tódalas decisións políticas corresponden integramente á asemblea xeral, á comisión delegada e á xunta directiva, se é o caso.

Artigo 13º

O presidente de cada comité será nomeado polo presidente da Fegas, excepto o do comité deportivo, que o será a proposta dos colectivos ou estamentos interesados.

Artigo 14º

Na actualidade existen os seguintes comités, dentro do ámbito da Fegas:

a) Comité deportivo, integrado polas seguintes seccións ou departamentos:

-Natación con aletas.

-Pesca submarina.

-Orientación subacuática.

-Imaxe submarina.

b) Comité científico cultural, integrado polas seguintes seccións ou departamentos:

-Patrimonio arqueolóxico.

-Bioloxía submarina-Medio ambiente.

c) Comité técnico, integrado polas seguintes seccións ou departamentos:

-Ensino (escola galega).

Centros e escolas.

d) Comité de árbitros, xuíces e comisarios.

Artigo 15º

Os comités poderán dispoñer dun regulamento de orde interna, sempre e cando estes non entren en oposición cos estatutos e demais disposicións da Fegas.

Artigo 16º

A xunta directiva poderá acordar a constitución de outros comités, comisións, seccións ou departamentos, que estime oportunos para o mellor funcionamiento da Fegas.

TÍTULO V

Dos órganos da Fegas

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 17º

Son órganos da Fegas:

a) De goberno e representación:

1. A asemblea xeral e a súa comisión delegada, de asistencia a ela.

2. O presidente.

b) Complementarios:

O secretario da federación.

A xunta directiva.

O tesoureiro.

c) De réxime interno:

1. O comité deportivo.

2. O comité técnico.

3. O comité científico cultural.

4. O comité de árbitros, xuíces e comisarios.

5. O comité de disciplina deportiva.

A Fegas poderá crear todos aqueles órganos que considere necesarios para o seu mellor desenrolo e funcionamento.

Artigo 18º

Son requisitos para ser elector e elixible dos citados órganos de representación e goberno da Fegas, os seguintes:

1. Te-la condición política de galego, segundo o disposto no artigo 3 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia.

2. Te-la maioría de idade civil.

3. Estar en posesión da licencia federativa, no momento da convocatoria das eleccións, e tela tido igualmente durante o ano anterior.

4. Non estar inhabilitado para desempeñar cargos públicos.

5. Estar en pleno uso dos seus dereitos civís.

6. Non estar suxeito a sanción disciplinaria deportiva que inhabilite para iso.

7. Non estar incurso nas incompatibilidades legais, estatutarias ou que emanen de disposicións de rango interior.

8. Os específicos que para cada caso, se os houbera, determinen os presentes estatutos ou disposicións internas.

Artigo 19º

1. Tódolos membros dos órganos colexiados federativos que formen parte deles por elección desempeñarán o seu mandato por plazo de catro anos, coincidindo cos anos dos Xogos Olímpicos de inverno, e poderán en todo caso ser reelixidos, agás no suposto recollido nos presentes estatutos.

2. No caso de que, por calquera circunstancia, non esgotaran aquel período de mandato, os que ocupen as vacantes exercerán o cargo por tempo igual ó que lles quedase por cumprir ós substituídos, os cales non poderán presentarse a unha nova elección ata que transcorra o período para o que foron elixidos.

3. No caso de que resultasen elixidos menor número de membros que os postos que correspondan por cada estamento, os ditos postos, sen prexuízo do que máis adiante se dirá, quedarán incialmente sen cubrir. Os candidatos presentados e votados que non reuniran os votos necesarios para acceder á asemblea xeral da Fegas quedarán como suplentes pola súa orde, para ocupa-las posibles vacantes que se poderían producir.

Se as vacantes se produciran por ser menor o número de candidatos presentados nalgunha ou algunhas circunscricións electorais, ou cando non existan ou se esgotasen os suplentes, deberase de convocar nova elección para o estamento de que se trate, de acordo co Regulamento electoral da Fegas. Correspóndelle ó presidente, convoca-las ditas eleccións parciais, que deberán axustarse ás normas que regulan as eleccións xerais da asemblea federativa.

4. Excepcionalmente os diversos comités da Fegas, poderán reflectir nos seus regulamentos internos diferentes períodos electorais, así como a posibilidade de establecer mandatos por tempo máis corto.

Artigo 20º

1. As sesións dos órganos colexiados da Fegas serán sempre convocadas polo seu presidente, ou a requirimento deste, ou polo secretario, e terán lugar cando aquel o acorde e, desde logo e ademáis, nos tempos que, se é o caso, determinan as disposicións estatuarias ou regulamentarias.

2. A convocatoria dos órganos colexiados da Fegas efectuarase dentro dos termos que en cada caso concreto prevean os presentes estatutos; en ausencia de tal previsión e en supostos de especial urxencia, a mesma efectuarase cunha antelación mínima de corenta e oito horas.

