Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 18 de marzo de 1996 Páx. 2.380

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 108/1996, do 29 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento do organismo autónomo Augas de Galicia.

A Lei 8/1993, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, crea no seu capítulo II o organismo autónomo Augas de Galicia e configúrao como o elemento central da estructura organizativa que se establece na mesma Lei para a policía e a administración dos recursos hidráulicos e a execución das obras públicas correspondentes.

Do exame dos preceptos legais resulta que a regulación que se efectúe da entidade debe desenvolver un triple criterio: especialización por razón da materia, organización territorial segundo as diversas agrupacións de concas e demarcacións que como ámbitos de prestación dos servicios hidráulicos se definen na lei e, finalmente, segundo o principio declarado básico na propia Lei estatal de augas, a participación dos usuarios.

Este regulamento dálle cumprimento ó mandato legal naqueles puntos en que se ordenaba o seu posterior desenvolvemento regulamentario, e, en particular, responde ós criterios sinalados con anterioridade.

O capítulo primeiro, dedicado á configuración do organismo, desenvolve a posición legal de Augas de Galicia como un organismo autónomo de carácter administrativo adscrito á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, sen que esa adscrición supoña máis limitacións á súa autonomía funcional, cás derivadas das relacións ordinarias de tutela establecidas na lexislación xeral aplicable ás entidades autónomas de Galicia.

Na regulación dos órganos de goberno e administración e de xestión, aparece, de xeito destacado, a participación dos usuarios. Na Xunta de Goberno, que co presidente constitúe a cúpula da estructura da entidade, a representación dos usuarios supera o mínimo legal do tercio de membros.

Para a devandita participación, o regulamento toma en consideración os distintos tipos de usos en proporción á súa importancia dentro do territorio de Galicia, garantindo, por unha parte, de forma expresa, a participación dos usos de abastecemento de poboacións e producción de enerxía eléctrica e de regadío cando proceda, e, por outra banda, a representación territorial destes usuarios en función das demarcacións territoriais que se delimitan.

Na distribución de funcións que se efectúa (artigos 13 e 15) entre a xunta de Goberno e o presidente do organismo, prevalece o criterio da singularidade ou xeneralidade das determinacións correspondendo ó presidente, entre outros, os actos de administración

do dominio público hidráulico e o réxime administrativo da entidade, e reservando para si ó órgano colexiado as materias de contido xeral ou que requiran unha deliberación máis ampla, como nas concernentes á planificación hidrolóxica e as de carácter orzamentario ou que afecten ó réxime patrimonial do organismo.

Coa finalidade de adecua-las materias sometidas ó coñecemento da Xunta de Goberno ó distinto grao de competencia que lle corresponde exercer á Administración hidráulica de Galicia nunhas e noutras concas, o regulamento desenvolve a previsión legal de constitución das seccións territoriais permanentes no seo da propia Xunta, establecéndose nos artigos 19 a 25 a súa composición e funcións respectivas.

Como órganos de xestión, o regulamento dispón, no seu capítulo terceiro, a constitución e composición das Comisións de Desaugamento de Encoros e das Xuntas de Explotación con funcións análogas ás tradicionais dos devanditos órganos na administración hidráulica do resto do Estado.

Destaca na regulación das Comisións de Desaugamento de Encoros a suxeición da súa actuación ás normas legais ou regulamentarias (artigo 32) e a creación dun comité técnico para supostos de excepcionalidade na adopción de decisións (artigo 35).

Teñen, asi mesmo, consideración de órganos de xestión os órganos técnicos da administración hidráulica integrados no organismo, ós cales se dedican os artigos 39 a 42. A súa actuación, especializada, territorial e descentralizada, ó tempo, permitirá unha maior aproximación ó administrado e a adecuada coordinación co resto dos servicios do departamento.

Finalmente, o capítulo cuarto, establece as normas de funcionamento dos diversos órganos colexiados, con suxeición ás normas comúns de procedemento nesa materia e adoptando as disposicións especiais que a diversa natureza e o contido das funcións respectivas duns e doutros, parece facer aconsellable, para acada-la máxima operatividade nas reunións.

Na súa virtude e en cumprimento do disposto na Lei 8/1993, do 23 de xuño, e na autorización contida na súa disposición derradeira segunda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, na súa reunión do día vintenove de febreiro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.

Apróbase o Regulamento do organismo autónomo Augas de Galicia, para o desenvolvemento da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da administración hidráulica de Galicia, que se insire a continuación.

Disposición adicional

En relación coa vicepresidencia da Comisión Galega para os Riscos de Inundacións e as Situacións

de Seca, prevista polo Decreto 54/1996, do 12 de xaneiro, atribuída ó subdirector de Infraestructuras Hidráulicas, corresponderalle a un xefe de departamento designado polo presidente de Augas de Galicia.

Disposición transitoria

Como consecuencia da estructura orgánica que se establece no presente decreto modifícase a denominación e o contido das subdireccións e servicios existentes na actual estructura da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e autorízase o conselleiro, por proposta do presidente do organismo autónomo, a readscribi-lo persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de libre designación, ou adscricións con carácter temporal, sempre que non exista posto de igual nivel a outros de inferior nivel se se trata de postos de provisión por concurso ata que, neste último caso, os ditos postos sexan cubertos na forma establecida regulamentariamente, sen que en ningún caso a readscrición ou adscrición supoñan cambio de residencia.

