Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 01 de abril de 1996 Páx. 2.980

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 7 de marzo de 1996 reguladora das autorizacións de transporte discrecional de mercadorías de competencia exclusiva da Xunta de Galicia.

O sistema de distribución de competencias establecido na nosa Constitución e no Estatuto de autonomía determina que a Xunta de Galicia ostente competencias exclusivas naquelas autorizacións de transporte con ámbito de actuacións circunscrito ó territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. É por isto polo que resulta preciso regula-lo réxime xurídico de outorgamento, modificación e extinción destas autorizacións, para ter en conta as particularidades da Comunidade Autónoma dentro do marco común que conforman a Lei 16/1987, de ordenación dos transportes terrestres, e o seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 1211/1990. Na súa consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 27.8º da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía para Galicia, e en uso das competencias conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1993, do 22 de febreiro, e visto o informe do Consello Galego de Transportes,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Queda suxeito ó disposto nesta orde o outorgamento, modificación e extinción das autorizacións de transporte discrecional de mercadorías de competencia exclusiva da Xunta de Galicia.

2. Para os efectos do previsto nesta orde, os vehículos clasificaranse en:

2.1. Lixeiros, considerados como tales aqueles nos que o peso máximo autorizado non exceda de 6 toneladas, ou que, aínda pasando de tal peso, teñan unha capacidade de carga útil non superior a 3,5 toneladas.

2.2. Pesados, considerados como tales aqueles nos que o seu peso máximo autorizado exceda de 6 toneladas, e a capacidade de carga exceda de 3,5 toneladas

As cabezas tractoras terán a consideración de vehículos pesados cando teñan capacidade de arrastre de máis de 3,5 toneladas de carga.

Artigo 2º

1. As autorizacións de transporte público habilitarán para a realización do transporte cun vehículo concreto, debendo figurar nelas a identificación deste.

2. As empresas titulares de autorizacións poderán solicitar ante o Servicio Provincial de Transportes competente a suspensión daquelas cando, por calquera causa do seu interese, teña que cesar provisionalmente na realización da actividade de transporte autorizada cos vehículos adscritos a elas.

Presentada a devandita solicitude, o Servicio Provincial de Transportes competente procederá, sen máis trámite, a declarar suspendida a autorización realizando a oportuna anotación no Rexistro Xeral de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte, ou a retira-la tarxeta na que estivera documentada.

3. Cando a Administración teña coñecemento de que, por calquera causa, o vehículo ó que está referido a autorización de transporte deixara de estar afectado a esta, procederá de oficio a declarala suspendida, en idénticos termos ós anteriormente sinalados, notificándoo o seu titular con indicación expresa dos prazos e condicións en que, conforme o disposto neste artigo, poderá solicita-lo levantamento da devandita suspensión.

4. O tempo máximo no que as autorizacións poderán estar en suspenso, sexa cal fose a orixe da súa suspensión, será de cinco anos contados desde o momento en que esta foi declarada, se ben este prazo poderá ser prorrogado a petición do transportista, formulada antes de que expirase o prazo da suspensión, por outros cinco anos.

Transcorridos eses prazos sen que o transportista reanudase o exercicio efectivo do transporte autorizado, a Administración cancelará definitiva da autorización.

Non será preciso visa-las autorizacións de transporte mentres se atopen suspendidas, conforme o previsto neste artigo.

5. O Servicio Provincial de Transportes competente levantará a suspensión das autorizacións, sexa cal fose a súa orixe, cando así o solicite o seu titular dentro dos prazos anteriormente establecidos, acompañando idéntica documentación á que, conforme o disposto nesta orde, resultaría esixible para o orixinario outorgamento da autorización de que se trate e esta teña que continuar referida ó mesmo vehículo ó que o estaba no momento de ser suspendida ou se refira a outro que cumpra os requisitos esixidos para a substitución de vehículos.

Así mesmo, o titular da autorización suspendida poderá solicitar ó Servicio Provincial de Transportes competente o simultáneo levantamento da suspensión e a transmisión da autorización a favor dun novo titular, debendo ser entonces o adquirente quen acredite o cumprimento de idénticos requisitos ós esixidos para o orixinario outorgamento da autorización e a refira, ben ó mesmo vehículo ó que o estaba no momento de ser suspendida, se é que á súa vez o adquiriu, ou ben a outro que cumpra os requisitos esixidos para a substitución de vehículos.

Artigo 3º

1. Os vehículos que se adscriban ás autorización deberán, en todo caso, cumpri-los seguintes requisitos:

a) Ter capacidade de tracción propia.

b) Estar matriculados e habilitados para circular. Para tal efecto, só poderá considerarse que os vehículos que circulen amparados temporalmente polos permisos e placas especiais a que fai referencia o artigo 243 do Código de Circulación cumpren este

requisito cando xa pasasen a correspondente inspección técnica de vehículos e obtivesen o oportuno certificado.

c) Estar vixente a última inspección técnica periódica que legalmente lles corresponda.

2. Os vehículos que se adscriban ás autorizacións de transporte público deberán cumprir, xunto cos requisitos previstos na alínea anterior, unha das seguintes condicións:

a) Ser propiedade do titular da autorización ou desfrutado en usufructo.

b) Estar arrendados en réxime de leasing polo titular da autorización.

c) Estar arrendados polo titular da autorización nas condicións previstas na sección primeira do capítulo IV do título V do regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres e na normativa que a desenvolve.