3. Quedarán validamente constituídas, en primeira convocatoria, cando asista a metade máis un dos seus membros e, en segunda, que terá lugar media hora máis tarde , con calquera número de asistentes.

Isto será sen prexuízo daqueles supostos específicos nos que os presentes estatutos requiran un quórum de asistencia maior.

4. Correspóndelle ó presidente dirixi-los debates coa autoridade propia do seu cargo.

5. Os acordos adoptaranse por maioría simple, salvo nos supostos nos que os presentes estatutos prevean un quórum máis cualificado.

6. De tódalas reunións levantarase acta do xeito previsto no presente ordenamento.

7. Os votos contrarios ós acordos dos órganos colexiados, ou as abstencións motivadas, non eximirán das responsabilidades que puideran derivarse da súa adopción.

Artigo 21º

1. Son dereitos dos membros da organización federativa:

a) Tomar parte nas deliberacións, expresando libremente as súas opinións en cantas cuestións sexan obxecto de tratamento ou debate, no seo do órgano do que sexan membros, e exerce-lo seu dereito de voto, facendo constar, se é o caso, se o desexan, o particular razoado que emitan.

b) Intervir nas tarefas federativas, propias do cargo ou funcións que obstenten, cooperando na xestión que completa ó órgano ó que pertenzan.

c) Coñece-lo contido das actas das sesións do órgano do que formen parte.

d) As demais que regulamentariamente se establezan.

2. Son as súas obrigacións básicas:

a) Concorrer, cando formalmente sexan citados, ás reunións, salvo causa de forza maior.

b) Desempeñar na medida do posible as comisións que se lles encomenden.

c) Colaborar lealmente na xestión federativa, gardando, cando sexa necesario, segredo sobre as deliberacións.

d) Non efectuar manifestacións públicas, orais ou escritas, contrarias ós presentes estatutos ou normas que os desenvolvan, e principalmente en contra dalgunha das contempladas no artigo 14º desenrolado anteriormente.

e) As demais que se determinen por vía regulamentaria.

Artigo 22º

1. Os membros dos órganos da Fegas cesan polas seguintes causas:

a) Expiración do período do mandato.

b) Remoción nos supostos que proceda, por non tratarse de cargos electivos.

c) Demisión.

d) Incapacidade que impida o desempeño do cargo.

e) Inhabilitación ou incompatibilidad legal ou estatutaria.

f) Suspensión ou cesamento por expediente disciplinario, incoado no uso das facultades da Fegas.

g) Non mante-la licencia federativa en vigor.

2. O cesamento do presidente da Fegas levarase a término mediante o voto de censura, que deberá reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser sonstructivo, e que se formule por un tercio, polo menos, dos membros da asemblea xeral, formalizado individual ou colectivamente, mediante escrito motivado e asinado, ó que se xunta fotocopia do DNI.

b) Que se aprobe pola mitad máis un dos membros de pleno dereito, que integran a asemblea xeral, sen que, en ningún caso, se admita o voto por correo.

c) Que se propoña un candidato alternativo que, de prospera-la moción, salería elixido presidente.

Artigo 23º

Non se poderá presentar nova moción de censura ata transcorrer un ano desde a proposta da última presentada e non aceptada.

Capítulo II

Dos órganos de goberno e representación

Sección primeira

Da asemblea xeral

Artigo 24º

1. A asemblea xeral é o órgano superior de goberno e representación da Fegas.

2. O número de membros da asemblea xeral será fixado na convocatoria de eleccións a ela, distribuíndose segundo as seguintes porcentaxes:

-Entidades deportivas inscritas na federación, entre un 60% e un 75%.

-Deportistas, entre un 15% e un 20%.

-Técnicos, entre un 2% e un 5%.

-Xuíces e árbitros, entre un 2% e un 5%.

-Outros colectivos, se os houbera, entre un 6% e un 10%.

3. A asemblea xeral poderase reunir en pleno ou en comisión delegada.

4. O funcionamento e desenvolvemento da asemblea xeral se organizará polo pertinente regulamento interno.

Artigo 25º

Serán requisitos xerais para ser electores e elixibles:

a) Ter cumpridos os dezaoito anos.

b) Estar en posesión da licenciatura federativa no momento da convocatoria, e que a tiveran durante o ano anterior, e ter participado, tamén na temporada anterior, en competicións, actividades ou cursos de mergullo deportivo-recreativo de carácter oficial.

c) As entidades deportivas inscritas na Fegas, nas mesmas circunstancias que as sinaladas no apartado anterior.

d) Os xuíces, técnicos e árbitros, e outros colectivos interesados, así mesmo en idénticas circunstancias ás sinaladas no apartado b).

Artigo 26º

1. Correspóndelle á asemblea xeral en reunión plenaria e con carácter necesario:

a) A aprobación do orzamento anual e a súa liquidación.

b) A aprobación do calendario deportivo, no que respecta ás diversas actividades, e das bases e regulamentos que as rexan.

c) A aprobación dos regulamentos.

d) Aprobación e modificación dos estatutos.

e) A elección e cesamento do presidente.

f) A elección da comisión delegada, así como a súa eventual renovación.

