Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 20 de marzo de 1996 Páx. 2.584

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 19 de xaneiro de 1996, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto da explotación mineira denominada Monte Castelo.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise público o acordo da Comisión Galega de Medio Ambiente, do 30 de novembro de 1995, polo que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto da explotación mineira denominada Monte Castelo, sita en terreos do termo municipal de Burela, provincia de Lugo, promovido por Ecesa, que se transcribe como anexo a esta resolución.

Lugo, 19 de xaneiro de 1996.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo

ANEXO

Acordo do 30 de novembro de 1995, da Comisión Galega do Medio Ambiente, polo que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto da explotación mineira denominada Monte Castelo sita en terreos do termino municipal de Burela, provincia de Lugo, promovido por Ecesa.

No Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia (DOG do 25 de setembro de 1990), da Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia, establécese a obriga de formular declaración de impacto ambiental (DIA) con carácter previo á resolución administrativa que adopte o órgano substantivo para a autorización da actividade obxecto do proxecto.

Monte Castelo, dunha extensión de 16 cuadrículas mineiras, está formado pola agrupación de catro permisos de investigación, en trámite de pasar a concesión de explotación, formando grupo mineiro.

O anexo I contén un resumo do proxecto de explotación.

O anexo II contén un resumo das medidas correctoras e protectoras e do plan de restauración propostos no estudio de avaliación do impacto ambiental.

En cumprimento do establecido no artigo 5, punto 3º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, e con data do 5 de setembro de 1995, sométeuse a información pública, durante 30 días, o estudio de impacto ambiental.

Como resultado desta, non consta a presentación de alegacións ó devandito proxecto.

Consúltanse, así mesmo, as direccións xerais de Industria, Calidade Medioambiental e Urbanismo, Montes e Medio Ambiente Natural, Saúde Pública e Patrimonio Histórico e Documental.

O resultado das consultas realizadas está contido no anexo III da presente declaración.

Completada a tramitación, a Comisión Galega de Medio Ambiente, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 442/1990, formula a declaración de impacto ambiental do proxecto da explotación mineira denominada Monte Castelo sita en terreos do termo municipal de Burela, provincia de Lugo, promovido por Ecesa.

O órgano substantivo para este proxecto é a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, e o órgano ambiental, a Comisión Galega de Medio Ambiente.

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación presentada, a Comisión Galega de Medio Ambiente establece pola presente declaración de impacto ambiental as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de forma que se asegure a minoración dos posibles efectos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

A presente declaración refírese, en exclusiva, ás actuacións mineiras de explotación e ás instalacións compredidas dentro da área xeográfica definida no plan xeral da explotación do proxecto de referencia. Para outras zonas ou áreas a explotar precisaríase unha nova declaración.

Protección das augas.

As augas residuais que se poidan xerar nos servicios hixiénicos destinados ós operarios deberán ser conducidas a unha rede de saneamento municipal ou ben a unha fosa séptica ou outro sistema de tratamento axeitado.

Disporase na entrada da zona de explotación dunha pequena balsa con equipo de lavado de rodas, conectada á rede xeral de drenaxe, co fin de limpa-los vehículos de estrada que saian do lugar da canteira.

No caso de que co emprego do sistema de decantación previsto, a auga non saia suficientemente limpa, incumprindo o establecido na Lei de augas e outras disposicións legais relativas á calidade das augas residuais de efluentes hídricos procedentes de actividades industriais, deberase recorrer a outras técnicas ou instalacións de depuración que aseguren a calidade do vertido hídrico.

Non se poderá depositar nin acumular na explotación nin en terreos propios adxacentes, ningún tipo de residuos sólidos, tales como chatarra, plásticos, pezas inservibles de maquinaria, ou calqueraoutro material que se xere na explotación, diferente dos materiais propios procedentes da extracción.

Os residuos que se poidan producir polo mantemento da maquinaria recolleranse en recipientes axeitados e entregaránselle a un xestor autorizado.

Protección da paisaxe.

Respectarase en todo momento aquela vexetación que, atopándose nos límites da explotación, serve como pantalla visual e acústica e como barreira contra o po.

Naqueles puntos en que a vexetación non sexa suficiente para apantalla-la industria, o promotor deberá facer unha revexetación para atenua-lo impacto visual.

Esta franxa de vexetación comprenderá especies arbóreas cunha distribución disposta en triángulo de, polo menos catro liñas de árbores en marco de plantación dun metro. As especies empregadas serán as mesmas cás empregadas no plan de restauración.

