Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 12 de abril de 1996 Páx. 3.303

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 1996, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifican os estatutos da Federación Galega de Remo.

Vistos os estatutos da Federación Galega de Remo e a acta de aprobación da súa asemblea xeral extraordinaria de 2-12-1995.

Visto o informe da Sección de Rexistro de Culbs e Asuntos Xurídicos, a Orde do 28 de xullo de 1995, de desenvolvemento do Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Lei 10/1990 xeral do deporte e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar con efectos desde a aprobación da súa asemblea os estatutos aprobados de conformidade co artigo 8 da Orde do 28 de xullo de 1995 e autoriza-la publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 1996.

Eduardo Lamas Sánchez

Secretario xeral para o Deporte

Estatutos da Federación Galega de Remo

(Aprobados pola asemblea xeral extraordinaria celebrada en Santiago de Compostela o 2-12-1995)

Título I

Disposicións xerais

Capítulo I

Denominación, natureza xurídica, obxecto social e domicilio

Artigo 1º

A Federación Galega de Remo (no sucesivo Fegar) é unha entidade privada, sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica propia, cun ámbito territorial que comprende a Comunidade Autónoma de Galicia para cumprimento dos fins que lle son propios. Está integrada polas entidades deportivas, deportistas, técnicos adestradores, xuíces-árbitros e outros colectivos dedicados á práctica do deporte do remo. A Fegar, ademais das súas propias competencias, exerce por delegación funcións públicas de carácter administrativo e actúa como axente colaborador da Administración pública.

Artigo 2º

A Fegar organízase orgánica e funcionalmente de forma democrática e representativa, con personalidade xurídica e patrimonio propio e independente do dos seus asociados, e plena capacidade de obrar, coas limitacións sinaladas pola lei e disposicións vixentes, e pode adquirir, para os seus propios fins, bens de tódalas clases, mobles e inmobles, contratar e obrigarse para o cumprimento do seu obxectivo social e está suxeita ás súas propias responsabilidades.

A Fegar atópase integrada na Federación Española de Remo, e ostenta de maneira exclusiva a representación desta dentro da Comunidade de Galicia no referente ó deporte que constitúe o seu obxecto social, conservando en tal integración a súa personalidade xurídica, o seu patrimonio propio e diferenciado, o seu orzamento e o seu réxime xurídico particular. Dada a súa integración na Federación española, está considerada como entidade de utilidade pública.

Artigo 3º

A Fegar non admite ningún tipo de discriminación, por ela ou polos seus membros, por razón de nacemento, raza, sexo, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

Artigo 4º

A Fegar ten como obxecto social promocionar, dirixir ou ordenar con carácter exclusivo dentro de Galicia, sen prexuízo das competencias concorrentes das distintas administracións públicas, as actividades propias da súa especialidade deportiva, en coordinación cos organismos correspondentes da Xunta de Galicia, e rexerase polo disposto no Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Orde do 28 de xullo de 1995 pola que se desenvolve o decreto anterior, polos presentes estatutos e os seus regulamentos, polos da

Federación Española de Remo, no que lle sexan aplicables, e polas disposicións que dicte a Xunta de Galicia e, supletoriamente, a Administración do Estato.

A Fegar é a única entidade competente dentro da Comunidade Autónoma de Galicia para promocionar, regulamentar, organizar, xestionar e controla-las competicións oficiais do deporte do remo, e son as súas principais modalidades:

-Banco fixo (bateis, traiñeiriñas, traiñeiras e outras).

-Banco móbil (tódalas especialidades do remo olímpico).

-Iolas.

-Outras modalidades autóctonas e tradicionais que se poidan crear.

Artigo 5º

A Fegar, dentro da súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, ademais das súas funcións propias de promoción, goberno, administración, xestión e organización do deporte que constitúe o seu obxecto social exercerá, baixo a coordinación e tutela da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, as seguintes funcións públicas de carácter administrativo:

a) A promoción e divulgación do deporte do remo en tódalas súas facetas.

b) Canaliza-los deportistas á práctica do deporte do remo mediante os oportunos cursos de iniciación, formación e perfeccionamento.

c) Apoiar técnica e administrativamente a práctica do deporte do remo, velando ante os organismos competentes pola protección a esta especialidade deportiva dentro de Galicia.

d) Cualificar e organiza-las actividades e competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico galego.

e) Colaborar coa Administración do Estado e a Federación Española de Remo, nos programas e plans de preparación dos deportistas de alto nivel, así como na elaboración das listas dos remeiros.

f) Colaborar coas entidades competentes na formación dos técnicos deportivos especializados.

g) Contribuír á prevención, control e represión do uso de substancias prohibidas e métodos non regulamentarios na práctica do deporte.

h) Colaborar na organización das competicións oficiais de ámbito estatal ou internacional que se celebren no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coas normas e regulamentos autonómicos, nacionais e internacionais que lle sexan de aplicación.

i) Exerce-la potestade disciplinaria sobre os integrantes da federación nos termos previstos na lei.

j) Exerce-lo control das subvencións que se lles asignen ás asociacións e entidades deportivas nas condicións que fixe a Secretaría Xeral para o Deporte.

k) Executar, se é o caso, as resolucións do Comité Galego de Disciplina Deportiva.

l) A representación de Galicia nas actividades e competicións deportivas de carácter estatal organizando as seleccións autonómicas.

m) Calquera outra que lle sexan atribuídas pola lexislación vixente ou que acorde no ámbito da súa competencia a asemblea xeral.

Os actos realizados pola Fegar no exercicio das funcións públicas de carácter administrativo, son susceptibles de recurso ante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública, as resolucións do cal esgotan a vía administrativa.

Artigo 6º

A Fegar ten o seu domicilio social na Coruña, praza de Lugo, 10-3º.

A comisión delegada, por maioría dos seus membros e cando as circunstancias o aconsellen, poderá acorda-lo cambio do domicilio social dentro da mesma cidade. Para o traslado do domicilio a outra cidade, que deberá ser sempre dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, será necesario o acordo maioritario da asemblea xeral. En ámbolos casos, o traslado do domicilio social deberá ser notificado ós afiliados e á Secretaría Xeral para o Deporte.

Por acordo da asemblea xeral, e para efectos puramente de organización interna, poderanse establecer delegacións da Fegar nas localidades de Galicia que decida a citada asemblea.

