Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 11 de abril de 1996 Páx. 3.263

II. AUTORIDADES E PERSOAL

NOMEAMENTOS:

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 19 de marzo de 1996 pola que se establece a composición da Comisión Galega Interinstitucional do Menor.

O Decreto 134/1994, do 1 de maio, polo que se modifican os decretos 437/1990 e 120/1992, que crean as comisións técnicas interinstitucionais do menor e a Comisión Galega Interinstitucional do Menor, respectivamente, establece no seu artigo 3 a composición desta última, procedéndose con posterioridade e por Orde do 12 de setembro de 1994 a facer público o nomeamento dos seus membros integrantes.

Ante as variacións de nomes dos representantes dalgúns organismos, e a previsión de que estas se sucedan no tempo, cómpre regular de xeito máis flexible a composición da Comisión Galega Interinstitucional do Menor co fin de facilita-la súa convocatoria.

Por todo o exposto, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. A composición da Comisión Galega Interinstitucional do Menor, de acordo co disposto no artigo 3 do Decreto 134/1994, será a seguinte:

Presidente: a conselleira de Familia Muller e Xuventude.

Vocais:

-En representación da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, a directora xeral da Familia.

-En representación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, o director xeral de Ordenación Educativa e Centros.

-En representación da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, o director xeral de Servicios Sociais.

-En representación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, o director xeral de Xustiza e Interior.

-Os delegados provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Secretaria: a subdirectora xeral de Acción Familiar.

Tamén formarán parte da comisión:

-O delegado do Goberno en Galicia ou persoa en quen delegue.

-O fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou persoa en quen delegue.

-En representación das deputacións provinciais de Galicia, os seus respectivos presidentes o, no seu defecto, os deputados que estes designen.

-En representación dos concellos da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela, asistirán os seus respectivos alcaldes ou concelleiros que estes designen.

2. Tódolos nomeamentos e as súas sucesivas modificacións serán debidamente notificados á secretaria da comisión.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 12 de setembro de 1994 pola que se facían públicos os nomeamentos dos membros da Comisión Galega Interinstitucional do Menor.

Disposición derradeira

A presente orde entra en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

955