Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 15 de marzo de 1996 Páx. 2.374

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE FENE

EDICTO.

A Corporación Municipal, en sesión extraordinaria celebrada con data do 27 de decembro de 1995, prestou aprobación ás bases que rexerán a convocatoria para a provisión en propiedade dunha praza de soldador-caldeireiro incluída na oferta de emprego público para 1995, polo sistema de promoción interna por concurso-oposición.

Primeira.-Obxecto da convocatoria.

É obxecto da presente convocatoria a provisión en propiedade polo sistema de promoción interna por concurso-oposición, dunha praza de soldador-caldeireiro, encadrada na escala de Administración especial, subescala de servicios especiais, clase persoal de oficios, pertencente ó grupo D, segundo o disposto no artigo 25 da Lei 30/1994.

As bases da convocatoria publicaranse integramente no BOP, no Diario Oficial de Galicia e taboleiro de edictos do concello, e anunciarase un extracto dela no Boletín Oficial del Estado. Os anuncios sucesivos inseriranse soamente no primeiro dos boletíns citados e no taboleiro de edictos.

Segunda.-Condicións dos aspirantes.

Os aspirantes deberán reuni-los requisitos seguintes referidos á data na que remate o prazo de presentación de instancias:

a) Pertencer á escala de Administración especial, subescala de servicios especiais, clase persoal de oficios deste concello, e ostenta-la categoría de operario-peón.

b) Ter unha antigüidade de, polo menos, dous anos na mencionada subescala.

c) Posuí-lo título de garaduado escolar, formación profesional de primeiro grao ou equivalente.

Terceira.-Presentación de instancias.

As instancias solicitando tomar parte no concurso-oposición polo sistema de promoción interna, nas que os aspirantes manifestarán expresamente que reúnen todas e cada unha das condicións esixidas

na base segunda, dirixiranse ó alcalde-presidente e presentaranse no rexistro xeral do concello, durante o prazo de vinte días naturais contados a partir da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

As instancias poderán presentarse tamén na forma que determina o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No rexistro xeral do concello facilitaranse modelos normalizados das devanditas instancias.

Cuarta.-Admisión de aspirantes.

Rematado o prazo de presentación de instancias, a alcaldía dictará resolución no prazo máximo dun mes, aprobando a lista de aspirantes admitidos e excluídos cos motivos da exclusión, e a designación do tribunal cualificador, que se publicará no BOP e no taboleiro de edictos da corporación, e concederase un prazo de 10 días para emenda polos aspirantes excluídos, dos defectos ós que alude o artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e a abstención e recusación dos membnros dos tribunais. A publicación da devandita resolución no BOP será determinante; así mesmo, para efectos de posible impugnación e recursos, de conformidade co previsto na invocada lei.

Poderá publicarse exclusivamente a lista de aspirantes excluídos, cos motivos da exclusión.

A mencionada lista elevarase a definitiva polo transcurso do prazo para reclamacións, se non as houbese; no caso contrario, exporase de novo a lista definitiva, na mesma forma cá anterior.

Quinta.-Tribunal cualificador.

O tribunal que xulgará as probas das que consta a oposición estará constituído do seguinte xeito:

-Presidente: o alcalde-presidente do concello, ou membro da corporación en quen delegue.

-Secretario: o do concello ou funcionario en quen delegue.

-Vocais: oun representante da Xunta de Galicia.

O enxeñeiro municipal.

O secretario do concello.

Un representante do comité de persoal.

O tribunal quedará integrado ademais polos respectivos suplentes. Tódolos membros do tribunal deberán contar con titulación igual ou superior á esixida para o acceso á praza, agás o presidente. O secretario actuará en tódolos casos con voz e voto.

O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia, polo menos, de tres dos seus membros tiutlares ou suplentes. En todo caso, requírese a asistencia do presidente e do secretario, ou persoas nas que deleguen.

Os membros do tribunal deberán absterse de intervir e notificarllo á autoridade convocante, cando concorran neles algunha das circunstancias previstas no artigo 28 e 29 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou cando realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación da correspondente convocatoria.

Os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorra calquera desas circunstancias.

Os tribunais poderán dispoñe-la incorporación de asesores especialistas para as probas en que así coiden necesario ou conveniente. Os ditos asesores limitaranse ó exercicio das súas especialidades técnicas. Con base exclusivamente nas cales colaborarán co respectivo tribunal.

A designación nominal dos membros dos tribunais incluirá a dos respectivos suplentes e será publicada no BOP, así como no taboleiro de edictos da corporación.

Para efectos de asistencias e axudas de custo o tribunal entenderase encadrado na categoría cuarta.

Sexta.-Sistema de selección: promoción interna: concurso-oposición.

O procedemento de selección dos aspirantes consistirá nas seguintes fases:

A) Fase de concurso:

-Por servicios prestados ó concello de Fene como operario-peón: 0,10 puntos por mes, ata un máximo de 4 puntos.

-Por servicios prestados noutras administracións públicas, nas mesmas condicións sinaladas no apartado anterior: 0,05 puntos por mes, ata un máximo de 2 puntos.

-Curso de iniciación da lingua galega: 0,75 puntos.

-Curso de perfeccionamento da lingua galega: 1,50 puntos.

A acreditación dos servicios prestados efectuarase mediante certificación expedida polo ente público no que se prestasen os servicios.

A acreditación de realización dos cursos farase mediante certificado expedido ou homologado pola Dirección Xeral de Política Lingüística ou Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a dos permisos de conducción, mediante fotocopia autenticada do permiso de conducción.