2. Correspóndelle ademais:

a) Autoriza-lo gravame ou alleamento de bens, cando o importe da operación sexa superior ou igual ó 10% do orzamento da Fegas, ou a 2.000.000 de pesetas, precisándose para tal aprobación a maioría absoluta de votos.

Estas cantidades poderán ser revisadas anualmente pola Secretería Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

b) Otorga-la súa aprobación, así como a cuantía das axudas de custo, que por gastos de representación teñan que percibi-lo presidente e directivos, requiríndose para a súa aprobación a metade máis un dos votos.

c) Resolve-las proposicións que lle someta a xunta directiva, ou os propios asembleístas, de acordo co regulamento interno.

d) As demais competencias que se conteñen no presente ordenamento ou que se otorguen regulamentariamente.

3. Poderán tratarse na asemblea, cando concorran razóns de especial urxencia, asuntos ou propostas que presenten o presidente ou a xunta directiva, ata 48 horas antes da data da sesión, sen necesidade de anuncio ou incluso no mesmo acto da celebración da asemblea, sempre e cando se acepte a petición por parte da maioría dos membros asembleístas presentes.

Artigo 27º

1. A asemblea xeral reunirase en sesión plenaria, unha vez ó ano, antes de comeza-la nova tempada deportiva, e sempre dentro do primeiro semestre de cada ano.

2. As demais reunións terán carácter extraordinario e celebraranse a instancias do presidente, por acordo da comisión delegada, adoptado pola maioría, ou por proposta dun número de membros non inferior ó 25%.

3. A convocatoria da asemblea corresponderalle ó presidente da Fegas, e deberá realizarse cunha antelación de 15 días, salvo no suposto de que a convocatoria sexa a instancia dun número de membros suficiente, en que deberá ser convocada nun prazo de 10 días naturais. Desde a convocatoria ata a dat1a da celebración da asemblea, non poderán transcorrer máis de 20 días naturais.

Á convocatoria deberá adxuntárselle a orde do día, así como a documentación concernente ós asuntos que vaian a tratarse.

Artigo 28º

As vacantes que se produzan na asemblea xeral poderán ser cubertas na forma regulamentariamente determinada no artigo 19º.3 dos presentes estatutos.

Sección segunda

Da comisión delegada da asemblea xeral

Artigo 29º

1. A comisión delegada da asemblea xeral estará composta polo 15% dos membros da asemblea. En ningún caso este número será inferior a 5 nin superior a 15.

Será elixida pola asemblea xeral, de entre os seus membros, e o seu mandato coincidirá co da citada asemblea.

2. Se se produce algunha vacante, será cuberta co seguinte candidato máis votado.

3. O presidente da Fegas, convocará a comisión delegada, que se reunirá, como mínimo, cada 4 mneses, para os fins da súa competencia e polo menos para realiza-lo seguimento da xestión deportiva e económica da Fegas.

Artigo 30º

Correspóndelle á comisión delegada da asemblea xeral:

a) A elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

b) A modificación do calendario deportivo de ámbito autonómico.

c) A modificación dos orzamentos e dos regulamentos.

d) O seguimento da xestión deportiva e económica da Fegas.

As modificacións non poderán exceder dos límites e criterios que a propia asemblea xeral establezca.

A proposta sobre os temas a tratar pola comisión delegada, correspóndelle ó presidente da Fegas, ou a dous tercios dos seus membros.

Sección terceira

Do presidente

Artigo 31º

1. O presidente da Fegas é o órgano executivo dela. Ostenta a súa representación, convoca e preside os órganos de goberno e representación e executa os acordos deles.

2. Así mesmo o presidente da Fegas será membro da asemblea xeral e da comisión delegada, como presidente delas, sendo o seu voto de calidade, en caso de empate, na adopción dos acordos. Tamén preside a xunta directiva, e é o executor dos acordos de tódolos órganos.

Ten ademais dereito a asistir a cantas sesións celebren os órganos e comisións federativas. Así mesmo nomeará os presidentes dos diversos comités.

3. Correspóndenlle, en xeral, e ademais das que se determinan nos presentes estatutos, as atribucións non encomendadas especificamente á asemblea xeral, á súa comisión delegada e á xunta directiva.

4. Será elixido cada catro años, coincidindo cos anos de Xogos Olímpicos de inverno mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto, polos membros da asemblea xeral.

Ós candidatos a ostenta-la presidencia da Fegas non lles será esixible formar parte da asemblea xeral, pero neste suposto, deberán ser avalados polo 10 por cento dos membros da dita asemblea, aval innecesario para os candidatos que formen parte de dito órgano.

A súa elección levarase a cabo por maioría absoluta de votos. No caso de que ningún candidato acadase a maioría absoluta, procederase a unha segunda votación, entre os dous candidatos máis votados, resultando elixido o que obteña a maioría dos votos.