Mentres non se aprobe a relación de postos de traballo do organismo autónomo Augas de Galicia e desde a entrada en vigor do presente regulamento, o persoal adscrito ós servicios de Infraestructuras e Dominio Público Hidráulico continuará exercendo as funcións que ten que asumi-lo novo organismo.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido neste decreto e, en particular, o Decreto 72/1987, do 17 de marzo, polo que se crea a Comisión de Desaugamento de Encoros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As referencias que no Decreto 18/1987, do 14 de xaneiro, de colaboración técnico-financeira da Comunidade Autónoma de Galicia con entidades locais, en materia de obras hidráulico-sanitarias, se conteñen respecto dos servicios provinciais de obras hidráulicas, da Dirección Xeral de Obras Públicas, así como da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, entenderanse feitas, respectivamente, ós departamentos de Augas de Galicia, o primeiro, e á presidencia do organismo as restantes.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Terceira.-A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda fixará a entrada en funcionamento do organismo autónomo Augas de Galicia

unha vez aprobadas as correspondentes dotacións orzamentarias.

Santiago de Compostela a vintenove de febreiro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

Regulamento para o desenvolvemento da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da administración hidráulica de Galicia

Capítulo I

Configuración do organismo

Artigo 1º

1. Augas de Galicia é un organismo autónomo de carácter administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia dotado de plena autonomía para o cumprimento das funcións que lle asigna a Lei 8/1993, reguladora da administración hidráulica de Galicia.

2. A súa actuación axustarase ó disposto na lei de creación, na lexislación de augas e obras hidráulicas e, en canto á súa actividade económica e financeira, ós preceptos da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e á lexislación xeral sobre organismos autónomos que lle sexa de aplicación.

Artigo 2º

A entidade denominarase Augas de Galicia para tódolos efectos oficiais e convencionais, rexistros públicos e identificación, dos seus bens, instalacións e documentos.

Artigo 3º

Augas de Galicia disporá a instalación de dependencias nas demarcacións territoriais a que se refiren os artigos 6.2º e 43.1º e 2º deste regulamento, ou outras que se poidan establecer co obxecto de lles dar cumprimento ás súas funcións propias.

Artigo 4º

1. Augas de Galicia ten personalidade xurídica e patrimonio propios, independentes dos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins. En consecuencia, pode adquirir, posuír, reivindicar, permutar, gravar ou executar calquera tipo de bens do seu patrimonio, concertar créditos, celebrar contratos e explotar obras e servicios, obrigarse, interpoñer recursos e executa-las accións previstas polas leis.

2. A concertación de operacións de crédito suxeitarase ás disposicións contidas na Lei 11/1992, de réxime financieiro e orzamentario de Galicia, e contará coa intervención que sexa preceptiva dos órganos da Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 5º

1. O titular da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, exercerá as atribucións

derivadas da relación orgánica e funcional de adscripción da entidade á devandita consellería.

2. Nembargantes, Augas de Galicia poderase relacionar directamente con outras consellerías ou organismos, así como con outras administracións para o desenvolvemento das súas funcións propias.

Artigo 6º

1. Augas de Galicia exercerá as funcións que lle asigna o artigo 7.2º da Lei 8/1993.

2. Para os efectos establecidos no parágrafo anterior, o territorio de Galicia queda dividido nas demarcacións hidrográficas que se expresan:

-Demarcación de Galicia Norte, con sede na Coruña, que inclúe: as concas dos ríos intracomunitarios vertentes ó Cantábrico, e a do Eume, mesmo na parte que transcorre na provincia de Lugo, así como tódolos concellos da Coruña ó norte da liña formada por:

Carballo, Cerceda, Carral, Abegondo, Cesuras, Oza dos Ríos, Aranga, Monfero, As Pontes de García Rodríguez e Mañón, todas elas inclusive.

-Demarcación de Galicia Centro, con sede en Santiago de Compostela, que inclúe: os concellos da Coruña, agás os de Galicia Norte.

-Demarcación de Galicia Sur, con sede en Vigo, que inclúe: as concas intracomunitarias dos ríos e vertentes ó Atlántico da provincia de Pontevedra.

-Demarcación das Concas Intercomunitarias correspondentes á provincia de Lugo, con sede en Lugo capital.

-Demarcación das Concas Intercomunitarias correspondentes á provincia de Ourense, con sede en Ourense capital.

Capítulo II

Órganos de goberno e administración

Disposicións xerais

Artigo 7º

Son órganos de goberno de Augas de Galicia:

a) O presidente do organismo.

b) A Xunta de Goberno.

Artigo 8º

Son órganos colexiados de xestión en réxime de participación as Xuntas de Explotación e as Comisións de Desaugamento de Encoros que se constitúan conforme ó disposto neste regulamento.

Artigo 9º

Son órganos de administración de Augas de Galicia as unidades administrativas seguintes:

a) A Secretaría Xeral.

b) O Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico.

c) O Departamento de Réxime Económico e Financeiro.

Artigo 10º

Os órganos de Augas de Galicia exercerán as súas funcións atendendo ó diverso nivel de competencias que lle corresponde exercer á administración hidráulica de Galicia nas concas hidrográficas que integran o seu territorio.

