Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 18 de marzo de 1996 Páx. 2.389

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 1996, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifican os estatutos da Federación Galega de Motonáutica.

Vistos os estatutos da Federación Galega de Motonáutica e a acta de aprobación da súa asemblea xeral extraordinaria do 29-12-1995.

Visto o informe da Sección de Rexistro de Clubs e Asuntos Xurídicos, a Orde do 28 de xullo de 1995 de desenvolvemento do Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Lei 10/1990, xeral do deporte e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar con efectos desde a aprobación da súa asemblea os estatutos aprobados de conformidade co artigo 8 a Orde do 28 de xullo de 1995 e autoriza-la publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 1996.

Eduardo Lamas Sánchez

Secretario xeral para o Deporte

Estatutos da Federación Galega de Motonáutica

Capítulo I

Denominación, natureza xurídica, finalidade e domicilio social

Artigo 1º

A Federación Galega de Motonáutica é unha entidade asociativa privada, sen ánimo de lucro, con patrimonio propio e independente do dos seus asociados, dedicada á organización, promoción e práctica do deporte da motonáutica, en coordinación cos organismos correspondentes da Xunta de Galicia,

cun ámbito de actuación no desenvolvemento das competencias que lle son propias que se estende ó territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.

A Federación Galega de Motonáutica está integrada polos clubs, sociedades, grupos, seccións, deportistas, técnicos, xuíces e outros colectivos que promovan, practiquen ou contribúan ó desenvolvemento da motonáutica.

Artigo 3º.

1. A Federación Galega de Motonáutica é unha entidade de utilidade pública sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia, exercendo por delegación funcións públicas de carácter administrativo, actuando neste caso como axente da Administración pública. Está inscrita no Rexistro de Clubs, Entidades Deportivas e Asociacións da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia co nº 1555 e integrada na Federación Española de Motonáutica, ostentando de xeito exclusivo a representación desta na Comunidade Autónoma de Galicia, en referencia ó deporte que constitúe o seu obxecto social.

2. A Federación Galega de Motonáutica rexerase pola Lei 10/1990, do 15 de outubro, polo R.D. 1835/1991, do 20 de decembro, e polas restantes disposicións que constitúen a lexislación deportiva española, no que lle sexan aplicables polo Decreto 228/1994, do 14 de xullo, da Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia e Orde do 28 de xullo de 1995 que o desenvolve, polos presentes estatutos e os seus regulamentos e polas restantes normas que de orde interna se dicten, polos da Federación Galega de Motonáutica e a Unión Internacional de Motonáutica, no que lle sexa de aplicación.

Artigo 4º.

A Federación Galega de Motonáutica ten plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins e, ó ser entidade de utilidade pública, implica o recoñecemento dos beneficios que o ordenamento xurídico outorga con carácter xeral a estas entidades.

Artigo 5º.

A Federación Galega de Motonáutica organízase orgánica e funcionalmente de xeito democrático e representativo;, pode adquirir para os seus propios fins, bens de tódalas clases, contratar e obrigarse para o cumprimento das súas finalidades e está suxeita ás súas propias responsabilidades.

Artigo 6º.

A Federación Galega de Motonáutica é a única entidade competente na Comunidade Autónoma de Galicia para promocionar, regulamentar, organizar e xestiona-las competicións do deporte da motonáutica en tódalas súas modalidades.

Artigo 7º.

A Federación Galega de Motonáutica gozará das competencias e prerrogativas emanadas das leis, decretos, ordes e normativas do Estado español, así como das propias da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 8º.

A Federación Galega de Motonáutica non tolerará discriminación ningunha por ela ou polos seus membros, por motivos políticos, raciais, relixiosos, de sexo ou calquera outro.

Artigo 9º.

A Federación Galega de Motonáutica exercerá, baixo a coordinación e tutela da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, as seguintes funcións públicas de carácter administrativo:

a) Promoción e divulgación do deporte que constitúe o seu fin social en tódalas súas facetas.

b) Orienta-los deportistas á práctica da motonáutica, mediante os oportunos cursos de iniciación, formación e perfeccionamento.

c) Respaldar técnica e administrativamente a práctica do deporte da motonáutica, velando ante os organismos competentes polo apoio a esta especialidade deportiva dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Cualificar e organiza-las actividades e competicións oficiais do deporte da motonáutica, dentro do ámbito autonómico de Galicia.

e) Exerce-la potestade disciplinaria sobre os integrantes da Federación Galega de Motonáutica, nos termos previstos na lei.

f) Exerce-lo control das subvencións que se asignen ós clubs, sociedades, grupos e seccións deportivas nas condicións que estableza a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

g) Executar, se é o caso, as resolucións do Comité Galego de Disciplina.

h) Executar calquera outra resolución que lle sexa atribuída pola lexislación vixente, ou que acorde no ámbito da súa competencia a asemblea xeral.

Artigo 10º.

Os actos realizados pola Federación Galega de Motonáutica no exercicio das funcións públicas de carácter administrativo son susceptibles de recurso ante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia.

Artigo 11º.

O domicilio social da Federación Galega de Motonáutica establécese na cidade de Vigo, provincia de Pontevedra, rúa Beiramar nº 47, 2º.

Artigo 12º.

A comisión delegada, por maioría dos seus membros, poderá acorda-lo cambio de domicilio social, dentro da mesma cidade. Para o traslado de domicilio a outra cidade, que deberá ser sempre dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, será

necesario o acordo por maioría simple da asemblea xeral. En ámbolos casos o traslado do domicilio social deberá serlles notificado ós afiliados e á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Capítulo II

Requisitos para ser membro da Federación Galega de Motonáutica. Deberes e dereitos.

Artigo 13º.

1. Os clubs, sociedades, grupos e seccións deportivas, poderán integrarse a petición propia na Federación Galega de Motonáutica, sempre que teñan o seu domicilio social e desempeñen as súas actividades dentro da Comunidade Autónoma de Galicia e se atopen constituídos de acordo cos requisitos esixidos para cada modalidade pola lexislación vixente e inscritos no Rexistro de Clubs, Federacións, Entidades Deportivas e Asociacións da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, comprometéndose a cumpri-los estatutos e regulamentos da Federación Galega de Motonáutica e someterse á autoridade dos órganos federativos, en relación coa materia da súa competencia.

2. Os mesmos criterios e requisitos, no que sexan de aplicación, rexerán para a integración na Federación Galega de Motonáutica dos deportistas, xuíces, medidores e outros colectivos, de habelos.

Artigo 14º.

A afiliación á Federación Galega de Motonáutica, de clubs e entidades deportivas, sexan sociedades, grupos ou seccións, conlevará á integración automática e a tódolos efectos na Federación Española de Motonáutica.

Artigo 15º.

1. A integración na Federación Galega de Motonáutica producirase mediante acordo da xunta directiva, que expedirá certificado no que acorde a afiliación.

2. Contra a denegación de integración na Federación Galega de Motonáutica, que deberá ser motivada, caberá recurso ante a asemblea xeral.

Artigo 16º.

Para a participación en competicións deportivas e oficiais, cómpre que os pilotos se atopen en posesión da correspondente licencia en vigor.

Artigo 17º.

1. Tódolos membros da Federación Galega de Motonáutica teñen dereito a recibi-la súa tutela, con respecto ós seus intereses deportivos comúns e individuais, así como o de participar nas súas actividades e no funcionamento dos seus órganos de acordo con estes estatutos e cos regulamentos internos da Federación Galega de Motonáutica.

2. Os membros da Federación Galega de Motonáutica teñen o deber de acata-los acordos dos seus órganos, podendo recorrer ante as instancias fede

rativas competentes e, se é o caso, ante a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, contra aqueles acordos que considere contrarios a dereito.

Capítulo III

Estructura territorial

Artigo 18º.

1. A Federación Galega de Motonáutica poderá estructurarse territorialmente en delegacións.

2. As delegacións, que poderán ser provinciais, estarán compostas por un delegado, un secretario e un vocal, como mínimo, sen poder ser superior a 6 o número de persoas que compoñan a delegación e necesariamente rexiranse por estes estatutos.