Para a súa elección non será válido o voto por correo.

5. Non poderá ser reelixido presidente quen ostentara ininterrompidamente tal condición durante os tres períodos inmediatamente anteriores, calquera que fora a duración efectiva destes.

6. Nos supostos de ausencia, enfermidade, ou calquera outra causa que impida transitoriamente desempeña-las súas funcións, o presidente será substituido polos vicepresidentes, na súa orde, en defecto deles, polo tesoureiro, e en última instancia, polo membro de maior antigüedade, ou polo de máis idade, se aquela fora a mesma.

7. Cando o presidente cese no cargo, por concluí-lo tempo do seu mandato, a xunta directiva constituirase en comisión xestora, e convocará eleccións ós órganos de goberno e representación da Fegas, en termo non superior a treinta días. A comisión xestora, elaborará o regulamento electoral, que incluirá o calendario electoral e o calendario correspondente ós comicios, que serán aprobados definitivamente pola asemblea xeral, e comunicado á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Se o presidente cesara por calquera outra causa distinta, ocupará o seu cargo o vicepresidente, ou a persoa que regulamentariamente quede designada mentres se prepara o proceso á elección de quen teña que substuílo, que ocupará o cargo, por tempo igual ó que lle quedase por cumplir ó substituído, sendo ademais de aplicación no que a este respecta a norma que prevé o artigo 19º.2 de presente ordenamento.

8. Mentres desempeñe o seu mandato o presidente non poderá exercer cargo ningún noutro órgano federativo, salvo que estatutariamente lle corresponda, nin en entidade, asociación ou clubs suxeitos á disciplina federativa, ou en federación deportiva española que non sexa a de actividades subacuáticas.

Capítulo III

Dos órganos complementarios

Sección primeira

Da xunta directiva

Artigo 32º

1. A xunta directiva é o órgano colexiado complementario dos de goberno e representación, que asiste ó presidente, e á quen compete a xestión da Fegas.

2. Estará composta por un número de membros non inferior a 5 nin superior a 15, todos eles designados polo presidente, a quen tamén lle corresponde a desiganción de cargos e a súa remoción.

3. A xunta directiva terá ó menos un vicepresidente, que substituirá ó presidente, no caso de ausencia.

Terá ademais un tesoureiro que colaborará co presidente, no caso de ausencia, enfermidade ou outros análogos.

4. Son competencias da xunta directiva:

a) Controla-lo desenvolvemento e bo fin das competicións, nos casos en que corresponda.

b) Elabora-los regulamentos internos dos distintos comités, seccións ou departamentos integrantes da Fegas.

c) Conceder honras e recompensas, de acordo co correspondente regulamento interno.

d) Publicar, mediante circular, as disposicións dictadas pola propia xunta directiva, e os acordos que adopten no exercicio das súas facultades.

e) Todas aquelas conferidas pola regulamentación interna da Fegas.

5. Os membros da xunta directiva cooperarán por igual na xestión que a ela compete e responderán diso ante o propio presidente.

6. Os membros da xunta directiva non poderán desempeñar cargo ningún, noutra federación deportiva.

7. Os membros da xunta directiva que non o foran da asemblea xeral, terán dereito a asistir ás sesións desta, con voz, pero sen voto.

8. A xunta directiva reunirase xeralmente unha vez ó mes, ou cando o decida o presidente, a quen lle corresponderá, en todo caso, a súa convocatoria, así como a determinación dos asuntos a tratar en cada reunión. O prazo mínimo de convocatoria será de 48 horas.

Os acordos adoptaranse por maioría simple, dirimindo os eventuais empates o voto de calidade do presidente.

9. Os membros da xunta directiva son especificamente responsables dos actos, resolucións ou acordos adoptados, ante a asemblea xeral, a cal, se así se decidise pola maioría de dous tercios dos que de pleno dereito a integran poderá solicita-la destitución destes ó presidente da Fegas.

Seción segunda

Do secretario e do tesoureiro

Artigo 33º

O secretario da Fegas, que poderá ser membro da xunta directiva, será nomeado polo presidente. Exercerá as funcións de fedatario e asesor, e máis específicamente as seguintes:

a) Levanta-las actas das sesións dos órganos de goberno e representación da Fegas con indicación dos asistentes, temas tratados, resultado das votacións e, se é o caso, os votos particulares contrarios ós acordos adoptados.

b) Expedi-las certificacións oportunas dos acordos dos órganos de goberno e representación.

c) Remitir á Secretaría Xeral para o Deporte, as actas das reunións da asemblea xeral e da comisión delegada, no prazo de 15 días desde a data da súa celebración.

d) Informar ó presiente e á xunta directiva, nos casos en que sexa requirido para iso.

e) Resolve-los asuntos do trámite.

f) Exerce-la xefatura do personal da Fegas.

g) Coidar do exacto cumprimento dos acordos dos órganos federativos.

h) Asina-las comunicacións e circulares.

i) Todas aquelas funcións que regulamentariamente queden establecidas, ou lle sexan delegadas polo presidente.

