Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 20 de marzo de 1996 Páx. 2.575

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

PARLAMENTO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 14 de febreiro de 1996 pola que se fan públicas a convocatoria e as bases da oposición para a provisión dunha praza de telefonista do Parlamento de Galicia.

Na oferta de emprego público elaborada no ano 1992 desenvolvida nos anos subseguintes, aplicouse a cota de reserva de vacantes para persoas con discapacidade igual ou superior ó 33%, dándole deste xeito cumprimento ó establecido na disposición adicional sétima da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Das 31 prazas convocadas e cubertas a través das correspondentes probas selectivas, queda pendente de provisión o posto de traballo de telefonista, grupo E, nivel 12, que se reservou a oposición entre persoas que reúnan a condición legal de minusválidos ou discapacitados.

Xa que logo, e vixente a Lei de orzamentos xerais para a Comunidade Autónoma correspondente ó exercicio 1996, disponse a publicación da convocatoria e as bases da referida vacante para a súa provisión.

Santiago de Compostela, 14 de febrreiro de 1996.

Victorino Núlez Rodríguez

Presidente do Parlamento de Galicia

Convocatoria e bases da oposición para a provisión de unha praza de telefonista do Parlamento de Galicia

Creada, por ampliación, unha praza de telefonista no cadro de persoal do Parlamento de Galicia, a Mesa do Parlamento, de conformidade co previsto nos artigos 30.1º.2 e 60.3º do seu regulamento e 57 do Estatuto de persoal, aprobou, na reunión que tivo lugar o día 28 de novembro de 1995, a convocatoria de probas selectivas para a súa provisión con suxeición ás seguintes,

BASES

Primeira.- Normas xerais.

1.1. Número e características da praza.

Convócanse probas selectivas mediante oposición para cubrir unha praza en propiedade de telefonista desta institución autonómica, integrada no grupo E, de subalternos, e reservada a minusválidos.

A praza está dotada coas retribucións básicas e complementarias correspondentes ó grupo E, nivel 12, do artigo 25 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, e consignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1995 (sección 001.- Parlamento de Galicia).

1.2. Procedemento de selección.

Dentro das previsións contidas no artigo 55 do Estatuto de persoal do Parlamento, publicado no

Boletín Oficial do Parlamento de Galicia Núm. 216, do 10 de febreiro de 1984, óptase polo sistema de oposición.

1.3. Incompatibilidades.

O posto de traballo está sometido ó réxime xeral de incompatibilidades establecido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, e nas disposicións de desenvolvemento e complementarias.

Segunda.- Requisitos dos aspirantes.

2.1. Xerais.

Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español.

b) Ter cumpridos 18 anos de idade.

c) Estar en posesión do certificado de escolaridade, estudios primarios ou equivalente, ou en condicións de obtelo na data en que remate o prazo de presentación de instancias.

d) Ter recoñecida a condición legal de minusválido e que a dita minusvalidez non lle impida o desempeño das tarefas e funcións correspondentes.

e) Non se atopar separado a través de expediente disciplinario do servicio de calquera das administracións públicas nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas por sentencia firme.

2.2. Concorrencia.

Os requisitos establecidos no apartado anterior deberán cumprirse no último día do prazo de presentación de solicitudes.

Terceira.- Solicitudes.

3.1. Forma.

Quen desexe tomar parte nas probas selectivas deberá formula-la súa solicitude no modelo de instancia que figura como anexo I.

Á instancia achegarase:

a) Fotocopia do DNI.

b) Xustificante de que se satisfixeron os dereitos de exame.

c) Xustificante de ter recoñecida a condición legal de minusválido.

3.2. Destinatario, prazo e lugar de presentación.

As solicitudes dirixiranse ó presidente do Parlamento. O prazo de presentación será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Cámara, situado na planta 2ª do pazo do Parlamento, rúa do Hórrreo, Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Se algún dos participantes necesita que as probas selectivas sexan adaptadas á súa minusvalidez, deberá facelo constar en documento anexo á súa instancia a tempo suficiente ó anuncio da realización das probas.

3.3. Dereitos de exame.

O seu importe, de 1.500 (mil cincocentas) pesetas, ingresarase na Unidade de Caixa dos Servicios Económicos da Cámara, situados na planta 2ª do pazo do Parlamento, rúa do Hórreo, Santiago de Compostela, por xiro postal ou mediante transferencia á conta corrente 311300-8455/1 da Caixa de Aforros de Galicia, oficina principal de Santiago de Compostela, indicando na transferencia «Dereitos de exame: praza de telefonista».

Cando algún aspirante non sexa admitido ás probas selectivas por carecer dalgúns dos requisitos esixidos, devolveráselle o importe ingresado, sempre que o reclame no prazo dun mes, contado desde a publicación da relación de admitidos e excluídos no Diario Oficial de Galicia.

Cuarta.-Admisión dos aspirantes.