Artigo 19º.

Os delegados e secretarios serán nomeados, cesados ou substituídos polo presidente da Federación Galega de Motonáutica segundo o seu criterio, debendo comunicarse estes nomeamentos ou cesamentos á asemblea xeral para a súa ratificación, se procede.

Artigo 20º.

As delegacións axustarán as súas actividades ás normas dictadas pola Federación Galega de Motonáutica a través dos órganos correspondentes.

Capítulo IV

Órganos de goberno, representación, complementarios, técnicos e comisión delegada

Artigo 21º.

1. A Federación Galega de Motonáutica terá como órganos fundamentais os seguintes:

a) De goberno e representación.

I. Asemblea xeral

II. Comisión delegada.

III. Presidente.

Estes tres órganos serán electivos.

b) Complementarios.

I. Secretario.

II. Xunta directiva.

III. Tesoureiro.

IV. Comisión permanente.

c) Comités e comisións.

I. Comité de xuíces e medidores.

II. Cantos comités e comisións se consideren oportunos.

2. Os membros dos órganos complementarios, comités e comisións serán designados e revocados polo presidente da Federación Galega de Motonáutica, coas excepcións previstas nestes estatutos.

3. O nomeamento e revocación dos órganos de goberno e representación, órganos complementarios, comités e comisións, serán comunicados a tódolos

membros da asemblea xeral e secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia nun prazo máximo de 15 días a partir da data de nomeamento ou cesamento.

4. Os órganos de goberno e representación reuniranse na forma e termos establecidos nestes estatutos, e os seus acordos, salvo disposición expresa, adoptaranse por maioría simple. En caso de empate o presidente terá voto de calidade.

5. Os acordos poderán ser impugnados de conformidade co disposto na lexislación aplicable e nos presentes estatutos.

6. A responsabilidade dos membros dos órganos da Federación Galega de Motonáutica no exercicio das súas funcións será esixida no ámbito disciplinario.

Capítulo V

Requisitos para ser membro de calquera órgano da Federación Galega de Motonáutica. Dereitos e obrigas

Artigo 22º.

Os requisitos mínimos para ser membro de calquera órgano da Federación Galega de Motonáutica son os seguintes:

1. Te-la condición de cidadán de Galicia, segundo o Estatuto de autonomía de Galicia.

2. Ser maior de idade.

3. Estar en pleno uso dos seus dereitos civís e non estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

4. Non sufrir sanción deportiva que o inhabilite.

5. Cesar en actividades técnicas ou directivas, no deporte específico da federación.

Artigo 23º.

Dereito dos membros da Federación Galega de Motonáutica:

a) Participar e tomar parte nas deliberacións, expresando libremente as súas opinións e exerce-lo seu dereito a voto, facendo constar, se é o caso, se o desexan, a razón da súa disidencia.

b) Intervir nas tarefas federativas propias do cargo ou función que ocupen cooperando na xestión que compete ó órgano ó que pertence.

c) Coñece-lo contido das actas das sesións do órgano de que forma parte.

d) Tódolos demais dereitos que estatutaria ou regulamentariamente se establezan.

Artigo 24º.

Obrigas dos membros da Federación Galega de Motonáutica:

a) Concorrer ás reunións cando sexan citados, salvo que causa de forza maior llo impida.

b) Desempeñar na medida do posible os cometidos que se lle asignen.

c) Colaborar na xestión federativa, gardando secreto sobre as deliberacións cando sexa necesario.

d) Tódalas demais que se determinen por vía regulamentaria.

Capítulo VI

Asemblea xeral. Natureza, comosición, nomeamentos e cesamentos

Artigo 25º.

A asemblea xeral é o órgano de goberno da Federación Galega de Motonáutica, na que estarán representados os seguintes estamentos:

a) Deportistas.

b) Entidades deportivas, clubs, grupos ou seccións inscritas na Federación Galega de Motonáutica e no Rexistro de Clubs, Federacións Deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

c) Xuíces e medidores.

d) Técnicos.

e) Outros colectivos segundo o previsto no artigo 1º, apartado 1 do Decreto regulador das federacións deportivas galegas.

Artigo 26º.

1. A asemblea xeral da Federación Galega de Motonáutica é competente para coñecer e discernir tódolos asuntos relacionados coa motonáutica, sen limitación ningunha, logo da súa inclusión na orde do día e sometemento ás regras de competencia e procedemento. As propostas dos estamentos que compoñen a asemblea xeral deberán ter entrada no rexistro da Federación Galega de Motonáutica, como mínimo, dez días antes da celebración da asemblea.

2. Os compoñentes da xunta directiva que non formen parte da asemblea poderán asistir ás reunións desta con dereito a voz pero sen voto.

3. Os membros da asemblea da Federación Galega de Motonáutica serán elixidos cada catro anos, por sufraxio libre, igual, directo e secreto, entre e polos compoñentes de cada estamento, de acordo co establecido no artigo 29º.1 destes estatutos, coincidindo cos anos dos Xogos Olímpicos de inverno, excepto que concorran causas excepcionais, para o cal se deberá contar coa autorización expresa da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia a través de publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente resolución.

4. Presidirá a asemblea e dirixirá os debates coa autoridade propia do seu cargo, o presidente da Federación Galega de Motonáutica ou, no seu defecto, quen o substitúa regulamentariamente, e o seu voto será de calidade en caso de empate.

Artigo 27º.

Na asemblea xeral da Federación Galega de Motonáutica terán a condición de electores e elixibles

en representación dos estamentos recollidos no artigo 25º:

a) Os deportistas maiores de idade e en pleno exercicio dos seus dereitos civís, que teñan licencia en vigor expedida ata o momento da convocatoria da asemblea ou eleccións e a tivesen durante a tempada deportiva anterior, sempre que participaran en competicións ou actividades de motonáutica. Se por circunstancias excepcionais, durante unha tempada deportiva non existen competicións ou actividades de motonáutica, bastará con estar en posesión da licencia federativa e reuni-los requisitos de capacidade mencionados.

b) Os clubs e entidades deportivas inscritas na Federación Galega de Motonáutica e no Rexistro de Clubs, Federacións, e Entidades Deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, debendo estas ter desenvolvido actividades en cursos de iniciación, formación ou perfeccionamento de pilotos de motonáutica e probas deportivas durante o ano natural e anterior, e atoparse ó día das obrigas estatutarias e económicas coa Federación Galega de Motonáutica.

c) Os técnicos con titulación oficialmente recoñecida, xuíces e medidores e outros colectivos interesados, que promovan, practiquen ou contribúan ó desenvolvemento do deporte da motonáutica.

Artigo 28º.

Os membros da asemblea xeral da Federación Galega de Motonáutica formarán parte dela, mentres cumpran os requisitos polos que foron elixidos no seu respectivo estamento. De producirse unha vacante será cuberta polo seguinte candidato máis votado.

Artigo 29º.

1. A representación na asemblea xeral da Federación Galega de Motonáutica dos distintos estamentos de acordo co establecido no artigo 25º, respostará ás seguintes proporcións:

a) Deportistas: 15%.

b) Clubs e entidades deportivas: 75%.

c) Técnicos: 5%.

d) Xuíces e medidores: 5%.

e) Outros colectivos, de habelos: un máximo do 10%.

2. O número de membros da asemblea xeral por estamentos fixarase na convocatoria de eleccións para aquela.

3. Os membros da asemblea xeral da Federación Galega de Motonáutica serán elixidos cada catros anos, por sufraxio libre, igual, directo e secreto, entre e polos compoñentes de cada estamento de acordo coas proporcións establecidas no artigo 29º.1 destes estatutos, coincidindo cos anos dos Xogos Olímpicos de inverno, excepto que concorran causas excepcionais, para o cal se deberá contar coa autorización expresa da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta

de Galicia a través de publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente resolución.

