Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 02 de abril de 1996 Páx. 3.016

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

DECRETO 128/1996, do 14 de marzo, polo que se desenvolve a Lei 7/1994, de creación do instituto lácteo e gandeiro de Galicia, e se establece a súa estructura orgánica.

No exercicio das facultades de autoorganización da Administración autonómica e de acordo coa competencia desta en materia de agricultura e gandería, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, coa finalidade de dota-la administración sectorial dunha estructura adecuada, para unha máis eficaz e eficiente consecución dos obxectivos da política autonómica no sector lácteo e gandeiro, tendo en conta a complexidade da xestión nesta materia pola incidencia de políticas comunitarias e, incluso, dos acordos do GATT. Amais, preténdese, a través deste instituto, xestionar dun xeito integrado tódalas axudas comunitarias do FEOGA-Garantía, así como as novas organizacións comúns de mercados agrícolas (OCM), funcións non previstas na estructura competencial actual da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

No artigo 13 da lei disponse que, regulamentariamente, se determinará a estructura do instituto e a súa dotación de persoal. Así mesmo, pola disposición derradeira primeira autorízase o Consello da Xunta de Galicia a dictar cantas normas sexan precisas para efectua-lo desenvolvemento e a correcta aplicación da antedita lei. De acordo con estes dous preceptos vénse dictar agora este decreto de desenvolvemento da lei de creación do instituto e de establecemento da súa estructura orgánica. Deste xeito será posible, unha vez dotado dos medios financeiros necesarios, a súa posta en funcionamento.

Este regulamento divídese en sete capítulos, nos que se profunda e se tratan máis polo miúdo os temas xa recollidos na lei, aínda sendo respectuosos sempre coa filosofía e principios desta. Así, concrétanse os fins e funcións do instituto; fíxase a composición dos seus órganos colexiados, establécense as súas normas básicas de funcionamento, deixando para un Regulamento de réxime interior o establecemento destas con máis concreción. No capítulo IV establécese a estructura administrativa, establecéndose a estructura orgánica do instituto no tocante a unidades administrativas con nivel de subdireccións e servicios. Nos capítulos V, VI e VII fíxase o réxime patrimonial, económico e financeiro e do persoal do instituto, aínda que respectando sempre a lexislación sectorial que resulta da aplicación, como non podería ser doutro xeito, polo que se acode ó sistema de remisións á antedita normativa.

Nas disposicións adicionais establécense unha serie de normas específicas de difícil encaixe no texto articulado do decreto e nas disposicións tran

sitorias adóptanse unha serie de normas para articula-la progresiva entrada en funcionamento do instituto durante o período temporal en que isto se realice.

Na súa virtude, despois dos informes preceptivos, e de acordo coa normativa vixente, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de marzo de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Polo presente decreto desenvólvese a Lei 7/1994, do 29 de decembro, pola que se crea o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGGA), e se establece a súa estructura orgánica básica.

Artigo 2º.-Natureza.

1. O ILGGA é un organismo autónomo de carácter comercial e financeiro. Adscríbese á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, á que lle corresponde establece-las liñas básicas da política sectorial ás que se axustará o instituto.

2. O instituto ten personalidade xurídica e patrimonio de seu, e posúe plena capacidade de obrar para o cumprimento dos fins que lle son propios, tanto no eido do dereito público coma no privado, de acordo coa normativa que lle resulte de aplicación.

Artigo 3º.-Normas rectoras.

O ILGGA rexerase pola lei da súa creación, polo presente decreto e pola demais normativa, estatal ou autonómica, que lle sexa aplicable.

Artigo 4º.-Réxime xurídico e recursos.

1. Os actos de xestión e disposición feitos polo ILGGA e sometidos ó dereito privado poderanse impugnar ante a xurisdicción competente de acordo coa normativa procesual vixente.

2. Así mesmo, os actos sometidos a dereito administrativo rexeranse pola Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, de acordo con esta, unha vez esgotada a vía administrativa, poderanse impugnar ante a xurisdicción contencioso-administrativa.

3. Porán fin á vía administrativa os acordos ou resolucións que, sometidos ó dereito administrativo, dicten o presidente do ILGGA ou o seu Consello de Dirección.