3. A Dirección Xeral de Transportes poderá autorizar outras formas concretas de disposición dos vehículos que se adscriban ás autorizacións, sempre que quede garantida a plena dispoñibilidade do vehículo polo titular da autorización e este así o xustifique documentalmente.

Artigo 4º

1. Os vehículos que leven unidos de maneira permanente máquinas ou instrumentos tales coma os destinados a grupos electróxenos, guindastres de elevación, equipos de sondaxe, etc.; constituíndo as devanditas máquinas ou instrumentos o uso exclusivo do vehículo non precisarán estar amparados por autorización de transporte de ningunha clase, sen prexuízo das que, se é o caso, procedan, de conformidade co disposto no Código de Circulación por razón do peso ou dimensións do vehículo correspondente.

2. Do mesmo xeito, quedan exentos da utilización de título administrativo habilitante os transportes seguintes:

a) Os realizados con vehículos de ata dúas toneladas de peso máximo autorizado inclusive.

b) Os transportes realizados con carácter discontinuo en vehículos lixeiros arrendados de conformidade co previsto no capítulo IV do título V do regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, por un prazo non superior a un mes, sempre que o vehículo estea provisto da necesaria autorización de arrendamento, a que producirá, neste caso, así mesmo, efectos de autorización de transporte referida ó arrendatario cando vaia acompañada a bordo do vehículo do correspondente contrato de arrendamento.

A utilización de vehículos de máis de dúas toneladas de peso máximo autorizado na modalidade establecida no presente apartado quedará circunscrita, cando se trate de transporte público, a un radio de 100 km, contados en liña recta a partir da localidade de celebración do contrato de arrendamento. Tales vehículos deberán atoparse identificados polos distintivos correspondentes ós transportes públicos con radio de acción local.

c) Transportes públicos que se realicen integramente en recintos pechados dedicados a actividades distintas ó transporte terrestre, salvo nos supostos nos que por concorrer circunstancias especiais de repercusión no transporte público da zona, a Dirección Xeral de Transportes, mediante resolución motivada, estableza expresamente a obrigatoriedade da autorización.

d) Transportes oficiais.

Artigo 5º

As autorizacións reguladas na presente orde deberán domiciliarse naquel lugar no que o seu titular teña o domicilio legal para efectos fiscais ou un centro de traballo permanente ou temporal.

Cando se solicite domicilia-la autorización nun centro de traballo, deberá achegarse documentación acreditativa da existencia deste.

As autorización existentes no momento da entrada en vigor desta orde que incumpran o preceptuado neste artigo poderán seguir sendo visadas, se ben, cando se produza unha novación subxectiva, exceptuando as transferencias a herdeiros forzosos, deberá cambiarse o lugar de residencia, a teor do disposto neste artigo.

Artigo 6º

1. O outorgamento das autorizacións de transporte público de mercadorías será realizado polo servicio provincial do lugar no que deban estar domiciliadas, e documentarase a través da expedición das correspondentes tarxetas de transporte.

2. As autorizacións de transporte público de mercadorías outorgaranse sen prazo de duración prefixado, se ben a súa validez quedará condicionada á constación periódica da subsistencia das condicións que orixinariamente xustificasen o seu outorgamento, e daqueloutras que, aínda no sendo esixidas orixinariamente, resulten de obrigado cumprimento. Esta constatación levarase a efecto polo servicio provincial mediante a realización do correspondente visado.

3. A realización periódica do visado non será obstáculo para que a Administración poida, en todo momento, comproba-lo cumprimento adecuado das condicións que orixinariamente xustificasen o outorgamento das autorizacións ou que constitúan requisitos para a súa validez, solicitando para tal efecto, do seu titular, a documentación acreditativa pertinenete.

Artigo 7º

Con independencia do ámbito territorial e das características do vehículo que se vaia adscribir ás autorizacións de transporte público, para o outorgamento destas será necesario acredita-lo cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Ser persoa física, non podendo outorgarse os títulos de forma conxunta a máis dunha persoa nin a comunidades de bens, ou ben persoa xurídica, debendo revestir neste caso a forma de sociedade mercantil, sociedade anónima laboral ou cooperativa de traballo asociado.

b) Te-la nacionalidade española, ou ben a dun estado da Comunidade Europea ou doutro país estranxeiro co que, en virtude do disposto nos tratados ou convenios internacionais subscritos por España, non sexa esixible o citado requisito.

c) Cumpri-las obrigas de carácter fiscal establecidas pola lexislación vixente.

d) Cumpri-las obrigas laborais e sociais esixidas pola lexislación correspondente.

Artigo 8º

1. Para a obtención da primeira autorización de transporte público que se solicite ante o servicio provincial competente, será necesaria a presentación do correspondente impreso oficial normalizado de solicitude, ó que deberá xuntarse o orixinal ou fotocopia compulsada da seguinte documentación:

a) Documento nacional de identidade en vigor do solicitante ou, cando este fose estranxeiro, documento de identificación que produza efectos equivalentes no seu país de orixe, ou ben o pasaporte, así como, en todo caso, acreditación de estar en posesión do correspondente número de identificación fiscal.