4. A asemblea da Federación Galega de Motonáutica poderá reunirse en pleno ou en comisión delegada.

5. Presidirá a asemblea e dirixirá os debates con toda autoridade propia do seu cargo, o presidente da Federación Galega de Motonáutica, ou, no seu defecto, quen o substitúa regulamentariamente, e o seu voto será de calidade en caso de empate.

Artigo 30º.

Os membros da asemblea xeral e comisión delegada da Federación Galega de Motonáutica, cesarán polas seguintes causas:

a) Pasamento.

b) Disolución do estamento que representan.

c) Expiración do mandato para que foi elixido.

d) Renuncia voluntaria ou demisión.

e) Estar incurso en causa de incompatibilidade legal ou estatutaria.

f) Sufrir sanción disciplinaria en forma regulamentaria que implique o cesamento no cargo que ostenta.

Artigo 31º.

As reunións da asemblea xeral da Federación Galega de Motonáutica reuniranse unha vez ó ano, en sesión plenaria, necesariamente antes de comeza-la tempada deportiva e será convocada polo presidente da Federación Galega de Motonáutica , para trata-los asuntos propios da xestión ordinaria e, como mínimo, para:

a) Aprobación do exercicio económico anual, memoria de actividades e fins da súa competencia.

b) Aprobación do proxecto do novo orzamento.

c) Aprobación dos plans xerais de actuación do exercicio anual.

d) Aprobación do calendario deportivo e das bases e regulamentos que rexerán as competicións de motonáutica.

e) Aprobación de regulamentos.

f) Nomeamento da comisión delegada, se procede.

g) Exame e consideración das propostas que formulen os membros da asemblea xeral, da comisión delegada, da xunta directiva e do presidente.

h) As demais competencias que se conteñen no estatuto ou que se lle outorguen regulamentariamente.

i) Calquera outra competencia que non estea expresamente atribuída polos presentes estatutos a outro órgano.

Artigo 32º.

As demais reunións da asemblea xeral terán carácter extraordinario e serán convocadas polo presidente da Federación Galega de Motonáutica, cando

o considere oportuno, sendo necesaria esta para a aprobación dos calendarios electorais, convocatoria de eleccións, disolución da Federación Galega de Motonáutica, alleamento e gravame de bens e inmobles propios, concerto de préstamos, emisión de títulos transmisibles representativos de débeda ou parte alícuota patrimonial, aprobación do voto de censura ó presidente, modificación dos estatutos, cambio de domicilio social a outra localidade, etc.

Artigo 33º.

1. O presidente da Federación Galega de Motonáutica tamén convocará a asemblea xeral extraordinaria a petición dun número de membros da asemblea non inferior ó 25%. Neste caso os solicitantes deberán executa-la petición por escrito ó presidente, indicando os puntos que comporán a orde do día. O presidente, no prazo máximo de 10 días naturais desde a entrada da petición no rexistro da federación, deberá convoca-la asemblea con carácter extraordinario, cos requisitos de forma sinalados nestes estatutos e coa orde do día solicitada, sen incluír ningún outro punto, a celebrar nun prazo non superior a 20 días naturais, desde a convocatoria. Caso de negativa expresa do presidente a efectua-la convocatoria ou pasados 10 días desde que a solicitude se efectuase, sen ser respondida, os solicitantes poderán facer uso dos seus dereitos que a lexislación vixente establece para a convocatoria dos órganos colexiados de goberno, ante a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

2. Cando o presidente da Federación Galega de Motonáutica aprecie a existencia dunha situación urxente, que non permita demora na convocatoria da asemblea extraordinaria, poderá executar sen suxeición a prazo nin ningún tipo de requisito, salvo a citación persoal dos asembleístas, que poidan ser localizados nos domicilios que consten na federación. En todo caso a asemblea requirirá como mínimo a presencia de 2/3 dos seus membros e antes de analiza-la orde do día, pronunciarase previamente, por maioría simple dos asistentes, sobre a urxencia da convocatoria e a necesidade ou non da súa celebración.

A asemblea xeral extraordinaria convocada desta forma non poderá modifica-los estatutos da Federación Galega de Motonáutica.

Artigo 34º.

1. Na convocatoria da asemblea constará a orde do día, farase pública no taboleiro de anuncios da Federación Galega de Motonáutica e nas delegacións territoriais, de habelas, con 10 días de anticipación, como mínimo, á data da súa celebración. Notificarase individualmente a cada un dos membros da asemblea, ó seu domicilio, por calquera medio que permita ter constancia da data de recepción da notificación, cunha anticipación mínima de 48 horas.

2. A asemblea xeral quedará validamente constituída cando concorra na primeira convocatoria a metade máis un dos seus membros, e en segunda

convocatoria, que terá lugar media hora máis tarde, calquera que sexa o número de asistentes.

3. Os defectos de forma da convocatoria non darán lugar á nulidade da asemblea, sempre e cando os membros dela recibisen a convocatoria coa orde do día no prazo establecido e, en todo caso, a asemblea será válida sen necesidade doutro requisito, sempre que concorra a totalidade dos seus membros.

4. A orde do día da asemblea poderá ser modificada no referente a incorporar novos puntos a petición fundada de 1/5 dos seus membros, e sempre que esta incorporación se solicite cunha marxe de tempo suficiente para que poida ser notificada a tódolos membros da asemblea mediante notificación e a publicación no taboleiro de anuncios da Federación Galega de Motonáutica e delegacións territoriais, cunha anticipación mínima de 3 días á data da celebración.

5. O voto será persoal. Non se admitirán delegacións de voto, nin o voto por correo, excepto o correspondente a clubs e entidades deportivas, que poderá exercelo o seu presidente ou persoa que el delegue, sempre que non sexa membro da asemblea, de acordo cos seus propios estatutos, con carácter expreso e estricto para cada reunión. Ningunha persoa poderá ostentar máis que unha delegación de voto.

Artigo 35º.

1. Os acordos da asemblea tomaranse por maioría simple salvo modificación dos estatutos, concerto de préstamos, emisión de títulos de débeda, alleamento e gravame de bens e inmobles propios e aprobación do voto de censura ó presidente, para o que se necesita a maioría dos 2/3 dos membros asistentes á asemblea.

2. De cada asemblea levantarase unha acta, que asinará o secretario co visto e prace do presidente, a cal será aprobada e ratificada na próxima asemblea que se celebre. Nesta acta, ademais das circunstancias que se consideren oportunas, figurarán os acordos adoptados, o resultado das votacións e, se é o caso, os votos particulares contrarios ós acordos adoptados. Unha copia da acta será remitida no prazo de 15 días a cada un dos compoñentes da asemblea, Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e Federación Española de Motonáutica.

3. Os acordos adoptados nas asembleas xerais serán vinculantes e de obrigado cumprimento para a totalidade dos órganos, persoas e entidades que integran a Federación Galega de Motonáutica e terán forza executiva a partir da data da súa adopción, sen menoscabo de que a acta sexa aprobada na próxima asemblea.

4. O presidente da Federación Galega de Motonáutica e o vicepresidente, no seu defecto, están obrigados a executa-los acordos validamente adoptados pola asemblea xeral.

Artigo 36º.

1. A asemblea non poderá adoptar ningún acordo ou realizar ningún acto que poda comprometer de xeito irreversible o seu patrimonio ou a actividade que constitúe o obxecto social da Federación Galega de Motonáutica

2. En caso de dúbida ou a petición dun 10% dos membros de dereito da asemblea, será requisito imprescindible a emisión dun informe favorable por parte dos organismos competentes da Xunta de Galicia.

Artigo 37º.

1. As votacións no seo da asemblea xeral efectuaranse na forma e coa orde que a presidencia estableza, sendo esta a que decidirá se deben ser ordinarias, nominais ou secretas. Se, cando menos, o 25% dos asistentes, solicita unha modalidade determinada, a forma de votación decidirase por maioría simple dos membros da asemblea xeral asistentes.