Capítulo II

Fins e funcións

Artigo 5º.-Fins.

1. Constitúe o fin do ILGGA executa-la política da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes

da Xunta de Galicia no referente á aplicación das medidas de ordenación, fomento, reestructuración e mellora do sector lácteo e gandeiro.

2. De acordo co disposto no parágrafo anterior, as súas finalidades básicas serán as seguintes:

a) A execución das accións necesarias para a aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia da Política Agrícola Común (PAC) e para o funcionamento das distintas organizacións comúns dos mercados (OCM) e a mellora das estructuras agropecuarias. Para isto prestaralle apoio e asistencia especializada á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes; así mesmo, xestionará os servicios e desenvolverá os programas necesarios.

b) Apoiar e promove-la mellora e modernización do sector lácteo-gandeiro nas diferentes áreas de actuación: producción gandeira, transformación industrial, comercialización e distribución, estructura empresarial e sectorial, investimento e financiamento, formación, información, mellora da calidade, promoción, sistemas de xestión e cantas outras se coiden necesarias.

c) Promove-la participación do sector nos labores de planificación, xestión e financiamento dos programas de mellora e desenvolvemento daquel cando conveña unha estreita colaboración e interrelación, en prol dunha realización máis eficaz das súas actividades.

Artigo 6º.-Funcións.

Para o cumprimento dos seus fins, de acordo co artigo 2 da súa lei de creación, o ILGGA realizará as seguintes funcións:

a) Informar, asesorar, coordinar e xestiona-las operacións relacionadas coa aplicación das cantidades de referencia individual para a producción láctea e as relativas ás primas e axudas recollidas na reforma da PAC e medidas de acompañamento.

b) Incrementa-la capacidade de información, tecnificación, formación e xestión dos axentes operativos no sector lácteo e gandeiro, promovendo a colaboración cos centros de investigación, asociacións profesionais e universidades.

c) Impulsa-la transformación das explotacións gandeiras, impulsando o cooperativismo no sector.

d) Apoia-la modernización e mellora das industrias de alimentación do gando, lácteas e cárnicas establecidas en Galicia, promovendo a implantación de novas iniciativas empresariais.

e) Coordinar e apoia-la promoción comercial e a mellora integral da calidade dos productos lácteos e gandeiros galegos, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos ou entes da Administración autonómica.

f) Captar sistemas de apoio e financiamento que teñan como obxectivo a mellora do sector lácteo e gandeiro.

g) Promover, crear e participar, se é o caso, na constitución de sociedades de servicios e comerciais que teñen como fins atende-la mellora da competitividade do sector lácteo e gandeiro galego.

h) Establecer convenios con entidades de dereito público ou privado para o mellor exercicio das súas funcións, no marco do establecido na Lei 7/1994.

i) Todas aquelas accións que contribúan á mellora do sistema productivo agrario e ó seu desenvolvemento equilibrado e integrado no territorio ou que lle sexan encomendadas ou sexan da súa competencia no ámbito da antedita lei.

Capítulo III

Organización e funcionamento

Sección primeira

Normas comúns

Artigo 7º.-Órganos do ILGGA

1. Ós órganos do ILGGA correspóndelle-lo exercicio das facultades de dirección, representación, asesoramento e xestión deste.

2. De acordo co disposto na Lei 7/1994, a súa estructuración é a seguinte:

a) O Consello de Dirección.

b) O presidente.

c) O director.

d) O Comité Asesor.

Sección segunda

O Consello de Dirección

Artigo 8º.-O Consello de Dirección. Competencias.

1. O Consello de Dirección é o órgano superior de goberno do ILGGA ó que lle corresponden as funcións de alta dirección e a supervisión da súa actividade.