Capítulo II

Requisitos para ser membro da Federación

Dereitos e deberes

Artigo 7º

Os clubs deportivos poderán integrarse, por petición propia, na Fegar sempre que teñan o seu domicilio social e desempeñen a súa actividade en Galicia e se atopen constituídos conforme os requisitos esixidos para cada modalidade pola lexislación vixente e inscritos no Rexistro de Clubs, Federacións e Asociacións Deportivas da Xunta de Galicia, presentando copia dos seus estatutos debidamente compulsados. Deberán comprometerse a cumpri-los estatutos e regulamentos da Fegar e someterse á autoridade dos órganos federativos, en relación coas materias da súa competencia.

Os mesmos criterios e requisitos, no que sexa de aplicación, rexerán para a integración na Fegar dos deportistas, técnicos, adestradores, xuíces e árbitros.

Artigo 8º

A integración na Fegar levará consigo a integración automática e para tódolos efectos na federación española da mesma especialidade deportiva.

Artigo 9º

A integración na Fegar producirase mediante expedición por parte desta da correspondente licencia federativa ou documento de afiliación ou inscrición. A dita expedición será acordada pola xunta directiva da federación galega. Contra a denegación, que deberá ser motivada, caberá recurso ante a asemblea xeral.

En todo caso, para a participación en actividades ou competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico será preciso estar en posesión da licencia ou documento de afiliación expedido pola Fegar.

Artigo 10º

Tódolos membros da Fegar teñen dereito a recibi-la tutela dela con respecto ós seus intereses deportivos comúns e individuais, así como o de participar nas súas actividades e no funcionamento dos seus órganos, de acordo cos presentes estatutos e cos regulamentos internos daquela. Os membros da Fegar teñen, pola súa vez, o deber de acata-los acordos dos seus órganos, sen que iso obste ó seu dereito de recorrer, ante as instancias federativas competentes, e, se é o caso, ante os tribunais de xustiza ou Secretaría Xeral para o Deporte, segundo proceda, aqueles que consideren contrarios a dereito, e sen prexuízo de acudir á conciliación extraxudicial ou arbitraxe nos termos previstos nas leis.

Capítulo III

Estructura territorial

Artigo 11º

A Fegar estructurarase territorialmente en delegacións, cando así o decida a asemblea.

Cada delegación quedará integrada polos clubs, deportistas, adestradores e xuíces-árbitros, que correspondan ó ámbito territorial fixado pola asemblea xeral para cada delegación.

Artigo 12º

As delegacións axustarán a súa actividade ás normas dictadas pola Fegar a través dos seus órganos que correspondan e, sinaladamente, do seu presidente.

Artigo 13º

Os titulares das delegacións serán nomeados e cesados polo presidente da Fegar, de acordo coa artigo 33º dos presentes estatutos.

A composición do equipo directivo da delegación e a competencia del será de libre facultade do titular da delegación, o cal dará conta ó presidente da Fegar.

Título II

Dos órganos de goberno e representación

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 14º

Son órganos de goberno e representación da Fegar a asemblea xeral e o presidente.

No seo da asemblea xeral deberá constituírse unha comisión delegada de asistencia a ela.

Artigo 15º

1. Serán órganos electivos da Fegar o presidente, a asemblea xeral e a comisión delegada no ámbito das súas respectivas competencias.

Os membros dos demais órganos e comités serán designados e destituidos libremente polo presidente coas excepcións previstas nos presentes estatutos.

2. O nomeamento ou a destitución dos membros dos órganos de goberno e representación, dos órganos complementarios, e dos comités que puidesen crearse dentro da Fegar, deberán ser comunicados a tódolos membros da asemblea xeral e á Secretaría Xeral para o Deporte nun prazo máximo de 15 días a partir da data do nomeamento.

3. Os órganos de goberno e representación da Fegar reuniranse na forma e termos establecidos nestes estatutos; os seus acordos, salvo disposición expresa que dispoña o contrario, adoptaranse por maioría simple; no caso de empate, o presidente terá voto de calidade. Os acordos poderán ser impugnados de conformidade co disposto na lexislación aplicable e nos presentes estatutos.

4. A responsabilidade dos membros dos órganos da Fegar no exercicio das súas funcións será esixida no ámbito disciplinario de conformidade co disposto no Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, e nos ámbitos administrativo, civil e penal de acordo coa lexislación xeral de aplicación.

5. Son requisitos xerais para ser membro de calquera órgano da Fegar, sen prexuízo do establecido regulamentariamente, os seguintes:

a) Te-la condición de cidadán de Galicia, segundo o disposto no artigo 3 de Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia.

b) Ser maior de idade e estar en pleno uso dos dereitos civís.

c) Non estar suxeito á corrección disciplinaria de carácter deportivo que o inhabilite.

d) Non ter sido condenado mediante sentencia penal firme que leve anexa pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para cargo público.

e) Non estar incurso en ningunha causa de incompatibilidade establecida legalmente ou nos presentes estatutos.

f) Reuni-los requisitos específicos propios de cada estamento deportivo.

Capítulo II

Da asemblea xeral

Sección primeira

Natureza, composición, nomeamento e cesamento

Artigo 16º

A asemblea xeral é o órgano superior de goberno e representación da Fegar.

Artigo 17º

A asemblea xeral estará constituída polo presidente da federación e polos representantes dos clubs deportivos, os deportistas, os técnicos-adestradores e os xuíces-árbitros.

As entidades deportivas non poderán ser membros da asemblea xeral, se no momento de convocatoria de eleccións non figuran inscritos no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas da Xunta de Galicia.

Os compoñentes da xunta directiva, por este só carácter, poderán asistir ás reunións da asemblea, con dereito a voz pero sen voto.

O presidente saínte poderá asistir ás sesións da asemblea, con voz pero sen voto.

Artigo 18º

A asemblea xeral está composta por un mínimo de 25 membros e un máximo de 35, e a representación dos estamentos sinalados anteriormente responderá ás seguintes proporcións:

-Clubs deportivos: ente o 60% e o 75%.

-Deportistas: máximo do 20%.

-Adestradores técnicos: máximo 5%.

-Xuíces árbitros: máximo 5%.

-Outros colectivos, se os houber: máximo 10%.