2. Para os efectos de cómputo de quórum e maiorías, cando estas se conformen cun número inexacto de asembleístas, computaranse sempre por exceso e con referencia ó número daqueles efectivamente existentes como membros da asemblea, descontadas as vacantes.

Capítulo VII

Comisión delegada

Artigo 38º.

1. No seo da asemblea xeral constituirase unha comisión delegada, que será elixida entre e polos membros da asemblea, en sufraxio libre, igual, directo e secreto. O seu mandato coincidirá co da asemblea xeral.

2. A comisión delegada será elixida pola asemblea xeral na primeira reunión que esta celebre.

3. O número de membros da comisión delegada será dun 15% da asemblea xeral. En ningún caso este número será inferior a 5 nin superior a 15.

4. De producirse algunha vacante, será cuberta polo seguinte candidato máis votado.

Artigo 39º.

O presidente da Federación Galega de Motonáutica convocará a comisión delegada, que se reunirá, como mínimo, cada catro meses, para os fins da súa competencia e para realiza-los seguimentos da xestión deportiva e económica da Federación Galega de Motonáutica .

Artigo 40º.

Corresponde á comisión delegada da asemblea xeral da Federación Galega de Motonáutica, con independencia do asignado nestes estatutos:

a) A elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

b) Modificación, se procede, do calendario deportivo.

c) Modificación dos orzamentos e dos regulamentos, se procede.

d) Seguimento da xestión deportiva e económica da Federación Galega de Motonáutica.

Artigo 41º.

1. As modificacións non poderán exceder dos límites e criterios que a asemblea xeral da Federación Galega de Motonáutica estableza.

2. A proposta dos temas que se van tratar na comisión delegada, corresponden exclusivamente ó presidente ou a 2/3 dos membros da mencionada comisión.

3. Dos acordos adoptados na reunión da comisión delegada levantará as correspondentes actas o secretario, especificando o nome das persoas que interviñesen, e as demais circunstancias que se consideren oportunas, contido dos acordos adoptados e o resultado da votación e, se é o caso, os votos particulares contrarios ós ditos acordos.

4. Os votos contrarios ós acordos adoptados ou as abstencións motivadas eximirán a quen os emitan de calquera responsabilidade derivada de tales acordos.

5. Os acordos serán vinculantes e de obrigado cumprimento pola totalidade dos órganos, persoas e entidades que integran a Federación Galega de Motonáutica e terán forza executiva a partir da data da súa adopción.

Capítulo VIII

Presidente

Artigo 42º.

1. O presidente da Federación Galega de Motonáutica, é o órgano de goberno e representación desta, que ostenta a súa representación legal, convoca e preside os órganos de goberno, representación e outros que dispoña os estatutos, e executa os acordos daqueles.

2. O presidente da Federación Galega de Motonáutica, será elixido cada catro anos por sufraxio, libre, directo e secreto, polos membros da asemblea xeral, coincidindo cos anos dos Xogos Olímpicos de inverno, excepto que concorran causas excepcionais que deberán ser autorizadas pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a través de publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente resolución.

3. No caso de que, excepcionalmente, quede vacante a presidencia antes de que transcorra o prazo para o que foi elixido, considerarase demisionaria toda a xunta directiva, constituíndose a comisión delegada en comisión xestora, presidida polo membro de maior idade, convocará á asemblea xeral no prazo máximo de 60 días e esta acordará unha nova elección do presidente para cubri-la vacante polo tempo que falte ata a terminación do prazo correspondente ó mandato ordinario.

4. Se a vacante se produce por prosperar unha moción de censura, aplicarase o disposto no artigo 48º e seguinte.

5. Os candidatos, que poderán non ser membros da asemblea xeral, deberán avala-la presentación da súa candidatura mediante a sinatura de, cando menos, o 15% dos membros da asemblea.

6. Será elixido presidente da Federación Galega de Motonáutica o candidato que obteña a maioría absoluta dos votos emitidos. No caso de que ningún candidato acade esta maioría, procederase a unha segunda votación entre os dous candidatos máis votados, resultando elixido o que obteña maior número de votos.

7. O presidente da Federación Galega de Motonáutica dirixirá e presidirá os debates coa autoridade propia do seu cargo e gozará de voto de calidade, no caso de empate, naquelas decisións que deban adopta-los órganos que preside.

8. A persoa que resulte elixida como presidente da Federación Galega de Motonáutica ten que cesar en todo tipo de actividades técnicas e directivas no deporte da motonáutica no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 43º.

Para poder ser candidato a presidente da Federación Galega de Motonáutica deberá reunir, como mínimo, as condicións seguintes:

a) Te-la condición política de galego, segundo o disposto no artigo 3 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia.

b) Ser maior de idade.

c) Estar en pleno uso dos dereitos civís e non estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

d) Non estar incurso en ningunha sanción deportiva que o inhabilite.

e) Non estar incurso en ningunha causa de incompatibilidade establecida legalmente nos presentes estatutos.

Artigo 44º.

O cargo de presidente da Federación Galega de Motonáutica, será causa de incompatibilidade coas seguintes actividades:

a) Ocupación de cargos directivos noutras federacións deportivas.

b) Desenvolvemento de actividades ou desempeño de cargos en asociacións deportivas ou clubs integrados na Federación Galega de Motonáutica.

c) A persoa que resulte elixida como presidente da Federación Galega de Motonáutica, deberá cesar en todo tipo de actividades deportivas no deporte específico e no ámbito territorial da federación.

d) Non existirá incompatibilidade en ningún caso, coa práctica activa do deporte da motonáutica.

Artigo 45º.

O presidente da Federación Galega de Motonáutica cesará nas súas funcións:

a) Por cumprimento do prazo para o que foi elixido.

b) Por demisión.

c) Por incapacidade física permanente, declarada legalmente, que lle impida o desenvolvemento do seu cometido.

d) Polo voto de censura acordado pola asemblea xeral extraordinaria.

e) Por incorrer en causa de inelixibilidade ou incompatibilidade. Neste último caso disporá do prazo dun mes para cesar no posto que resulte incompatible co de presidente.

f) Polas demais causas que determinen as leis.

Artigo 46º.

1. O presidente da Federación Galega de Motonáutica, poderá delega-las súas funcións en calquera dos vicepresidentes, ou outra persoa da xunta directiva.

2. O presidente da Federación Galega de Motonáutica, ou compoñentes da xunta directiva expresamente designados por este, poderá asistir a cantas sesións celebre calquera órgano ou comisión federativa.

3. Nos supostos de ausencia, enfermidade ou calquera causa que impida transitoriamente desempeña-las súas funcións ó presidente da Federación Galega de Motonáutica será substituído polo vicepresidente 1º e, no seu defecto, polos vicepresidentes na súa orde. Se por causas excepcionais ningún vicepresidente puidese substituír ó presidente da Federación Galega de Motonáutica, este nomeará ó substituto, que deberá ser necesariamente membro da asemblea xeral.

Artigo 47º.

Se a asemblea xeral da Federación Galega de Motonáutica acordase por maioría absoluta a remuneración do presidente, esta non poderá ser satisfeita coas subvencións que reciba a federación, e concluirá coa fin do seu mandato, sen poder estenderse máis alá da duración do mesmo.

Artigo 48º.

A moción de censura do presidente poderá ser presentada polos membros da asemblea xeral que constitúa ó menos un 25% dela, mediante escrito presentado na Federación Galega de Motonáutica. Na mencionada petición deberán solicitar do presidente a convocatoria dunha asemblea xeral extraordinaria coa dita moción, como único punto da orde do día, así como a proposta dun candidato alternativo á presidencia. Caso de prospera-la moción de censura, que se votará polo sistema de dobre volta, debendo acada-la maioría absoluta dos membros asistentes á asemblea en 1ª votación ou a maioría simple en 2ª, celebradas cunha hora de diferencia.

O candidato, se resulta elixido, quedará investido como presidente, por un mandato polo prazo que falte para concluí-lo período ordinario.

Artigo 49º.