Artigo 11º

Os órganos colexiados de goberno e de xestión axustarán a súa composición, o seu funcionamento e o réxime dos seus acordos ás normas comúns ou específicas que se establecen neste regulamento. Supletoriamente rexerán as normas aplicables ó funcionamento dos órganos colexiados da Administración da Comunidade Autónoma.

O presidente

Artigo 12º

1. O presidente de Augas de Galicia será o director xeral de Obras Públicas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

2. O presidente exerce a representación legal do organismo, autoriza as accións e os recursos que lle corresponden en defensa dos seus dereitos e exerce as funcións directivas e executivas.

Artigo 13º

1. Son atribucións do presidente:

a) Outorga-las autorizacións e concesións relativas ó uso e aproveitamento do dominio público hidráulico e tamén as referentes ó réxime de policía das augas e dos seus leitos e dos aproveitamentos hidráulicos de competencia da Xunta de Galicia.

b) Aprobar definitivamente os proxectos de obras e instalacións e decidi-la prestación dos servicios polo organismo en forma directa ou mediante a intervención da Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos.

c) Exerce-la dirección superior e a coordinación dos servicios do organismo.

d) Elabora-lo anteproxecto de orzamentos do organismo.

e) Autoriza-los gastos e ordena-los pagamentos dentro dos créditos aprobados.

f) Aplica-lo réxime económico-financeiro de utilización do dominio público hidráulico; así como o resto das exaccións atribuídas a Augas de Galicia.

g) Propoñerlle ó órgano competente o nomeamento dos titulares das unidades administrativas que se regulan nos artigos 39º a 42º deste regulamento.

h) Presidi-la Xunta de Goberno e os órganos colexiados de xestión que se constitúan e velar por que os seus acordos se axusten á legalidade vixente.

i) Resolve-los recursos administrativos da súa competencia.

j) Ter coñecemento de calquera asunto que non se atribúa á competencia doutro órgano de Augas de Galicia.

2. As funcións e atribucións citadas nas letras a), b), c) e e), do artigo precedente poderanse delegar, parcialmente ou na súa totalidade, nun ou en varios dos titulares das unidades administrativas a que se refire o artigo 39º deste regulamento.

A Xunta de Goberno

Artigo 14º

A Xunta de Goberno é o máximo órgano directivo colexiado de Augas de Galicia no que están representados a Administración da Xunta de Galicia, os usuarios da auga por diversos tipos de aproveitamento e outros intereses relacionados coa política hidráulica.

Artigo 15º

1. Son funcións da Xunta de Goberno:

a) Propoñe-los plans de actuación do organismo.

b) Elevarlle ó Consello da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, o plan hidrolóxico das concas internas e as súas ulteriores revisións.

c) Eleva-lo anteproxecto dos orzamentos do organismo á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, para a súa integración no anteproxecto de orzamentos anuais.

d) Emitir informe sobre os proxectos de concertación de operacións de crédito.

e) Adoptar, de conformidade coa normativa vixente, os acordos relativos a actos de disposición sobre bens do patrimonio de Augas de Galicia, así como informar e propoñer con carácter previo os actos de desafectación de bens do dominio público hidráulico.

f) Emitir informes sobre cuestións de interese xeral en materia de augas e sobre as relativas á mellor ordenación, explotación e tutela do dominio público hidráulico, incluídas as medidas de carácter excepcional.

g) Coñecer calquera outra cuestión que se lle atribúa por estes estatutos ou lle sexa encomendada por outras normas legais ou regulamentarias.

2. Para os efectos da letra a) do apartado anterior, entenderase por plans de actuación do organismo o conxunto das directrices xerais deste en materia de política hidráulica.

Artigo 16º

1. A Xunta de Goberno reunirase en pleno ou por seccións.

2. A Xunta de Goberno consta de dúas seccións permanentes:

a) Sección Galicia-Costa.

b) Sección Concas Intercomunitarias.

3. Por acordo do Pleno da Xunta de Goberno pódense constituír seccións temporais encargadas do seguimento, estudio e execución de asuntos ou come

tidos determinados. O acordo de constitución terá que expresa-la composición e o procedemento de actuación da sección así como o prazo de duración do seu cometido.

Artigo 17º

1. A representación da Administración da Xunta de Galicia na Xunta de Goberno integrarase polos membros que seguen:

a) O presidente de Augas de Galicia.

b) Tres vocais designados polo conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

c) Un vocal por cada unha das consellerías seguintes: Presidencia e Administración Pública; Economía e Facenda; Industria e Comercio; Agricultura, Gandería e Montes; Sanidade e Servicios Sociais; e Pesca, Marisqueo e Acuicultura, designados polo conselleiro respectivo.

2. Os vocais a que se refire o apartado anterior deste artigo serán membros comúns das dúas seccións permanentes da Xunta de Goberno.

Artigo 18º

1. A representación dos usuarios da auga constitúese por un total de dezaseis (16) vocais correspondentes a:

a) As entidades locais e as empresas públicas ou privadas concesionarias do servicio, como titulares de aproveitamentos para abastecemento de poboacións.

b) Os usos de carácter industrial, cunha consideración especial dos aproveitamentos hidroeléctricos.

c) Os usos agrícolas para rega, naquelas partes do territorio onde os devanditos aproveitamentos sexan significativos.