2. En particular, terá atribuídas as seguintes funcións:

a) Fixa-las liñas de actuación do instituto, dentro da política da consellería, a través de plans e programas de actuación.

b) Elaborar e aproba-lo anteproxecto de orzamento do instituto.

c) Aproba-la memoria anual de actividades do instituto.

d) Aprobar, de acordo coa normativa vixente, as accións relativas á organización e funcionamento do instituto, a proposta de creación ou participación en sociedades ou entes instrumentais, así como as operacións mais relevantes que deberá realizar aquel.

e) O control da xestión do instituto.

f) Aproba-las normas de funcionamento interno do propio consello.

g) Cantas outras cuestións relativas ás competencias do ILGGA someta á súa consideración o seu presidente.

3. O consello poderá delega-las súas competencias no seu presidente ou no director, de acordo co establecido na normativa vixente, agás as dos apartados a), b), e) e f) do número anterior, que serán indelegables.

Artigo 9º.-Composición do consello.

1. O Consello de Dirección do instituto constitúeno os seguintes membros:

a) Presidente: o presidente do ILGGA.

b) Vicepresidente: será, por razón do su cargo, o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias.

c) Vocais:

1. O director do instituto

2. Un representante da Consellería de Economía e Facenda

3. Catro representantes da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, designados de entre persoas de recoñecido prestixio no sector lácteo-gandeiro e altos cargos ou funcionarios da Administración autonómica.

Nos supostos dos apartados 2 e 3 anteriores, os vocais nomearaos o conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, logo de proposta do conselleiro de Economía e Facenda no caso do representante desta.

2. O secretario do Consello de Dirección será o do ILGGA, que actuará con voz pero sen voto.

Artigo 10º.-Convocatoria e constitución.

1. O consello de dirección reunirase, en sesión ordinaria, polo menos catro veces ó ano, por de convocatoria do presidente.

De modo extraordinario, reunirase cando o considere oportuno o presidente, ben por propia iniciativa ou pola da maioría dos seus membros.

2. Entre a convocatoria e a celebración da reunión deberán de transcorrer, polo menos, corenta e oito horas, agás casos de urxencia.

3. Xunto coa convocatoria achegarase a orde do día cos asuntos que se van tratar, coa manifestación de que a documentación necesaria para o estudio e análise dos puntos que se van tratar queda ó dispor dos membros do consello na secretaría do instituto, no mesmo prazo establecido no parágrafo anterior.

4. Para a válida constitución do consello de Dirección será necesaria a presencia do presidente e do secretario, ou, se é o caso, dos que os substitúan, amais da metade dos seus membros na primeira convocatoria; ou de tres na segunda, transcorridas vintecatro horas desde a primeira.

5. Non obstante, o consello de dirección poderá quedar validamente constituído, aínda que non concorran tódolos requisitos necesarios, cando estean

presentes tódolos membros, amais do secretario, e así o acorden por unanimidade. A orde do día será a que se acorde por maioría absoluta.

Artigo 11º.-Deliberación e adopción de acordos.

1. Tódolos membros do consello terán voz e voto, agás o secretario, e gozarán dos demais dereitos que como tales teñen nun órgano colexiado de acordo coa normativa vixente.

Non se admitirán delegacións de voto, mais caberá a posibilidade de designar un suplente para o caso de imposibilidade de asistencia do titular.

2. Os acordos adoptaranse por maioría simple dos membros presentes; en caso de empate, acudirase ó voto de calidade do presidente.

Artigo 12º.-O secretario do consello de dirección. Competencias.

Correspóndenlle ó secretario do consello de dirección as seguintes funcións:

a) Efectua-la convocatoria das sesións do Consello de Administración, por orde do presidente, así como cursa-las citacións e prepara-las súas reunións.

b) Levantar acta dos acordos adoptados. As actas serán asinadas polo secretario e o presidente outorgaralles o seu visto e prace.

c) Expedi-las certificacións dos acordos do consello, co visto e prace do seu presidente.

d) Recibir e custodia-las comunicacións que, sobre asuntos do consello, lle acheguen os membros, así como o libro de actas.

e) Prestarlle asesoramento ó Consello.

f) Cantas outras sexan inherentes á súa condición de secretario dun órgano colexiado, de acordo coa normativa vixente.

Sección terceira

Órganos unipersoais

Artigo 13º.-O presidente. Competencias.