Plan de restauración.

O plan de restauración proposto considérase axeitado e deberá pórse en práctica e levarse a cabo, de xeito progresivo, de forma tal e como consta no documento presentado, imprescindible para consegui-la recuperación integral da zona impactada co seu contorno e mante-la calidade paisaxística do lugar.

Así mesmo, utilizarase para o acondicionamiento do solo, principalmente, a terra vexetal acumulada, e de non ser suficiente, adquirirase terra vexetal proveniente de movementos de terra ou provisións autorizadas, tendo en conta a posibilidade de restitui-lo arboredo con frondosas de carácter autóctono, en vez de rexenera-la vexetación arbórea empregando unicamente especies perennifolias alóctonas.

Documentación adicional.

O promotor remitirá, a través do órgano substantivo, á Comisión Galega do Medio Ambiente, e no mes de xaneiro de cada ano natural, un informe que describa, polo menos, o grao de cumprimento do plan de restauración, así como unha reportaxe fotográfica que reflicta tanto o estado da explotación como as accións de restauración levadas a cabo.

Condicions adicionais.

-O órgano substantivo fixará un aval, para garanti-lo cumprimento do plan de restauración e que poderá ser acumulativo se se considera axeitado. Este aval será renovado en función do cumprimento por parte do promotor do plan de restauración e do plan de labores anual.

-As condicións indicadas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para o promotor.

Non embargantes, a empresa promotora poderá solicitarlle ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta declaración co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentaran graves deficiencias para a súa implantación ou implicaran modificacións importantes na actividade industrial, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, a empresa promotora solicitarallo á Comisión Galega do Medio Ambiente, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse tres meses despois de serlle enviada a presente declaración polo órgano substantivo. Unha vez reci

bida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle o acordo adoptado á empresa promotora.

-Se, unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico, sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou a solicitude da Comisión Galega do Medio Ambiente, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e se corrixan a estas.

-Do mesmo xeito, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor, dos labores de restauración previstas, serán causa suficiente para que se proceda ó peche cautelar e a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

-O presente acordo, adoptado por esta comisión, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes para levar a cabo a actividade.

-A presente declaración de impacto ambiental enténdese como favorable, condicionada na parte da explotación que non se atopa cualificada como de protección forestal dentro das normas subsidiarias de planeamento, como recolle o informe da Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo. Polo que respecta ó resto da explotación con cualificación de protección forestal, unicamente no caso de que se obteña unha modificación da cualificación do solo compatible coa explotación, serán de aplicación as condicións desta declaración. En caso contrario entenderase esta declaración de impacto ambiental como desfavorable.

O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 1995.

José Luis Aboal García-Tuñón

Secretario xeral da Comisión Galega do Medio Ambiente

Visto e prace

Dositeo Rodriguez Rodriguez

Presidente da Comisión Galega de Medio Ambiente

ANEXO I

Resumo do proxecto de explotación

O proxecto mineiro, dunha extensión de 16 cuadrículas, está formado pola agrupación de catro permisos de investigación, en trámite de pasar a concesión, denominados: Monte Castelo nº 5589, de 3 c.m., Monte Castelo oeste nº 5601, de 2 c.m., 1ª ampliación a Monte Castelo nº 5615, de 6 c.m., e 2ª ampliación a Monte Castelo nº 5639, de c.m.

O proxecto, cunhas reservas totais de máis de 11 millóns de toneladas, consiste na explotación, como unha soa unidade, dun xacemento de caolíns ó longo duns 15 anos, a razón de 154.300 t/ano de caolín e 239.000 m/ano de estériles, no lugar de Monte Castelo, concellos de Cervo e Burela, na provincia de Lugo.

O arranque de mineral realizarase con retroescavadora. A minería que se vai realizar será a denominada de transferencia, onde o estéril extraído ocupe e encha os ocos xa explotados.

ANEXO II

Medidas correctoras e plan de restauración propostos no estudio de avalización de impacto ambiental.

Atmosfera.

Regas periódicas das pistas nas épocas de seca.

Mantemento da barreira vexetal que actualmente rodea a explotación.

Construcción de barreiras de son perimetrais.

Instalación de silenciadores nos equipos móbiles.

Realización dun mantemento preventivo da maquinaria axeitado.

Utilización preferentemente de equipos accionados electricamente.