2. Os representantes dos usuarios designaranse de acordo co previsto nos artigos 19º a 21º seguintes, atendendo ás diversas demarcacións hidrográficas, e integraranse na sección respectiva da Xunta de Goberno.

Artigo 19º

Os vocais representantes dos usos para abastecemento de poboacións serán un total de sete (7) designados como segue:

a) Na Sección Galicia-Costa

-Dous (2) representantes designados polos órganos de goberno das asociacións de entidades locais de ámbito autonómico creadas de acordo co previsto nas normas reguladoras de réxime local aplicables a Galicia. A designación deberá recaer en representantes de entidades locais onde o territorio pertenza ás concas intracomunitarias de Galicia.

-Un (1) representante designado en cada demarcación hidrográfica polos membros da comisión ou comisións de desaugamento de encoros existentes nela, que participen nelas, en función dos usos de abastecemento ás poboacións. No caso de non existir

nunha demarcación ningunha Comisión de Desaugamento de Encoros constituída, o representante incrementará o número dos designados segundo o parágrafo precedente.

b) Na Sección Concas Intercomunitarias

-Dous (2) representantes designados polas asociacións de entidades locais ás que se refirea letra a) precedente. A designación deberá recaer, así mesmo, en entidades locais onde o territorio pertenza ás concas intercomunitarias de Galicia.

Artigo 20º

Como representantes dos usos industriais designaranse un total de seis (6) como segue:

a) Na Sección Galicia-Costa

-Un (1) representante designado en cada demarcación hidrográfica polos membros da comisión ou comisións de desaugamento de encoros existentes nela, que participen nelas en representación dos usos de xeración de enerxía hidroeléctrica. De non existir nunha demarcación comisións constituídas, o representante correpondente incrementará o número dos designados segundo o parágrafo seguinte, mantendo a súa condición de usuario hidroeléctrico.

-Un (1) representante elixido por tódolos concesionarios de auga para aproveitamentos industriais, distintos da producción de enerxía hidroeléctrica, con dereitos inscritos regulamentariamente. A elección requirirá a previa convocatoria de tódolos titulares de dereitos inscritos como electores e elixibles, que efectuará de forma pública Augas de Galicia.

b) Na Sección de Concas Intercomunitarias.

-Dous (2) representantes designados polas Cámaras Oficiais de Comercio, Industria e, se é o caso, Navegación con sedes localizadas no dito ámbito territorial, entre persoas e entidades que sexan titulares de dereitos inscritos sobre augas públicas do mesmo ámbito.

Artigo 21º

1 Os representantes dos usos agrícolas para rega serán designados para cada unha das seccións polas comunidades de regadores constituídas dentro dos ámbitos territoriales respectivos, correspondentes un (1) vocal á Sección Galicia-Costa e dous (2) á Sección Concas Intercomunitarias.

2. A designación requirirá a previa convocatoria dos representantes das devanditas comunidades como electores e elixibles que efectuará, de forma pública, Augas de Galicia.

Artigo 22º

1. Para tódolos efectos da designación dos vocais a que se refire o artigo 13.1º d) da Lei 8/1993, considéranse intereses e usos relacionados coa política hidráulica os representados polas persoas, entidades, corporacións e colectivos seguintes:

a) Empresas públicas ou privadas que xestionen o abastecemento de auga ou o saneamento de poboa

cións, así coma as súas asociacións ou federacións con sede no territorio de Galicia.

b) Entidades, legalmente constituídas, de protección, defensa e estudio do medio ambiente e as súas asociacións e federacións.

c) Federacións deportivas de pesca fluvial e outras que promovan un uso deportivo ou recreativo de ríos e encoros.

d) Entidades públicas do territorio de Galicia con competencia sectorial en materia de abastecemento, saneamento e promoción industrial ou urbanística vinculada ó uso da auga.

e) Colexios e asociacións profesionais de técnicos con competencia na materia.

f) Profesionais de acreditada competencia na materia.

2. O conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda proporalle ó Consello da Xunta de Galicia a designación dos representantes dos devanditos usos e intereses atendendo á súa importancia relativa e á presencia nas diversas demarcacións hidrográficas. A resolución de nomeamento indicará a sección permanente da Xunta de Goberno para a que se designaron.

Artigo 23º

1. Os vocais representantes dos usuarios e doutros intereses relacionados coa política hidráulica designaranse por períodos de seis anos, contados a partir da data de inicio da súa representación, que terá lugar na primeira reunión da Xunta de Goberno que se celebre despois da comunicación do nomeamento respectivo.

2. Estes vocais renovaranse por metades cada tres anos. No acto de constitución da Xunta de Goberno determinarase de común acordo entre os representantes de cada tipo de uso, e a falta de acordo, por sorteo entre eles, cales dos devanditos representantes terán que cesar ó finaliza-lo primeiro período de tres anos. Tódolos vocais ós que se refire este artigo poderanse designar para un segundo período.

Os vocais en representación de entidades ou órganos cesarán cando perdan a representación do órgano propoñente ou polo que foron designados. A persoa que o substitúa terá o carácter de vocal polo tempo que lle reste ó substituído para cumpri-lo seu mandato.