1. O presidente do instituto será, por razón do seu cargo, o conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes.

2. Correspóndelle ó presidente:

a) Representa-lo ILGGA en toda clase de actos, contratos e negocios xurídicos en xeral, amais de exercer, no seu nome, accións e recursos.

b) Ordena-la convocatoria do consello de dirección, fixa-la orde do día, presidir e dirixi-los seus debates e levanta-las sesións.

c) Autorizar, coa súa sinatura, as actas das sesións do consello.

d) Velar polo cumprimento das directrices fixadas polo consello de dirección, para o que terá amplas facultades de supervisión da súa organización e funcionamento.

e) Propo-la adopción das disposicións regulamentarias precisas para unha adecuada organización e funcionamento do instituto.

f) Actuar como contadante na rendición anual de contas ante os organismos competentes.

g) Obriga-lo instituto, de acordo co disposto na normativa vixente, correspondéndolle, como órgano de contratación deste, a facultade de celebrar convenios e contratos.

h) Someter á consideración do consello asesor cantas propostas e asuntos coide convenientes para o mellor cumprimento das finalidades do instituto.

i) Nomear, por proposta do director, os representantes do instituto nas sociedades ou entidades por este creadas ou nas que participe.

3. O presidente poderá delega-las súas competencias segundo o establecido na normativa en vigor.

4. No caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o presidente será substituído polo vicepresidente.

Artigo 14º.-O director.

1. O director é o órgano executivo e de xestión do instituto.

O seu nomeamento e cesamento correspóndelle ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes.

2. Correspóndelle ó director as seguintes funcións:

a) Cumpri-los acordos do consello de dirección.

b) Propoñe-las liñas estratéxicas de actuación do ILGGA, elabora-la memoria anual de actividades do organismo e someter á aprobación do consello de dirección unha proposta de anteproxecto de orzamentos.

c) Xestiona-lo ILGGA e someter á consideración do consello as contas anuais do instituto, antes de rendelas ante os órganos competentes.

d) Autorizar e dispo-los créditos e dotacións, recoñece-las obrigas e ordena-los pagamentos do ILGGA, de acordo co establecido na normativa vixente.

e) Propo-la elaboración das disposicións normativas necesarias para a mellor execución das competencias atribuídas ó instituto.

f) Asistir ó presidente no exercicio das súas funcións.

g) Exerce-la dirección administrativa e maila xefatura do persoal do instituto.

h) Coordinar e controla-lo funcionamento dos servicios administrativos e as dependencias do instituto.

i) O exercicio das facultades que teña atribuídas por delegación do consello de dirección ou do presidente do instituto. Amais, competeralle tamén o exercicio de tódalas facultades non encomendadas

pola normativa reguladora do instituto ó consello de dirección ou ó seu presidente.

Sección cuarta

O Comité Asesor

Artigo 15º.-O comité asesor.

1. O comité asesor é o órgano de consulta e asesoramento do ILGGA e como tal correspóndelle asesora-lo consello de dirección sobre a planificación das actividades do instituto, amais de sobre todos cantos asuntos lle encomende o antedito Consello.

2. A súa composición será a seguinte:

1. Presidente : o do instituto.

2. Vicepresidente: o do instituto.

3. Vocais:

a) O director do instituto.

b) Dous representantes da Administración autonómica.

c) Catro en representación das organizacións sindicais máis representativas no sector.

d) Dous en representación das organizacións empresariais do sector, e en atención á súa representatividade.

e) Dous en representación das empresas transformadoras e comercializadoras do sector.

f) Dous en representación das cooperativas do sector.

g) Un en representación das universidades galegas.

h) Un en representación dos centros de investigación.

i) Dous nomeados de entre persoas de recoñecido prestixio profesional no sector.

4. Como secretario actuará o do instituto.

3. O nomeamento dos vocais farao o presidente do instituto, do xeito que se estableza por orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Este nomeamento producirase por proposta das organizacións ou entidades ás que representen nos casos recollidos nos apartados c), d), e), f) e g) do parágrafo 2 do presente artigo.

O seu cesamento producirase do mesmo xeito.

Artigo 16º.-Funcionamento do comité asesor.

