Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 11 de abril de 1996 Páx. 3.262

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 129/1996, do 29 de marzo, polo que se crean as comisións mixtas coas corporacións locais para o traspaso dos equipamentos sociais adscritos a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

De conformidade co establecido no artigo 27.23º do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co artigo 148.1ª.20 da Constitución española, a Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de asistencia social.

Na súa virtude, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, pola que se ordenan e regulan os aspectos básicos dun sistema integrado de servicios sociais como servicio público da Comunidade Autónoma de Galicia, estructurado en dous niveis de atención primaria e especializada, en función da territorialidade, intensidade, complexidade e especificidade da prestación.

A dita norma, recollendo o principio de autonomía dos entes locais consagrado pola Constitución española, realiza unha distribución competencial entre as distintas administracións públicas, atribuíndo ós concellos competencias propias para a creación e xestión tanto dos servicios sociais de atención primaria como dos servicios sociais especializados de ámbito local, entendendo por tales aqueles nos que os usuarios sexan predominantemente residentes no respectivo concello.

Así mesmo, a lei recolle entre os seus principios inspiradores, o principio de territorialidade, segundo o cal a organización do sistema e a distribución de competencias e funcións, sempre que a natureza dos servicios o permita, responderán ós principios de descentralización e desconcentración, atribuíndo ou delegando o exercicio das competencias nos entes ou órganos administrativos máis próximos ós cidadáns, sen mingua da garantía dunha igualdade de servicios e prestacións a tódolos residentes de Galicia.

Para dar efectividade ó disposto na norma compre proceder á transferencia ós concellos de determinados equipamentos do sistema de servicios sociais cun ámbito de actuación exclusivamente municipal, dos que actualmente é titular a Administración autonómica.

Segundo o establecido na disposición transitoria primeira da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, de conformidade coas competencias atribuídas ás entidades locais, arbitrarase regulamentariamente o procedemento para a transferencia dos equipamentos, persoal, medios materiais e dotación orzamentaria correspondentes a elas. Engadindo, no seu parágrafo segundo, que a devandita transferencia incluirá, entre outros, os centros sociais, os fogares e clubs e as residencias da terceira idade, agás as asistidas.

Para tal efecto, faise necesaria a constitución e a determinación do réxime de funcionamento das comisións mixtas encargadas de instrumentaliza-lo proceso de traspaso dos equipamentos do sistema de servicios sociais adscritos á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ós entes locais, prevista no artigo 5 da Lei 8/1989, do 15 de xuño, de delimitación e coordinación das competencias das diputacións provinciais galegas.

Na súa virtude, e de conformidade co disposto no artigo 37 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia

na súa reunión do día vintenove de marzo de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créanse as comisións mixtas para o traspaso dos equipamentos do sistema de servicios sociais adscritos á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ás corporacións locais.

Artigo 2º

Correspóndelles ás comisións mixtas estudiar, elaborar e aproba-los acordos de traspaso dos equipamentos de servicios sociais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ás corporacións locais.

Os acordos de traspaso adoptados polas comisións mixtas establecerán o termo e condicións del, especialmente no referente a medios persoais, orzamentarios e patrimoniais, consignando ademais a data de efectividade do traspaso, e terán o carácter de proposta que se someterá á aprobación do Consello da Xunta e do órgano competente da corporación local correspondente.

Artigo 3º

As comisións mixtas, integradas paritariamente por representantes da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e da corporación local respectiva, terán a seguinte composición:

1. Presidente: o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

2. Vicepresidente: o presidente da corporación local respectiva.

3. Vocais:

a) Pola Administración autonómica de Galicia:

* Catro vocais designados polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

* Un vocal representante da Consellería de Economía e Facenda, designado polo titular dela.

b) Pola corporación local respectiva:

* Cinco vocais designados polo órgano competente da corporación local.

As secretarías das comisións serán exercidas por ámbalas administracións, que designará cada unha un secretario, que terá a condición de funcionario de carreira, os cales levantarán conxuntamente actas das reunións das comisións.

Artigo 4º

As comisións mixtas reuniranse na sede que decida o presidente, a quen corresponderá a convocatoria, de acordo co vicepresidente.

A dita convocatoria será notificada ós vocais cunha antelación mínima de corenta e oito horas.

Artigo 5º

As comisións mixtas adoptarán os seus acordos por unanimidade das dúas administracións. De non se acadar esta, a Xunta de Galicia formulará a correspondente proposta, á que se xuntarán as discrepancias formuladas na comisión, ó Parlamento, que determinará os servicios e medios obxecto de traspaso e a súa valoración.

A Xunta de Galicia aprobará os correspondentes decretos de traspaso, de conformidade co acordo da comisión ou, se é o caso, coa decisión do Parlamento.

Artigo 6º

Co obxecto de contar coa necesaria asistencia técnica e asesoramento, as comisións poderán decidir-la constitución de ponencias técnicas sobre aspectos concretos de cada proceso de traspaso. Así mesmo, cada Administración poderá acudir ás sesións da comisión asistida polos técnicos ou expertos que estime conveniente, en función da materia que se trate.

Disposición adicional

As comisións mixtas quedarán disoltas automaticamente cando conclúa o proceso de traspaso dos equipamentos de servicios sociais adscritos á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais á respectiva corporación local.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dicta-las normas e adopta-las medidas necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de marzo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

9602487