Será facultade do presidente da Xunta do Goberno resolve-las incidencias que se produzan por aplicación deste artigo.

Artigo 24º

1. Correspóndelles ás Seccións Permanentes da Xunta de Goberno e con referencia ós ámbitos territoriais respectivos:

a) Propoñer actuacións a executar por Augas de Galicia.

b) Informar das actuacións de planificación hidrolóxica que atinxan ós territorios respectivos.

c) Emitir informe sobre as cuestións relativas a aproveitamentos hidráulicos e outras obras hidráulicas.

d) Emitir informe sobre as disposicións normativas e, se é o caso, os elementos de planificación relativos á aplicación do canon de saneamento.

e) Emitir informe con carácter previo sobre as resolucións previstas nos artigos 29.2º e 30.2º da Lei 8/1993.

f) Calquera outra materia ou función que lle delegue o pleno.

2. En particular, a Sección Galicia-Costa terá coñecemento dos aspectos relativos á ordenación, explotación e tutela do dominio público hidráulico dentro das competencias que lle corresponda exercer á Xunta de Galicia. Así mesmo, esta sección aprobará os estatutos e ordenanzas das comunidades de usuarios do seu ámbito territorial.

Artigo 25º

1. A Sección Galicia-Costa actuará como Comisión de Planificación Hidrolóxica en relación co plan hidrolóxico das concas internas de Galicia e as súas ulteriores revisións. Co devandito carácter emitirá informe sobre os documentos de planificación hidrolóxica que se redacten e elevaraos ós órganos superiores ós que lles corresponda tramitalos e aprobalos. Para tal efecto, incorporaranse á devandita comisión, con voz e sen voto, o xefe do Departamento de Xestión de Dominio Público Hidráulico e ata un máximo de tres (3) técnicos do organismo designados polo seu presidente.

2. Para regula-lo seu funcionamento, a comisión poderá establecer normas adicionais de procedemento interno.

Artigo 26º

1. En todo caso, corresponderalle á Xunta de Goberno en Pleno, como materias reservadas á súa competencia:

a) O informe das disposicións de carácter xeral en materia de augas e obras hidráulicas.

b) A elevación, para a súa tramitación, do anteproxecto de orzamentos de Augas de Galicia.

c) A emisión de informe sobre os proxectos de concertación das operacións de crédito.

d) A adopción de acordos relativos a actos de disposición sobre bens do patrimonio do organismo.

e) A formulación da declaración de sobreexplotación de acuíferos ou outros recursos e, se é o caso, a determinación dos perímetros e as zonas de protección ou de limitación do outorgamento de novas concesións ou autorizacións.

f) A emisión dos informes a que se refire o artigo 31 da Lei 8/1993.

g) A proposta, cando proceda, das modificacións da participación económica doutras entidades en actuacións a executar polo organismo.

2. O pleno coñecerá, así mesmo, de tódalas cuestións atribuídas á Xunta de Goberno que non se lles encomenden expresamente ás seccións, permanentes ou non, da mesma.

Artigo 27º

1. O presidente de Augas de Galicia, serao, así mesmo da Xunta de Goberno en Pleno e das súas seccións permanentes.

2. No acto de constitución da Xunta de Goberno e despois de cada renovación parcial dos seus membros, os vocais que representen ós usuarios da auga, designarán o vicepresidente da Xunta de Goberno.

3. O vicepresidente substitúe ó presidente nas sesións dos órganos colexiados no caso de vacante, ausencia ou enfermidade, e desempeña, ademais, as funcións que lle encomende o presidente ou os órganos respectivos.

4. Na primeira reunión das seccións permanentes os vocais en representación dos usuarios da auga procederán á elección dun vicepresidente por cada unha delas.

Artigo 28º

1. Actúa como secretario da Xunta de Goberno nas reunións do pleno e das súas seccións permanentes, o secretario xeral de Augas de Galicia.

2. O secretario pode intervir nas deliberacións con voz e sen voto e correspóndelle cursa-las convocatorias, prepara-las sesións e redacta-la acta delas, dar fe dos acordos e tramitalos para a súa execución.

3. Correspóndelle así mesmo, ó secretario, a petición do presidente, emitir informe xurídico sobre propostas de acordo que se formulen nas reunións.

Capítulo III

Órganos de xestión

Comisións de Desaugamento de Encoros

Artigo 29º

1. Correspóndelles ás Comisións de Desaugamento de Encoros deliberar e formular propostas ó presidente de Augas de Galicia sobre o réxime axeitado da enchedura e baleirado dos encoros, atendendo ós dereitos concesionais dos distintos usuarios.

2. Cada comisión responsabilizarase do réxime dun encoro ou sistema de encoros de explotación independente e sen conexión directa co resto. Correspóndelle ó conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, mediante orde, por proposta do presidente de Augas de Galicia, a fixación do número e ámbito territorial das Comisións de Desaugamento de Encoros dentro da administración hidráulica de Galicia.

Artigo 30º

1. Formarán parte das Comisións de Desaugamento de Encoros:

a) O xefe do Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico, que actuará como presidente da comisión, salvo que asista á reunión o presidente de Augas de Galicia, que neste caso asumirá a presidencia.

b) Ata tres membros do persoal técnico de Augas de Galicia, designados polo presidente do organismo e que asistirán con voz e sen voto.

c) Os representantes dos usuarios afectados, designados segundo prevé o artigo seguinte.