1. O comité reunirase, polo menos, con periodicidade semestral, amais de cantas veces o coide necesario o seu pesidente co obxecto de solicita-lo seu asesoramento ou a emisión de informes ou de deliberar sobre cantos asuntos se sometan á súa consideración.

2. Os informes emitiranse en sesión plenaria, a petición do seu presidente. Os acordos adoptaranse por maioría dos asistentes. En caso de empate o presidente terá voto de calidade.

3. O comité asesor poderá dotarse dun regulamento de funcionamento interno.

Capítulo IV

Estructura administrativa

Sección primeira

Aspectos xerais

Artigo 17º.-Estructura administrativa.

Dependendo directamente do director do instituto, para o desenvolvemento das funcións que lle son propias, créanse a secretaría e maila subdirección operativa, ámbalas dúas con nivel orgánico de subdirección xeral.

Sección segunda

A secretaría.

Artigo 18º.- A Secretaría. Competencias.

1. A secretaría é o órgano de apoio técnico e administrativo da dirección do instituto, correspondéndolle, en xeral, o exercicio inmediato das funcións administrativas, organizativas, económico-financeiras, de asesoramento e inspectoras, sen prexuízo das competencias atribuídas polo ordenamento xurídico vixente a outros órganos ou entes da Administración autonómica, ademais das que singularmente lle poderán encomendar ou delegar os órganos de dirección do ILGGA.

2. En particular, correspóndelle á secretaría, baixo a dependencia da dirección do instituto, o exercicio das seguintes funcións:

a) Actuar como secretario do consello de dirección e do comité asesor.

b) A dirección inmediata do persoal do instituto e a organización do seu réxime interior.

c) A xestión da contratación administrativa, dos convenios de colaboración con outras entidades, así como da contratación sometida a dereito privado.

d) A realización da tramitación administrativa necesaria para a constitución ou participación en todo tipo de sociedades ou entidades de calquera natureza, así como o ulterior seguimento ou control destas cando proceda.

e) Prestarlles asesoramento xurídico ós demais órganos do ILGGA en cuestións relacionadas coas competencias do instituto, así coma o estudio e informe dos recursos e reclamacións formuladas contra os seus actos.

f) Elaboración dos estudios que sirvan de base para a elaboración dos plans e programas de actuación do instituto.

g) Elaboración das estatísticas necesarias para unha adecuada xestión das actividades do ILGGA sen prexuízo das funcións atribuídas ó Instituto Galego de Estatística.

h) A xestión dos diversos plans e aplicacións informáticos do instituto.

i) A coordinación das distintas unidades administrativas do instituto, así como a planificación e control da súa actividade.

j) A formación e mantemento do inventario do instituto, do estado do cal informará ó órgano competente para a formación e actualización do Inventario Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma.

k) A confección e xestión do orzamento do instituto e da súa tesourería.

Artigo 19º.-Órganos dependentes da secretaría.

Para o exercicio das súas funcións, a secretaría estructúrase nas seguintes unidades:

1. Servicio de Xestión Económica, Tesourería e Contratación, ó que lle corresponderán as seguintes funcións:

a) Xestión da contratación administrativa, convenios administrativos e de contratación sometida a dereito privado.

b) A elaboración do borrador do anteproxecto de orzamentos, así como o ulterior seguimento e a execución e control do aprobado.

c) A realización das actividades materiais de xestión da tesourería do instituto así como, se é o caso, as funcións relacionadas coa recadación executiva, de acordo coa normativa vixente.

d) O control económico-financeiro das sociedades instrumentais dependentes do instituto.