1. A convocatoria da asemblea xeral extraordinaria a que se refire o artigo anterior levarase a cabo de acordo con estes estatutos.

2. A sesión da asemblea xeral extraordinaria na que se debata a moción de censura estará presidida polo membro de maior idade da asemblea.

3. Non será válido o voto por correo, nin a asistencia por representación, excepto no referente a clubs e entidades deportivas, no que se aplicará o disposto no artigo 34º.5 destes estatutos.

4. Se a moción de censura non prospera, non poderá presentarse unha nova dentro do mesmo período de mandato, como tampouco poderá presentarse caso de prosperar, contra o candidato investido na dita moción, por un período de seis meses.

Capítulo IX

A xunta directiva

Artigo 50º.

1. A xunta directiva será o órgano colexiado de xestión da Federación Galega de Motonáutica, sendo os seus membros designados e revogados libremente polo presidente, que a presidirá e terá voto de calidade en caso de empate naquelas decisións que deban adoptar.

2. A xunta directiva estará formada por un número de membros non inferior a 5 nin superior a 15.

3. Os membros da xunta directiva que non o sexan da asemblea xeral terán acceso ás sesións desta con dereito a voz pero sen voto.

4. O presidente da xunta directiva non poderá exercer ningún cargo directivo noutras asociacións que teñan como fin primordial a práctica da motonáutica.

5. Non poderán desempeñar cargos directivos na Federación Galega de Motonáutica aquelas persoas que obteñan proveito material ou persoal, derivado de determinada actividade económica, comercial, industrial ou profesional relacionada coa motonáutica.

6. O presidente da Federación Galega de Motonáutica elixirá entre os membros da xunta directiva un ou varios vicepresidentes quen, por orde, substituirán o presidente por delegación, en caso de ausencia temporal ou imposibilidade física, un secretario que, pola súa vez, o será da federación, así como un tesoureiro.

7. Tódolos cargos poderán ser revogados polo presidente, cando o considere conveniente.

8. Os membros da xunta directiva que non o sexan da asemblea xeral terán acceso ás sesións desta, con dereito a voz pero sen voto.

9. Tódolos cargos serán honoríficos e, en caso de establecerse unha compensación económica a favor da xunta directiva, deberá ser expresamente acordada pola asemblea xeral e constar de xeito diferenciado no orzamento. En ningún caso a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a Federación Galega de Motonáutica.

Artigo 51º.

A xunta directiva da Federación Galega de Motonáutica exercerá as funcións propias do dito órgano e máis especificamente as seguintes:

a) Comproba-lo desenvolvemento e a boa fin das competicións e probas de motonáutica, en tódalas súas facetas.

b) Aprobar e modificar, se é o caso, as normas de funcionamento e réxime interno da Federación Galega de Motonáutica.

c) Conceder honores, recompensas e subvencións a clubs, deportistas, entidades públicas e persoas que prestaran a súa desinteresada colaboración para o desenvolvemento das actividades e deportes da motonáutica.

d) Coidar todo o referente a inscricións de clubs, deportistas, xuíces, técnicos, etc.

e) Informa-las persoas interesadas dos acordos adoptados pola propia xunta directiva, no exercicio das súas facultades.

f) Adoptar acordos en calquera outro asunto que a xunta directiva considere que poden ser de interese para o bo desenvolvemento das funcións da Federación Galega de Motonáutica.

g) Ós membros da xunta directiva sonlles aplicables as incompatibilidades previstas no artigo 44º destes estatutos, para o presidente da Federación Galega de Motonáutica.

Artigo 52º.

A xunta directiva da Federación Galega de Motonáutica reunirase cando o decida o presidente, a quen corresponde, en todo caso, a súa convocatoria, así como a fixación da orde do día de cada sesión. O prazo mínimo de convocatoria será de 48 horas. Os acordos adoptaranse por maioría simple dirimindo os eventuais empates o voto de calidade do presidente.

Artigo 53º.

Os membros da xunta directiva da Federación Galega de Motonáutica, cesarán dos seus cargos polas seguintes causas:

a) Por quedar vacante a presidencia.

b) Por demisión.

c) Por incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.

d) Por incorrer en causa de inelixibilidade ou incompatibilidade.

c) Por ser cesado directamente polo presidente.

Capítulo X

Secretario

Artículo 54º

O secretario da Federación Galega de Motonáutica, será nomeado polo presidente e poderá ser membro da xunta directiva, o cal exercerá de fedatario e asesor, e máis especificamente:

a) Levantar acta das sesións dos órganos de goberno e representación da Federación Galega de Motonáutica, con indicación dos asistentes, temas tratados e resultados das votacións e, se é o caso, os votos particulares contrarios ós acordos adoptados.

Os votos contrarios ós acordos adoptados ou as abstencións motivadas eximirán das responsabilidades que puidesen derivar, se fose o caso, dos acordos dos órganos colexiados.

b) Expedi-las certificacións oportunas dos acordos dos órganos de goberno e representación.

c) Remitir á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia as actas das reunións da asemblea xeral e da comisión delegada no prazo de 15 días, desde a data da súa celebración.

d) Cantas funcións lle encomenden os estatutos e regulamentos da Federación Galega de Motonáutica ou lle sexan delegados polo presidente.

e) Resolve-los asuntos de trámite.

f) Velar polo exacto cumprimento dos acordos dos órganos federativos.

Artigo 55º.

O secretario asistirá ás sesións dos órganos da Federación Galega de Motonáutica e sempre que sexa requirido para facelo, con voz pero sen voto.

Artigo 56º.

De non haber un secretario nomeado na Federación Galega de Motonáutica, a responsabilidade do desempeño das súas funcións recaerá no presidente ou na persoa na que este delegue.

Capítulo XI

Tesoureiro

Artigo 57º.

O tesoureiro é o órgano administrativo da Federación Galega de Motonáutica. Exercerá as funcións propias do seu cargo e máis especificamente:

a) Supervisa-la contabilidade da Federación Galega de Motonáutica.

b) Elaborar e presentar balances do estado contable da Federación Galega de Motonáutica, á asemblea xeral e comisión delegada, cando proceda.

c) Propor e autorizar, se procede, os cobros e pagos da Federación Galega de Motonáutica.

d) Regulamenta-los gastos e exerce-la inspección económica e administrativa de tódolos órganos da

Federación Galega de Motonáutica e informa-la xunta directiva das infraccións das normas que regulan a vida económica e administrativa do deporte da motonáutica.

e) Elevar á xunta directiva as propostas relativas á organización federativa en materia da súa competencia e levalas a cabo unha vez aprobadas.

f) Informa-lo presidente da marcha dos asuntos económicos pendentes e propo-las medidas que se consideren necesarias.

g) Calquera outro asunto en materia económica que obrigue á Federación Galega de Motonáutica en función de acordos da asemblea xeral ou aplicación da lexislación vixente.

h) Calquera outra función que lle encomenden estes estatutos ou regulamentos da Federación Galega de Motonáutica.

Artigo 58º.

O cargo de tesoureiro e secretario da Federación Galega de Motonáutica poderán recaer na mesma persoa, que cumprirá o cometido dos dous cargos, coa denominación que decida o presidente.

Capítulo XII

Comités e comisións

Artigo 59º.

1. A Federación Galega de Motonáutica poderá crear cantos comités e comisións considere oportunos ademais dos seguintes:

a) Comité de Disciplina Deportiva.

b) Comité de Competición.

c) Comité de Apelación.

d) Comité de Xuíces e Medidores.

2. Tódalas comisións e comités rexeranse polos seus respectivos regulamentos e, se é o caso, pola normativa nacional unificada emanada da Federación Española de Motonáutica, pola lexislación que lle sexa aplicable e polo disposto nos presentes estatutos.

3. Tódolos presidentes de comités e comisións, serán nomeados e revogados polo presidente da Federación Galega de Motonáutica.

4. O secretario da Federación Galega de Motonáutica intervirá como secretario de tódolos comités e comisións, con voz e sen voto, salvo que fose membro deles.