Artigo 34º

O tesoureiro da federación, é o órgano de administración da Fegas, correspondéndolle o exercicio das seguintes funcións:

a) Leva-la ccontabilidade da federación.

b) Exerce-la inspección económica de tódolos órganos da federación.

c) Elaborar e presentar balances do estado contable da federación á comisión delegada.

d) Informar á asemblea xeral, á súa comisión delegada, ó presidente e á xunta directiva, sobre as cuestións que lle sexan sometidas ou que considere relevantes para a boa orde económica.

e) Cantas funcións lle encomenden as normas regulamentarias da Fegas.

TÍTULO IV

Do réxime disciplinario

Artigo 35º

O ámbito da disciplina federativa esténdese ás infraccións dos regulamentos propios das activiades subacuáticas, infraccións das regras de competición ou das normas xerais deportivas, todas elas dentro do ámbito das actividades subacuáticas, tipificadas na Lei do deporte, nas súas disposicións de desenrolo, e no propio regulamento interno do Comité de Disciplina Deportiva da Fegas.

Artigo 36º

A disciplina deportiva réxese pola Lei 10/1990, de outubro, do deporte, e Real decreto 159/1992, do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva, polos presentes estatutos e pola regulamentación federativa que os desenvolve.

Artigo 37º

A Fegas exerce a potestade disciplinaria sobre tódalas persoas que formen parte da súa propia estructura orgánica sobre os clubs e as entidades, os deportistas, os técnicos, os xuíces, os árbitros, os colectivos interesados, así como sobre os dirixentes, en xeral sobre todas aquelas persoas ou entidades que, estando adscritas á Fegas desenvolven funcións ou exercen cargos no ámbito autonómico de Galicia.

Artigo 38º

A potestade disciplinaria da Fegas exerceraa o Comité de Disciplina Deportiva.

O Comité de Disciplina Deportiva exercerá a potestade disciplinaria sobre toda competición ou actividade subacuática, que non exceda do ámbito da autonomía de Galicia. Así mesmo tamén intervirá nos supostos de infraccións das normas das actividades subacuáticas. A intervención do Comité de Disciplina Deportiva levarase a cabo de oficio, a solicitude de parte interesada ou en virtude de denuncia motivada.

No caso do ensino do mergullo deportivo-recreativo, serán competencias da Fegas tódalas infraccións cometidas polo persoal docente, ou nos supostos de vulneración de normas ou regulamentos.

Artigo 39º

1. Na determinación da responsabilidade das infraccións deportivas cometidas os órganos disciplinarios federativos deberán aterse ós principios informadores do dereito sancionador.

2. Non poderá impoñerse sanción ningunha por accións ou omisións non tipificadas como infracción no momento de producirse, polas disposicións nese momento vixentes.

3. Só poderán impoñerse sancións en virtude do expediente instruído para o efecto, con audiencia do interesado anterior á resolución do expediente e ulterior dereito a recurso.

Artigo 40º

1. Iniciado o expediente e con suxeición ó principio de proporcionalidade, o Comité de Disciplina Deportiva, de oficio ou por moción razoada do instructor, poderá acorda-las medidas provisionais que estime oportunas.

2. As sancións impostas a través do correspondente expediente disciplinario, serán inmediatamente executadas, sen que os recursos interpostos contra elas paralicen ou suspendan a súa execución. Esta regra excepcionalmente non rexerá nos supostos de clausura do recinto deportivo, a petición expresa e fundada do interesado, e nos expedientes disciplinarios seguidos en procedemento extraordinario.

3. En calquera caso, ponderarase, como especial circunstancia para acceder a deixar en suspenso a executividade do acto recorrido, os prexuízos de difícil ou imposible reparación que puideran derivarse do seu cumprimento.

Artigo 41º

As resolucións deberán expresa-la tipificación do feito que se sanciona, con cita do precepto violado e expresión do rescurso que cabe interpoñer, indicando o órgano ó que dirixilo, e o prazo establecido para iso.

Artigo 42º

1. Os acordos dos órganos disciplinarios federativos deberán notificarse ós interesados mediante oficio, carta, telegrama, télex, fax ou calquera outro

medio que permita ter constancia da súa recepción, dirixíndose ó domicilio que figure nos libros de rexistro da Fegas, ou ó que, para eses efectos, sinalara no procedemento.

2. As notificacións deberán conte-lo texto íntegro da resolución ou acordo, coa expresión dos recursos que procedan, do órgano ante o que teñan que formalizarse e do prazo para interpoñelos.

Artigo 43º

O Comité de Disciplina Deportiva da Fegas estará formado:

A) En primeira instancia, por un xuíz único.

B) En segunda instancia, por un comité de apelación.

O comité de apelación estará formado por un máximo de 5 membros, 3 deles titulares, e 2 suplentes, para cubri-los casos de ausencia ou enfermidade dos titulares.

