Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 22 de marzo de 1996 Páx. 2.661

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 7 de febreiro de 1996 pola que se convocan axudas económicas para a realización de actividades de formación dirixidas ó profesorado de niveis non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 1996 e organizadas polos movementos de renovación pedagóxica.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 31, a súa competencia plena para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, dispón que as administracións educativas planificarán as actividades necesarias de

formación permanente do profesorado e garantirán unha oferta diversificada e gratuíta destas actividades (artigo 56.3º).

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, consciente da importancia que ten a formación permanente do profesorado de cara á mellora da calidade do ensino e á potenciación no uso do galego e a renovación da metodoloxía e das técnicas didácticas que se aplican nos centros docentes, e consciente da repercusión e incidencia real que teñen os movementos de renovación pedagóxica en canto a que contribúen ó desenvolvemento deste proceso e potencian a realización de actividades de perfeccionamento e a formación de grupos de traballo xurdidos da propia iniciativa do profesorado, pretende facilita-lo logro destes obxectivos ó través da concesión de axudas económicas.

Na súa virtude, esta consellería,

DISPÓN:

1. Convócanse axudas económicas para a organización durante o ano 1996 de actividades de formación do profesorado dirixidas a profesores que imparten a súa docencia en niveis non universitarios e que dinamicen o ensino en galego.

2. O importe máximo total das axudas que se concedan é de 10.000.000 de ptas., con cargo ó concepto orzamentario 07.03.322I.480.0.

3. Poderán ser beneficiarios destas axudas os movementos de renovación pedagóxica legalmente constituídos e recoñecidos cando nos seus estatutos figure como fin preferente a formación do profesorado e desenvolvan as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia, e sempre que teñan xustificadas as axudas concedidas en anteriores convocatorias.

4. Os movementos de renovación interesados deberán dirixi-las súas solicitudes, conforme o modelo que figura no anexo I, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, edificio San Lázaro, 15771 Santiago de Compostela, xunto coa seguinte documentación:

A. Programa das actividades desenvolvidas ou que van desenvolver, conforme o modelo que figura no anexo II.

B. Orzamento, conforme o anexo III, tendo en conta os módulos económicos que figuran no anexo IV.

C. Copia compulsada dos documentos que acreditan a súa constitución legal e fotocopia compulsada dos estatutos do movemento de renovación pedagóxica.

D. Fotocopia do CIF.

E. Documentación acreditativa da representación que exerce o solicitante.

F. Certificación bancaria da conta corrente.

5. O prazo para a presentación de solicitudes será de trinta días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

6. As actividades (deseño, convocatoria, publicidade, desenvolvemento, certificacións, etc.) faranse en galego e de acordo co Decreto 173/1982, sobre normativización da lingua galega, e na disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística, e irán dirixidas fundamentalmente a profesores en activo na Comunidade Autónoma, non debendo supera-la participación doutros colectivos o 30 por cento do total de asistentes; este extremo deberá ser reflectido na memoria presentada.

7. Financiaranse prioritariamente aquelas actividades que fomenten o ensino en galego e que coincidan basicamente cos obxectivos xerais da política educativa establecidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, especialmente os definidos no Plan Galego de Formación Continuada do Profesorado de Niveis non Universitarios e que versen sobre os seguintes temas considerados como prioritarios:

7.1. Actualización pedagóxico-didáctica:

-Orientacións teórico-prácticas para a elaboración de proxectos de centro.

-Deseño e desenvolvemento curricular. Proxectos curriculares.

-Introducción de novos elementos culturais (saúde, medio ambiente, educación para a paz, coeducación) nas distintas áreas do currículo.

-Desenvolvemento de adaptacións curriculares para alumnos con necesidades educativas especiais.

-Educación de adultos e alfabetización.

7.2. Actualización científico-técnica:

-En tódalas áreas do currículo.

-Do profesorado de formación tecnolóxica, de cara á implantación das ensinanzas técnico-profesionais, nos contidos da educación tecnolóxica e das distintas familias profesionais.

7.3. Modalidades, técnicas e instrumentos de avaliación.

7.4. Xestión e organización de centros educativos.

7.5. A orientación e a titoría.

8. A contía das axudas establecerase en función do número de solicitudes e a adecuación dos proxectos ó establecido no artigo 7º da presente convocatoria e da dispoñibilidade orzamentaria, tendo en conta ademais que, sumadas a outros recursos que se obteñan, non excedan dos gastos orzados para as actividades programadas.

9. Comisión de selección. Constituirase unha comisión de selección integrada por:

-O director xeral de Ordenación Educativa e Centros.

-A subdirectora xeral de Ordenación Educativa.

-A xefe do Servicio de Formación do Profesorado.