Cando o solicitante sexa unha persoa xurídica, deberá presenta-lo correspondente documento de constitución e a súa tarxeta de identificación fiscal, e acredita-la súa inscrición no Rexistro Mercantil ou, se é o caso, no rexistro que corresponda.

Cando os documentos ós que se refire esta alínea fosen presentados ó servicio provincial con ocasión da solicitude dunha autorización referida a outro vehículo, será suficiente a súa exhibición ó funcionario receptor da documentación, para efectos da constatación da súa vixencia.

b) Certificado de capacitación profesional para a actividade de transporte interior de mercadorías, expedido a favor do solicitante, nos casos en que o citado requisito resulte esixible conforme o previsto nesta orde.

Cando o solicitante sexa unha persoa xurídica ou, sendo persoa física, non cumpra o requisito de capacitación profesional por si mesma, ó certificado de capacitación de polo menos unha das persoas que realicen a dirección efectiva da empresa deberán xunta-los seguintes documentos:

-Documento público ou certificación rexistral na que se acredite que a citada persoa ten conferidos poderes xerais para representa-la empresa, por si mesma ou conxuntamente con outras nas operacións propias do seu tráfico ordinario.

-Documento público, certificación rexistral ou certificación da correspondente entidade bancaria na que se acredite que a mencionada persoa ten poder de disposición de fondos nas principais contas bancarias da empresa, ben por si mesma, ou ben conxuntamente con outras persoas, sempre que, neste último suposto, a súa sinatura sexa en todo caso necesaria para a referida disposición de fondos.

-Documentación acreditativa de que a citada persoa está dada de alta na Seguridade Social como persoal directivo da empresa, ou ben de que é pro

pietaria de, polo menos, un 15% do capital da empresa. Non se esixirá tal acreditación cando o solicitante fose unha persoa física e a dirección efectiva da empresa recaia sobre do seu cónxuxe. Cando o solicitante fose unha persoa xurídica e xustifique que o 50% ou máis do seu capital é da titularidade dunha empresa distinta, bastará con que acredite que a persoa que realiza a dirección efectiva cumpre este requisito na devandita empresa.

c) Declaración xurada do solicitante de non estar incurso en ningunha das circunstancias que, conforme o previsto no artigo 37 do regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, supoña a perda do requisito de honorabilidade, nos casos en que o cumprimento deste requisito resulte esixible conforme o previsto nesta orde.

Non obstante, cando o servicio provincial tivese dúbidas acerca da veracidade da declaración, poderá esixi-la presentación dunha certificación da inexistencia, ou, se é o caso, cancelación de antecedentes penais que impliquen a perda do requisito de honorabilidade expedida polo Rexistro Xeral de Penados e Rebeldes a favor do solicitante.

Cando o solicitante fose unha persoa xurídica deberá presentarse a documentación prevista neste apartado en relación con cada unha das persoas que, de forma efectiva e permanente, dirixan a empresa, en cumprimento do previsto no artigo 42.3º da Lei de ordenación dos transportes terrestres.

d) Documentación acreditativa da capacidade económica da empresa prevista no artigo 40 do regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, nos casos en que o cumprimento deste requisito resulte esixible conforme o disposto nesta orde, conforme ás seguintes precisións:

-Cando o solicitante fose unha persoa física haberá de presenta-la correspondente declaración ou documento de ingreso do imposto sobre o patrimonio das persoas físicas correspondente ó prazo de presentación que vencese durante os doce meses inmediatamente anteriores á data de solicitude.

Só cando o solicitante estivese exento da aplicación dese imposto, poderá substituí-la mencionada documentación por unha certificación expedida por entidade financeira legalmente recoñecida, ou por unha das asociacións que teña recoñecida representatividade polas administracións de transportes, ou pola correspondente cámara de comercio, industria e navegación, acreditativa da suficiencia da súa capacidade económica. No seu defecto, o solicitante poderá substituír esta certificación, por unha declaración xurada de cumpri-lo requisito, á que xuntará, en todo caso, outros documentos contables, comerciais ou financeiros ou xustificativos de posuír activos dispoñibles, propiedades incluídas, que a empresa poida utilizar como garantía, que avalen a declaración.

-Cando o solicitante fose unha persoa xurídica deberá presenta-lo correspondente libro de inventarios e balances da empresa ou copia do balance do último exercicio recollido no libro, ou ben unha certificación expedida polo secretario do Consello de Administración ou órgano equivalente da empresa

acreditativa do contido das anotacións relativas ó capital social e reservas que figuren no mencionado balance do último exercicio.

Excepcionalmente, cando da documentación prevista no parágrafo anterior non se desprenda estrictamente a adecuación da capacidade económica da empresa, o servicio provincial competente poderá considerar cumprido o requisito se se xuntan outros documentos contables, comerciais ou financeiros que, ó seu xuízo, proben suficientemente o dito cumprimento.

e) Declaracións ou documentos de ingreso do imposto sobre a renda das persoas físicas ou do imposto sobre sociedades, dos pagos a conta ou fraccionados ou das retencións a conta deles, e do imposto sobre o valor engadido, correspondente ó prazo regulamentario de presentación que vencese durante os doce meses inmediatamente anteriores á data da solicitude.

