Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 28 de marzo de 1996 Páx. 2.901

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 1996 da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifican os estatutos da Federación Galega de Minusválidos Psíquicos.

Visto o estatuto da Federación Galega de Minusválidos Psíquicos e a acta de aprobación da súa asemblea xeral extraordinaria do 1-12-95.

Visto o informe da Sección de Rexistro de Clubs e Asuntos Xurídicos, a Orde do 28 de xullo de 1995 de desenvolvemento do Decreto 228/1994 do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Lei 10/1990 xeral do deporte e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar con efectos desde a aprobación da súa asemblea os estatutos aprobados de conformidade co artigo 8 da Orde do 28 de xullo de 1995 e autoriza-la publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 1996.

Eduardo Lamas Sánchez

Secretario xeral para o Deporte

ANEXO

Estatutos da Federacion Galega de Deportes para Minusvalidos Psíquicos

Capítulo I

Denominación, domicilio, obxectivos, modalidades, membros, estructura territorial

Artigo 1º

a) Co nome de Federación Galega de Deportes para Minusválidos Psíquicos, constitúese unha federación

polideportiva como entidade asociativa privada, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica e patrimonio propio e independente dos seus asociados.

b) A Federación Galega de Deportes para Minusválidos Psíquicos réxese e se atopa ó abeiro do Decreto 228/1994, do 14 de xullo, que regula as actividades das federacións deportivas galegas na súa Orde do 28 de xullo de 1995, publicada no DOG o día 8 de agosto de 1995 e en xeral pola Lei do deporte 10/1990 de 15 de outubro, polos presentes estatutos, regulamentos e demais normas de réxime interno que no seu momento se dicten dentro das súas competencias.

c) O anagrama oficial da federación será Fegademps, nome co que se poderá denomina-la federación a partir deste momento.

d) A Fegademps é unha entidade de utilidade pública, en virtude do disposto no artigo 44 da Lei do deporte 10/1990, do 15 de outubro.

e) O domicilio social da Fegademps establécese na cidade de Vigo, sendo neste momento na rúa Pi y Margall, 53-entresollado.

O único requisito para o cambio de cidade da sede da federación será a aprobación na súa asemblea.

A Fegademps poderá establecer locais e instalacións cando as súas necesidades o requiran.

Artigo 2º

A Fegademps estará formada polos clubs polideportivos, deportistas, técnicos e xuíces árbitros, que practiquen ou contribúan ó desenvolvemento dos deportes dentro do ámbito territorial.

Tamén encadrará a persoas que polo seu cargo na Fegademps contribúan ó funcionamento da federación.

A Fegademps ostentará na Autonomía de Galicia, a representación desta, nas actividades e competicións deportivas de carácter nacional e internacional expresamente organizadas para minusválidos psíquicos.

Para poder facilita-la participación dos seus membros nas actividades ou competicións de ámbito estatal ou internacional, esta federación autonómica estará integrada na Federación Española de Deportes para Minusválidos Psíquicos (Fedemps), conservando a súa personalidade xurídica propia así como o seu patrimonio, independencia e orzamento.

Artigo 3º

O obxectivo fundamental da Fegademps será a organización, promoción, defensa e cualificación do deporte para personas minusválidas e descapacitadas psíquicas en tódalas súas modalidades e graos.

1. Os deportes encadrados nesta federación, son os seguintes:

a) Atletismo.

b) Natación.

c) Fútbol.

d) Fútbol-sala.

e) Baloncesto.

f) Balonmán.

g) Tenis.

h) Tenis de mesa.

i) Ciclismo.

j) Esquí.

k) Ximnasia rítmica deportiva.

l) Deportes náuticos.

ll) Deportes tradicionais e populares.

m) Outros que os clubs demanden ou que a nivel nacional se practiquen.

3.2. Ademais das súas propias atribucións, exercerá por delegación as funcións públicas de carácter administrativo, actuando neste caso coma axente colaborador da Administración pública, sendo as súas competencias as seguintes:

a) Organizar, cualificar e autoriza-las actividades e competicións oficiais dentro da Comunidade Autónoma para persoas minusválidas e descapacitadas psíquicas, que se organicen no territorio autonómico galego. Para estes efectos establecerase en cada caso a normativa federativa correspondente.

b) Actuar en coordinación coa federación de ámbito estatal, para a realización dos nosos propios fins.

c) Deseñar, elaborar e executar, en colaboración, se é o caso, coa federación nacional, os plans e programas de deportes para os niveis de maior minusvalidez.

d) Colaborar coa Administración autonómica na formación de técnicos deportivos e na prevención e control no uso de substancias e grupos farmacolóxicos prohibidos, así como métodos non regulamentarios no deporte.

e) Exerce-la potestade disciplinaria deportiva nos termos establecidos na Lei do deporte e nas normas e disposicións emanadas da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, e nos propios estatutos e regulamentos da Fegademps.

f) Exerce-lo control das subvencións que se asignen ós clubs e entidades deportivas nas condicións que fixe a Secretaría Xeral para o Deporte.

g) Executar, se é o caso, as resolucións do Comité Galego de Disciplina Deportiva.

h) Os actos realizados pola Fegademps no exercicio das función públicas de carácter administrativo son susceptibles de recurso ante a Secretaría Xeral para o Deporte, resolucións que esgotan a vía administrativa.