5. A Federación Galega de Motonáutica nos seus regulamentos internos reflectirá o funcionamento e competencias delegadas pola federación a estes comités e comisións.

Artigo 60º.

No seo da Federación Galega de Motonáutica constituirase de xeito obrigatorio un comité de xuíces e medidores, cun presidente que será designado polo presidente da Federación Galega de Motonáutica.

Este comité poderá adopta-la estructura territorial da Federación Galega de Motonáutica.

Artigo 61º.

Serán funcións do comité de xuíces e medidores da Federación Galega de Motonáutica os seguintes:

a) Establece-los niveis de formación de xuíces e medidores.

b) Clasificar tecnicamente, en función de criterios prefixados pola asemblea xeral ós xuíces e medidores, propoñendo á xunta directiva a inscrición e clasificación nas categorías correspondentes. Esta clasificación comunicaráselle á asemblea xeral.

c) Propo-los candidatos a xuíces e medidores nacionais.

d) Proporlle á xunta directiva as normas administrativas que regulan as funcións dos xuíces e medidores nas probas, para a súa posterior aprobación pola asemblea xeral.

e) Designa-los xuíces, medidores e técnicos nas competicións oficiais de ámbito galego.

f) Colaborar cos órganos competentes da Federación Galega de Motonáutica na formación de xuíces e medidores.

g) Proporlle á Federación Galega de Motonáutica as normas polas que se rexerá a actuación dos xuíces e medidores tendo en conta ó respecto as directrices marcadas pola Federación Galega de Motonáutica.

h) Colaborar coa comisión deportiva para cuestións de orde técnica.

i) Calquera outro asunto delegado pola Federación Galega de Motonáutica.

Artigo 62º.

1. As propostas a que se refire o artigo anterior elevaranse ó presidente da Federación Galega de Motonáutica, para a súa aprobación se procede polo órgano correspondente.

2. A designación de xuíces e medidores para actuar en competición non estará limitada por recusación nin por condición de calquera outra clase e os que fosen nomeados, non poderán absterse de actuar, salvo que concorran razóns de forza maior, que ponderará en cada caso o comité.

3. O comité de xuíces e medidores exercerá facultades de control, se ben limitadas exclusivamente ós aspectos técnicos da actuación dos titulares.

4. A composición e réxime de funcionamento do comité de xuíces e medidores determinarase regulamentariamente.

Artigo 63º.

A clasificación dos xuíces e medidores levarase a cabo en función dos seguintes criterios:

a) Coñecemento dos regulamentos.

b) Experiencia.

c) Idade.

Comisión permanente

Artigo 64º.

A comisión permanente da Federación Galega de Motonáutica, será nomeada polo presidente da dita federación e estará composta por persoas da xunta directiva e como mínimo por:

a) Presidente.

b) Secretario.

c) Vocais.

Artigo 65º.

A comisión permanente da Federación Galega de Motonáutica terá como misión exclusiva resolver tódolos asuntos que requiran decisión urxente, así como daqueles outros que se consideren de trámite, dando, en todo caso, conta da súa actuación á xunta de goberno na súa primeira reunión, facendo esta de igual forma coa asemblea xeral nos asuntos da súa competencia.

Capítulo XIII

Réxime electoral. Cansos

Artigo 66º.

Comporán os censos correspondentes a cada estamento electoral tódolos membros da Federación Galega de Motonáutica que reúnan os requisitos establecidos para cada estamento nos presentes estatutos e no regulamento electoral.

Regulamento electoral

Artigo 67º.

Os procesos electorais desenvolveranse conforme ó Regulamento electoral, que deberá ser aprobado pola asemblea xeral a proposta da Federación Galega de Motonáutica e terá que regular, como mínimo, as seguintes cuestións:

a) Número de membros da asemblea xeral e número de representantes por cada estamento.

b) Calendario electoral.

c) Censo electoral.

d) Composición, competencias e funcionamento da xunta electoral.

e) Requisitos para a presentación e proclamación de candidatos.

O remate para a presentación de candidatos a presidente e membros da asemblea xeral non poderá ser inferior a 10 días.

f) Procedemento de resolución de conflictos, impugnacións e reclamacións, así como os recursos electorais.

g) Regulación do voto por correo nas eleccións á asemblea xeral. Non se admitirá esta clase de voto nas eleccións á comisión delegada e presidente.

h) Composición, competencias, funcionamento e localización da mesa ou mesas electorais.

i) Elección de presidente.

j) Elección da comisión delegada.

O Regulamento electoral deberá ser ratificado pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Comisión xestora

Artigo 68º.

1. Acordada a convocatoria de eleccións pola asemblea xeral e aprobado o regulamento e calendario electoral, o presidente procederá no prazo sinalado á convocatoria de eleccións. A partir dese momento, a xunta directiva e o presidente constituiranse en comisión xestora e someterán o Regulamento electoral á ratificación da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

2. A comisión xestora garantirá a máxima difusión e publicidade da convocatoria de eleccións á asemblea xeral e presidente, así como do Regulamento electoral, coas medidas previstas nas disposicións federativas, a través dun medio que permita a recepción de dita notificación.

3. O Regulamento electoral exporase no taboleiro de anuncios da Federación Galega de Motonáutica e nas delegacións territoriais o mesmo día da convocatoria.

4. A comisión xestora administrará á Federación Galega de Motonáutica e convocará e realizará novas eleccións no prazo máximo de tres meses no caso de que non se presentase ningunha candidatura ou non fose válida ningunha das presentadas.

Circunscrición electoral

Artigo 69º.

A circunscrición electoral será única e terá a súa ubicación en Vigo, na mesma dirección que teña a Federación Galega de Motonáutica.

Xunta electoral

Artigo 70º.

A xunta electoral será elixida en asemblea xeral extraordinaria e estará integrada por tres membros titulares e tres suplentes que se elixirán entre as persoas que non sexan candidatas, en elección libre, directa, igual e secreta e ratificada pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Mesa electoral

Artigo 71º.

Para a elección dos compoñentes dos distintos estamentos da asemblea xeral e do presidente da Federación Galega de Motonáutica constituirase unha mesa electoral ou varias se fose preciso, axustándose o seu funcionamento ás normas que se establezan no Regulamento electoral.

Recursos

Artigo 72º.

As reclamacións e impugnacións que se presenten contra calquera acto electoral serán dirixidas á xunta electoral e contra o que esta resolva caberá recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva. Así mesmo caberá recurso ante o Comité Galego de Disciplina, contra tódolos actos, acordos, ou resolucións da xunta electoral ou calquera outro órgano ou membro da Federación Galega de Motonáutica en materia electoral.

Eleccións da asemblea xeral

Artigo 73º.

1. Os membros da asemblea xeral serán elixidos cada catro anos coincidindo cos Xogos Olímpicos de inverno, mediante sufraxio libre, secreto, igual e directo, entre e polos compoñentes dos distintos estamentos da Federación Galega de Motonáutica.

2. As eleccións á asemblea xeral serán acordadas pola mesma que aprobará a convocatoria con tódolos requisitos que se establezan no regulamento electoral, que así mesmo se aprobe.

3. Acordada pola asemblea xeral a convocatoria de eleccións, o acordo será formalmente executado polo presidente da Federación Galega de Motonáutica.

4. Desde a convocatoria para a celebración desta asemblea, a xunta directiva e o presidente constituiranse en comisión xestora, de acordo co disposto nestes estatutos.

5. Para ser candidato ou membro da asemblea xeral requírese o cumprimento dos requisitos establecidos con carácter xeral nestes estatutos.

6. Os requisitos para ser electores ou elixibles deberán terse cumpridos no día que se publique a convocatoria de eleccións.

7. As eleccións á asemblea xeral realizaranse para cada un dos postos correspondentes ós estamentos desta de acordo co previsto nestes estatutos.