Esta documentación poderá ser substituída por unha certificación expedida polo órgano competente do Ministerio de Economía e Facenda acreditativa do cumprimento por parte do solicitante das súas obrigas en relación cos mencionados impostos durante o período sinalado no parágrafo anterior.

f) Xustificante da afiliación en situación de alta da empresa solicitante no réxime da Seguridade Social que corresponda.

g) Xustificante de que o solicitante está ó día no pagamento do imposto sobre actividades económicas, salvo que legalmente non se encontrase aínda obrigado a realiza-lo devandito pagamento, neste caso bastará con que se xustifique a súa matriculación no referido imposto.

h) Permiso de circulación, a nome do solicitante, do vehículo ó que vaia referirse a autorización. Cando o vehículo ó que vaia referirse a autorización sexa arrendado, deberá presentarse o permiso de circulación a nome da empresa arrendadora, acompañándose este do correspondente contrato de arrendamento ou dun precontrato ou documento análogo no que o solicitante da autorización de transporte e a empresa arrendadora se comprometan a realiza-lo arrendamento e no que deberá figura-lo prazo da súa duración, a identificación da empresa arrendadora, e os datos do vehículo e da correspondente autorización de arrendamento a el referida.

i) Ficha de inspección técnica do vehículo na que conste estar vixente o recoñecemento periódico legal ou, no seu defecto, certificación acreditativa para tal efecto.

2. Para a obtención de sucesivas autorizacións de transporte público que se soliciten ante o servicio provincial do que xa se obtivese o outorgamento doutra ou outras autorizacións de transporte público en vigor, o impreso de solicitude deberá acompañarse unicamente da documentación prevista nos apartados g), h) e i) do punto anterior. Os documentos previstos nos apartados b), c) e d) só deberán presentarse cando resulten esixibles para a obtención das novas autorizacións e non fose necesaria a súa presentación para o outorgamento doutras anteriores do mesmo peticionario.

3. Presentada a solicitude ante o servicio provincial para a súa resolución, este poderá proceder, sempre que se acompañe a documentación a que se refiren os puntos anteriores e non conste ou se observe o incumprimento dalgún dos requisitos esixibles para o outorgamento da autorización, a estender unha autorización provisional que habilitará por un prazo máximo de seis meses, en caso de non ser revogada, para dedica-lo vehículo consignado nela ó exercicio da actividade de transporte conforme o solicitado.

4. Unha vez examinado o expediente e constatado que se cumpren as condicións esixidas, o servicio provincial procederá ó outorgamento da autorización definitiva.

Artigo 9º

1. Para a realización do visado de tódalas autorizacións de transporte público de que sexa titular a empresa que teña o domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia, o cal se levará a cabo bianualmente, será necesario presentar diante do servicio provincial respectivo a seguinte documentación:

A) De forma unitaria e en relación co conxunto das autorizacións, a prevista nos apartados e), f) e g) do artigo 8º, en todo caso.

Ademais, cando o titular das autorizacións sexa unha persoa xurídica, deberá aportarse a documentación prevista no apartado b) do citado artigo, cando esta se lle esixise para o outorgamento das devanditas autorizacións.

B) En relación con cada unha das autorizacións, a prevista nos apartados h) e i) do artigo 8º, e unha fotocopia da tarxeta na que a autorización estea documentada.

Non obstante, o servicio provincial competente poderá igualmente esixi-la presentación de calquera outro dos documentos expresados no artigo 8º, xa sexa en relación con todas ou con algunha das autorizacións de que a empresa sexa titular, cando considere oportuno verifica-lo adecuado cumprimento dos requisitos que mediante as devanditos documentos se xustifican.

2. Rematado o prazo do visado sen que procedese á súa solicitude ou achega-la totalidade da documentación esixida, consideraranse caducados sen necesidade de revogación expresa por parte da Administración tódalas autorizacións de transporte público de que fora titular a empresa. Se tan só se deixase de presenta-la documentación prevista no apartado b), c) e d) do artigo 8º cando resultare esixible, a caducidade producirase exclusivamente en relación con aquelas autorizacións para o outorgamento das cales foi esixida orixinariamente.

3. As autorizacións caducadas por falta de visado poderán ser rehabilitadas polo órgano competente para a súa expedición cando así se solicite no prazo ordinario dun ano contado a partir do vencemento do prazo que regulamentariamente se atope establecido para a realización do visado e se aporte idéntica documentación á esixida por el.

En todo caso, o pagamento das sancións pecuniarias impostas por resolución definitiva en vía administrativa por infraccións á lexislación de transportes será requisito necesario para que proceda a rehabilitación das autorizacións en relación coas que cometesen os seus titulares as correspondentes infraccións.

A rehabilitación prevista neste artigo levarase a cabo sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador pola comisión da infracción leve tipificada no artigo 199 n) do ROTT, empezando a conta-lo prazo de prescrición a partir da solicitude de rehabilitación.

4. Para os efectos previstos no artigo seguinte o servicio provincial competente expedirá a favor da empresa, cando esta así o solicite, un certificado acreditativo de que presenten a documentación expresada no apartado a) do número 1 e da adecuación dela.