Artigo 4º

As modalidades deportivas que promociona, organiza e desenvolve a Fegademps son todas aquelas

oficialmente recoñecidas, e os criterios que rexerán en cada unha delas virán dispostas nos seus respectivos regulamentos ou normas.

Artigo 5º

As competicións oficiais organizadas pola Fegademps están abertas ós clubs deportivos de toda a Comunidade Autónoma, legalmente constituídos, así como os deportistas con licencia en vigor.

De conformidade coa Constitución española, a Fegademps non permitirá no seu seo discriminación por razóns de sexo, raza ou posición social, política, relixiosa ou idiolóxica.

Da mesma forma non permitirá inxerencia estraña de carácter deportivo no ámbito das súas competencias.

Artigo 6º

Para ser membro de pleno dereito da Fegademps deberánse cumpri-los seguintes requisitos:

a) Estar dado de alta como club no Rexistro de Clubs e Entidades Deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte.

b) Que os seus estatutos expresen que entre os seus obxectivos figure a promoción e realización de deportes con minusválidos psíquicos, e cumprimento dos demais principios recollidos nos estatutos da Fegademps.

c) Solicitar por escrito a inscrición na federación.

Artigo 7º

Para a participación nas actividades ou competicións deportivas, será preciso cumpri-las seguintes condicións:

a) Aboamento das cotas de inscrición correspondentes, de acordo coas condicións económicas que se fixen en cada temporada ou actividade.

b) Estar en posesión da licencia oficial en cada caso, que integrará necesariamente o seguro obrigatorio ó que se refire o artigo 59.2º da Lei do deporte 10/1990, do 15 de outubro, e o aboamento do valor da licencia en cuestión.

Artigo 8º

Os clubs debidamente inscritos na federación e con licencias en vigor poderán participar en tódalas actividades da federación e acollerse ás axudas e subvencións que desde a mesma se xestionen, de acordo coas normas e convocatorias delas.

Artigo 9º

A estructura territorial dentro da autonomía galega da Fegademps será a provincia, sempre e cando o número de clubs e actividades nunha provincia sexa máis operativo.

En cada provincia onde exista unha delegación haberá un delegado provincial. Os órganos de goberno a nivel provincial que se executen por delegación da territorial, serán desenvolvidos no Regulamento de réxime interior.

Capítulo II

Sección primeira

Órganos de goberno e representación

Artigo 10º

Os órganos de goberno e representación da Federación Galega de Minusválidos Psíquicos son:

a) A asemblea xeral, dentro da cal se constituirá a Comisión Delegada de asistencia a aquela.

b) O presidente.

Artigo 11º

Son órganos complementarios de goberno, representación, administración e técnico:

a) A xunta directiva.

b) O secretario da federación.

c) O tesoureiro da federación.

d) O director técnico.

e) Para o mellor funcionamento da Fegademps poderanse crear tanto no seo da federación como nos seus comités deportivos, subcomités, direccións e comisións de carácter eventual ou permanente.

Artigo 12º

Os órganos electivos da Fegademps serán o presidente, a asemblea xeral e a súa comisión delegada. Os membros dos demais órganos serán designados e revogados libremente polo presidente.

Artigo 13º

O nomeamento ou a renovación dos membros dos órganos de goberno e representación, dos órganos complementarios e dos comités e demais que puideran crearse dentro da Fegademps, deberán ser comunicados a tódolos membros da asemblea xeral e á Secretaría Xeral Para o Deporte nun prazo máximo de 15 días a partir da data do nomeamento.

Sección segunda

A asemblea xeral

Artigo 14º

A asemblea xeral é o órgano superior da Fegademps, no que estarán representados os seguintes estamentos:

a) Deportistas.

b) Entidades deportivas inscritas na federación, e no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas da Secretaría Xeral Para o Deporte.

c) Xuíces e árbitros.

d) Técnicos.

e) Outros colectivos, segundo o previsto no decreto regulador das federacións deportivas galegas.

Artigo 15º.-A asemblea xeral.

1. Na asemblea xeral terán a consideración de electores e elixibles en representación dos estamentos recollidos no artigo anterior:

a) Os deportistas maiores de idade e en pleno exercicio dos seus dereitos civís, que teñan licencia en vigor expedida ata o momento da convocatoria das eleccións e a tiveran durante a tempada deportiva anterior, sempre que participasen en competicións ou actividades da correspondente modalidade deportiva de carácter oficial.

b) As entidades deportivas inscritas na Fegademps, nas mesmas circunstancias que as sinaladas no apartado anterior.

c) Os técnicos con titulación oficialmente recoñecida, xuíces e árbitros, e outros colectivos interesados, asímesmo en idénticas circunstancias sinaladas no citado parágrafo a).