8. Os representantes dos clubs e asociacións deportivas na asemblea xeral, serán elixidos por e entre os que integran o censo deste estamento e que deberán estar afiliados á Federación Galega de Motonáutica e inscritos no Rexistro de Clubs, Federacións e Asociacións Deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, no momento da convocatoria das eleccións e participaran en competicións ou desenvolveran actividades de motonáutica organizada pola Federación Galega de Motonáutica ou pola Federación Española de Motonáutica, coa aprobación ou intervención daquela, no ano de celebración das eleccións e anterior.

9. Os representantes dos deportistas na asemblea xeral serán elixidos por e entre os maiores de 18 anos que teñan licencia en vigor expedida pola Federación Galega de Motonáutica ou Federación Española de Motonáutica no momento da convocatoria

das eleccións e tamén a tivesen, cando menos, a tempada deportiva anterior, sempre que participasen en competicións ou actividades de carácter oficial organizadas pola Federación Galega de Motonáutica ou pola Federación Española de Motonáutica coa aprobación ou intervención daquela.

10. Os representantes dos técnicos, xuíces e medidores na asemblea xeral, serán elixidos por e entre os pertencentes a cada estamento, calquera que sexa a súa categoría, dos que teñan licencia en vigor no momento das eleccións e tamén tivesen, como mínimo, na tempada deportiva inmediatamente anterior, sempre que participasen en competicións ou actividades de carácter oficial organizadas pola Federación Galega de Motonáutica ou pola Federación Española de Motonáutica coa intervención daquela.

Elección de presidente

Artigo 74º.

1. A elección de presidente da Federación Galega de Motonáutica levarase a cabo mediante convocatoria acordada pola asemblea xeral extraordinaria. Na orde do día constará o procedemento a seguir para a elección e nomeamento da xunta electoral, que estará integrada por tres membros titulares e tres suplentes que se elixirán entre persoas que non sexan candidatas en elección libre, directa, igual e secreta.

2. O prazo de presentación de candidaturas para a elección de presidente da Federación Galega de Motonáutica non poderá ser inferior a dez días naturais.

3. O presidente será elixido por un período de catro anos, coincidindo cos anos en que se celebren o Xogos Olímpicos de inverno, pola asemblea xeral, mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto, por tódolos membros de dita asemblea, logo da presentación e aceptación das candidaturas correspondentes que deberán estar avaladas, cando menos, por un 15% dos compoñentes da asemblea.

4. Os membros da comisión delegada, serán elixidos na 1ª reunión da asemblea xeral.

5. Aprobado o Regulamento electoral, a xunta directiva procederá, no prazo sinalado, á convocatoria de eleccións para a asemblea xeral. A partir dese momento a Xunta directiva se constituirá en comisión gestora.

6. A comisión gstora garantizará a máxima difusión da convocatoria de eleccións á asemblea xeral e para a de presidente, a través dun medio que permita asegura-la recepción das notificacións.

7. O Regulamento electoral deberá exporse na Federación Galega de Motonáutica e delegacións territoriais no mesmo día da convocatoria.

8. As eleccións serán controladas pola xunta electoral e os interventores designados polos candidatos, que levantarán acta unha vez rematada a votación e o reconto. A dita acta, debidamente certificada,

remitirase á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia no prazo de tres días.

9. No suposto de que se presentase un só candidato, non se efectuará votación e a xunta electoral proclamará presidente da Federación Galega de Motonáutica a este candidato.

10. De non presentarse ningún candidato, ou non ser válida ningunha das presentadas, a xunta directiva constituída en comisión xestora administrará a Federación Galega de Motonáutica e convocará novas eleccións no prazo de tres meses.

Elección de comisión delegada

Artigo 75º.

1. Na mesma asemblea xeral convocada para a elección de presidente, e unha vez realizada esta, procederase á elección dos membros da comisión delegada da asemblea xeral.

2. A comisión delegada estará composta por un 15% dos membros da asemblea xeral. En ningún caso ese número será inferior a 5 nin superior a 15.

3. Serán elixidos membros da comisión delegada os que obteñan o maior número de votos, ata cubri-lo número de membros correspondentes.

Capítulo XIV

Réxime económico

Artigo 76º.

A Federación Galega de Motonáutica está sometida ó réxime de administración, orzamento e patrimonio propio, e caixa única.

Artigo 77º.

O tesoureiro someterá á asemblea xeral ordinaria o balance de situación, as contas de ingresos e gastos e memoria económica, así como o orzamento para a tempada seguinte. Unha vez aprobado pola asemblea deberá remitirse copia á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Artigo 78º.

A Federación Galega de Motonáutica non poderá aprobar orzamentos deficitarios, e en caso excepcional a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia poderá autorizar un orzamento deficitario, logo de petición razoada.

Artigo 79º.

A Federación Galega de Motonáutica, ten o seu propio réxime de administración e xestión de orzamento e patrimonio, sendo de aplicación como en todo caso as seguintes regras:

a) Poderá organizar e promover actividades e competicións deportivas dirixidas ó público, aplicando os beneficios económicos, de habelos, ó desenvolvemento do seu obxecto social.

b) Poderá gravar e allear bens inmobles, tomar diñeiro a préstamo e emitir títulos representativos

de débeda ou de parte alícuota patrimonial, sempre que os ditos negocios xurídicos non comprometan de modo irreversible o patrimonio da Federación Galega de Motonáutica ou o seu obxecto social e logo de acordo da asemblea xeral.

c) Cando a contía sobrepase o 25% do orzamento anual da Federación Galega de Motonáutica, ademais do acordo da asemblea xeral, será imprescindible o informe favorable da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

d) Cando se trata de bens inmobles que fosen financiados todos ou en parte con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia será preceptiva a autorización da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, para o seu gravame ou alleamento.

e) A Federación Galega de Motonáutica poderá exercer complementariamente actividades de carácter industrial, comercial, profesional ou de servicios e destina-los seus bens e recursos ós mesmos obxectivos sociais, pero en ningún caso poderá repartir beneficios entre os seus membros.

f) A Federación Galega de Motonáutica non poderá comprometer gastos de carácter plurianual sen autorización previa da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, cando o gasto supere o 10% do orzamento e sobrepase o mandato do presidente.

Artigo 80º.

A Federación Galega de Motonáutica elaborará anualmente unha memoria na que se analizará fielmente a actividade económica da federación, así como a adecuada actuación orzamentaria, o cumprimento dos obxectivos e os proxectos a desenvolver e emitirá un informe por separado cos seguintes aspectos:

I. Diferenciación dos ingresos e aportación segundo:

a) Subvencións públicas.

b) Subvencións, donativos ou aportacións privadas.

c) Venta de activos.

d) Ingresos procedentes de competicións organizadas.

e) Ingresos por servicios prestados pola federación.

f) Os depósitos constituídos para o trámite de recursos ou reclamacións, cando non proceda a súa devolución.

g) As cotas dos clubs.

h) Os froitos do seu patrimonio.

i) Os préstamos a crédito que obteña.

j) As sancións económicas.

k) Os conceptos que aprobe a asemblea xeral de carácter pecuniario.

l) Calquera outro ingreso que autoricen os estatutos e as disposicións legais vixentes ou en virtude de convenio.

m) Ingresos financeiros.

II. A Federación Galega de Motonáutica destinará a totalidade dos seus recursos económicos a:

a) Administración da federación.

b) Dirección e servicios da xunta directiva, comités, comisións e tribunal de exames, incluído viaxes.

c) Competicións.

d) Axuda a clubs e outras entidades.

e) Axuda a deportistas.

f) Axuda para actos deportivos.

g) Construccións e outros inmobilizados.

h) Formación de deportistas e técnicos.

i) Deportes de élite.

j) Xuíces e medidores.

k) Delegacións e órganos territoriais.

l) Aluguer de locais.

m) Gastos xerais da federación.

n) Aboa-lo importe das obrigas de pagamento que cómpre satisfacer noutros exercicios que non están previstos nos balances.

ñ) Aboa-lo importe das garantías ou avales comprometidos.

o) Liquidación do orzamento que explique as variacións en relación co orzamento aprobado na asemblea anterior.