2. Poderán asistir ás reunións das Comisións de Desaugamento de Encoros, con voz e sen voto, un representante das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes, Industria e Comercio e Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

3. Actuará como secretario, con voz e sen voto, de cada Comisión de Desaugamento de Encoros, o secretario xeral de Augas de Galicia.

Artigo 31º

1. Nas Comisións de Desaugamento de Encoros representaranse os usuarios afectados pola regulación que se efectúe con dereitos inscritos ou en trámite de inscrición, no Rexistro de Augas. Esta representación articularase como segue:

a) Por cada municipio, mancomunidade de municipios, consorcio ou empresa pública ou privada titular de concesións de abastecemento de auga con poboación abastecida superior a cen mil habitantes, un (1) representante.

b) Pola agrupación única do resto de municipios abastecidos, un representante por cada cen mil habitantes ou fracción, ata un máximo de dous (2).

c) Nos usos agrícolas de rega que utilicen augas superficiais pola agrupación de tódalas comunidades de regadores e regadores individuais, un (1) representante, elixido entre eles.

d) Cada empresa productora de enerxía eléctrica con potencia hidroeléctrica instalada superior a 100.000 KVA designará un (1) representante.

e) Polo resto de aproveitamentos non incluídos entre os anteriores, e en representación de intereses non específicos, o presidente de Augas de Galicia designará ata dous (2) representantes máis.

2. Garantirase, en todo caso, a representación individual ou colectiva das entidades públicas ou privadas que ostenten algún dereito específico sobre o encoro de que se trate, en caso de non se incluír nos supostos do apartado precedente.

Artigo 32º

As Comisións de Desaugamento de Encoros someterán a súa actuación á orde de preferencia de aproveitamentos establecido na lei ou na planificación hidrolóxica aprobada, ós regulamentos de explotación, ás dispoñibilidades hidráulicas, ás necesida

des concretas dos distintos aproveitamentos e ás normas dictadas pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Artigo 33º

As Comisións de Desaugamento de Encoros reuniranse como mínimo dúas veces ó ano; unha no mes de outubro, para a preparación dos programas de enchedura de encoros, e outra na primavera seguinte, para revisar os devanditos programas á vista dos recursos dispoñibles. Así mesmo, poderanse reunir en calquera outro momento, segundo o previsto no artigo 44 deste regulamento.

Artigo 34º

O presidente de Augas de Galicia ordeará as actuacións de encoramento e desencoramento ou outras relacionadas con elas de conformidade coas propostas que formulen as Comisións de Desaugamento de Encoros por unanimidade dos seus membros. No caso contrario, correspondelle ó presidente a adopción da resolución que estime máis axeitada á vista dos antecedentes e das deliberacións da comisión.

Artigo 35º

1. En casos de precipitacións extraordinarias, inundacións ou calquera outra circunstancia de carácter excepcional, constituirase inmediatamente no seo de Augas de Galicia e designado polo seu presidente, un comité técnico no que se integrarán o xefe do Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico e os técnicos encargados de dirixi-la explotación dos encoros afectados. O devandito comité poderá adopta-las determinacións que crea oportunas, e tamén ordenar operacións de encoramento ou desencoramento extraordinarias, sen que se precise reunir previamente as Comisións de Desaugamento de Encoros respectivas, que serán informadas, non obstante, coa máxima urxencia das medidas adoptadas.

2. Este comité técnico será o órgano de información e asesoramento das autoridades competentes en materia de protección civil nas emerxencias por inundacións ou por outras causas acerca das cales lle cumpra ser informado, debendo coordinarse así mesmo as actuacións que realice coas das devanditas autoridades.

Xuntas de explotación

Artigo 36º

As xuntas de explotación terán como finalidade coordinar, respectando os dereitos derivados das correspondentes concesións e autorizacións, a explotación das obras hidráulicas e dos recursos de auga daquel conxunto de ríos, tramo de río ou unidade hidroxeolóxica que teñan os seus aproveitamentos especialmente interrelacionados.

Artigo 37º

1. A constitución de cada xunta de explotación será efectuada polo conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, por proposta do

presidente de Augas de Galicia, a iniciativa propia ou a petición da Xunta de Goberno ou dos usuarios afectados, procederá, así mesmo, a devandita constitución nos supostos de declaración de sobreexplotación dun acuífero, coincidindo coa aprobación do plan de ordenación de extraccións.

2. A resolución de constitución conterá necesariamente a determinación do ámbito territorial da Xunta de Explotación, excepción feita do caso de coincidir coa delimitación legal dun acuífero ou unidade hidroxeolóxica sometidos a normas especiais de protección ou que foran obxecto dunha declaración de sobreexplotación.

Artigo 38º

1. O presidente de Augas de Galicia proporalle ó órgano competente o número máximo e mínimo de membros que deberán integrar cada xunta de explotación, así como establece-las normas de procedemento para designalos entre os usuarios afectados, que se agruparán, para tal efecto, por tipos de usos.

2. Poderán asistir ás reunións das xuntas de explotación como asesores sen voz nin voto:

a) O xefe do servicio territorial de Augas de Galicia do ámbito afectado do que se trate.

b) Cada un dos representante das Consellerías de Industria e Comercio e Agricultura, Gandería e Montes.