2. Os membros da asemblea xeral que serán elixidos cada 4 anos, por sufraxio libre, igual, directo e secreto, coincidindo cos anos de celebración dos Xogos Olímpicos de inverno, entre e polos compoñentes de cada estamento, de acordo coa proporción establecida nestes estatutos, formarán parte dela mentres cumpran os requisitos polos que foron elixidos no seu respectivo estamento, agás que concorran causas excepcionais que deberán ser autorizadas pola Secretaría Xeral para o Deporte a través da publicación no Diario Oficial de Galicia. Se se produce unha vacante será cuberta polo seguinte candidato máis votado.

Artigo 16º.-Porcentaxes de representación na asemblea xeral.

1. A representación na asemblea xeral da Fegademps polos distintos estamentos, de acordo co establecido na Orde do 28 de xullo de 1995 pola que se desenvolve o Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, responderá ás seguintes proporcións:

a) Entidades deportivas inscritas na Fegademps entre un 60% e un 75%.

b) Deportistas, ata un máximo dun 20%.

c) Técnicos ata un máximo dun 5%.

d) Xuíces e árbitros ata un máximo dun 5%.

e) Outros colectivos se os houber ata un máximo dun 10%.

2. O número de membros da asemblea xeral fixarase na súa convocatoria de eleccións.

Artigo 17º

Correspondelle á asemblea xeral, en reunión plenaria:

a) Aprobación do orzamento anual e a súa liquidación.

b) Aprobación do calendario deportivo e das bases e regulamentos que rexerán a competición.

c) Aprobación dos regulamentos.

d) Aprobación e modificación dos seus estatutos.

e) Elección e cesamento do presidente.

Artigo 18º

As reunións das asembleas:

1. As reunións da asemblea xeral axustaranse ó seguinte réxime:

a) A asemblea xeral reunirase unha vez ó ano, necesariamente antes de comenza-la nova tempada deportiva, en sesión ordinaria para os fins da súa competencia e como mínimo para :

1) Aprobación do balance do orzamento anterior.

2) Aprobación do novo orzamento.

3) Ratificación do calendario deportivo.

4) Ratificación das bases ou regulamentos que rexerán as competicións.

5) Aprobación da memoria de actividades anuais.

6) Calquera outra que sexa da súa competencia.

A asemblea xeral ordinaria celebrarase non antes de 10 días posteriores á súa convocatoria, nin despois de 30 días naturais.

b) As demais reunións terán carácter extraordinario e serán convocadas polo presidente, ou por proposta dun número de membros da asemblea non inferior ó 25 %.

Presentada a solicitude de convocatoria por un número de membros suficiente, o presidente deberá convocala necesariamente no prazo de 10 días naturais. Desde a convocatoria ata a data de celebración da asemblea non poderán transcorrer máis de 20 días naturais.

c) A convocatoria, que deberá conte-la orde do día da reunión, farase pública no taboleiro de anuncios da federación e nas delegacións territoriais con 10 días de antelación á data da celebración. En todo caso notificarase individualmente a cada un dos membros da asemblea, por calquera medio que permita ter constancia da data da súa recepción, cunha antelación mínima de 48 horas.

d) A asemblea xeral quedará validamente constituída cando concorran na primeira convocatoria a metade máis un dos seus membros, e na segunda convocatoria, que terá lugar media hora máis tarde, calquera que sexa o número de asistentes.

2. O voto será persoal. Non se admitirá a delegación de voto agás o correspondente ós clubs deportivos, que poderá exercelo o seu presidente ou a persoa na que el delegue, sempre que non sexa membro da asemblea da federación, de acordo co regulamento electoral. Ninguén poderá ostentar máis dunha delegación de voto.

As votacións serán públicas a non ser que algún dos votantes solicite a votación secreta.

3. Ás sesións da asamblea xeral asistirán o secretario, o tesoureiro e o director técnico, con voz pero sen voto, sempre e cando non sexan asembleístas.

O presidente poderá nomear entre os membros da xunta directiva un moderador da asemblea.

Poderán asistir con voz pero sen voto, o último presidente saínte e os presidentes de honra se os houbese.

Artigo 19º

A adopción de acordos na asemblea xeral non tipificados nestes estatutos será por maioría simple, excepto no referido a aprobación e modificación dos estatutos, que será por maioría absoluta, en primeira votación e simple na segunda.

Artigo 20º

A asemblea xeral poderase reunir en pleno ou en comisión delegada.