4.1. Relación de admitidos.

Expirado o prazo de presentación de instancias e comprobado o pagamento dos dereitos de exame, a Presidencia dictará resolución no prazo máximo dun mes e declarará aprobada a relación de admitidos e excluídos, coa motivación da exclusión, se é o caso, e determinará o lugar, a data de comezo das probas e a orde de actuación dos aspirantes, que se iniciará alfabeticamente polo primeiro apelido, logo de sorteo ó chou. A relación publicarase no Diario Oficial de Galicia.

A resolución, por incluírse no artigo 107.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, poderá ser recorrida polo interesado interpoñendo recurso administrativo ordinario ante a Mesa do Parlamento no prazo dun mes, computado de data a data, que virá fixado pola súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

4.2. Reparación de defectos.

Os defectos previstos no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común serán reparados a petición do interesado no prazo de dez días hábiles, que se contarán desde o seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Os erros materiais e de feito consignados no artigo 105.2º poderán ser reparados de oficio en calquera momento.

4.3. Recursos.

Os aspirantes excluídos poderán interpoñer recurso ordinario ante a Mesa do Parlamento, no prazo dun mes a partir desde a data de publicación da lista.

Quinta.-Tribunal cualificador.

5.1. Composición.

O tribunal cualificador das probas selectivas estará composto polos seguintes membros:

Tribunal titular

-Presidente: Victorino Núñez Rodríguez, presidente do Parlamento de Galicia.

-Vocais:

Bautista Álvarez Domínguez, vicesecretario do Parlamento de Galicia.

Manuel Muíño Espasandín, membro designado pola Xunta de Persoal.

María José Castiñeiras Fraga, telefonista do Parlamento de Galicia.

-Secretario (con voz e voto): Juan Carlos Caride Puente, letrado do Parlamento de Galicia.

Tribunal suplente:

-Presidente: José María García Leira, vicepresidente 1º do Parlamento de Galicia.

-Vocais:

Miguel Cortizo Nieto, vicepresidente 2º do Parlamento de Galicia.

Miguel Ángel González González, uxier do Parlamento de Galicia.

Alfonso Couso Boán, xefe da Unidade de Réxime Interior e Mantemento do Parlamento de Galicia.

-Secretario (con voz e voto): José Antonio Sarmiento Méndez, letrado do Palamento de Galicia.

5.2. Abstención e recusación.

Os membros do tribunal deberán absterse ou poderán ser recusados cando concorra algún dos casos previstos nos artigos 28 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e 3.2º do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo. Neste caso, comunicaranllo á Presidencia do Parlamento. Cando se produza esta situación, e consecuentemente a vacante dun membro do tribunal titular, o seu suplente cubrirá o devandito posto e a Mesa do Parlamento poderá designar un novo suplente.

5.3. Constitución e actuación.

O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de polo menos tres dos seus membros.

As decisións adoptaranse por maioría dos presentes.

5.4. Incorporación de expertos.

O tribunal, por razóns de especialidade dalgunha das probas ou exercicios, para o seu desenvolvemento e avaliación, poderá solicita-la colaboración de profesionais en axudas técnicas para persoas con minusvalidez co fin de adaptala tendo en conta a natureza da minusvalía.

Sexta.-Probas selectivas.

6.1. Contido.

A fase de oposición constará de tres exercicios, de carácter obrigatorio e eliminatorio:

Primeiro.-Consistirá na contestación de 25 preguntas curtas sobre coñecementos relacionados co

posto que se vai cubrir e o temario que se achega no anexo II.

Segundo.-Consistirá nunha proba práctica relacionada coas funcións de telefonista efectuada nunha central telefónica, na cal se valorará a capacidade do seu manexo en chamadas e labores de diversos tipos.

Terceiro.- Estará integrado por:

a) Escritura ó dictado dun texto en galego e outro en castelán por un prazo máximo de unha hora. O tribunal apreciará a corrección da súa escritura e ortografía.

b) Lectura dun texto en galego facilitado polo tribunal, no que se puntuará a pronunciación, timbre de voz e expresión.

6.2. Comezo.

O primeiro exercicio realizarase no lugar, na data e na hora determinados na resolución a que fai referencia a base 4.1. O tribunal fará público o inicio dos restantes exercicios nos locais nos que se practiquen as probas, e entre o remate dun e o comezo doutro exercicio deberá mediar un mínimo de setenta e dúas horas.

6.3. Desenvolvemento.

O tribunal constituirase unha hora antes de comezar cada exercicio para organiza-la súa práctica e resolve-las peticións, dúbidas ou incidencias que se puidesen presentar.

Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en chamamento único e será excluído quen non compareza, agás nos casos debidamente xustificados e discrecionalmente apreciados polo tribunal.

O tribunal en calquera momento poderá requiri-los opositores para que acrediten a súa personalidade.

Sétima.-Cualificación dos exercicios.