A designación dos membros do comité correrá a cargo da xunta directiva.

Tanto o xuíz único como o presidente do comité de apelación serán nomeados polo presidente da Fegas, por proposta dos membros que compoñan o Comité de Disciplina Deportiva.

A duración do mandato dos membros do comité será a mesma que a dos órganos de goberno e representación da Fegas, e cesarán no cargo unha vez que se procedese á designación de novos membros.

Artigo 44º

As faltas poden ser moi graves, graves e leves, determinación que se fará con base ós principios e criterios establecidos regulamentariamente.

Artigo 45º

1. Consideraranse, en todo caso, como infraccións moi graves ás regras do xogo ou competición ou ás normas deportivas xerais dentro do ámbito da práctica ou ensino das actividades subacuáticas, as seguintes:

a) Os abusos de autoridade ou usurpación de atribucións.

b) Os quebrantamentos de sancións impostas.

c) As actuacións dirixidas a predeterminar mediante prezo, intimidación ou simples acordos, o resultado dunha proba ou competición.

d) A promoción, incitación, consumo ou utilización de prácticas prohibidas a que se refiere o artigo 55 da Lei do deporte, así como a negativa a someterse ós controis esixidos por órganos e persoas competentes, ou calquera acción ou omisión que impida ou perturbe a correcta realización dos ditos controis.

e) A falta de asistencia inxustificada ás convocatorias das seleccións autonómicas, e a non participación ou incomparecencia inxustificada ás competicións oficiais ás que se inscribira anteriormente.

f) A manifesta desobediencia ás ordes, regulamentos ou instruccións emanadas de árbitros.

g) Protestas individuais, airadas e ostensibles, realizadas publicamente contra árbitros, comisarios, técnicos, directivos e demais autoridades deportivas.

h) Todas aquelas infraccións ou actitudes que segundo o Regulamento de disciplina deportiva da propia Fegas, e no seu defecto da Federación Española de Actividades Subacuáticas, estean tipificadas como faltas moi graves.

2. Así mesmo se consideran faltas moi graves do presidente e demais membros directivos dos órganos da Fegas, as seguintes:

a) O incumprimento dos acordos da asemblea xeral, así como o Regulamento electoral e demais disposicións estatutarias ou regulamentarias.

b) A non convocatoria nos prazos e condicións legais, de forma sistemática e reiterada, dos órganos colexiados federativos.

c) A inexecución das resolucións do Comité Galego de Disciplina Deportiva.

d) A incorrecta utilización dos fondos ou das subvencións, créditos, avais e demais axudas procedentes do Estado, Comunidade Autónoma, provincia ou concello.

e) O compromiso de gastos de carácter público do orzamento da Fegas, sen a regulamentaria autorización.

f) A organización de actividades ou competicións oficiais, de carácter nacional ou internacional, sen a regulamentaria consulta á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, ou a autorización da Federación Nacional, segundo proceda.

3. Serán, en todo caso, infraccións graves:

a) O incumprimento reiterado das ordes ou instruccións emanadas dos órganos deportivos competentes.

b) Os actos e manifestacións notorias e públicas que atenten á dignidade ou decoro en contra de calquera das especialidades deportivas da Fegas.

c) O exercicio de actividades públicas ou probadas incompatibles coa actividade ou función deportiva desempeñada.

d) Todas aquelas infraccións ou actitudes, que segundo a regulamentación interna da Fegas, ou no seu defecto da federación nacional, ou por analoxía coas anteriores, sexan consideradas faltas graves.

4. Consideraranse infraccións de carácter leve as conductas claramente contrarias ás normas deportivas, que non estean incursas na cualificación de moi graves ou graves, así como todas aquelas reguladas no réxime interior da Fegas, e no seu defecto da Federación Nacional.

Artigo 46º

1. As sancións susceptibles de aplicación polo comité disciplinario, serán as seguintes:

a) A inhabilitación, suspensión ou privación de licencia federativa, con carácter temporal ou definitivo, en adecuada proporción ás infraccións cometidas.

b) A facultade, para os correspondentes órganos disciplinarios, de altera-lo resultado dunha proba ou competición por causa de predeterminación mediante prezo, intimidación ou simple acordo, do resultado.

c) Clausura do recinto deportivo.

d) Amoestación pública.

e) Suspensión dos dereitos recoñecidos nunha determinada titulación.

f) Inhabilitación para a docencia.

g) Sancións de tipo económico.

h) Todas aquelas recoñecidas no Regulamento de disciplina deportiva, e disposicións complementarias.

2. Pola comisión de infraccións enumeradas polo artigo 45º.2, poderán impoñerse as seguintes sancións.

a) Amoestación pública.

b) Inhabilitación temporal de dous meses a un ano.

c) Destitución do cargo.

Artigo 47º

1. As infraccións prescribirán ós tres anos, ó ano, ou ó mes, segundo sexan moi graves, graves ou leves, comezándose a conta-lo prazo de prescrición, o día seguinte ó da comisión da infracción.