Sección terceira

Comisión delegada

Artigo 21º

A comisión delegada será elixida entre e pola asemblea xeral mediante sufraxio entre os seus membros. O seu mandato coincidirá co da asemblea xeral.

a) O número de membros da comisión delegada será o 15 % dos membros da asemblea xeral, na que terán que estar representados tódolos seus estamentos. En ningún caso este número será inferior a 5 nin superior a 15.

b) Se se producise algunha vacante cubriríase co seguinte candidato máis votado.

c) O presidente da Fegademps convocará a comisión delegada, que se reunirá como mínimo cada 4 meses para os fins da súa competencia e polo menos para realiza-lo seguimento da xestión deportiva e económica da federación. As devanditas reunións asistirán como asesores do presidente e no desempeño das funcións que os estatutos lles encomenden, o secretario, o tesoreiro e o director técnico.

Artigo 22º

Correspóndelle á comisión delegada da asemblea xeral:

a) A elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

b) A modificación do calendario deportivo.

c) A modificación dos orzamentos e dos regulamentos.

d) O seguimento da xestión deportiva e económica da Fegademps.

As modificacións non poderán exceder dos límites e criterios que a propia asemblea xeral estableza.

A proposta sobre os temas que se van a tratar na comisión delegada, correspóndelle exclusivamente ó presidente ou a 2/3 dos membros da citada comisión.

A comisión delegada non poderá ser convocada nun prazo inferior a 48 horas.

Sección cuarta

O presidente

Artigo 23º

O presidente é o órgano executivo da Fegademps. Ostenta a súa representación legal, convoca e preside

os órganos de goberno e representación, e executa os acordos destes.

Artigo 24º

Será elixido cada catro anos por sufraxio libre, igual, directo e secreto, polos membros da asemblea xeral, coincidindo cos anos dos Xogos Olímpicos de inverno, agás que concorran causas excepcionais que deberán ser autorizadas pola Secretaría Xeral para o Deporte a través da publicación no DOG da correspondente resolución.

Artigo 25º

Os candidatos, que poderán non ser membros da asemblea xeral, deberán avala-la presentación da súa candidatura, mediante a sinatura de, polo menos o 10% dos membros da asemblea.

Artigo 26º

Será elixido presidente o candidato que obteña maioría absoluta dos votos emitidos. No caso de que ningún candidato alcance esta maioría procederase a unha segunda votación entre os dous candidatos máis votados, resultando elixido o que obteña a maioría de votos.

Artigo 27º

O presidente gozará de voto de calidade no caso de empate, naquelas decisións que deban adopta-los órganos que preside.

Artigo 28º

Para poder ser candidato a presidente ou membro da xunta directiva da Fegademps haberá que reuni-las condicións seguintes:

a) Te-la condición política de galego segundo o disposto no artigo 3 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril do Estatuto da autonomía para Galicia.

b) Ser maior de idade.

c) Estar en pleno uso dos dereitos civís.

d) Non ter incorrido en ningunha sanción deportiva que o inhabilite.

Artigo 29º

A persoa que resulte elixida como presidente da Fegademps ten que cesar en todo tipo de actividades técnicas e directivas nos deportes específicos da Fegademps e no ámbito territorial da mesma.

Artigo 30º

O presidente cesará por:

a) Ter finalizado o período para o cal foi elixido.

b) Por falecemento.

c) Por demisión.

d) Por enfermidade grave que o incapacite para o exercicio do seu cargo.

e) Por ter sido condenado, mediante sentencia xudicial firme que leve aparellada pena principal ou accesoria, de inhabilitación absoluta ou parcial para desempeñar cargos públicos.

f) Aprobación dunha moción de censura constructiva pola asemblea xeral, mediante acordo da maioría absoluta dela.

A dita moción de censura constructiva será presentada mediante un escrito e avalada por un número de membros da asemblea xeral non inferior ó 25%, e nel estableceráse:

-Motivos da presentación da moción.

-Candidato alternativo.

-Programa do candidato.

O candidato que poderá ser ou non asembleísta defenderá na asemblea extraordinaria convocada para tal fin a súa proposta.

Unha vez presentado o escrito para a moción de censura, cumprindo os requisitos anteriormente citados, o presidente deberá convocar asemblea xeral extraordinaria nun prazo de 10 días naturais. Desde a convocatoria ata a data de celebración da asemblea non poderán transcorrer máis de 20 días naturais. Os demais requisitos da convocatoria serán os mesmos que para outra asemblea xeral extraordinaria.

Non será posible presentar máis dunha moción de censura dentro dun período dun ano.

Artigo 31º

Á finalización dun mandato do presidente, este convocará unha asemblea exraordinaria na que na orde do día constará o procedemento a seguir para a elección e o nomeamento da xunta electoral, de acordo cos estatutos da Fegademps, que terán que ser aprobados pola asemblea e ratificados pola Secretaría Xeral para O Deporte.

Artigo 32º

Se o presidente cesara por calquera outra causa distinta ás sinaladas no artigo anterior, o novo presidente ocupará o cargo polo tempo que restase de cumpli-lo substituído.

Artigo 33º

Nos casos de ausencia, incapacidade temporal ou suspensión provisional, o presidente será substituído polo vicepresidente que el mesmo designe.