Artigo 81º.

A Federación Galega de Motonáutica someterase á inspección do seu réxime documental establecido no artigo 7, apartado j) da Orde de 28 de xullo de 1995 da Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia (DOG 151) pola que se desenvolve o Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, así como auditorías financeiras dos seus gastos.

Artigo 82º.

1. As contas anuais e os orzamentos da Federación Galega de Motonáutica atoparanse no taboleiro de anuncios do domicilio social cunha anticipación mínima de 15 días á celebración da asemblea, a disposición das persoas ou entidades con dereito a voto, as cales poderán pedir copia que se entregará antes da celebración da asemblea.

2. A Federación Galega de Motonáutica destinará a totalidade dos seus ingresos e patrimonio á consecución dos fins propios do seu obxecto social.

3. A xestión económica ordinaria da Federación Galega de Motonáutica correrá a cargo do tesoureiro baixo a dirección do presidente, ou vicepresidente autorizado.

4. O tesoureiro será responsable da contabilidade e custodia da documentación económica.

Capítulo XV

Réxime documental

Artigo 83º.

O réxime documental da Federación Galega de Motonáutica comprenderá como mínimo os seguintes libros debidamente dilixenciados.

a) Libro de Rexistro de Clubs e Asociacións Deportivas, nos que constará como mínimo, a denominación destes, domicilio social e número de inscrición no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

b) Libro de actas, que consignarán as reunións que celebren os órganos de goberno e representación.

c) Libro de inventario, mobles e inmobles.

d) Libro de rexistro dos membros da asemblea xeral e da comisión delegada no que deberán consta-los nomes dos titulares ou representantes legais e os domicilios para citacións e comunicacións.

e) Libro de actas do comité de xuíces e medidores.

Artigo 84º.

1. Os comités e comisións que puidesen crearse dentro da Federación Galega de Motonáutica, levarán os seus correspondentes libros de actas, os cales non será preciso que sexan legalizados.

2. O réxime documental da Federación Galega de Motonáutica estará a cargo do secretario, a quen corresponde a custodia dos libros da federación, levantar acta das reunións dos órganos colexiados e unha vez aprobados e asinados co visto e prace do presidente, expedir certificacións e fotocopias e remiti-los acordos que procedan á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e, en xeral, prepara-la resolución e despacho de tódolos asuntos do réxime administrativo.

3. En caso de ausencia ou imposibilidade física do secretario, as súas funcións serán desempeñadas polo presidente ou persoa en quen delegue.

Capítulo XVI

Réxime disciplinario

Artigo 85º.

A Federación Galega de Motonáutica en materia de disciplina deportiva, ten potestade sobre tódalas persoas que formen parte da súa estructura orgánica, os clubs, deportistas, técnicos, xuíces, medidores e, en xeral, todas aquelas persoas e entidades que, estando federadas, desenvolvan a actividade deportiva da motonáutica no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 86º.

1. Os órganos competentes en materia disciplinaria na Federación Galega de Motonáutica serán os seguintes:

a) En primeira instancia o comité de competición ou xuíz único.

b) En segunda instancia o comité de apelación.

2. Os órganos a que se refire o punto anterior rexiranse polo R.D. 1591/1992, do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva e polo Regulamento de réxime disciplinario da Federación Galega de Motonáutica.

3. O comité de competición ou xuíz único estará integrado por un número de membros da federación entre un e tres. O comité de apelación estará integrado por tres membros da federación, os presidentes destes comités serán nomeados polo presidente da Federación Galega de Motonáutica.

Artigo 87º.

A duración do cargo coincidirá coa do presidente que o nomeou e durante o dito período só cesarán por:

a) Renuncia ou demisión.

b) Incapacidade física ou psíquica.

c) Perda da súa condición de membro da federación.

d) Sanción que o inhabilite para o cargo.

A composición destes comités comunicarase á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia na forma prevista nestes estatutos.

Artigo 88º.

As resolucións dictadas polo comité de apelación dentro das súas competencias terán carácter definitivo no ámbito da Federación Galega de Motonáutica e poderán ser recorridas ante o Comité Galego de Disciplina, conforme a lexislación vixente.

Capítulo XVII

Regulamentos federativos

Artigo 89º.

A aprobación e desenvolvemento dos regulamentos que considere precisos a Federación Galega de Motonáutica axustaranse ó seguinte procedemento:

a) O desenvolvemento dos regulamentos, salvo cando fose por imperativo legal, iniciarase por proposta do presidente da Federación Galega de Motonáutica.

b) Os servicios xurídicos da Federación Galega de Motonáutica, ou aqueles estamentos afectados, elaborarán os borradores de anteproxecto dos regulamentos seguindo cando proceda, as directrices indicadas polo presidente.

c) Concluídos os borradores dos regulamentos remitiranse á xunta directiva, para que emita motivadamente o seu informe ou aprobación, se procede.

d) Obtida a aprobación, cursarase o texto individualmente a tódolos membros da asemblea xeral, que terán un prazo non inferior a 15 días naturais, para que formulen motivadamente as emendas e suxestións que coiden oportunas.

e) Convocarase a comisión delegada da asemblea xeral, á que corresponde a aprobación definitiva dos regulamentos desenvolvidos dentro do seo da Federación Galega de Motonáutica, a cal decidirá tras discuti-lo regulamento do texto presentado e as emendas, de habelas.

Capítulo XVIII

Escola Galega de Motonáutica

Artigo 90º.

Dentro da Federación Galega de Motonáutica, existirá a Escola Galega de Motonáutica, que se rexerá polos seus propios regulamentos.

Artigo 91º.

Os cargos directivos da Escola Galega de Motonáutica serán nomeados polo presidente da Federación Galega de Motonáutica e comunicados á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia na forma establecida nestes estatutos.

Artigo 92º.

O fin primordial da Escola Galega de Motonáutica, ademais dos que se indiquen especificamente no seu regulamento, é o fomento da motonáutica entre tódolos deportistas, dedicando especial atención á preparación de xoves deportistas.

Artigo 93º.

Para o funcionamento e execución dos seus proxectos, a Escola Galega de Motonáutica terá a correspondente partida orzamentaria da Federación Galega de Motonáutica.

Capítulo XIX

Específicos

Artigo 94º.

1. Na Federación Galega de Motonáutica poderán existir cargos de carácter administrativo de asesoramento e de xestión en funcións específicas que serán nomeados pola xunta directiva a proposta do presidente.

2. Tamén poderán existir, designados polo presidente, asesores con voz pero sen voto, entre especialistas de distintas materias.

3. Estes cargos poderán ser remunerados, logo de acordo da asemblea xeral ou da comisión delegada.

Capítulo XX

Modificación dos estatutos

Artigo 95º.

1. Os estatutos da Federación Galega de Motonáutica só poden ser modificados pola asemblea xeral e de acordo co establecido nos presentes estatutos.

2. A proposta de modificación dos estatutos, salvo cando fose por imperativo legal, deberá ser acordada polo presidente ou comisión delegada da Federación Galega de Motonáutica. Seguidamente nomearase

unha comisión técnica que realice os traballos necesarios para presentar á asemblea xeral as modificacións ou novo texto dos estatutos, que se someterá a aprobación.

3. Aprobada a reforma dos estatutos da Federación Galega de Motonáutica pola asemblea xeral, comunicarase á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia para a súa ratificación.

Capítulo XXI

Disolución da Federación Galega de Motonáutica

Artigo 96º.

1. A Federación Galega de Motonáutica extinguirase polas seguintes causas:

a) Por acordo da maioría de 2/3 dos membros da asemblea xeral refrendada por maioría absoluta de tódolos membros da Federación Galega de Motonáutica, a través de votación libre, igual, directa e secreta.

b) Polas demais causas que determinen as leis.

2. Unha vez producida a disolución da Federación Galega de Motonáutica, o patrimonio neto destinarase ós fins de carácter deportivo que determine a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas e a Orde do 28 de xullo que os desenvolve.

79