2. Servicio Técnico e de Planificación e Control, ó que se lle asignan as seguintes funcións:

a) O estudio e tramitación dos recursos e reclamacións presentados contra os actos do instituto.

b) O estudio, proposta e, se é o caso, elaboración dos distintos proxectos normativos sobre materias competencia do ILGGA.

c) A emisión dos informes que se lle soliciten.

d) A realización material das actividades de planificación encargándose da elaboración dos distintos plans e programas, así como do seu seguimento e avaliación do grao de cumprimento, facendo propostas alternativas cando sexa necesario.

e) Xestiona-las actividades tendentes á constitución ou participación do instituto en sociedades instrumentais dependentes deste ou noutros entes nos que participe. Para tal efecto, proporá as instruccións que a dirección deberá cursar ós representantes do instituto nestas sociedades ou entidades e tramitará o nomeamento e cesamento dos anteditos representantes polo presidente do instituto.

f) Realiza-los labores de inspección do funcionamento dos distintos programas e servicios do instituto.

g) O réxime interior, o rexistro e a información ó público, así como a organización dos arquivos e da biblioteca do instituto.

h) A formación e mantemento do inventario do instituto.

i) A xestión, control e coordinación do persoal adscrito ó instituto, laboral ou funcionario.

j) A habilitación dos gastos de persoal e demais gastos correntes necesarios para o normal desenvolvemento dos servicios.

Sección terceira

A Subdirección Operativa

Artigo 20º.-A Subdirección Operativa. Competencias.

1. Á Subdirección Operativa correspóndelle, en xeral, a realización de tódalas actividades encamiñadas directamente ó cumprimento dos obxectivos e finalidades propios do ILGGA, segundo o disposto na súa lei de creación e no presente decreto.

2. En particular, correspóndenlle á Subdirección Operativa, baixo a dependencia da dirección do instituto, as seguintes funcións, en relación co sector lácteo-gandeiro:

a) A xestión inmediata de tódalas accións necesarias para a aplicación en Galicia da Política Agrícola Común (PAC) e para o funcionamento das organizacións comúns dos mercados (OCM).

b) A mellora das estructuras agroalimentarias.

c) Prestarlles apoio e asesoramento técnico ós distintos órganos do instituto, así como á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, en especial no tocante ós aspectos informáticos e estatísticos relacionados coas funcións que vai desenvolve-lo ILGGA.

d) Executa-las accións de fomento e incentivación para a mellora, racionalización e ordenación do sector, nas súas diversas áreas.

e) A prestación de servicios e asistencia técnica.

f) Realizar tarefas de formación e investigación.

g) Promoción e fomento da actividade transformadora e comercializadora.

h) Incentivación da mellora integral da calidade.

i) Elaboración de estudios e informes técnicos.

j) Elaboración técnica dos plans e programas de actividades do instituto.

k) Cantas outras lle sexan singularmente encomendadas ou delegadas polos órganos de dirección do ILGGA.

Artigo 21º.-Órganos dependentes da Subdirección Operativa.

Para o desenvolvemento das funcións encomendadas, a Subdirección Operativa estructúrase nas seguintes unidades:

1. Servicio de Accións da PAC.

Compételle o exercicio das accións necesarias para a aplicación en Galicia da Política Agraria Común

e para as distintas OCM, e doutros dereitos de producción, a xestión da cota láctea e a dos correspondentes plans de axudas e subvencións.

2. Servicio de Sistemas Productivos.

Desenvolverá as funcións relativas ós programas de mellora dos sistemas productivos das explotacións, como as do control leiteiro, centros reproductores, xestión de explotacións, mellora das tecnoloxías, programas técnicos de agrupacións e outros semellantes.

Sección cuarta

Servicios periféricos

Artigo 22º.-As delegacións provinciais.

1. Os delegados provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, serano tamén do instituto. Dependerán organicamente do conselleiro e funcionalmente do director do instituto.

Destes dependerán tódalas unidades administrativas do instituto de ámbito provincial ou territorial na respectiva provincia.

2. Corresponderálle-lo desenvolvemento, no seu ámbito territorial, das competencias asignadas ó instituto pola súa lei de creación e polo presente decreto.

En particular, compétenlle as seguintes:

a) Exerce-la representación do instituto no seu ámbito provincial.

b) As actuacións administrativas necesarias para executa-los distintos plans e programas do instituto no seu ámbito provincial.

c) Prestarlles apoio e asesoramento ós servicios centrais do instituto.

d) O exercicio das competencias desconcentradas en virtude dos decretos 87 e 88/1990, do 15 de febreiro, así como as que teñen asignadas os delegados provinciais polo Decreto 5/1987, do 15 de xaneiro.

e) Corresponderalles tamén o desempeño de cantas competencias lle atribúa a normativa vixente, así como as que lle sexan delegadas polos órganos do instituto.