Sección quinta

A xunta directiva

Artigo 34º

A xunta directiva será o órgano colexiado de xestión da Fegademps, sendo os seus membros designados e revogados libremente polo presidente, que a presidirá.

a) Formarana un número de membros non inferior a 5 nin superior a 15.

b) Os membros da xunta directiva que non o sexan da asemblea xeral, terán acceso as súas sesións, con dereito a voz pero sen voto.

Artigo 35º

A xunta directiva estará composta por:

a) O presidente.

b) Vicepresidente primeiro.

c) Vicepresidente económico.

d) Director médico-psicolóxico.

e) Un máximo de 8 vocais, entre os que estarán os delegados provinciais.

Artigo 36º

O presidente e a súa xunta directiva estarán asesorados polo secretario, tesoureiro e o director técnico que en función do seu cargo asistirán a tódalas reunions, con voz pero sen voto.

Artigo 37º

A xunta directiva reunirase en sesión ordinaria, polo menos unha vez cada tres meses, correspondendo a convocatoria ó presidente, quen deberá comunicalo ós seus membros polo menos con 48 horas de antelación, e xuntará á convocatoria a orde do día.

37.1. En caso de urxencia poderá ser convocada a xunta directiva con menor antelación, e ditas sesións serán sempre de carácter extraordinario.

37.2. Os acordos da xunta directiva adoptaranse por maioría simple, salvo naqueles casos nos que expresamente se prevexa nos presentes estatutos ou normas e leis superiores.

Artigo 38º

Tódolos cargos da xunta directiva son honoríficos e en caso extraordinario, cando se estableza unha compensación económica xustificada a favor dalgún dos membros da xunta directiva, ten que ser expresamente acordada por maioría absoluta da asemblea xeral e constar de maneira diferenciada no orzamento. En ningún caso a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a federación.

Sección sexta

O director médico

Artigo 39º

Debido ás características particulares dos deportistas da Fegademps, o director médico como membro da xunta directiva será o encargado do asesoramento e control médico das iniciativas deportivas. Este cargo será ocupado por un profesional da mediciña.

Sección séptima

O secretario

Artigo 40º

O presidente da Fegademps nomeará un secretario, o cal exercerá as funcións de fedatario e asesor, e máis especificamente:

a) Levantar actas das sesións dos órganos de goberno e representación da Fegademps, con indicación dos asistentes, temas tratados, o resultado das votacións e, se é o caso, os votos particulares contrarios ó acordo adoptado.

Os votos contrarios ó acordo adoptado, ou as abstencións motivadas eximirán das responsabilidades que puideran derivarse, se fose o caso, dos acordos dos órganos colexiados.

b) Expedi-las certificacións oportunas dos acordos dos órganos de goberno e representación.

c) Remitirlle á Secretaría Xeral para o Deporte as actas das reunións da asemblea xeral e da Comisión delegada no prazo de 15 días desde a data da súa celebración.

d) Cantas funcións lle encomenden os estatutos e regulamentos da Fegademps ou lle sexan delegadas polo presidente.

e) O cargo de secretario poderá ser remunerado.

Sección oitava

O tesoureiro

Artigo 41º

O tesoureiro da Fegademps é o órgano de administración dela.

Exercerá como funcións propias:

a) Leva-la contabilidade da Fegademps.

b) Exerce-la inspección económica de tódolos órganos da Fegademps.

c) Elaborar e presentar balances á comisión delegada do estado contable da Fegademps.

d) Calquera outra función que lle encomenden os estatutos e regulamentos da Fegademps.

O cargo de tesoureiro poderá ser remunerado.

No caso de non nomearse ou de existi-la vacante de tesoureiro, o presidente no uso das atribucións que lle confire a Orde do 28 de xullo de 1995, Decreto 228/1994 do 14 de xullo, delega estas funcións no vicepresidente económico.

Sección novena

O director técnico

Artigo 42º

Para mellor organización deportiva e coordinación, dado o carácter polideportivo da Fegademps, o presidente nomeará un director técnico, que terá que ser persoa debidamente cualificada dentro do marco do deporte.

Artigo 43º

As funcións do director técnico serán as seguintes:

a) Planificar e programa-las actividades deportivas da Fegademps para a súa posterior aprobación ante os órganos competentes.

b) Dirixi-la execución dos programas deportivos da Fegademps.

c) Coordina-los distintos comités e comisións deportivos da Fegademps.

d) Informar e dotar da documentación necesaria ós comités disciplinarios.

e) Cantas funcións lle encomenden os estatutos e regulamentos da Fegademps ou lle sexan delegadas polo presidente.

O cargo de director técnico poderá ser remunerado.

Capítulo III

Os comités técnico-deportivos

Artigo 44º

1. Para a mellor execución, desenvolvemento e asesoramento das actividades da Fegademps, esta a través do seu presidente poderá contar con cantos comités considere necesarios, dependendo estos directamente da dirección técnica.

2. Cando os comités que se constituan na Fegademps atendan ó desenvolvemento dunha especialidade deportiva específica amparada pola federación, a designación dos seus presidentes efectuarase por proposta dos colectivos ou estamentos interesados.