Artigo 10º

1. Para a realización do visado das autorizacións de transporte público domiciliadas nunha provincia distinta daquela na que a empresa teña o seu domicilio fiscal será necesario presentar diante do servicio provincial respectivo a seguinte documentación:

a) De forma unitaria en relación co conxunto de autorizacións a prevista no apartado g) do artigo 8º e o orixinal ou unha fotocopia compulsada do certificado a que fai referencia o número 4 do artigo anterior.

b) En relación con cada unha das autorizacións que se pretendan visar, a prevista nos apartados h) e i) do artigo 8º, e unha fotocopia da tarxeta na que a autorización estea documentada.

Non obstante, o servicio provincial competente poderá igualmente esixi-la presentación de calquera outro dos documentos expresados no artigo 8º en relación con algunha das autorizacións de que a empresa sexa titular cando consideren oportuno verifica-lo adecuado cumprimento dos requisitos que mediante o dito documento se xustifiquen.

2. Serán de aplicación en relación con este visado as regras contidas nos números 2 e 3 do artigo anterior.

Artigo 11º

As autorizacións de transporte público para vehículos pesados, reguladas na presente orde soamente se expedirán a persoas físicas ou xurídicas que reúnan o requisito de capacitación profesional, honorabilidade e capacidade económica nos termos establecidos na lexislación vixente.

Artigo 12º

1. Outorgaranse cantas novas autorizacións de servicio público de ámbito territorial, provincial e local de competencia exclusiva da Xunta de Galicia se soliciten para vehículos lixeiros, cunha antigüidade, contada a partir da primeira matriculación, que non exceda de seis anos para as territoriais e locais, e de dez para as provinciais.

2. Outorgaranse cantas novas autorizacións de transporte discrecional de ámbito provincial e local de competencia exclusiva da Xunta de Galicia se soliciten para vehículos pesados, sempre que o peticionario reúna os requisitos de capacidade económica, honorabilidade e capacitación profesional nos termos establecidos na normativa vixente e o vehículo para o que se realice a petición teña unha antigüidade, contada a partir da primeira matriculación, que non exceda de seis anos para as locais e dez para as provinciais.

3. As autorizacións de servicio público de ámbito territorial, para vehículos pesados só se poderán outorgar dentro das cotas que habilite a Dirección Xeral de Transportes e conforme as condicións que por ela se establezan e, en todo caso para vehículos que non excedan de 6 anos contados desde a primeira matriculación.

Artigo 13º

1. As autorizacións de transporte público de ámbito territorial para vehículos pesados poderán ser transmitidas a outros titulares, sempre que a Administración así o autorice, realizando a correspondente novación subxectiva delas en favor dos adquirentes.

A dita autorización estará condicionada a que os adquirentes cumpran os requisitos previstos no artigo 7º e 11º da presente orde.

Os vehículos ós que se refiran as autorizacións transmitidas poderán se-los mesmos ós que anteriormente estivesen referidas, cando o adquirente destas adquirise, pola súa vez, a disposición sobre tales vehículos conforme algunha das modalidades previstas no punto 2 do artigo 3º, ou ben ser outros distintos, achegados polo novo titular, sempre que se cumpran os requisitos previstos para a substitución de vehículos nos puntos 1 e 2 do artigo 14º.

Non obstante, as empresas que obtivesen novas autorizacións de ámbito territorial para vehículos pesados conforme o procedemento específico de outorgamento previsto no artigo 12º, non as poderán transmitir ata que transcorran dous anos desde a data do seu outorgamento, salvo nos supostos de novación subxectiva das autorizacións en favor dos herdeiros forzosos do seu titular e de transmisión conxunta de tódolas autorizacións de que sexa titular o trasmitente a un único adquirente. No caso de producirse algunha relación contractual que implique o incumprimento do anteriormente disposto, logo da tramitación do correspondente procedemento sancionador, procederase, sen prexuízo da imposición da sanción pecuniaria que proceda, á anulación das autorizacións ás que a citada relación se refira, revogándose ademais un número igual de autorizacións do mesmo ámbito, ou subsidiariamente o dobre do ámbito inmediatamente inferior, das que fose titular o transmitente.

O servicio provincial competente non autorizará a transmisión das autorizacións cando teña coñecemento oficial de que se produciu o embargo daquelas polo órgano xudicial ou administrativo competente.

2. As autorizacións de transporte público de calquera ámbito para vehículos lixeiros e de ámbito

local ou provincial para vehículos pesados poderán transmitirse cando se cumpran conxuntamente os dous seguintes requisitos:

a) Que os adquerintes cumpran os requisitos esixibles para o orixinario outorgamento das autorizacións de que se trate.

b) Que a novación subxectiva, salvo no suposto de transmisión a herdeiros forzosos, se solicite en favor dun único cesionario ó que se transfiran tódalas autorizacións non continxentadas das que sexa titular o transmitente e estas continúen referidas ós mesmos vehículos, sobre dos que o adquirente ou adquirentes deberán ter algunha das formas de disposición establecidas no artigo 3º, ou ben sexan referidas a vehículos distintos, achegados polo novo titular, sempre que se cumpran os requisitos previstos para a substitución de vehículos nos puntos 1 e 2 do artigo 14º.

3. Non obstante o previsto nos puntos anteriores deste artigo, cando se produza o falecemento do titular das autorizacións, poderá realizarse, aínda cando non se cumpra o requisito esixido no apartado a) do artigo 8º, a novación subxectiva delas en favor dos seus herdeiros de forma conxunta por un prazo máximo de dous anos. No momento en que se produza a adxudicación hereditaria ou, en todo caso, unha vez transcorrido o referido prazo, deberá cumprirse o citado requisito, procedéndose, en caso contrario, á revogación das citadas autorizacións.