Artigo 19º

A convocatoria de eleccións deberá indicar expresamente o número de membros da asemblea xeral e o de cada un dos estamentos.

Artigo 20º

Os membros da asemblea xeral e a comisión delegada cesarán polas seguintes causas:

a) Defunción.

b) Disolución da entidade á que representan ou baixa na federación.

c) Expiración do mandato para o que foi elixido.

d) Renuncia voluntaria ou demisión.

e) Estar incurso en causa de inelixibilidade ou incompatibilidade legal ou estatutaria.

f) Sanción disciplinaria imposta en forma regulamentaria que implique o cesamento no cargo que ostenta.

g) Perda dos requisitos polos que foron elixidos no seu respectivo estamento.

Artigo 21º

As vacantes que se produzan na asemblea xeral antes das seguintes eleccións xerais a ela serán cubertas, dentro de cada estamento e de maneira sucesiva, polos candidatos que no proceso electoral obtivesen maior número de votos despois dos que resultaron electos e, a falta destes, mediante a realización de eleccións parciais sempre que, neste último caso, as vacantes superen o 20% dos membros da asemblea.

Os elixidos para ocuparen as vacantes a que se refire o apartado anterior ostentarán o seu mandato polo tempo que falte para a celebración das seguintes eleccións.

Sección segunda

Réxime de funcionamento

1. COMPETENCIAS

Artigo 22º

A asemblea xeral, como órgano máximo de goberno e representación da federación, pode adoptar calquera acordo ou decisión sobre ela, con sometemento ás regras de competencia e procedemento. Especialmente son competencias da asemblea xeral as seguintes:

1. A aprobación dos estatutos da federación.

2. A elección mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto do presidente e da comisión delegada da federación, así como o cesamento deles e a moción de censura ó presidente.

3. Aprobación e liquidación do orzamento anual da federación.

4. Aprobación do programa ou calendario deportivo anual que vai desenvolve-la federación e das bases ou regulamentos que rexerán a competición.

5. Aprobación da creación de órganos territoriais da federación.

6. Aprobación do Regulamento de eleccións á asemblea xeral, pesidente e a comisión delegada da Fegar.

7. Aprobación do Regulamento sobre conciliación extraxudicial ou arbitraxe.

8. Aprobación do Regulamento de disciplina deportiva.

9. Calquera outra competencia da federación que non estea expresamente atribuída polos presentes estatutos a outro órgano.

2. CONVOCATORIA

Artigo 23º

A asemblea xeral será convocada polo presidente da federación, cun mínimo de 10 días naturais de antelación á data da súa celebración, no taboleiro de anuncios da federación, debendo incluír necesariamente os puntos da orde do día que se van tratar, ademais da notificación persoal a cada un dos membros ó domicilio que deberá constar na federación 30 días antes da data da convocatoria; a notificación remitirase por calquera medio que permita ter constancia da recepción que terá lugar cunha antelación mínima de corenta e oito horas á hora da reunión. Os defectos formais na convocatoria non darán lugar á nulidade da asemblea sempre e cando os membros dela recibisen a convocatoria coa orde do día no prazo establecido e, en todo caso, a asemblea será válida, sen necesidade de ningún otro requisito, sempre que concorran a totalidade dos membos dela.

A orde do día será notificada no sentido de incorporar novos puntos por petición fundada dun quinto dos membros da asemblea xeral e sempre que esta

incorporación se solicite cunha marxe de tempo suficiente para que poida ser notificada a tódolos membros da asemblea xeral mediante a notificación e a publicación no taboleiro de anuncios da federación cunha antelación mínima de 3 días á data da celebración.

Artigo 24º

O presidente da Fegar deberá convocar unha asemblea xeral ordinaria anualmente dentro dos tres primeiros meses do ano e sempre antes do comezo da tempada deportiva oficial, para trata-los asuntos propios da xestión ordinaria e, como mínimo, para a aprobación da memoria anual de actividades, a aprobación do novo orzamento e a liquidacón do anterior, aprobación do calendario deportivo e das regras que rexerán a competición e o exame e consideración das propostas que formulen os membros da asemblea xeral, da comisión delegada, da xunta directiva e o presidente.

Tódalas demais asembleas terán carácter extraordinario e serán convocadas polo presidente da federación sempre que o coide oportuno, ou por petición dun número de membros que integran a asemblea xeral non inferior ó 25%. Neste caso, os solicitantes deberán formular unha petición por escrito dirixida ó presidente da federación, indicando os puntos que comporán a orde do día. O presidente, no prazo máximo de 10 días naturais desde a entrada da petición no rexistro da federación, deberá convoca-la asemblea xeral con carácter extraordinario, cos requisitos sinalados nestes estatutos, e coa orde do día solicitada, sen incluír ningún outro punto, que se celebrará nun prazo non superior a 20 días naturais desde a convocatoria. No caso de negativa expresa do presidente a efectua-la convocatoria, ou pasados 10 días desde que a solicitude fose efectuada sen ser respondida, os solicitantes poderán facer uso dos dereitos que a lexislación vixente establece, co fin de que a Secretaría Xeral para

o Deporte convoque os órganos colexiados de goberno, garantindo así o cumprimento efectivo das funcións encomendadas ás federacións.

Cando o presidente da federación aprecie a existencia dunha situación urxente que non permita demora na convocatoria da asemblea extraordinaria, poderá convocala sen suxeición a prazo nin requisito de forma ningún agás a citación persoal dos asambleístas que poidan ser localizados nos domicilios que consten na federación. En todo caso, a asemblea requirirá como mínimo a presencia de 2/3 dos seus membros e antes de analiza-la orde do día pronunciarase previamente, por maioría de asistentes, sobre a urxencia da convocatoria e a necesidade ou non da súa celebración. A asemblea xeral convocada desta forma non poderá modifica-los estatutos.

3. CONSTITUCIÓN

Artigo 25º

A asemblea xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando a ela concorran a maioría dos seus membros.

En segunda convocatoria será válida sexa cal sexa o número de asistentes. Deberá mediar un mínimo de media hora entre a primeira e a segunda convocatorias.