3. Os demais presidentes de comités e outros órganos internos da Fegademps, serán designados polo presidente da mesma. Nos regulamentos da Fegademps reflectirase o funcionamento, composición e competencias destes comités.

Artigo 45º

1. De acordo coas disposicións legais, e de maneira obrigatoria, na Fegademps constituirase un comité de xuíces, cronometradores e árbitros; o presidente deste será designado polo presidente da federación.

2. Cando por operatividade sexa conveniente, este comité poderá adopta-la estructura territorial da Fegademps.

Artigo 46º.

Será función deste comité:

a) Establece-los niveis de formación técnica.

b) Clasificar tecnicamente, en función de criterios prefixados pola asemblea xeral os xuíces, cronometradores e árbitros, propoñendo á xunta directiva a adscripción ás categorías correspondentes. Estas clasificacións serán comunicadas á asemblea xeral.

c) Propoñe-los candidatos a xuíces, cronometradores e árbitros nacionais, de acordo coas convocatorias.

d) Propoñerlle á xunta directiva as normas administrativas que regulan o colectivo para a súa posterior aprobación pola asemblea xeral.

e) Designa-los colexiados nas competicións oficiais de ámbito galego.

f) Colaborar cos órganos competentes da Fegademps na formación técnica do colectivo.

Capítulo IV

Réxime económico e documental

Artigo 47º

O orzamento da Fegademps deberá elaborarse anualmente, correspondendo a súa aprobación a asemblea xeral.

Artigo 48º

A Fegademps non poderá aprobar orzamentos deficitarios. Excepcionalmente, a Secretaría Xeral para o Deporte poderá autoriza-lo carácter deficitario de tales orzamentos.

Artigo 49º

A Fegademps ten o seu propio réxime de administración e xestión de orzamento e patrimonio, con aplicación das seguintes regras:

a) Promover e organizar actividades e competicións deportivas dirixidas ó público, debendo aplica-los beneficios económicos, se os houbese, ó desenvolvemento do seu obxecto social.

b) A Fegademps pode gravar e allea-los seus ben inmobles, tomar diñeiro a préstamo e emitir títulos representativos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, sempre que os ditos negocios xurídicos non comprometan de modo irreversible o patrimonio da Fegademps ou do seu obxecto social. En todo caso cando a súa contía sobrepase o 25% do orzamento anual da federación, ademáis do acordo da asemblea xeral será imprescindible informe favorable da Secretaría Xeral para o Deporte.

Cando se trate de bens inmobles que fosen financiados en todo ou en parte, con fondos públicos da Comunidade Autónoma galega, será preceptiva a autorización da Secretaría Xeral para o Deporte para o seu gravame ou alleamento.

c) A Fegademps pode exercer, complementariamente, actividades de carácter industrial, comercial, profesional ou de servicios e destina-los seus bens e recursos ós mesmos obxectivos deportivos, pero en ningún caso poderán repartir beneficios entre os seus membros.

d) A Fegademps non poderá comprometer gastos de carácter plurianual, no seu período de mandato, sen autorización previa da Secretaría Xeral para o Deporte, cando o gasto anual comprometido supere o 10% do seu orzamento ou exceda o período de mandato do presidente.

Artigo 50º

A Fegademps elaborará unha memoria na que se incluirá a liquidación do orzamento que analizará fielmente a actividade económica da federación, a súa adecuada actuación orzamentaria, o cumprimento dos obxectivos e os proyectos que se van a desenvolver, e informar separadamente como mínimo sobre os seguintes aspectos:

1. Diferenciación dos gastos e aportacións segundo:

a) Subvencións públicas.

b) Subvencións, donativos ou aportacións privadas.

c) Vendas de activos.

d) Ingresos procedentes de competicións organizadas.

e) Ingresos para servicios prestados pola Fegademps, permisos, licencias e outros.

f) Ingresos financeiros.

2. Tamén constará o destino da totalidade dos recursos, distinguindo como mínimo os grupos de custo ou investimentos seguintes:

a) Administración da Fegademps.

b) Dirección e servicios da directiva, incluindo viaxes.

c) Competicións.

d) Axudas a clubs e outras entidades.

e) Axudas para actos deportivos.

f) Construccións e outros inmobilizados.

g) Formación de deportistas e técnicos.

h) Deportes e deportistas de élite.

i) Árbitros.

j) Órganos xurisdiccionais.

3. Nun apartado da memoria-liquidación do orzamento figurará tamén:

a) O importe das obrigas de pagamento que é necesario satisfacer noutros exercicios que non estean previstos no balance.

b) O importe das garantías e os avais comprometidos.

4. A liquidación do orzamento, que aplique as variacións en relación co orzamento aprobado na asemblea anterior.

Artigo 51º

A requirimento da Secretaría Xeral para o Deporte, nas condicións que esta determine, a Fegademps deberá someterse á inspección do seu réxime documental establecido no artigo 7 j) da Orde do 28 de xullo de 1995, do Decreto 228/1994, do 14 de xullo, así como a auditorías financeiras sobre a totalidade dos seus gastos.