38.3. Actuarán como presidente e secretario, respectivamente, das xuntas de explotación que se constitúan, o xefe do Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico e o secretario xeral de Augas de Galicia.

Estructura orgánica dos servicios. Demarcacións territoriais

Artigo 39º

1. Directamente dependentes do presidente de Augas de Galicia, existirán as unidades administrativas seguintes:

a) A Secretaría Xeral

b) O Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico

c) O Departamento de Réxime Económico-Financeiro

2. Estas unidades desenvolverán as funcións administrativas que se expresan nos artigos seguintes, ademais de cantas lles encomende o presidente do organismo.

3. Os titulares dos departamentos sinalados no apartado 1. do presente artigo e da Secretaría Xeral terán nivel de subdirectores xerais.

Os titulares das devanditas unidades administrativas designaranse e cesarán libremente entre funcionarios dos corpos e escalas que procedan, de acordo coas relacións de postos de traballo.

Artigo 40º

1. Correspóndenlle á Secretaría Xeral as seguintes funcións:

a) A xestión dos asuntos relativos ó funcionamento da Xunta de Goberno, en pleno ou por seccións, das xuntas de explotación e das comisións de desaugamento de encoros; así como o exercicio da secretaría e asesoría en dereito destes órganos colexiados.

b) O rexistro xeral e o réxime interior.

c) A xestión xeral do persoal do organismo e a tramitación dos expedientes que se promovan na materia.

d) A tramitación administrativa de tódolos expedientes do organismo, con excepción dos relativos ás autorizacións e concesións sobre o dominio público hidráulico e ó réxime de policía del.

e) A xestión administrativa en materia de contratación e patrimonio.

f) A asesoría en dereito e a asistencia técnico-administrativa dos servicios do organismo.

g) A inspección xeral interna dos servicios.

h) As actuacións en materia de expropiación forzosa promovidas por Augas de Galicia.

2. A atribución de funcións á zecretaría xeral efectúase sen prexuízo das que lle correspondan a outros órganos da administración da Xunta de Galicia en materia de representación e defensa en xuízo, de contratación administrativa ou de informe sobre expedientes que teñan que resolve-los órganos administrativos xerais da Administración hidráulica de Galicia.

3. A secretaría xeral estructurarase nas seguintes unidades coas categorías de servicio:

-Unidade Técnico-xurídica.

-Unidade de Persoal e Réxime Interior.

Artigo 41º

1. Correspóndenlle ó Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico as funcións seguintes:

a) A tramitación ata a proposta de resolución dos expedientes de autorizacións e concesións referentes ás augas e leitos do dominio público hidráulico, así como os de establecemento de servidumes de augas.

b) A tutela dos dereitos nacidos ó abeiro da Lei de augas e os seus regulamentos ou dos actos administrativos dictados na súa aplicación.

c) A tramitación dos expedientes de deslinde e os actos de defensa e tutela do dominio público hidráulico.

d) O rexistro de augas públicas, o catálogo de augas privadas e o censo de autorizacións de vertidos e o control das súas incidencias.

e) A inspección e vixilancia das obras derivadas de autorizacións e concesións de dominio público hidráulico.

f) A inspección e vixilancia de tódolos aproveitamentos de augas públicas.

g) A tramitación dos expedientes relativos ás comunidades de usuarios e os seus actos e incidencias, de acordo co previsto no artigo 4.1º da Lei de administración hidráulica de Galicia.

h) A dirección dos servicios da gardería fluvial, sen prexuízo da posibilidade da súa adscrición a outros órganos centrais ou territoriais do organismo.

i) A explotación e mantemento ordinario dos encoros de titularidade da Xunta de Galicia ou daqueles dos que se lles encomendara a súa administración ou explotación.

j) A emisión de informes en materia de administración do dominio público hidráulico que deban incorporarse a expedientes tramitados por outras administracións hidráulicas en relación co territorio de Galicia.

k) A elaboración e dirección de proxectos e anteproxectos de obras e aproveitamentos de competencia de Augas de Galicia ou nos que a esta lle corresponda participar.

l) A supervisión e informe previo á aprobación técnica dos proxectos que deban supera-la aprobación administrativa de Augas de Galicia ou que teñan que executarse, total ou parcialmente, con cargo ó seu orzamento.

m) A elaboración da planificación hidrolóxica da competencia da Xunta de Galicia e dos informes que deban emitirse en relación coa planificación hidrolóxica que teñan atribuídos a outras administracións hidráulicas en relación co territorio de Galicia.

n) A elaboración e revisión da planificación de saneamento.

ñ) O estudio de informes dos programas de auxilios económicos a corporacións locais ou particulares en materia de obras de abastecemento, saneamento ou outras.

o) Establecer e controla-lo réxime de execución de obras e prestación de servicios para Augas de Galicia da Empresa de Obras e Servicios Hidráulicos creada na Lei 8/1993.

p) O informe e proposta, se é o caso, das medidas a adoptar por Augas de Galicia ou polos órganos superiores xerais da administración hidráulica nos orzamentos previstos no artigo 31.1º da Lei 8/1993.

q) Informar acerca da compatibilidade coa planificación hidrolóxica en vigor das resolucións a adoptar polo organismo en relación co dominio público hidráulico.