4. ADOPCIÓN DE ACORDOS

Artigo 26º

Non será admisible de ningún xeito para a formación da vontade dos órganos colexiados da federación nin para o establecemento do seu quórum o voto por correo nin a delegación de voto; é, polo tanto, necesaria a presencia física dos seus membros. Exceptúanse as eleccións dos membos da asemblea xeral, se así se aprobase no Regulamento electoral.

Con carácter excepcional, os clubs deportivos poderán ser representados de conformidade cos seus propios estatutos, pero o representante non poderá ser membro da asemblea xeral. Ninguén poderá ostentar na asemblea xeral máis dunha delegación de voto.

Artigo 27º

As votacións no seo da asemblea xeral realizaranse na forma e pola orde que a presidencia estableza; é esta a que ten que decidir se teñen que ser ordinarias, nominais ou secretas; se polo menos o 25% dos asistentes solicita unha modalidade determinada, a forma de votación decidirase por maioría simple dos membros da asemblea xeral.

Artigo 28º

A asemblea xeral será presidida polo presidente da federación, e o seu voto será de calidade no caso de empate. Os acordos adoptaranse por maioría simple de asistentes.

Para os efectos de cómputo de quórum e maiorías, cando estes se conformen cun número inexacto de asembleístas, computaranse sempre por exceso e con referencia ó número daqueles efectivamente existentes como membros da asemblea, descontadas as vacantes.

Artigo 29º

De tódolos acordos adoptados na asemblea xeral e comisión delegada, levantará acta o secretario delas, especificando o nome das persoas que intervisen e as demais circunstancias que se consideren oportunas, contido dos acordos adoptados, o resultado da votación e, se é o caso, os votos particulares contrarios ó acordo adoptado.

Os votos contrarios ó acordo adoptado ou as abstencións motivadas eximirán os que os emitan de calquera responsabilidade derivada de tales acordos.

Artigo 30º

Os acordos da asemblea xeral e da comisión delegada serán vinculantes e de obrigatorio cumprimento para a totalidade dos órganos, persoas e entidades que integran a federación e terán forza executiva a partir da data da súa adopción.

Artigo 31º

A asemblea xeral non poderá adoptar ningún acordo ou realizar ningún acto que poida comprometer de forma irrevesible o seu patrimonio ou a actividade que constitúe o obxecto propio da federación.

No caso de dúbida ou por petición dun 25% dos membros de dereito da asemblea, será requisito imprescindible a emisión dun informe favorable por parte dos organismos competentes da Xunta de Galicia.

Capítulo III

Da comisión delegada

Natureza, constitución, composición e funcionamento

Artigo 32º

1. No seo da asemblea xeral deberá consituírse unha comisión delegada que terá carácter electivo e será un órgano de goberno e representación da federación.

2. A comisión delegada será elixida pola asemblea xeral na primeira reunión que esta celebre despois da súa constitución mediante sufraxio entre os membros dela. O seu mandato coincidirá co da asemblea xeral.

3. O número de membros da comisión delegada será o 15% dos membros da asemblea xeral. En ningún caso este número será inferior a cinco nin superior a quince.

Se se producise algunha vacante cubriríase co seguinte candidato máis votado.

4. O presidente da federación convocará a comisión delegada, que se reunirá, como mínimo, cada 4 meses para os fins da súa competencia e polo menos para realiza-lo seguimento da xestión deportiva e económica da federación.

5. Correspóndelle á comisión delegada da asemblea xeral:

a) A elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

b) A modificación do calendario deportivo.

c) A modificación dos orzamentos e dos regulamentos.

d) O seguimento da xestión deportiva e económica da federación.

As modificacións non poderán exceder dos límites e criterios que a propia asemblea xeral estableza.

A proposta sobre os temas que se van tratar na comisión delegada correspóndelle ó presidente ou a dous tercios da comisión delegada.

Capítulo IV

Do presidente

Artigo 33º

O presidente da federación é o órgano de goberno e representación que ostenta a súa representación legal, convoca e preside os órganos de goberno e

representación e executa os acordos deles. O presidente poderá nomear delegados nas localidades aprobadas pola asemblea xeral, que actuarán seguindo as instruccións daquel e por delegación nas funcións que se lle encomenden. Os ditos delegados poderán ser cesados ou substituídos polo presidente segundo o seu criterio.

Artigo 34º

A duración do cargo de presidente será de 4 anos.

No caso de que, excepcionalmente, quede vacante a presidencia antes de que transcorra o prazo para o que foi elixido, considerarase demisionaria toda a xunta directiva, e constituirase a comisión delegada en comisión xestora, presidida polo membro de maior idade. Convocará a asemblea xeral, e esta acordará unha nova elección do presidente para cubri-la vacante polo tempo que falte ata o remate do prazo correspondente ó mandato ordinario. Se a vacante se produce por prosperar unha moción de censura, haberá que aterse ó disposto no artigo 37º destes estatutos.

Artigo 35º

O desempeño do cargo de presidente será causa de incompatibilidade coas seguintes actividades:

a) Ocupación de cargos directivos noutras federacións deportivas; exceptúase a federación española da mesma especialidade deportiva.

b) Desenvolvemento de actividades ou desempeño de cargos en asociacións deportivas, ou clubs dependentes integrados na federación.

c) A persoa que resulte elixida como presidente da federación deberá cesar en todo tipo de actividades directivas no deporte específico e no ámbito territorial da federación.

Non existirá incompatibilidade, en ningún caso, coa práctica activa do deporte.

Artigo 36º

O presidente cesará por:

a) Transcurso do prazo polo que foi elixido.

b) Demisión.

c) Incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.

d) Aprobación dunha moción de censura pola asemblea xeral.

e) Por incorrer en causa de inelixibilidade, ou incompatibilidade. Neste último caso, disporía dun prazo dun mes para cesar no posto que resulte incompatible co de pesidente.

Artigo 37º

A moción de censura ó presidente poderá ser presentada polos membros da asemblea xeral que constitúan polo menos un 25% dela mediante escrito

motivado e asinado individualmente por cada un dos propoñentes, no que se acredite suficientemente a lexitimación dos que a promovesen, presentando o dito escrito no Rexistro da Federación. Na mencionada petición deberán solicitar do presidente a convocatoria dunha asemblea xeral extraordinaria coa dita moción como único punto da orde do día, así como propor un candidato alternativo á presidencia. Para poder prospera-la moción de censura, deberá ser apoiada pola maioría absoluta dos membros de pleno dereito que integran a asemblea xeral.