Capítulo V

Réxime disciplinario

Artigo 23º.-Patrimonio.

1. Para o cumprimento dos seus obxectivos o ILGGA conta con patrimonio de seu, constituído polo conxunto de bens e dereitos, incluso toda clase de propiedades incorporais e de obrigas da súa titularidade.

Os bens do patrimonio da Comunidade Autónoma que se lle adscriban ou cedan para o cumprimento dos seus fins, non perderán, por esta adscrición, a súa condición xurídica orixinaria.

2. Amais dos bens adscritos ou cedidos, de acordo co disposto no parágrafo anterior, formarán parte do seu patrimonio tódolos bens, valores e dereitos que adquira no exercicio das súas funcións.

3. O ILGGA poderá adscribir ás súas entidades instrumentais bens ou dereitos do seu patrimonio, para o cumprimento dos obxectivos que teñan encomendados.

4. Para a cesión gratuíta de bens inmobles do patrimonio do ILGGA será necesario acordo do Consello da Xunta de Galicia.

5. En caso de disolución do ILGGA o seu patrimonio reverterá ó da Comunidade Autónoma.

Artigo 24º.-Recursos económicos.

Os recursos económicos cos que conta o ILGGA para o exercicio das súas funcións son os seguintes:

a) As rendas e productos do seu patrimonio.

b) As consignacións orzamentarias ó seu favor incluídas nos orzamentos da Comunidade Autónoma.

c) O importe dos créditos por transferencias, correntes ou de capital, consignados nos orzamentos xerais do Estado ou da Unión Europea, a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, para o exercicio das competencias que ten atribuídas o instituto.

d) Os ingresos por multas e sancións no exercicio das súas competencias.

e) Os ingresos pola prestación de servicios.

f) As subvencións ou contribucións voluntarias de entidades ou institucións públicas ou privadas, así como de particulares.

g) Os créditos, préstamos e demais operacións comerciais ou financeiras.

h) Os beneficios obtidos nas súas operacións comerciais ou financeiras.

i) Os dividendos que poida percibir das empresas nas que participe.

j) Calquera outro, ordinario ou extraordinario, que se lle poida atribuír de acordo coa normativa vixente.

Artigo 25º.-Facultades de xestión.

De acordo coa súa natureza, terá as máis amplas facultades para a administración do seu patrimonio e, en consecuencia, poderá realizar, entre outras, as seguintes accións:

a) Constituír ou participar en sociedades, fundacións, consorcios e outras figuras xurídicas análogas, sempre que o requira o exercicio das competencias que ten encomendadas.

b) Adquirir, allear por calquera título, permutar, reivindicar, arrendar ou posuír toda clase de bens e dereitos.

c) Concertar créditos e empréstitos para o financiamento dás súas actividades coas limitacións que se establecen na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia e nas

correspondentes leis de orzamentos da Comunidade Autónoma.

d) Conceder créditos, axudas e subvencións para a realización dos fins que lle son propios.

e) Celebrar contratos e convenios.

f) Establecer e explotar obras e servicios.

g) Exerce-las accións e interpo-los recursos establecidos nas leis.

Capítulo VI

Réxime económico-financeiro

Artigo 26º.-Réxime económico-financeiro.

1. O réxime orzamentario, contable e financeiro do instituto e das sociedades, entidades e outras formas asociativas que deste dependan, axustarase ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e, en consecuencia, competeranlle a este as funcións recollidas no artigo nove da precitada lei e normativa concordante. Non obstante, o ILGGA poderá establece-los seus propios sistemas complementarios de control económico, financeiro e de xestión.

2. O instituto presentará os resultados da súa xestión nunha memoria anual, na que incluirá os seus estados financeiros, así como unha valoración sobre o cumprimento dos plans e programas neste período de tempo, o grao de execución orzamentaria e o inventario patrimonial.