Os exercicios cualificaranse de 0 a 10 puntos. Os aspirantes que non acaden un mínimo de 5 puntos en cada un deles serán eliminados.

O número de puntos que poderán ser outorgados por cada membro do tribunal será de 0 a 10.

As cualificacións finais obteranse sumando as puntuacións outorgadas polos distintos membros do tribunal e dividindo o total polo número de asistentes. O cociente resultante será a cualificación definitiva.

Oitava.-Relación de aprobados.

Realizadas as probas e cualificados os aspirantes, o tribunal fará pública a relación definitiva de aprobados coa súa puntuación.

O tribunal también poderá, de non se acada-la puntuación esixida, declarar deserta a praza.

A relación de aprobados, coa correspondente proposta, elevaráselle á Mesa do Parlamento para que

proceda á resolución definitiva do expediente e ó nomeamento da persoa aprobada.

Novena.-Presentación de documentos.

No prazo de vinte días naturais desde que se faga pública a correspondente relación de aprobados, a persoa aspirante proposta deberá presentar ante a Presidencia do Parlamento (rexistro xeral) os documentos acreditativos de reuni-las condicións de capacidade e os requisitos esixidos na convocatoria, coa expresión seguinte:

a) Certificación de nacemento expedida polo Rexistro Civil correspondente.

b) Copia autenticada ou fotocopia compulsada do título esixido ou certificación académica dos estudios realizados coa correspondente xustificación de que pagou os dereitos para a súa expedición.

c) Declaración xurada de non se atopar separado a través de expediente disciplinario do servicio en ningunha Administración pública, nin encontrarse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

d) Certificado médico acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que o imposibilite para o servicio. A persoa aspirante que teña a condición de minusválida deberá presentar certificación do órgano correspondente da consellería competente por razón da materia que acredite tal condición e a súa capacidade para desempeña-las funcións que lle corresponden.

A persoa aspirante aprobada que tivese a condición de funcionario público estará exenta de xustificar documentalmente as condicións e os requisitos xa acreditados para obte-lo nomeamento, deberá presentar certificación da Administración pública da que dependa e acreditará a súa condición e cantas circunstancias consten no seu expediente persoal.

Décima.-Nomeamento.

Transcorrido o prazo de presentación de documentos, a mesa procederá ó seu nomeamento como funcionario ou funcionaria do cadro de persoal do Parlamento de Galicia, que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Deberá tomar posesión do seu cargo ante a Presidencia, no prazo e na forma previstos no artigo 53 do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia.

Undécima.-Cláusula derradeira.

11.1. Interpretación e aplicación.

A Mesa do Parlamento resolverá as dúbidas que se susciten e salvará as lagoas que se presenten na aplicación destas bases, e utilizará como normas de integración e supletorias as contidas no Estatuto de persoal do Parlamento, no Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e nas normas básicas da Lei 30/1984, do 2 de agosto, e da Lei autonómica da función pública de Galicia.

11.2. Recursos.

Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación dos

tribunais, con carácter de definitivos, ou que, sendo de trámite, decidan sobre o fondo do asunto, poderán ser impugnados polos interesados no prazo e na forma establecidos pola Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, 30/1992, do 26 de novembro.

ANEXO I

Modelo de instancia

Don/Dona..., maior de idade, natural de..., e con domicilio en..., rúa ..., Telf..., e documento nacional de identidade Núm..., expedido en ..., o día ... de ... de ...,

EXPÓN:

Que ó convoca-lo Parlamento de Galicia probas para cubrir unha praza de telefonista por oposición entre persoas que reúnan a condición legal de minusválidas, e ó reunir todas e cada unha das condicións esixidas na correspondente convocatoria,

Solicita que teña por recibida a presente solicitude para participar na praza de telefonista, para o que achega os documentos establecidos no apartado 3.1.

Lugar, data e sinatura.

Sr. presidente do Parlamento de Galicia.

ANEXO II

Tema 1. A Constitución española de 1978 e o Estatuto de autonomía de Galicia: estructura e contido.

Tema 2. O Parlamento de Galicia. Estructura e composición.- Funcións do Parlamento de Galicia.

Tema 3. O réxime xurídico da función pública.

Tema 4. Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia.

Tema 5. As administracións públicas. Estructura orgánica das administracións: central, autonómica e local.

Tema 6. Introducción á comunicación. A comunicación humana. A linguaxe como medio de comunicación. Tipos de comunicación: oral e telefónica. Atención ó público: acollida de información ó administrado. Os servicios de información administrativa.

Tema 7. Telecomunicacións. Telecomunicación alámbrica. Telegrafíca. Telefonía.

Tema 8. Centrais telefónicas. Aparellos telefónicos. Funcionamento. Misión da persoa operadora de centrais. Avarías máis frecuentes en centrais.

Tema 9. Liñas urbanas e interurbanas. Conexións. Funcionamento urbano, interurbano e internacional. Códigos provinciais.

95-