Para a convocatoria da asemblea xeral extraordinaria a que se refire este artigo, haberá que aterse ó disposto no artigo 23º destes estatutos. A sesión da asemblea xeral na que se debata a moción de censura estará presidida polo membro de maior idade dos presentes que non estea suxeito á moción nin elevase ningunha. Non será válido o voto por correo nin a asistencia por representación. Se a moción de censura non prosperase, non poderá presentarse unha nova moción ata transcorrido un ano desde a última presentada.

Título III

Órganos complementarios dos de goberno e representación

Artigo 38º

Son órganos complementarios dos de goberno e representación da federación, para asistir ó presidente:

a) A xunta directiva

b) O secretario xeral

c) O tesoureiro

Artigo 39º

1. A xunta directiva é o órgano colexiado de xestión da federación. Os seus membros serán designados e destituídas libremente polo presidente.

Estará composto polo número de membros que determine o seu presidente, que non poderá ser inferior a 5 nin superior a 15.

O presidente elixirá entre os membros da xunta directiva polo menos un vicepresidente, que o será tamén da federación, quen substituirá ó presidente por delegación, imposibilidade física ou ausencia temporal; un secretario que, ó mesmo tempo, o será da Fegar, así como o tesoureiro. Tales cargos, por estaren baseados na confianza, poderán ser removidos polo presidente cando o considere conveniente.

Os membros da xunta directiva que non o sexan da asemblea xeral terán acceso ás sesións dela, con dereito a voz pero sen voto.

A xunta directiva poderá constituírse, por motivos de urxencia e coas mesmas facultades desta, en comisión permanente; a súa convocatoria, composición e número de membros, que non será inferior a cinco, será decidida, para cada caso, polo presidente da Fegar.

A convocatoria da reunión da xunta directiva correspóndelle ó presidente, e poderá facelo en tantas ocasións como considere oportuno, determinando os asuntos da orde do día de cada sesión. O prazo mínimo de convocatoria será de 48 horas.

Tódolos cargos serán gratuítos e, no caso de establecerse unha compensación económica a favor dalgún dos membros da xunta directiva, deberá ser expresamente acordada pola maioría absoluta da asemblea xeral e constar de maneira diferenciada no orzamento. En ningún caso a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a federación.

2. O presidente da federación nomeará un secretario, o cal exercerá as funcións de fedatario e asesor, e máis especificamente:

a) Redactar actas das sesións dos órganos de goberno e representación da Fegar, con indicación dos asistentes, temas tratados, o resultado das votacións e, se é o caso, os votos particulares contrarios ó acordo adoptado.

b) Expedi-las certificacións oportunas das actas dos órganos de goberno e representación.

c) Remitirlle á Secretaría Xeral para o Deporte as actas das reunións da asemblea xeral e da comisión delegada no prazo de 15 días desde a data da súa celebración, así como as convocatorias delas.

d) Cantas funcións lle encomenden os estatutos e regulamentos da federación, ou lle sexan delegadas polo presidente.

3. O tesoureiro da federación é o órgano de administración dela. Exercerá como funcións propias:

a) Leva-la contabilidade da federación.

b) Exerce-la inspección económica de tódolos órganos da federación.

c) Elaborar e presentar informes á comisión delegada do estado contable da federación.

d) Calquera outra función que lle encomenden os estatutos e regulamentos da federación.

Artigo 40º

Os membros da xunta directiva cesarán polas seguintes causas:

a) Vacancia da presidencia, sen prexuízo da súa conversión en comisión xestora nos casos previstos nestes estatutos.

b) Demisión.

c) Falecemento ou incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.

d) Por incorrer en causa de inelixibilidade, ou incompatibilidade.

e) Cesados directamente polo presidente co cumprimento das comunicacións a que se refiren os presentes estatutos.

Artigo 41º

A xunta directiva como órgano colaborador do presidente non terá competencias propias e exercerá, por delegación, as que lle encomende o presidente, que poderá avogar e revogar en calquera momento.

Artigo 42º

Os asuntos ordinarios de trámite serán despachados polo presidente e o secretario.

Título IV

Dos órganos técnicos e asesores

Capítulo I

Comisións en xeral

Artigo 43º

1. A federación poderá crear, logo de aprobación pola asemblea xeral, cantas comisións técnicas precise, ademais das seguintes:

a) Os comités de disciplina deportiva: comité de competición ou xuíz único e comité de apelación.

b) Comité de xuíces árbitros.

c) Comité de adestradores.

Tódalas comisións se rexerán polos seus respectivos regulamentos internos e, se é o caso, pola normativa nacional unificada emanada da federación española da mesma especialidade, polo lexislación aplicable, e polo disposto nos presentes estatutos.

Capítulo II

Comité de xuíces-árbitros

Artigo 44º

No seo da federación constituirase, de maneira obrigatoria, un comité de xuíces ou árbitros, o presidente do cal será designado polo presidente da federación.

Serán funcións deste comité:

a) Establece-los niveis de formación arbitral.

b) Clasificar tecnicamente os xuíces ou árbitros, propoñendolle á xunta directiva a adscrición ás cateorías correspondentes. Estas clasificacións comunicaránselle á asemblea xeral.

c) Propoñe-los candidatos a xuíces ou árbitros nacionais.

d) Proporlle á xunta directiva as normas administrativas que regulan a arbitraxe, para a súa posterior aprobación pola asemblea xeral.

e) Designa-los colexiados nas competicións oficiais de ámbito galego.

f) Colaborar cos órganos competentes da federación.

Capítulo III

Comité de adestradores

Artigo 45º

O cimité de adestradores da Fegar é un órgano técnico que ten por obxecto a formación, capaci

tación, actualización e dirección dos adestradores de remo.

Serán funcións deste comité:

a) A colaboración coa Administración pública competente na formación de técnicos deportivos.

b) O estudio e a actualización das diferentes técnicas e sistemas de ensino e adestramento, profesores e adestradores.

c) A organización de cursos e xornadas que redunden no perfeccionamento e actualización permanente dos técnicos deportivos.

d) Manter contactos e relacións con outras entidades de carácter nacional e internacional para intercambio de coñecementos e información.

e) Censar e reunir a tódolos técnicos titulados, velando polo seu prestixio profesional.

f) A divulgación da teoría e práctica do remo e cantos outros coñecementos contribúan ó desenvolvemento deste deporte.

g) Todas aquelas que lles encargue a federación de acordo coa súa natureza.

