Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 26 de marzo de 1996 Páx. 2.804

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 122/1996, do 8 de febreiro, sobre adxudicación de obras e subministracións polo procedemento negociado con publicidade.

A Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, prevé nos artigos 74.4º e 93, con carácter xeral, o procedemento negociado de contratación, e regúlao, con carácter específico, nos artigos 140 e 141, para a contratación de obras, e nos artigos 182 e 183, para a contratación de subministracións.

Trátase dunha regulación sucinta, o cal suscita dúbidas acerca da súa aplicación práctica polos órganos de contratación. Por esta razón, en espera de que a Administración do Estado a desenvolva regulamentariamente, resulta aconsellable completa-la dita regulación, establecendo unhas regras que faciliten e uniformen a actuación dos mencionados órganos de contratación.

Coa finalidade de garanti-la transparencia da contratación administrativa e o respecto dos principios de igualdade, non discriminación e libre concorrencia, prevese, en relación coas contratacións sinaladas, a publicidade do procedemento negociado para a contratación de obras e subministracións en determinados casos. Deste xeito, o órgano de contratación poderá contar con maior facilidade cun número axeitado de empresas capacitadas para a realización do obxecto do contrato.

Por outra banda, trátase de establecer un procedemento flexible, que garanta a axilidade e eficacia da contratación polo procedemento negociado.

En virtude do exposto, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de febreiro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O obxecto deste decreto é completa-la regulación contida na Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, sobre a contratación de obras e subministracións polo procedemento negociado, coa finalidade de que sexa aplicada polos órganos de contratación da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º

As regras contidas neste decreto serán aplicables respecto dos contratos seguintes:

1. Contratos de obras:

a) Cando as proposicións ou ofertas económicas nos procedementos abertos ou restrinxidos fosen irregulares ou inaceptables, sempre que non se modi

fiquen substancialmente as condicións orixinais do contrato.

b) Cando as obras se vaian realizar unicamente con fins de investigación, experimentación ou perfeccionamento e non co obxecto de obter unha rendibilidade ou de cubri-los custos de investigación ou de desenvolvemento.

c) Excepcionalmente, cando se trate de obras dunha natureza ou cun risco que non permitan determinar previamente o prezo global.

d) Cando o contrato non chegara a adxudicarse no procedemento aberto ou restrinxido por falta de licitadores ou porque os presentados non foran admitidos á licitación, sempre que non se modifiquen substancialmente as condicións orixinais do contrato, salvo o prezo, que non poderá ser aumentado en máis dun 10 por 100.

2. Contratos de subministracións:

a) Cando as proposicións ou ofertas económicas nos procedementos abertos ou restrinxidos fosen irregulares ou inaceptables, sempre que non se modifiquen substancialmente as condicións orixinais do contrato.

b) Cando non se presenten proposicións en resposta a un procedemento aberto ou restrinxido, sempre que non se modifiquen as condicións orixinais do contrato, salvo o prezo, que non poderá ser aumentado en máis dun 10 por 100.

c) Cando os productos de que se trate se fabriquen exclusivamente para fins de experimentación, estudios ou desenvolvemento e non co obxecto de establece-la viabilidade comercial do producto ou de recupera-los custos de investigación ou desenvolvemento.

Artigo 3º

1. En relación cos contratos sinalados no artigo anterior deberase publicar necesariamente no Diario Oficial de Galicia o correspondente anuncio da licitación, no que se sinalarán a obra ou subministración de que se trate, o importe, salvo no suposto no artigo 2º.1.c) deste decreto, o prazo de presentación de proposicións, a data, hora e lugar de apertura de proposicións, e o lugar onde estarán expostos o proxecto e mailo prego de cláusulas administrativas particulares. O anuncio deberase publicar, como mínimo, con dez días naturais de anticipación á data límite de presentación de proposicións.

2. Non obstante o disposto no apartado anterior, non sería necesaria a publicación nos supostos recollidos no artigo 2, apartados 1.a) e 2.a) cando se inclúa no procedemento negociado a tódolos licitadores que, con ocasión dos procedementos abertos ou restrinxidos, fosen admitidos á licitación.

3. A publicación regulada neste artigo será obrigatoria incluso nos supostos en que, segundo a Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, deba procederse á publicación no Diario Oficial das Comunidades Europeas.

Artigo 4º

A apertura de proposicións será pública e realizaraa unha mesa de contratación designada polo órgano de contratación. Formarán parte dela, en todo caso, unha representación do servicio propoñente, así como un representante da Intervención Xeral e outro da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

A mesa de contratación procederá, unha vez abertas as proposicións, á súa valoración de acordo co prego de cláusulas administrativas particulares, e formulará, conforme con este, a proposta de adxudicación que corresponda.

O órgano de contratación, á vista da proposta de adxudicación formulada e das demais actuacións que consten no expediente, procederá á adxudicación do contrato, que deberá ser motivada no suposto de non ser coincidente coa proposta da mesa.

Artigo 5º

As empresas licitadoras que non estean inscritas no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma deberán presentar toda a documentación prevista na Lei 13/1995.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 395/1990, do 14 de xuño, sobre contratación directa de obras e subministracións.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e será aplicable ós expedientes de contratación que se inicien a partir da dita data.

Santiago de Compostela, oito de febreiro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

2137