A valoración dos méritos, que se publicará dous días antes, como mínimo, do comezo da fase de oposición, farase de conformidade coa documentación que acheguen os aspirantes ó presentaren a solicitude de admisión ás probas.

B) Fase de oposición:

Constará das seguintes probas, de carácter obrigatorio, eliminatorio e escrito.

-Exercicio primeiro.

De carácter práctico, consistirá en facer unha práctica de soldadura e de caldeireiría.

-Exercicio segundo.

Consistirá en contestar por escrito a 10 preguntas referentes ó programa achegado ás bases, nun tempo máximo dunha hora.

Os exercicios primeiro e segundo valoraranse de 0 a 10 puntos, terán carácter eliminatorio e, para superalos, os aspirantes deberán acadar unha puntuación mínima de 5 puntos en cada un deles.

A puntuación obtida na fase do concurso non poderá aplicarse para supera-la fase de oposición.

A puntuación final será dada pola suma da puntuación obtida na fase de oposición e na do concurso, sempre e cando os aspirantes superen a fase de oposición coa puntuación mínima de cinco puntos, que é a puntuación mínima necesaria para superar cada un dos exercicios da fase de oposición.

O tribunal non poderá aprobar nin declarar que superaron as probas un número de aspirantes superior ó das prazas convocadas.

Sétima.-Comezo das probas.

A data, a hora e o lugar de comezo do primeiro exercicio anunciarase con quince días de antelación, cando menos no BOP, e non poderá comezar sen que transcorran dous meses como mínimo desde a publicación da convocatoria.

A data de celebración dos demais exercicios publicarase únicamente no taboleiro de edictos do concello.

A orde de actuación dos opositores, nas probas que non sexan conxuntas, comezará pola letra «Ñ», de conformidade co establecido na resolución da Secretaría do Estado para a Administración pública, do 24 de marzo de 1994. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en chamamento único, sendo excluídos os que non comparezan, agás os casos de forza maior debidamente xustificados libremente apreciados polo tribunal. As razóns e probas xustificativas formularanse dentro das 24 horas seguintes á celebración do exercicio e, de seren apreciadas polo tribunal, causarían a suspensión inmediata dos exercicios pendentes ata que non fose examinado do anteriorr exercicio o aspirante interesado.

Oitava.-Relación de aprobados, presentación de documentos e nomeamento.

Rematadas as probas e efectuadas as cualificacións, o tribunal publicará a lista de aprobados que non poderá ser superior ó número de prazas convocadas e elevará a dita relación á Presidencia da corporación para que se formule a correspondente proposta de nomeamento.

O opositor proposto presentará na secretaría do concello, dentro do prazo de vinte días naturais contados a partir da publicación da lista de aprobados, os documentos acreditativos das condicións que para

tomar parte na oposición se esixen na base 2ª, e que son:

1. Fotocopia do DNI (que se presentará acompañada do orixinal para a súa compulsa).

2. Copia auténtica ou fotocopia (que se presentará acompañada do orixinal para a súa compulsa) do título de graduado escolar, formación profesional de primeiro grao ou equivalente.

3. Certificación acreditativa de reuni-los requisitos esixidos nos apartados a) e b) da base segunda.

Os que tivesen a condición de funcionarios estarán exentos de xustificar documentalmente as condicións e requisitos xa demostrados para obte-lo seu anterior nomeamento, e deberán presentar certificación da corporación local á que pertenzan.

Dentro do prazo indicado, agás os casos de forza maior, os opositores propostos que non presenten a súa documentación ou non reunisen os requisitos esixidos, non poderán ser nomeados e quedarán anuladas tódalas súas actuacións, sen prexuízo das responsabilidades nas que puidesen incorrer por falsidade.

No prazo dun mes, contado da notificación do nomeamento, o aspirante nomeado denerá tomar posesión do seu cargo, prestando xuramento ou promesa de conformidade co disposto no Real decreto 707/1979, do 5 de abril, quedando en situación de cesante cando, sen causa xustificada, non o fixesen dentro do prazo sinalado.

Novena.-Resolución de dúbidas.

O tribunal queda autorizado para resolve-las dúbidas que se presenten e para toma-los acordos necesarios para a boa orde da oposición. En todo o non previsto nestas bases, rexerá como supletorio o Regulamento xeral do ingreso de persoal ó servicio da Administración do Estado de 1984; Real decreto 896/1991, do 7 de xuño e demais normas aplicables.

Décima.-Impugnación da convocatoria e dos seus actos.

A pesente convocatoria e as súas bases poderán recorrerse mediante a interposición do oportuno recurso. Os actos administrativos derivados da convocatoria e da actuación dos tribunais poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Fene, 30 de xaneiro de 1996.

O alcalde

Rubricado

ANEXO I

PROGRAMA

1. Soldadura eléctrica.

2. Soldadura por resistencia por puntos.

3. Interpretación de planos elementais de carpintería metálica.

4. Construcción de pezas elementais de carpintería metálica (aceiros).

5. Construcción de mobles de tubo (aceiro).

6. Oxicorte manual básico.

7. Soldeo eléctrico ó arco (E) (básico).

8. Construcción de cabaletes para almacenamento.

9. Seguridade e protección en soldadura e corte.

10. Manexo de ferramentas e máquinas auxiliares para soldadura e corte.

11. Soldeo oxiacetilénico.

12. O concello de Fene. Límites. Poboación. Situación das parroquias e principais núcleos de poboación.

13. Localización dos lugares do concello de Fene. Localización dos edificios destinados a servicios públicos e funcións que se levan a cabo neles.

1871