Tódolos presidentes dos comités serán nomeados polo presidente da federación. O secretario da federación intervirá como secretario de tódolos comités sen voz e sen voto, agás que fose membro deles.

Estes comités poderán adopta-la estructura territorial da federación.

Título V

Réxime electoral

Capítulo I

Os censos

Artigo 46º

Comporán os censos correspondentes a cada estamento electoral tódolos membros da federación que reúnan os requisitos establecidos para cada estamento nos presentes estatutos e no Regulamento electoral.

Capítulo II

Regulamento electoral

Artigo 47º

Os procesos electorales desenvolveranse conforme o Regulamento electoral que deberá ser aprobado pola asemblea xeral, por proposta do presidente, e deberá de regula-las seguintes cuestións:

1. Número de membros da asemblea xeral; circunscrición electoral e número de representantes que por cada circunscrición electoral corresponda a cada un dos estamentos.

2. Calendario electoral.

3. Censo electoral.

4. Composición, competencias e funcionamento da xunta electoral.

5. Requisitos para presentación e proclamación de candidatos. O termo para a presentación de candidatos a presidente e membros da asemblea xeral non poderá ser inferior a 10 días.

6. Procedemento de resolución de conflictos, impugnacións e reclamacións así como os recursos electorais.

7. Regulación do voto por correo nas eleccións á asemblea xeral. Non se admitirá esta clase de voto nas eleccións á comisión delegada e presidente.

8. Composición, competencia, funcionamento e localización das mesas electorais.

9. Elección de presidente.

10. Elección de comisión delegada.

O regulamento electoral deberá ser ratificado pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Capítulo III

A comisión xestora

Artigo 48º

Acordada a convocatoria de eleccións pola asemblea xeral e aprobado o Regulamento electoral, a xunta directiva procederá no prazo sinalado nel á convocatoria de eleccións á asemblea xeral. A partir dese momento, a xunta directiva, e o presidente constituiranse en comisión xestora, e someterán o Regulamento electoral á ratificación pola Secretaría Xeral para o Deporte.

A comisión xestora garantirá a máxima difusión e publicidade das convocatorias de eleccións á asemblea xeral e presidente, así como do Regulamento electoral coas medidas previstas nas disposicións federativas a través dun medio que permita asegura-la recepción da dita notificación. Deberá exporse o Regulamento electoral en cada circunscrición electoral o mesmo día da convocatoria. A comisión xestora administrará a federación e convocará e realizará novas eleccións no prazo máximo de tres meses no caso de que non se presentase ningunha candidatura ou no fose válida ningunha das presentadas.

Capítulo IV

Circunscrición electoral

Artigo 49º

A circunscrición electoral determinarase en función do número de membros de cada estamento e na forma que estableza o Regulamento electoral.

Capítulo V

Xunta electoral

Artigo 50º

1. A xunta electoral estará composta por tres membros titulares e tres suplentes que se elixirán na asemblea xeral entre persoas que non sexan candidatos en elección libre, directa, igual e secreta.

2. De entre os membros designados, o presidente será o de maior idade, e actuará como secretario o que o sexa da federación, con voz pero sen voto.

3. Os membros da xunta electoral non poderán figurar como candidatos á asemblea xeral e á presidencia da federación.

4. A xunta electoral controlará todo o proceso e terá competencia para coñecer e resolve-las incidencias que se produzan sobre o censo electoral, presentación e proclamación de candidatos, proclamación de membros da asemblea xeral e comisión delegada e do presidente da federación, así como a decisión de calquera outra cuestión que afecte directamente a celebración das eleccións e os seus candidatos. Unha vez finalizada a votación, levantará acta da votación e o reconto e remitiralle a acta á Secretaría Xeral para o Deporte no prazo máximo de 3 días.

5. As decisións da xunta electoral son executivas e formaranse por maioría de votos. En casos de empate, o voto do presidente terá carácter dirimente.

6. Unha vez concluído o proceso electoral da asemblea xeral, do presidente da federación e da comisión delegada, a xunta electoral disolverase.

Capítulo VI

Mesa electoral

Artigo 51º

Para a elección dos distintos estamentos da asemblea xeral, do presidente e da comisión delegada, constituirase unha ou varias mesas electorais na forma establecida no Regulamento electoral. Os membros destas mesas non poderán ser candidatos, e o seu funcionamento axustarase ás normas que se establezan no Regulamento electoral.

Capítulo VII

Recursos

Artigo 52º

As reclamacións e impugnacións que se presentan contra calquera acto electoral dirixiranse á xunta electoral e contra o que esta resolva caberá recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva. Así mesmo, caberá recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva contra tódolos actos, acordos ou resolucións da xunta electoral ou calquera outro órgano ou membro da federación en materia electoral.

Capítulo VIII

Elección da asemblea xeral

Artigo 53º

1. Os membros da asemblea xeral serán elixidos cada catro anos coincidindo cos Xogos Olímpicos de inverno, mediante sufraxio libre, secreto, igual e directo entre e polos compoñentes dos distintos estamentos da federación.

2. As eleccións á asemblea xeral serán acordadas por ela, que aprobará a convocatoria con tódolos

requisitos que se establecerá no Regulamento electoral que así mesmo se aprobe.

3. Acordada pola asemblea xeral a convocatoria de eleccións, o acordo será formalmente executado polo presidente da federación, quen a asinará.

4. Desde a convocatoria para a celebración desta asemblea xeral, a xunta directiva e o presidente constituiranse en comisión xestora, de acordo co disposto no artigo 49º dos presentes estatutos.

Artigo 54º

Para ser candidato a membro da asemblea xeral requírese o cumprimento dos requisitos establecidos con carácter xeral no artigo 15.5º destes estatutos.

Os requisitos esixidos para ser electores ou elixibles deberán terse cumpridos no día en que se publique a convocatoria de eleccións.

Artigo 55º

As eleccións á asemblea xeral realizaranse para cada un dos postos correspondentes ós estamentos integrantes dela de acordo co previsto nestes estatutos.