O prazo de prescrición interromperase pola iniciación do procedemento sancionador, pero se este permanecese paralizado, durante un mes, por causa non imputable á persoa ou entidade suxeita ó dito procedemento, volverá a corre-lo prazo correspondente, interrompéndose de novo a prescrición ó reiniciarse a tramitación do expediente.

2. As sancións prescribirán ós tres anos, ó ano ou ó mes, segundo se trate das que correspondan a infraccións moi graves, graves ou leves, comezándose a conta-lo prazo de prescrición desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza a resolución pola que se impuxo a sanción, ou dende que se quebrantase o seu cumprimento, se este comezara.

Artigo 48º

As actas subscritas polos árbitros, xuíces ou técnicos directores de probas deportivas-recreativas, constituirán medio documental necesario no conxunto da proba das infraccións ás regras e ás normas deportivas.

Na apreciación das facultades referentes á disciplina deportiva, as declaracións do árbitro, do xuíz ou do técnico director da proba presumiranse certas, salvo error natural manifesto ou proba en contrario.

Artigo 49º

1. Os órganos disciplinarios deportivos deberanlle comunicar ó Ministerio Fiscal aquelas infraccións que puideran revestir caracteres de delicto ou falta penal.

2. Neste caso, os órganos disciplinarios deportivos acordarán a suspensión do procedemento, segundo as circunstancias concorrentes, ata que recaia a correspondente resolución xudicial.

3. No caso de que se acordase a suspensión do procedemento, poderán adoptarse medidas cautelares mediante providencia notificada a tódalas partes interesadas.

TÍTULO VII

Do réxime económico

Artigo 50º

1. A Fegas ten o seu propio réxime de administración e xestión de patrimonio e de orzamento.

2. A Fegas non poderá aprobar orzamentos deficitarios, se ben excepcionalmente a Secretaría Xeral para o Deporte poderá autorizar tal carácter.

3. A administración do orzamento responderá ó principio de caixa única, debendo dedicarse os ingresos propios de forma prioritaria ós gastos da estructura federativa.

4. A contabilidade axustarase ás normas do plan xeral de contabilidade das federacións deportivas galegas.

5. Nos tres primeiros meses de cada ano, deberá formalizarse o balance de situación e as contas de ingresos e gastos, que se elevará á Secretaría Xeral para o Deporte para o seu coñecemento.

Artigo 51º

1. O patrimonio da Fegas está integrado polos bens dos cales ostente titularidade .

2. Constitúen recursos propios e ingresos da Fegas, entre outros, os seguintes:

a) As subvencións que as entidades públicas ou privadas poidan concederlle.

b) As doazóns, herdanzas, legados e premios que lle sexan otorgados.

c) Os beneficios que produzan as actividades e competicións deportivas que organice, así como os derivados dos contratos que realice.

d) Os froitos, rentas e xuros do seu patrimonio.

e) Os préstamos e créditos que obteña.

f) As cotas de amortización de anticipos e préstamos que procedan e o producto do alleamento dos seus bens.

g) Os beneficios que puideran derivarse da percepción de cotas de afiliación ou dereitos de expedición de licencias e titulacións.

h) Os que puideran derivarse da actividade que prevé a letra c) do artigo seguinte.

i) Calquera outro que poidan serlle atribuído por disposición legal, ou en virtude de convenio.

Artigo 52º

A Fegas, no que concerne ó réxime económico, está sometida ás seguintes regras:

a) Deberá aplica-los beneficios económicos, se os houbera, das competicións e actividades que organice, ó desenvolvemento do seu obxecto social.

b) Pode gravar e allea-los seus bens, e tomar diñeiro a préstamo, sempre que tales negocios xurídicos non comprometan de modo irreversible o seu patrimonio ou o seu obxecto social.

Cando se trate de bens inmobles, que foran financiados, en todo ou en parte, con fondos públicos, o seu gravame ou alleamento precisará a autorización da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

c) Pode exercer, con carácter complementario, actividades de carácter industrial, comercial, profesional ou de servicios, e destina-los seus bens e recursos ós mesmos obxectivos, pero en ningún caso poderá repartir beneficios entre os seus membros.

d) Non poderá comprometer grandes gastos de carácter plurianual sen autorización da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, cando o gasto anual comprometido supere o 10% do seu orzamento e supere o período de mandato do presidente.

A dita porcentaxe poderá ser revisada anualmente pola Secretaría Xeral para o Deporte.

e) Deberá someterse ás auditorías que lle sexan esixidas polos organismos competentes, así como a informes de revisión limitada sobre da totalidade dos gastos.

TÍTULO VIII

Do réxime documental e contable

Artigo 53º

1. Integran, en todo caso, o réxime documental e contable da Fegas:

a) O libro de rexistro de clubs e asociacións deportivas, no que constará a súa denominación, domicilio social e filiación dos seus representantes legais.

b) Libro de contabilidade nos que figurarán tanto o patrimonio como os dereitos e obrigacións e os ingresos e gastos da Fegas, precisándose a súa procedencia e destino.

d) Os demais que legalmente sean esixibles.