Artigo 52º

As contas anuais e os orzamentos teñen que estar no domicilio social da Fegademps cunha antelación mínima de 15 días á celebración da asemblea, á disposición das persoas ou entidades con dereito a voto, as cales poderán pedir copia que se lles entregará antes da celebración da asembleas.

Artigo 53º

O réxime cocumental da Fegademps estará composto polos seguintes libros ou rexistros responsabilidade de:

a) O secretario da Fegademps:

-Un libro de actas dos órganos de goberno e representación.

-Un libro ou rexistro dos clubs e asociacións afiliadas á Fegademps.

-Un libro-inventario dos bens mobles e inmobles se os houber.

-Un rexistro de entradas e saídas de correspondencia.

b) O tesoureiro ou o vicepresidente económico no seu defecto:

-Libros de contabilidade ou sistema contable autorizado.

Capítulo V

Réxime disciplinario

Artigo 54º

A Fegademps ten en materia de disciplina deportiva potestade sobre tódalas persoas que formen parte da súa estructura orgánica: os clubs deportivos e os seus deportistas, técnicos e directivos, os xuíces e árbitros, e, en xeral, todas aquelas persoas e entidades que, estando federadas, desenvolvan a actividade deportiva correspondente no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 55º

A Fegademps terá a potestade disciplinaria que deberá exercerse no marco do establecido na Lei 10/1990, do 15 de outubro, do Deporte, e Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro sobre disciplina deportiva e polas disposicións federativas aprobadas conforme a elas.

Artigo 56º

A Fegademps terá como órganos competentes en materia disciplinaria:

1. En primeira instancia un comité de competición que:

a) É o órgano de xurisdicción e disciplina deportiva da Fegademps, que ten carácter autónomo e independente e a súa misión fundamental é a de resolver, corrixir e sancionar, se houber lugar, as situacións que puideran producirse nos distintos campionatos e competicións, así como resolver cuestións disciplinarias que se susciten en relación con clubs e persoas sometidas á disciplina deportiva da Fegademps.

Este comité, e dentro do ámbito da súa competencia poderá solicitar antecedentes, informes e probas para mellor valoración das súas decisións.

b) Homologar actas e resultados das competicións.

c) Poderá estar composto por un número de membros comprendido entre 3 e 5 ou un xuíz único.

2. En segunda instancia un comité de apelación que:

a) É o órgano de último recurso en disciplina deportiva da Fegademps, que ten dentro do seu ámbito plena liberdade, autonomía e independencia para dictaminar sobre as decisións emanadas do comité de competición.

Para unha mellor realización do seu cometido, poderá solicitar doutros órganos da Fegademps e de institucións ou persoas, a información que lle fora precisa.

b) O comité de apelación poderá estar composto por 3 membros ou un xuíz único.

3. Os órganos disciplinarios da Fegademps rexeranse polos estatutos da federación, regulamento de réxime interno, normativas, e demáis disposicións que sinale o comité galego de disciplina deportiva.

4. Os presidentes dos comites antes descritos ou os seus xuíces únicos terán que ser persoa con algún tipo de estudios en lexislación e xurisprudencia.

5. Os membros dos comites de competición e apelación ou os seus xuíces únicos serán designados polo presidente da Fegademps.

6. A xunta directiva da Fegademps decidirá ó comezo de cada tempada, en razón da súa operatividade, a fórmula conveniente de comité ou xuíz único.

Artigo 57º

Contra as resolucións definitivas da Fegademps en materia disciplinaria, cabe recurso ante o comité galego de disciplina deportiva.

Capítulo VI

Réxime electoral

Artigo 58º

A elección do presidente da Fegademps levarase a cabo mediante convocatoria acordada pola asemblea extraordinaria; na orde do día constará o procedemento a seguir para a elección e nomeamento da xunta electoral, que estará integrada por tres membros titulares e tres suplentes que se elixirán entre persoas que non sexan candidatos, en elección libre, directa, igual e secreta de acordo cos estatutos da federación. Este proceso será ratificado pola Secretaría Xeral para o Deporte e aprobado previamente pola asemblea en sesión extraordinaria.

Artigo 59º

1. O Regulamento electoral da Fegademps determinará sobre as seguintes cuestións:

a) A nova asemblea xeral da Fegademps estará composta polo máximo de membros que se decida na asemblea xeral extraordinaria, convocada con motivo de novas eleccións, e a distribución destes por estamentos estará de acordo co establecido nos estatutos.

b) Para a elección no estamento de clubs terase en conta o número destes con dereito a ser electores e elixibles en cada provincia, tendo unha cuota de representacion de forma proporcional ó número total de membros a ocupar polo devandito estamento. De calquera forma respectaráse a participación como membro da asemblea xeral a un club, como mínimo, por provincia, sempre que cumpra os requisitos.