Así mesmo, cando a dirección efectiva da empresa e o cumprimento do requisito de capacitación profesional recaesen persoalmente no empresario individual titular das correspondentes autorizacións, poderá realizarse a novación subxectiva de tales autorizacións en favor dos seus herdeiros forzosos, aínda cando estes non cumpran o requisito de capacitación profesional, nos casos de morte, xubilación por idade ou incapacidade física ou legal do citado titular, sempre que se comprometan a cumpri-lo requisito de capacitación profesional no prazo máximo dun ano.

O servicio provincial competente poderá prorroga-la validez das autorizacións durante un tempo máximo suplementario de seis meses cando, por causas extraordinarias debidamente xustificadas, non fose posible cumpri-lo requisito de capacitación profesional no prazo previsto no parágrafo anterior.

No suposto de incumprimento dos citados prazos, o servicio provincial competente procederá á revogación das autorizacións, salvo solicitude previa de suspensión delas.

Artigo 14º

1. Os vehículos ós que estean referidas as autorizacións de transporte público reguladas na presente orde poderán substituírse por outros cando así o autorice o servicio provincial competente, mediante a adscrición da correspondente autorización ó novo vehículo. Esta substitución quedará subordinada ó cumprimento dos seguintes requisitos:

a) O vehículo substituto terá que cumpri-los requisitos previstos no artigo 3º e non poderá excede-la

antigüidade máxima esixida para o outorgamento da autorización de que se trate ou, en caso contrario, haberá de ter unha antigüidade non superior á do substituído, debendo isto xustificarse mediante a presentación dos documentos previstos nos apartados h) e i) do artigo 8º.

Por excepción a esta regra, poderase autoriza-la novación obxectiva da autorización por adscrición a un vehículo máis antigo cando a autorización deste se adscriba a outro vehículo máis moderno.

b) Os vehículos especiais para os que se obtivese a correspondente autorización fóra de continxente, conforme o previsto na normativa no seu momento vixente, unicamente poderán ser substituídos por vehículos especiais do mesmo tipo.

c) Os vehículos lixeiros unicamente poderán ser substituídos por vehículos lixeiros.

d) A desvinculación do vehículo substituído respecto da autorización e a adscrición desta ó vehículo substituto deberán ser simultáneas, salvo que a solicitude de substitución vaia acompañada da suspensión da autorización.

2. Non obstante o previsto no apartado a) do punto anterior, non serán de aplicación as regras relativas á antigüidade máxima do vehículo substituído cando sexa un vehículo arrendado polo titular da autorización conforme o previsto nos artigos 174 ó 178 do Regulamento de ordenación dos transportes terrrestres, e nas súas normas de desenvolvemento.

Cando se substitúa un vehículo arrendado por outro en propiedade, este último non poderá supera-la antigüidade máxima de oito anos, e en todo caso, ser máis moderno que aquel que foi substituído polo vehículo arrendado.

3. Non será de aplicación o previsto nos puntos anteriores nos casos de substitución provisional, por un prazo non superior a dous meses, do vehículo pesado ó que estea referida a autorización que se encontre avariado por outro arrendado nas condicións establecidas na sección 1ª do capítulo IV do título V do Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres e na súa normativa de desenvolvemento. En tales casos, para poder realizar transporte co vehículo arrendado, deberá levarse a bordo del a seguinte documentación:

a) Orixinal da autorización de transporte correspondente ó vehículo avariado e do seu permiso de circulación.

b) Certificado do taller no que se encontre en reparación o vehículo avariado, no que se exprese a duración prevista da citada reparación.

c) Xustificante expedido en modelo normalizado de pór en coñecemento do servicio provincial competente a correspondente avaría, presentando o certificado do taller e facendo consta-los datos do vehículo avariado e os do vehículo arrendado substituto. Este xustificante, que será estendido de forma inmediata, terá un prazo de validez máximo de dous meses, contado a partir da súa data de expedición. Cando este prazo resulte insuficiente para a reparación do vehículo, poderá solicitarse da Adminis

tración a renovación do xustificante cumprindo idénticos requisitos cós establecidos para o seu primitivo outorgamento. Os vehículos arrendados para os fins previstos neste punto, deberán cumpri-los mesmos requisitos esixibles ós substituídos provisionalmente.

Artigo 15º

Para o outorgamento das autorizacións de transporte privado complementario de mercadorias deberán acreditarse os seguintes extremos:

a) Xustificación da necesidade de realiza-lo transporte para o que se solicita a autorización de acordo coa natureza e volume da actividade da empresa de que se trate, podendo o órgano competente, en función dos datos obtidos, limita-lo peso máximo autorizado ou a capacidade de carga dos correspondentes vehículos para os que se concede a autorización.

b) Aportación dun vehículo con antigüidade non superior a 8 anos para as autorizacións territoriais ou comarcais ou de 10 anos para as de ámbito local ou provincial.

c) Dispoñibilidade dun vehículo en réxime de propiedade ou ben de arrendamento finaceiro ou leasing cando se trate dun vehículo pesado.