3. O exercicio orzamentario do instituto coincidirá co ano natural.

26.4. O ILGGA poderá avalar operacións financeiras dos seus entes instrumentais, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei de xestión económica e financeira de Galicia, así como solicita-lo aval da Xunta de Galicia, ou de terceiros, para operacións e actividades propias da súa función.

Artigo 27º.-Réxime fiscal.

O ILGGA gozará do mesmo tratamento fiscal cá Xunta de Galicia, por ser un organismo autónomo adscrito á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, segundo o disposto no artigo 11.3º da Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 28º.-Procedemento compulsivo.

Para facer efectivos os seus créditos, de toda índole, o instituto poderá utiliza-lo procedemento de constrinximento, do xeito previsto na Lei de réxime económico e presupostario de Galicia.

Capítulo VII

Réxime do persoal

Artigo 29º.-Persoal.

1. O persoal ó servicio do ILGGA rexerase pola normativa sobre a función pública da Administración autonómica, de acordo co establecido no artigo 3 da Lei 4/1988, modificado pola Lei 3/1995, do 10 de abril.

2. O persoal, tanto laboral como funcionario, que se adscriba ó ILGGA para o seu funcionamento, continuará na situación de servicio activo, respectándolle-los dereitos que teñan nos seus corpos ou escalas de pertenza.

Disposicións xerais

Primeira.-Órganos colexiados.

En todo o non disposto no presente decreto en canto ó funcionamento dos órganos colexiados do ILGGA, aplicaranse os preceptos da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.- Persoal.

Na relación de postos de traballo da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes faranse as adaptacións necesarias como consecuencia do transvasamento de postos de traballo ó ILGGA, no suposto de que este asuma algunha das funcións actualmente atribuídas a algún órgano da consellería.

Terceira.-Dotacións orzamentarias.

Nas dotacións orzamentarias da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes efectuaranse as modificacións orzamentarias necesarias cando o ILGGA pase a xestionar créditos que nos orzamentos da Comunidade Autónoma para 1996 lle estean atribuídos a esta consellería.

Cuarta.-Tramitación administrativa.

O conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes determinará os procedementos administrativos que pasen a ser tramitados polo ILGGA, así como o oportuno traslado dos expedientes administrativos e demais antecedentes.

Quinta.-Entrada en funcionamento.

O ILGGA empezará a desenvolve-las súas actividades, unha vez aprobado o seu orzamento, na data en que dispoña o conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes logo da entrada en vigor deste decreto.

Sexta.-Exercicio da función interventora e asesora.

Os labores contables e de control interno, ben sexa a través da función interventora ou do control financeiro, e as de asesoramento xurídico, serán desempeñados polo órgano interventor xeral ou asesor que determinen a Intervención Xeral ou a Asesoría Xurídica Xeral, respectivamente.

Sétima.-Adscrición de medios transferidos.

Os medios persoais, materiais e orzamentarios asumidos pola Comunidade Autónoma de Galicia e asignados á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes en virtude do Decreto 76/1996, do 29 de febreiro, quedan adscritos ó ILGGA para a prestación das funcións e servicios que ten encomendadas.

Disposicións transitorias

Primeira.-Adscrición de persoal.

Provisionalmente, por resolución do conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, poderase adscribir

ó ILGGA o persoal necesario, de entre o da propia consellería, para a súa posta en funcionamento, ata que os seus postos de traballo non se cubran con carácter definitivo.

Segunda.-Exercicio temporal das competencias do ILGGA.

Ata que o ILGGA non asuma o exercicio das súas competencias, logo da súa posta en funcionamento, as funcións que lle encomenda a Lei 7/1994, da súa creación, e o presente decreto, desempeñaraas a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias.

Terceira.-Dirección do ILGGA.

Ata que non se produza a designación do director do instituto a dirección deste corresponderalle ó director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias.

Cuarta.-Primeiro exercicio presupostario.

Por excepción ó disposto no artigo 26.3º o primeiro exercicio orzamentario iniciarase o día en que formalmente o instituto inicie as súas actividades.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Normas de desenvolvemento.

Facúltase o conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes para dictar, dentro da súa competencia, cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do disposto neste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de marzo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

9601941