2. Serán causa de información e exame dos libros federativos, os establecidos polas disposicións legais, ou os pronunciamentos en tal sentido dos xuíces e tribunais, das autonomías deportivas superiores, ou, se é o caso, dos auditores.

TÍTULO IX

Da disolución e extinción da Fegas

Artigo 54º

1. A Fegas extinguirase:

a) Pola revogación do su recoñecemento. Se desapareceran as condicións ou motivacións que deron lugar ó mesmo, ou a Secretaría Xeral para o Deporte estimase o incumprimento dos obxectivos para os que a Fegas foi constituída, instruirase un procedemento dirixido á revogación daquel recoñecemento, con audiencia da propia Fegas, e, se é o caso, dos clubs e entidades deportivas nela integradas. Concluído aquel, a Secretaría Xeral para o Deporte resolverá motivamente, sobre tal revocación e contra o seu acordo caberá interpoñe-los recursos administrativos pertinentes.

b) Por resolución xudicial.

c) Polas demais causas previstas no ordenamento xurídico.

2. No caso da disolución da Fegas, o seu patrimonio neto, se o houbese, aplicarase á realización de actividades análogas, determinándose pola Secretaría Xeral para o Deporte o seu destino concreto.

TÍTULO X

Da aprobación e modificación dos estatutos e regulamentos federativos

Artigo 55º

A aprobación ou reforma dos estatutos e regulamentos da Fegas axustarase ó seguinte procedemento:

1. O proceso de modificación estatuaria, salvo cando fora este por imperativo legal, iniciarase a proposta exclusivamente do presidente da Fegas, de dous tercios dos membros da comisión delegada, ou da maioría da asemblea xeral. As modificacións non poderán exceder dos límites e criterios que a asemblea xeral estableza.

Elaborarase o borrador de anteproxecto sobre das bases acordadas, o cal, unha vez terminado, se elevará á comisión delegada para que emita motivadamente o seu informe. Obtida a conformidade, cursarase o texto, individualmente, a tódolos membros da asemblea xeral, otorgando un plazo non inferior a quince días, para que formulen motivadamente as emendas ou suxerencias que estimen oportunas.

Transcorrido o dito prazo convocarase a asemblea xeral, á que lle corresponde a súa aprobación polas dúas terceiras partes dos seus membros, a cal decidirá tras discutirse as emendas e suxestións presentadas.

Recaída, se é o caso, a pertinente aprobación, elevarase o acordo á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, para o seu coñecemento, publicación no DOG, e inscrición no rexistro correspondente.

2. O proceso de modificación dos regulamentos, iniciarase exclusivamente por proposta do presidente da Fegas, da comisión delegada, ou do estamento interesado, por decisión da maioría dos seus compoñentes.

O anteproxecto que contén as modificacións será elaborado polo estamento interesado, que o elevará á xunta directiva que emitirá informe motivado, poñéndoo en coñecemento de tódolos membros da comisión delegada da asemblea xeral, que disporán dun prazo non inferior a 10 días, para formular motivadamente emendas e suxerencias.

Transcorrido o dito prazo convocarase reunión da comisión delegada, a quen lle corresponde a súa aprobación, por decisión da maioría simple dos seus membros.

A modificación aprobada deberá de comunicarse á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A interpretación destes estatutos, e a determinación de calquera suposto non previsto, será competencia da Fegas, e, en todo caso, consideraranse como dereito supletorio as disposicións civís e penais da lexislación común, e en especial a lexislación de procedemento administrativo e disposicións legais en materia deportiva, sexan autonómicas, nacionais ou internacionais.

Segunda.-O emblema da Fegas, é en forma de escudo:

Consta das seguintes cores: encarnado, negro, azul e branco. Na parte superior está impreso Fegas en negro e fondo de encarnado. A parte inferior está dividida en tres franxas desiguais, de esquerda a dereita, sendo as franxas exteriores de cor branca, e a central de cor azul, onde figura un submarinista.

A Fegas protexerá a debida utilización do escudo, nome e emblemas, tanto da propia Fegas, como da Federación Nacional de Actividades Subacuáticas (FEDAS), e da Confederación Mundial de Actividades Subacuáticas (CMAS), impedindo a toda persoa, entidade, sociedade ou colectividade de dereito público ou privado, que non teña autorización expresa das ditas entidades, facer uso de tales emblemas, denominacións, signos e títulos, e daqueloutros que poidan inducir a confusión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Quedan derrogados os estatutos da Fegas ata agora vixentes, aprobados pola Dirección Xeral de Deportes da Xunta de Galicia, con data do 25 de xaneiro de 1984, co número 160.

Segunda.-Os presentes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ó da notificación da súa aprobación definitiva pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, sen prexuízo da súa posterior publicación no Diario Oficial de Galicia.

96-2156