Artigo 56º

Os representantes dos clubs deportivos na asemblea xeral serán elixidos por e entre os representantes dos correspondentes a cada circunscrición electoral dos que integran o censo de clubs deportivos inscritos no rexistro público da federación e no Rexistro de Clubs, Federacións e Asociacións Deportivas da Xunta de Galicia, no momento da convocatoria das eleccións e estivesen igualmente incritos durante a tempada deportiva anterior, sempre que participasen en competicións ou actividades de carácter oficial organizadas pola federación ou pola Federación Española de Remo coa aprobación ou intervención daquela.

Artigo 57º

Os representantes dos deportistas na asemblea xeral serán elixidos por e entre os maiores de 18 anos correspondentes a cada circunscrición electoral dos que teñan licencia en vigor expedida pola federación no momento da convocatoria das eleccións e tamén a tivesen, polo menos, durante a tempada deportiva anterior, sempre que participasen en competicións ou actividades de carácter oficial organizadas pola federación ou pola Federación Española de Remo, coa aprobación ou intervención daquela.

Artigo 58º

Os representantes dos técnicos-adestradores e dos xuíces-árbitros na asemblea xeral serán elixidos por e entre os pertencentes a cada estamento calquera que sexa a súa categoría, dos que teñan licencia en vigor no momento da convocatoria das eleccións e tamén a tivesen, como mínimo, na tempada deportiva inmediatamente anterior, sempre que participasen en competicións ou actividades de carácter oficial organizadas pola federación ou pola Federación Española de Remo, coa aprobación ou intervención daquela.

Capítulo IX

Elección de presidente

Artigo 59º

Unha vez concluídas as eleccións á asemblea xeral e de acordo co calendario electoral establecido, o presidente da comisión xestora, logo de acordo dela, procederá inmediatamente á convocatoria da dita asemblea para elixi-lo presidente e a comisión delegada da federación.

O presidente será elixido para un período de catro anos, coincidindo cos anos en que se celebren Xogos Olímpicos de inverno pola asemblea xeral, mediante sufraxio libre, directo igual e secreto por tódolos membros da dita asemblea xeral logo de presentación e aceptación das candidaturas correspondentes que deberán estar avaladas polo menos polo 10% dos membros da asemblea xeral. Os candidatos a presidente poderán non ser membros da asemblea xeral.

Artigo 60º

Será elixido presidente o candidato que obteña o maior número dos votos emitidos.

No suposto de que se presentase un só candidato, non se efectuará votación, e será proclamado presidente o único candidato pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Artigo 61º

Para poder ser candidato a presidente da federación, deberán reunirse as seguintes condicións:

a) Te-la condición de cidadán de Galicia, segundo o que dispón o Estatuto de autonomía.

b) Ser maior de idade e estar en pleno uso dos dereitos civís.

c) Non estar incurso en ningunha sanción deportiva que o inhabilite, dictada polos órganos disciplinarios da federación ou polo Comité Galego de Disciplina Deportiva.

d) Non ter sido condenado mediante sentencia xudicial firme que leve anexa pena principal ou accesoria de inhabilidación absoluta ou especial para o desempeño de cargos públicos.

Artigo 62º

A votación será libre, igual, secreta e directa, e non se admitirá o voto por correo, nin por delegación das persoas físicas.

Capítulo X

Elección comisión delegada

Artigo 63º

Na mesma asemblea xeral convocada para a elección dos membros da comisión delegada da asemblea xeral.

A comisión delegada estará composta por 5 membros, e ademais o presidente da federación.

Os membros da comisión delegada serán elixidos por e entre os integrantes da asemblea xeral.

Serán elixidos membros da comisión delegada os que obteñan maior número de votos ata cubri-lo número de membros correspondentes á comisión delegada.

Título VI

Réxime económico

Artigo 64º

A federación está sometida ó réxime de administración, orzamento e patrimonio propio e caixa única. O tesoureiro someterá á asemblea xeral ordinaria un balance de situación e as contas de ingresos e gastos e memoria económica, así como o orzamento para a tempada seguinte, balance e orzamento que lle deberá ser notificado á Secretaría Xeral para o Deporte.

Non poderá aprobarse un orzamento deficitario agás autorización da Secretaría Xeral para o Deporte. Tampouco poderán repartirse beneficios entre os seus membros.

A federación elaborará unha memoria que analizará fielmente a actividade económica da federación, a súa adecuada actuación orzamentaria, o cumprimento dos obxectivos e os proxectos que se van desenvolver, e informará separadamente como mínimo sobre os seguintes aspectos:

1. Diferenciación dos ingresos e aportacións segundo:

a) Subvencións públicas.

b) Subvencións, donativos ou aportacións privadas.

c) Vendas de activos.

d) Ingresos procedentes de competicións organizadas.

e) Ingresos para servicios prestados pola federación, permisos, licencias e outros.

f) Ingresos financeiros.

2. Tamén constará o destino da totalidade dos recursos, distinguindo como mínimo os grupos de custo ou investimentos seguintes:

a) Administración da federación.

b) Dirección e servicios da directiva, incluíndo viaxes.

c) Competicións.

d) Axudas a clubs e outras entidades.

e) Axudas para actos deportivos.

f) Construccións e outros inmobilizados.

g) Formación de deportistas e técnicos.

h) Deportes de elite e profesional.

i) Árbitros.

j) Órganos xurisdiccionais.

3. O importe das obrigas de pagamento que cómpre satisfacer noutros exercicios que non estean previstos no balance.

4. O importe das garantías e os avais comprometidos.

5. A liquidación do orzamento, que explique as variacións en relación co orzamento aprobado na asemblea anterior.

As contas anuais e os orzamentos estarán no domicilio social da federación cunha antelación mínima de 15 días á data de celebración da asemblea xeral, ó dispor das persoas ou entidades con dereito a voto, nela, as cales poderán pedir copia que se lles deberá entregar antes da celebración da asemblea.