Cando a autorización se teña que adscribir a un vehículo lixeiro, este poderá así mesmo ser arrendado de acordo co previsto na sección primeira do capítulo IV do título V do ROTT e normas de desenvolvemento.

d) Ter dados de alta na Seguridade Social como conductores un número de traballadores suficiente en relación co número de autorizacións solicitadas.

Artigo 16º

Para os efectos do artigo anterior, para a obtención de autorizacións de transporte privado complementario por quen non sexa titular doutras autorización en vigor da dita clase, será preciso presenta-lo correspondente impreso normalizado de solicitude, que será facilitado na oficina receptora do órgano competente, acompañado de orixinal ou fotocopia compulsada dos seguintes documentos:

a) Documento nacional de identidade en vigor do solicitante, ou, cando este fora estranxeiro, documento de identificación que produza efectos equivalentes no seu país de orixe ou pasaporte; así como, en todo caso, acreditación de atoparse en posesión do correspondente número de identificación fiscal.

Cando o solicitante fora unha persoa xurídica deberá presenta-lo correspondente documento de constitución e a súa tarxeta de identificación fiscal, e acredita-la súa inscrición no Rexistro Mercantil ou, se é o caso, no rexistro que corresponda.

b) Xustificante de ter realizado declaración do imposto sobre a renda de persoas físicas ou do imposto sobre sociedades e do imposto sobre o valor engadido, que teñan os prazos regulamentarios de presentación vencidos durante os doce meses inmediatamente anteriores á data da solicitude, salvo que legalmente non estivera obligada a isto.

A documentación prevista neste apartado deberá en todo caso, presentarse debidamente selada ou dilixenciada polo órgano comeptente do Ministerio de Economía e Facenda ou, se é o caso, por unha das súas entidades colaboradoras.

Esta documentación poderá ser substituída por unha certificación expedida polo órgano competente do Ministerio de Economía e Facenda acreditativa do cumprimento por parte do solicitante das súas obrigas en relación cos devanditos impostos durante o período sinalado no parágrafo anterior.

c) Xustificante da afiliación en situación de alta da empresa solicitante no réxime da Seguridade Social que corresponda.

d) Xustificante de que o solicitante se atopa ó día no pagamento do imposto sobre actividades económicas.

e) Docuentación contable ou comercial que xustifique suficientemente a necesidade de realiza-lo transporte para o que se solicita a autorización, conforme o previsto no apartado a) do artículo anterior.

f) Documentación acreditativa da contratación e correspondente inscrición en réxime de alta na Seguridade Social do número de conductores que resulte pertinente conforme o previsto no apartado d) do artigo anterior, xunto cos permisos de conducción de que se atopen provistos.

g) Permiso de circulación do vehículo ó que vaia a referirse a autorización, a nome do solicitante.

Cando, conforme o previsto no apartado c) do artigo anterior, o vehículo ó que vaia a referirse a autorización sexa arrendado, deberá presentarse orixinal ou fotocopia do permiso de circulación a nome da empresa arrendadora, xunto co correspondente contrato de arrendamento ou dun precontrato ou documento análogo no que o solicitante da autorización de transporte e a empresa arrendadora se comprometa a realiza-lo arrendamento e no que terá que figura-lo prazo de duración deste, a identificación da empresa arrendadora, e os datos do vehículo e da correspondente autorización de arrendamento referida a el.

h) Ficha de inspección técnica do vehículo no que conste atoparse vixente o recoñecemento periódico legal ou, se é o caso, certificación acreditativa para tal efecto.

Artigo 17º

Para a obtención de sucesivas autorizacións de transporte privado complementario por quen xa sexa titular doutras autorizacións da dita clase en vigor, o impreso de solicitude presentarase unicamente a documentación prevista nos apartado e), f) g) e h) do artigo anterior.

Artigo 18º

1. Para a realización do visado de tódalas autorizacións de transporte privado complementario de que sexa titular a empresa que se atope domiciliada no territorio sobre o que ostenta a competencia un

mesmo órgano, será necesario aporta-la seguinte documentación:

a) De forma unitaria en relación co conxunto de autorizacións, a prevista nos apartados b), c), d), e) e f) do artigo 16º.

b) En relación con cada unha das autorizacións, unha fotocopia da tarxeta na que se atope documentada, así como a acreditación de que o vehículo esta convenientemente asegurado e ten vixente o recoñecemento periódico da inspección técnica do vehículo.

Non obstante, o órgano competente poderá igualmente esixi-la presentación de calquera outro dos documentos expresados no artigo 16º, xa sexa en relación con todas ou con algunha das autorización de que a empresa sexa titular, cando considere oportuno verifica-lo adecuado cumprimento dos requisitos que mediante os ditos documentos se xustifican.

2. Na relación deste visado seguiranse idénticas regras ás previstas nos números 2 e 3 do artigo 9º.

Artigo 19º

1. Nos supostos de cambio de propiedade da empresa, fusión ou absorción por outra e, en xeral, de cambio de titularidade do negocio, procederá a novación subxectiva das correspondentes autorizacións de transporte privado complementario de mercadorias en favor do novo titular dos vehículos ós que estiveran referidas, se así o solicita este acompañando a documentación que, se é o caso, corresponda conforme o previsto nos artigos 16º e 17º, e sen que sexa esixible o cumprimento do requisito de antigüidade máxima dos vehículos á que se refire o artigo 15º b).