-O xefe do Servicio de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega da Dirección Xeral de Política Lingüística.

-2 representantes de movementos de renovación pedagóxica.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

10. Resolución da convocatoria. Unha vez rematado o proceso de selección, formularáselle a proposta de concesión de axudas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, determinando en cada caso a contía das axudas. A orde de concesión de axudas será publicada no Diario Oficial de Galicia.

No suposto de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de tres meses, e sen prexuízo da súa posterior resolución, as solicitudes entenderanse desestimadas.

11. O pagamento das axudas económicas concedidas farase nun só libramento, unha vez feita a debida xustificación, que se deberá realizar antes do 10 de outubro de 1996 para as actividades celebradas ata o 30 de setembro e antes do 10 de decembro de 1996 para as actividades de outubro a decembro do mesmo ano. A devandita xustificación farase de acordo coas instruccións que para o efecto dicte a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e que serán postas en coñecemento dos interesados coa mesma data na que se lle comunique a súa concesión.

12. O importe da axuda, tendo en conta os recursos que xere a actividade e outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, poderá reducirse no suposto de que, á hora de presenta-la xustificación da axuda, houbese unha diminución dos gastos realizados. Esta reducción será proporcional á diminución dos gastos orzados.

13. Obrigas dos beneficiarios. Son obrigas dos beneficiarios das axudas, conforme a Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, do 7 de outubro, as seguintes:

a) Comunicar á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a obtención de calquera outra subvención ou axuda para a mesma finalidade, procedente de calquera administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

b) Reintegra-la axuda ou subvención percibida e mailos xuros de demora nos supostos previstos no artigo 78.6º da citada Lei 11/1992.

14. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá levar a cabo as inspeccións oportunas orientadas a comproba-la veracidade dos datos facilitados, así como a utilización dos fondos concedidos.

15. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 1996.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación

e Ordenación Universitaria

ANEXO II

PROXECTO

Esquema do seu contido:

1. Título:

2. Entidade organizadora:

3. Lugar de celebración.

4. Data de realización:

5. Obxectivos:

6. Programa do contido e das actividades:

7. Número de participantes:

8. Nivel/is ou modalidade/s de ensino que imparten os profesores asistentes:

9. Ámbito de actuación (local, comarcal, provincial, autonómica, nacional, internacional):

......................, .....de............de 1996

O representante legal,

(Selo)

ANEXO III

ConceptosContía máxima

1. Gastos de ensino

1.1. Cursos:
1.1.1. Dirección ou coordinación1.500 pesetas/hora
1.1.2. Horas de clase4.000 pesetas/hora

1.2. Seminarios, xornadas, simposios, escolas de verán, encontros, reunións, etc.

1.2.1. Dirección ou coordinación1.500 pesetas/hora
1.2.2. Comunicacións4.000 pesetas/hora
1.2.3. Relatorios ou conferencias12.000 pesetas
1.2.4. Traballo en grupo: horas de traballo por cada membro do grupo ou seminario1.000 pesetas/hora

1.3.1. Seminarios permanentes ou grupos de traballo:
1.3.1. Dirección ou coordinación1.500 pesetas/hora
1.3.2. Horas de traballo por cada membro do grupo ou seminario1.000 pesetas/hora

1.4. Xestión, secretaría e planificación1.000 pesetas/hora

2. Gastos de material

2.1. Material funxible

2.2. Publicacións e impresos

2.3. Material de paso audiovisual

2.4. Libros e material didáctico

Poderase xustificar en material, como máximo, o 25% da docencia.

ANEXO IV

MODELO DE ORZAMENTO

I. Ingresos

1.1 Cotas de inscriciónpesetas

1.2 Subvencións (inclúase declaración xurada):

Comunidade Autónomapesetas

Deputación depesetas

Concello depesetas

Caixa de Aforros depesetas

Outrospesetas

pesetas

pesetas

-----------

Total ingresos

II. Gastos

2.1 Gastos de ensino:

2.1.1. Dirección e coordinaciónpesetas

2.1.2. Horas de clasepesetas

2.1.3. Comunicaciónspesetas

2.1.4. Relatorios ou conferenciaspesetas

2.1.5. Horas de traballopesetas

2.1.6. Horas de xestión, secretaría e planificaciónpesetas

-----------

Total 2.1

2.2 Gastos de material:

2.2.1. Material funxiblepesetas

2.2.2. Publicacións e impresospesetas

2.2.3. Material de paso audiovisualpesetas

2.2.4. Libros e material didácticopesetas

-----------

Total 2.2

2.3 Outros gastos:

-----------

Total 2.3

-----------

Total gastos (2.1+2.2+2.3)

1934