Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 15 de abril de 1996 Páx. 3.353

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de marzo de 1996 pola que se convocan os Premios Galicia de Comunicación 1996.

Co fin de promocionar todo o que contribúa a profundar na realidade galega, así como para recompensar publicamente o labor que profesionais, institucións e empresas da comunicación veñen realizando neste sentido, a Consellería da Presidencia e Adminstración Pública convoca os Premios Galicia de Comunicación 1996. Para tal efecto,

DISPOÑO:

Artigo único.-Convócanse os Premios Galicia de Comunicación 1996 e apróbanse as súas bases, que se publican como anexo á presente orde. Os gastos que se deriven serán sufragados con cargo á partida 04.07.361.A 480.0 dos presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1996.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO

Bases que rexen a convocatoria dos Premios Galicia de Comunicación 1996.

Primeira.-Poderán optar a estes premios os profesionais, empresas e institucións que durante o ano 1996 realizaran un destacado labor no ámbito da comunicación que contribuíse o afondamento e difusión da realidade galega.

Segunda.-Os Premios Galicia de Comunicación 1996, dotados cada un deles coa contía dun millón de pesetas, excluída a retención regulamentaria, serán cinco:

1. Premio ó mellor labor de comunicación no ámbito nacional, referido á Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Premio ó mellor labor de comunicación en medios impresos galegos e referido a esta comunidade Autónoma.

3. Premio ó mellor labor de comunicación en medios radiofónicos galegos e referido a esta Comunidade.

4. Premio ó mellor labor de comunicación en televisión, referido a Galicia.

5. Premio ó mellor empresa ou institución que destacase por un singular esforzo no campo da comunicación.

Terceira.-O prazo de presentación dos traballos rematará o día 15 de outubro de 1996.

Cuarta.-A presentación farase en sobre cerrado e a solicitude virá asinada polo interesado ou persoa ou institución que propoña o outorgamento do premio en favor dun terceiro. No exterior do sobre figurará como enderezo a Secretaría Xeral de Comunicación (Edificio administrativo nº 1 -central- de San Caetano, Santiago de Compostela) e conterá a documentación seguinte:

a) Se o traballo se difundiu nunha publicación periódica, achegaranse seis exemplares do xornal ou revista no que aparece, indicando cal é o traballo e a que premios opta, así como o nome e enderezo do autor.

Se o traballo se publicou con pseudónimo ou sen asinar, cumprirá presentar un certificado da empresa periodística correspondente que acredite quen é o autor.

b) Se o traballo se radiou ou emitiu pola televisión, presentará dúas cintas co programa ou programas, indicando a que premio opta, así como o nome e enderezo do autor. Presentarase tamén un certificado do director da emisora no que conste a data de emisión e mailo autor.

c) No suposto de concorrer á modalidade establecida no nº 5 da base segunda, xuntarase memoria explicativa do destacado labor realizado no campo da comunicación, con documentación acreditativa dos extremos contidos na memoria de referencia.

Quinta.-O xurado para a adxudicación destes premios será nomeado polo secretario xeral de Comunicación. Constituirano persoas escollidas polos seus coñecementos nas materias obxecto dos premios.

Sexta.-Á marxe do exposto no apartado cuarto destas bases, os membros do xurado poderán presentar libremente a cantos profesionais, empresas ou institucións consideren merecedoras de optar a estes premios.

Sétima.-O veredicto do xurado farase público nun acto que terá lugar a partir da data de recepción dos traballos.

Oitava.-Os traballos recibidos non se lles devolverán ós autores. A Secretaría Xeral de Comunicación poderá publicalos ou emitilos, sen fin lucrativo.

Novena.-As decisións do xurado serán inapelables e o premio ou premios que este considere oportuno poderán ser declarados desertos.

2658