O establecio no parágrafo anterior será así mesmo, de aplicación cando o cambio de titularidade se produza en relación coa área ou sector diferenciado da empresa que realice unha actividade independente, respecto dos vehículos adscritos ó exercicio desa actividade.

2. En todo caso, o pagamento das sancións pecuniarias impostas por resolución definitiva en vía administrativa por infraccións da lexislación de transportes, será requisito necesario para que proceda a autorización administrativa á transmisión das autorización en relación coas que cometesen os seus titulares as correspondentes infraccións.

Artigo 20º

Os vehículos os que estean referidas as autorizacións de transporte privado complementario de mercadorías poderán substituírse por outros nos mesmos termos previstos no artigo 14º para os adscritos ás de transporte público, tendo en conta que, neste caso, a dita substitución non poderá implicar un aumento da capacidade de carga globalmente autorizada á empresa, salvo que o devandito aumento sexa expresamente aprobado polo órgano competente.

En todo caso, a solicitude deberá acompañarse da documentación prevista nos apartado e) e f) do artigo 16º referida ó vehículo substituto.

Artigo 21º

A modificación do peso máximo autorizado ou da capacidade de carga dos vehículos a que estiveran adscritas as autorizacións de transporte privado complementario de mercadorías, unicamente poderá realizarse cando non supoña un aumento respecto á autorización anterior, salvo que o dito aumento sexa expresamente autorizado pola Administración.

Artigo 22º

As autorización de transporte reguladas na presente orde poderán ser modificadas polo servicio provincial competente nos seguintes supostos:

a) Modificación do ámbito das autorizacións por cambio de comarcal a territorial ou de local a provincial e viceversa, para vehículos con residencia en Galicia, ou que fixen a súa residencia en Galicia, como consecuencia do establecido no punto seguinte.

b) Cambio de residencia do vehículo provisto de autorización de transporte, motivada polo cambio de domicilio legal, para efectos fiscais, da empresa ou centro de traballo.

c) Reducción voluntaria do ámbito de actuación.

Cando se realicen modificacións das características do vehículo ó que estea referida unha autorización de transporte público de mercadorías que afecten ó seu peso máximo autorizado ou capacidade de carga, será preciso solicitar do servicio provincial competente para o outorgamento da autorización que confirme que a validez desta continúa en vigor modificando os datos expresados na tarxeta en que se documenta. Esta confirmación estará, en todo caso, subordinada a que a modificación das características do vehículo fose previamente autorizada polos órganos competentes en materia de industria e tráfico, o que se xustificará mediante a presentación da documentación prevista nos apartados h) e i) do artigo 17º.

En ningún caso poderá admitirse un aumento do peso máximo autorizado ou da capacidade de carga que supoñan a transformación dun vehículo de transporte público lixeiro en pesado, procedéndose neste suposto á anulación da autorización polo servicio provincial competente.

Artigo 23º

O pagamento das sancións pecuniarias, que sexan definitivas en vía administrativa, será requisito necesario para que proceda a realización do visado, así como para autorización administrativa á transmisión das autorizacións en relación coas que cometeran os seus titulares as correspondentes infraccións.

Disposicións adicionais

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Transportes para interpretar cantas dúbidas suscite a aplicación desta orde e para dicta-las instruccións precisas para a súa execución e resolve-los casos excepcionais non regulados nela, e poderá solicitar informe do Consello Galego de Transportes.

Segunda.-Mentres non se fixen por resolución da Dirección Xeral de Transportes da Xunta de Galicia os prazos para a realización dos visados das autorizacións reguladas na presente orde, será de aplicación o calendario que a Dirección Xeral de Transportes Terrestres estableza para as autorizacións de competencia do Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente.

Terceira.-Mentres a Dirección Xeral de Transportes non determine a cota de autorizacións de ámbito territorial a outorgar ex novo, non se admitirá solicitude ningunha para ese ámbito.

Cuarta.-O titular dunha autorización de transporte público discrecional de mercadorías de calquera ámbito poderá solicita-la súa substitución por unha de transporte privado complementario de calquera ámbito, sempre que sexa competencia da Comunidade Autónoma galega, mediante a presentación da documentación que en cada caso resulte preceptiva para a obtención desta última. Recibida a solicitude o Servicio Provincial de Transportes competente procederá ó seu outorgamento referíndoo ó mesmo vehículo, independentemente de cal sexa a antigüedade deste, e á anulación da autorización de transporte público no que o devandito vehículo se amparaba, unha vez comprobado que se cumpren os demais requisitos que xustifican o outorgamento da autorización de transporte privado retirando a tarxeta en que aquela se atopase documentada.

O outorgamento da autorización de transporte privado a que fai referencia o parágrafo anterior estará condicionado ó pagamento das sancións pecuniarias impostas por resolución definitiva en vía administrativa por infraccións á lexislación de transportes en relación coa autorización de transporte público da que trae causa.

O Servicio Provincial de Transportes competente non outorgará a referida autorización de transporte privado complementario cando teña coñecemento de que se procedeu ó embargo polo órgano xudicial ou administrativo competente da autorización de transporte público que se pretende sustituir.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 4 de abril de 1994, e cantas disposicións de menor ou igual rango se opoñan ó previsto na presente orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 1996.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

96-1815