Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 12 de abril de 1996 Páx. 3.339

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 1996 pola que se convoca o III Simposio de Historia da Administración.

A Escola Galega de Administración Pública organiza o III Simposio de Historia da Administración, de acordo coas seguintes bases:

1. Obxectivos.

Este III Simposio de Historia da Administración pública céntrase na análise histórica do funcionariado, como eixe da Administración, e como nos dous simposios anteriores, analizaranse as realidades estatal e galega neste eido. A actividade citada terá lugar os días 6 e 7 de maio de 1996 no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública.

2. Contido.

Trataranse, entre outros, os seguintes temas:

-A retribución dos empregados públicos nos primeiros anos do Estado constitucional.

-A Administración señorial no Antigo Réxime.

-Caciquismo e funcionariado no século XIX en Galicia.

-A selección dos funcionarios públicos de 1808-1964.

-A crítica social do funcionariado na literatura galega.

-A responsabilidade dos funcionarios.

-Socioloxía dos funcionarios.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio de calquera das administracións públicas galegas, e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento e duración.

O simposio abrirase o luns, día 6 de maio, ás 9 horas, e rematará, ás 14.15 h. do día seguinte.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o xoves, día 2 de maio de 1996.

-Lugar de presentación: no rexistro xeral da EGAP (Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4 - 15703, Santiago de Compostela). Tfno. 57 08 00. Telefax nº 57 15 40.

-Forma: as solicitudes de inscrición faranse por escrito, no modelo oficial que figura ó final destas bases. Serán rexeitadas todas aquelas peticións que non reúnan o dito requisito.

As peticións de admisión poderanse enviar por correo ordinario ou por telefax ó número consignado.

-Inscrición fóra de prazo: Só se admitirán de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

A partir do 2 de maio, os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono en días laborables, das 11.30 ás 14.45 horas, ó seguinte número: (981) 57 08 00 (Ext. 229), ou ben consultando a lista de admitidos que se expoñerá no taboleiro de anuncios da EGAP 24 horas despois do remate do prazo de presentación de solicitudes.

6. Certificación de asistencia.

Entregaráselles ó remate deste simposio a aqueles asistentes que concorresen asiduamente a el, e expresarase neste documento a natureza da actividade e a data da súa realización.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 1996.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

2684