Nos demais estamentos a elección será libre e directa entre os representantes dos devanditos estamentos e nas proporcións que se sinalan nos estatutos da Fegademps.

c) O calendario electoral que, incluída a celebración de asemblea xeral para a elección de presidente e comisión delegada non poderá exceder de 50 días, virá regulado no seu desenvolvemento de datas, prazos, presentación e proclamación de candidatos, así como o sistema de desempate, polo regulamento electoral.

d) O censo electoral confeccionarase de acordo co artigo 12 da Orde do 28 de xullo de 1995, publicada no DOG o 8 de agosto de 1995, e recollida nos estatutos da Fegademps.

e) A composición, competencias e funcionamento tipificarase no Regulamento electoral, de acordo coa normativa establecida pola Secretaría Xeral para o Deporte.

f) O procedemento de resolución de conflictos e reclamacións, que deberán resolverse sen dilación, tipificarase de acordo ca normativa establecida pola Secretaría Xeral para o Deporte.

g) Recursos electorais. A xunta electoral terá a súa disposición ós de carácter burocrático da Fegademps. Os recursos económicos, no caso de non estar previstos no orzamento, solicitaranse á Secretaría Xeral para o Deporte.

h) O Regulamento electoral, de acordo coa normativa da Secretaría Xeral para o Deporte, marcará a composición, competencia e funcionamento das mesas electorais.

i) O Regulamento electoral recollerá a elección ó presidente, de acordo co artigo 19 da Orde de 28 de xullo de 1995 (DOG do 8 de agosto), e así mesmo dacordo co artigo 17 da mesma orde, a elección da comisión delegada da asemblea.

2. No momento de apertura do prazo para a presentación de candidaturas á elección de presidente da Fegademps, deberá estar publicada a relación dos membros elixidos para a asemblea xeral. O prazo de presentación de candidaturas para a elección do presidente non poderá ser inferior a 10 días naturais.

3. O presidente da Fegademps e os membros da comisión delegada serán elixidos na primeira reunión da nova asemblea xeral.

Artigo 60º

Aprobado o Regulamento de elección, a xunta directiva procederá no prazo sinalado nel, á convocatoria de eleccións da asemblea xeral. A partir dese momento, a dita xunta directiva constituirase en comisión xestora.

Artigo 61º

A comisión xestora garantirá a máxima difusión e publicidade das convocatorias de elección á asemblea xeral e ó presidente da Fegademps, así como o Regulamento de eleccións cas medidas previstas

nas disposicións federativas, a través dun medio que permita asegura-la recepción da dita notificación. Deberá expoñerse o regulamento en cada circunscrición electoral o mesmo día da convocatoria.

Artigo 62º

As eleccións serán controladas pola xunta electoral e os interventores da Fegademps designados polos candidatos, que levantarán acta unha vez finalizada a votación e o reconto. A dita acta, debidamente certificada, remitirase á Secretaría Xeral para O Deporte no prazo de tres días.

Artigo 63º

1. No suposto de que se presentase un só candidato, non se efectuará votación e o secretario xeral para o Deporte ou a persoa na que el delegue proclamará presidente a este candidato, á vista da acta da xunta electoral.

2. Se non se presenta ningunha candidatura ou non é válida ningunha das presentadas, a xunta directiva constituída en comisión xestora, administrará a Fegademps e convocará e realizará novas eleccións no prazo máximo de tres meses.

Artigo 64º

Contra ás resolucións ou acordos da xunta electoral da Fegademps pódese interpoñer recurso ante o comité galego de disciplina deportiva.

Capítulo VII

Disolución da federación

Artigo 65º

A Federación Galega de Deportes para Minusválidos Psíquicos extinguirase polas causas seguintes:

a) Pola revogación do seu recoñecemento.

b) Por resolución xudicial.

c) Por integración noutras federacións.

d) Polas que poidan preve-los estatutos da Fegademps.

e) Polas demais causas previstas no ordenamento xurídico xeral.

Artigo 66º

En caso de disolución da Fegademps, o seu patrimonio neto, se o houbese aplicarase á realización de actividades análogas, determinando o seu destino concreto á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Disposicións adicionais

Única.-No caso de que algún deportista desta federación tivera incapacidade declarada para exerce-los seus dereitos, e na medida que sexa necesario, o exercicio dos dereitos de sufraxio activo e pasivo e o desempeño dos cargos electos que lle puideran corresponder, serán desempeñados polos representantes legais seus.

Disposicións transitorias

Primeira.-Na próxima asemblea xeral ordinaria de carácter anual que celebre a Fegademps presentarase o Regulamento de réxime interno para a súa aprobación.

Segunda.-Namentres a Fegademps non teña no estamento de técnicos, persoas debidamente tituladas pola mesma federación ou pola Federación Española de Deportes para Minusválidos Psíquicos, poderán ter validez para tódolos efectos as titulacións deportivas doutras federacións co visto e prace dos órganos técnicos da Fegademps.

1902