2. O devandito departamento estructurarase nas seguintes unidades con categorías de servicio:

-Área de Xestión do Dominio Público Hidráulico.

-Área de Programación e Proxectos.

-Área de Estudios e Apoio Técnico.

Artigo 42º

1. Correspóndenlle ó Departamento de Réxime Económico- Financeiro as funcións seguintes:

a) A xestión e percepción de tódolos ingresos do organismo.

b) A xestión, liquidación e recadación das taxas, prezos e outros ingresos a que se refire o artigo 26 da Lei da administración hidráulica de Galicia, sen prexuízo das competencias de inspección e normativas que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda.

c) O estudio e preparación de operacións de crédito e tesourería.

d) A expedición e tramitación da documentación contable relativa a tódolos expedientes de contido económico.

e) O cumprimento das obrigas contables, fiscais e relativas ó réxime da Seguridade Social ou asimilados que correspondan a Augas de Galicia polas súas relacións económicas e de persoal.

f) A preparación de pagamentos a terceiros e o control e xestión das contas e depósitos bancarios de titularidade do organismo.

g) A preparación do anteproxecto de orzamento de Augas de Galicia e o seguimento da súa execución, a tramitación de suplementos de crédito e créditos extraordinarios e outras modificacións orzamentarias.

h) O labor de leva-la contabilidade do organismo de acordo coa normativa aplicable.

i) O seguimento dos aspectos económicos e financeiros das relacións entre o organismo e a Empresa de Obras e Servicios Hidráulicos.

2. O devandito departamento estructurarase nas seguintes unidades con categoría de servicio:

-Unidade de Xestión de Ingresos.

-Unidade de Xestión Orzamentaria.

Artigo 43º

1. En cada unha das demarcacións hidrográficas a que se refire o artigo 6º.2 existirá un Servicio Territorial de Augas de Galicia que tera ó seu cargo, para o ámbito respectivo, a información, a relación co público e a recepción e rexistro de documentos; o informe de plans e outros documentos urbanísticos ou técnicos; a tramitación daqueles expedientes e o desenvolvemento das funcións que se lle encomenden pola presidencia do organismo, ademais das tarefas ordinarias para o normal funcionamento das dependencias propias.

2. Os servicios territoriais dependerán do Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico.

Capítulo IV

Normas de funcionamento dos órganos colexiados

Artigo 44º

1. Os órganos de Augas de Galicia reuniranse cando sexan convocados polo presidente respectivo a pedimento propio ou a petición dun número non inferior ó tercio dos seus membros.

2. A convocatoria de sesión, coa orde do día corres

pondente, deberá notificárselles ós membros do órgano colexiado cunha antelación mínima de corenta e oito horas, salvo casos de urxencia apreciada polo presidente, que se deberá facer constar na propia convocatoria.

3. Poderase prever unha segunda convocatoria da sesión en previsión do caso de que non houbese quórum suficiente na primeira.

Artigo 45º

O quórum para a constitución válida dos órganos en primeira convocatoria é o da maioría absoluta dos seus membros. En segunda convocatoria o quórum alcanzarase coa asistencia dunha terceira parte dos seus membros, mailo presidente e o secretario ou os que os substitúan.

Artigo 46º

Correspóndelle en cada caso ó presidente do órgano colexiado asegura-lo cumprimento das leis e a regularidade das súas deliberacións, forma-la orde do día, convocar, presidir, suspender e remata-las sesións, da-lo visto e prace ás actas e velar polo cumprimento dos seus acordos.

Artigo 47º

1. Os acordos adoptaranse co voto favorable da maioría absoluta dos asistentes. O voto do presidente da sesión dirimirá en tódolos casos os empates.

2. Non poderá ser obxecto de acordo ningún asunto que non se incluíse na orde do día, salvo que se declare a urxencia da súa adopción por acordo da maioría absoluta dos asistentes e cun quórum suficiente para a constitución válida en primeira convocatoria.

Artigo 48º

1. Os membros dos órganos colexiados de Augas de Galicia poderán delega-la súa representación e voto noutro vocal do mesmo órgano para sesións determinadas, agás o disposto no artigo seguinte sobre designación de suplentes.

2. As delegacións de representación e voto, que se terán que conferir por escrito, seranlle comunicadas ó presidente respectivo ó inicio da sesión de que se trate, e faranse constar en acta.

Artigo 49º

1. A designación dos representantes dos usuarios nas Comisións de Desaugamento de Encoros poderá ir acompañada da dun suplente, que poderá substituí-lo titular nas reunións destas comisións.

2. Estes suplentes non poderán exerce-las funcións que lles correspondan ós titulares respectivos como membros doutros órganos de Augas de Galicia.

Artigo 50º

Nas reunións dos órganos colexiados de xestión, o presidente poderá autoriza-la asistencia de asesores ou expertos que acompañen os vocais respec

tivos e que se deberán identificar como tales ó inicio da sesión. En todo caso, a voz, e se cómpre, o voto, corresponderanlle unicamente ós membros do órgano.

Artigo 51º

Os membros do personal da Administración da Xunta de Galicia que formen parte en tal condición dos órganos que se regulan no presente regulamento percibirán pola súa asistencia as indemnizacións establecidas legalmente.

957