Artigo 65º

Constitúen os ingresos da federación:

a) As subvencións ordinarias e extraordinarias da Xunta de Galicia ou as que outras entidades públicas poidan concederlle, así como provenientes, se é o caso, da Federación Española de Remo.

b) Os bens ou dereitos que reciba por herdanza, legado ou doazón de persoas físicas ou entidades particulares, así como os premios que lle sexan outorgados.

c) As cotas dos seus afiliados.

d) As sancións pecuniarias que se impoñan ós seus afiliados dentro do exercicio da potestade disciplinaria.

e) Os froitos, rendas e xuros dos seus bens patrimoniais.

f) Os préstamos ou créditos que se lle concedan.

g) Os beneficios que produzan as actividades e competicións deportivas que organice, así como os derivados dos contratos que realice.

h) Calquera outro que poida serlle atribuído por disposición legal ou en virtude de convenio.

Artigo 66º

A federación destinará a totalidade dos seus ingresos e patrimonio á consecución dos fins propios do seu obxecto social.

Artigo 67º

A xestión económica ordinaria correrá por conta do tesoureiro, baixo a dirección do presidente, coidando das operacións de cobramentos e pagamentos. Autorizará coa súa sinatura, mancomunada coa do presidente, ou coa do viceperesidente autorizado, tódolos documentos de movementos de fondos. Será responsable da levanza e custodia dos libros de contabilidade. Formulará os balances que anualmente deberán presentárselle á asemblea xeral para a súa aprobación.

Título VII

Réxime documental

Artigo 68º

O réxime documental da federación comprenderá, como mínimo, os seguintes libros debidamente dilixenciados:

a) Libro de rexistro de entrada e saída de documentos e comunicacións oficiais.

b) Libro de rexistro de clubs nos que constarán a denominación destes, domicilio social e número de inscrición no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas da Xunta de Galicia.

c) Libros de actas, que consignarán as reunións que celebren tódolos órganos colexiados da federación, tanto de goberno e representación como complementarios e técnicos.

d) Libros de contabilidade.

e) Libro inventario de bens mobles e inmobles.

f) Rexistro dos membros da asemblea xeral e da comisión delegada no que deberán consta-los nomes dos titulares ou representantes legais e os domicilios para as citacións e comunicacións.

Artigo 69º

O réxime documental da federación estará a cargo do secretario, a quen lle corresponde a custodia dos libros da federación, redactar actas das reunións dos órganos colexiados e, unha vez aprobadas, asinalas co visto e prace do presidente, expedir certificacións, remiti-las certificacións e acordos que procedan á Secretaría Xeral para o Deporte e, en xeral, prepara-la resolución e despacho de tódolos asuntos.

A federación, por requirimento da Secretaría Xeral para o Deporte e nas condicións que esta determine, deberá someter a inspección o seu réxime documental.

En caso de ausencia ou imposibilidde física do secretario, as súas funcións serán desempeñadas polo propio presidente da federación ou pola persoa en quen delegue.

Título VIII

Réxime disciplinario e xurisdiccional

Artigo 70º

A federación, en materia de disciplina deportiva, ten potestade sobre tódalas persoas que formen parte da súa estructura orgánica, os clubs deportivos e os seus deportistas, técnicos e directivos, os xuíces e árbitros e, en xeral, todas aquelas persoas e entidades que, estanto federados, desenvolvan a actividade deportiva que constitúe o seu obxecto social no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 71º

Os órganos competentes en materia disciplinaria serán:

a) En primeira instancia, un comité de competición ou xuíz único.

b) En segunda instancia, un comité de apelación.

Ámbolos dous órganos rexeranse por e aplicarán o disposto no Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva, polos presentes estatutos e pola propia regulamentación federativa que os desenvolve.

O comité de competición ou xuíz único de competición estará integrado por un número de membros entre 1 e 3. O comité de apelación estará integrado por 3 membros, nomeados e destituídos todos eles polo presidente da federación.

A composición destes comités será comunicada á Secretaría Xeral para o Deporte na forma prevista nestes estatutos.

Artigo 72º

As resolucións dictadas polo comité de apelación dentro das súas competencias, terán carácter definitivo no ámbito da federación e poderán ser recorridas perante o Comité Galego de Disciplina Deportiva conforme a lexislación vixente.

Título IX

Da disolución da Fegar

Artigo 73º

A federación extinguirase polas seguintes causas:

a) Por acordo da maioría de 2/3 dos membros da asemblea xeral, referendado, por maioría absoluta, por tódolos membros da federación a través de votación libre, igual, directa e secreta.

b) Polas demais causas que determinen as leis.

Unha vez producida a liquidación, o patrimonio neto destinarase os fins de carácter deportivo que determine a Secretaría Xeral para o Deporte.

Título X

Da aprobación e modificación dos estatutos e regulamentos federativos

Artigo 74º

A aprobación ou modificación dos estatutos e regulamentos da federación axustarase ó seguinte procedemento:

1. Os estatutos e regulamentos da Fegar só poden ser aprobados e, se é o caso, modificados pola asemblea xeral, de acordo co establecido nos presentes estatutos e iniciarase por proposta do presidente ou do 25% dos membros da propia asemblea, agás cando esta fose por imperativo legal.

2. Os regulamentos da Fegar poden ser modificados pola comisión delegada por proposta do presidente ou dos dous tercios dos membros da comisión delegada. As modificacións non poderán exceder dos límites e criterios que a propia asemblea estableza.

3. Unha vez aprobados os estatutos, os regulamentos e as súas modificacións serán remitidos á

Secretaría Xeral para o Deporte para a súa ratificación e aprobación definitiva.

4. Os estatutos da federación e as súas modificacións publicaranse no prazo máximo de dous meses a partir da súa aprobación pola Secretaría Xeral para o Deporte no Diario Oficial de Galicia.

Disposición común

Os termos e prazos establecidos nos presentes estatutos entenderanse referidos a días naturais.

Disposición transitoria

Considéranse integrados na Fegar tódolos clubs actualmente existentes, agás expresa manifestación en contrario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Quedan derrogados os estatutos da Fegar ata agora vixentes, aprobados pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia o 29 de abril 1985.

Segunda.-Os presentes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ó da notificación da súa aprobación pola Secretaría Xeral para o Deporte, sen prexuízo da súa posterior publicación no Diario Oficial de Galicia.

Estes estatutos foron aprobados pola asemblea xeral extraordinaria, celebrada en Santiago de Compostela o día 2 de decembro de 1995, da que como secretario dou fe co visto e prace do presidente.

Visto e prace

José M. Seijas Galán

Presidente

Segundo Eiras Ramos

Secretario

96-2624