Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 26 de marzo de 1996 Páx. 2.814

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 1996 pola que se convocan dous cursos sobre atestados e investigación de accidentes de tráfico dirixidos ós membros dos corpos das policías locais de Galicia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1996 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración de dous cursos sobre «atestados e investigación de accidentes de tráfico», que deberán desenvolverse conforme ás seguintes bases:

Obxectivos:

Os cursos teñen por obxectivo principal da-los coñecementos necesarios en materia de atestados en accidentes de tráfico, para que os policías poidan desenvolve-lo seu labor, tal e como require a autoridade xudicial.

Destinatarios:

Os cursos van dirixidos ós membros dos corpos das policías locais de Galicia.

Inscrición:

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas:

O número de prazas que se ofertarán por curso será de 40.

Solicitudes:

1. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, acompañada dunha fotocopia do DNI, e do carné profesional.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará nas seguintes datas, ás 14 horas:

-Pontevedra: 1 de abril.

-Ferrol: 10 de abril.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal e seladas, será isto requisito indispensable para ser admitido nos cursos; o incumprimento deste requisito levará consigo á non admisión ó devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: Rúa de Madrid, 2-4, Polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compos

tela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración:

Os cursos celebraranse en sesións de tarde, de luns a venres, e neles trataranse, entre outros, os seguintes temas:

a) Competencias da policía local en materia de accidentes de tráfico.

b) Concepto e clases de accidentes de tráfico.

c) Investigación de accidentes de tráfico.

d) Planificación da investigación.

e) Croquis e informes técnicos.

f) Resolución de diversos casos prácticos.

g) Alcoholemia en relación cos accidentes de tráfico.

Datas:

Os cursos celebraranse nas seguintes datas:

-Pontevedra: do 8 ó 12 de abril.

-Ferrol: do 22 ó 26 de abril.

O horario será de 16 a 20 horas do serán.

Relación de admitidos:

A relación de admitidos publicarase nas seguintes datas:

-Pontevedra: 2 de abril.

-Ferrol: o día 16 de abril.

Esta relación publicarase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

Lugar:

Os cursos desenvolveranse nas cidades de Pontevedra e Ferrol, queda por determina-lo lugar de celebración, que se comunicará previamente xunto coa lista de admitidos.

Certificado de asistencia:

Ó remate dos cursos entregaráselle un certificado de asistencia, a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nel, non podendo supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha non asistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, implicará á non expedición do certificado.

Modificacións:

A Academia Galega de Seguridade poderá modificá-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 1996

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

2213