Limitación do traballo das unidades máis ruidosas ás horas centrais da xornada diurna: 8-12 h e 13-17 h.

Augas.

Construcción dunha canle perimetral, antes da explotación, para evita-lo paso das augas procedentes das zonas máis elevadas ó oco de explotación.

Canle perimetral, augas abaixo da explotación, para colectar toda a auga que discorra por bermas, taludes e ocos da explotación. Estas augas recolleranse nunha serie de tres balsas de decantación en fervenza, cun total de 1.912 m de superficie.

Canle perimetral, augas abaixo da entulleira, para colectar toda a auga que discorra por ela. Estas augas recolleranse nunha serie de tres balsas de decantación en fervenza, cun total de 1.293 m de superficie.

Solo.

Retirada e amoreamento, nunha zona acondicionada a tal fin, da terra vexetal das zonas ocupadas da explotación.

Conformaranse as restauracións á paisaxe circundante cun destino forestal para o oco da mina e zona de entulleiras.

Restauracion e revexetacion.

O deseño do oco final da explotación prevé bancos perimetrais de 5 m de altura cunha berma intermedia de 5 m para conseguir un talude final de 35. Nel depositaranse progresivamente os estériles ata alcanzarse unha pendente final de 20. Sobre estes depositarase o solo vexetal e procederase á revexetación.

Efectuarase fundamentalmente unha repoboación de eucalipto, cun espaciado de 2x2 m (unhas 2.500 plantas/Ha), nas bermas, pino insignis e pino radiata (unhas 1.500 plantas/Ha), nos taludes do oco de explotación e nas entulleiras, e finalmente arbustos e herbáceas sobre toda a superficie que se vai restaurar e no bordo dos taludes.

Previamente ó extendido da terra vexetal, cunha potencia de entre 60 e 90 cm, procederase ó escarificado (10-15 cm) dos pisos de asentamento.

O plan de restauración comprende, así mesmo, orzamento, calendario de execución e medidas tendentes ó control e seguimento dos labores efectuados.

ANEXO III

Resultado das consultas realizadas sobre o impacto ambiental do proxecto

Do contido dos informes recibidos cabe destaca-las seguintes consideracións:

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo considera necesario ter en conta a cualificación de parte da zona como de protección forestal e en consecuencia, as normas subsidiarias de planeamento vixentes no concello de Cervo-Burela.

A Dirección Xeral de Industria emite informe favorable sobre o estudio ambiental presentado pero establece, non obstante, as seguintes condicións:

-As pendentes dos taludes finais non sobrepasarán, en xeral, o 1.5(H):1(V).

-Os niveis de emisión de partículas sólidas non superarán os límites establecidos no Decreto 833/1975.

-A composición dos gases dos motores de combustión interna deberá axustarse ós valores regulamentados.

-A velocidade da maquinaria móbil, dentro dos límites da explotación, non superará os 15 Km/h.

-Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente e que sirva como pantalla visual e acústica.

-No referente ás pistas e viais, e en canto ás condicións ambientais, cumprirase o disposto na ITC.O7.1.03.

-Prohíbese expresamente calquera depósito, vertido ou acumulación de residuos, tanto na zona de explotación como en terreos adxacentes. Os aceites usados deberán entregarse a un xestor autorizado (Sic).

-O órgano substantivo fixará a contía dos avais anuais, co fin de garanti-lo axeitado cumprimento do plan de restauración presentado.

A Dirección Xeral de Saúde Pública establece a necesidade, desde o punto de vista sanitario, de que os edificios de servicios dispoñan de auga potable, así como dun sistema axeitado de depuración das augas residuais.

A Dirección Xeral de Patrimonio Histórico e Documental non presenta obxeccións ó devandito proxecto, dado que non consta catalogado ningún xacemento arqueolóxico dentro do perímetro da explotación.

A Dirección Xeral de Montes e m.a.n. considera insuficientes as medidas correctoras propostas no estudio no referente á depuración por decantación das augas de escorrentía, control de calidade das

augas vertidas desde as balsas e destino dado ós lodos extraídos na limpeza destas. Por outro lado, consideran que a previsión de amoreamentos de solo fértil non cubriría as necesidades para completa-la restauración, obviando, así mesmo, as posibilidades de restituí-lo arboredo con frondosas de carácter autóctono, en vez de rexenera-la a vexetación arbórea empregando unicamente especies perennifolias alóctonas.

1698