Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 15 de marzo de 1996 Páx. 2.353

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 25 de xaneiro de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Limpiezas Faro, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Limpiezas Faro, S.L., situada na provincia de Pontevedra que tivo entrada nesta delegación provincial o día 22-1-1996, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, en data 10-1-1996. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da provincia de Pontevedra,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Vigo, vintecinco de xaneiro de mil novecentos noventa e seis.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo do servicio de limpeza do Hospital Xeral de Vigo e do Policlínico Xeral-Cíes. Ano 1996-1997

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio afectará a tódolos traballadores e traballadoras do servicio de limpeza do Hospital Xeral-Cíes de Vigo. O tal centro enténdese como parte integrante do Hospital Xeral-Cíes de Vigo, a efectos deste convenio colectivo, e non así a efectos de centro de traballo que serán diferenciados, polo que os traballadores que presten o seu servicio no hospital xeral non poderán ser trasladados ó Policlínico Cíes sen que exista acordo entre as partes.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

O presente convenio terá unha duración de dous anos, desde o día 1 de xaneiro de 1996 ata o 31 de decembro de 1997, sendo revisables e aplicables os salarios establecidos no presente convenio en función dos aumentos que se produzan no persoal subalterno do Sergas na dita data.

Entrará en vigor o día da súa sinatura se ben os seus efectos económicos terán carácter retroactivo ó primeiro de xaneiro de mil novecentos noventa e seis.

Entenderase prorrogada tacitamente por períodos anuais, sempre que por calquera parte non sexa denunciado, con polo menos tres meses de antelación ó seu vencemento ou de calquera das súas prórrogas. Non obstante a denuncia do convenio non significará modificación ningunha do seu texto articulado que continuará vixente ata a súa substitución polo novo, nos termos que as partes establezan.

Artigo 3º.-Equiparación.

Os traballadores e traballadoras afectados por este convenio quedan equiparados ó persoal subalterno do Sergas de tal forma que a partir desta equiparación toda mellora que repercuta no persoal subalterno do Hospital Xeral-Cíes de Vigo, aplicarase de igual forma ós traballadores e traballadoras afectados por este convenio.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións económicas de calquera índole contidas no presente convenio téñen o carácter de mínimas, polo que os pactos, claúsulas ou situación implantadas por anteriores adxudicatarias que impliquen condicións máis beneficiosas para os/as traballadores/as con respecto ó presente convenio subsistirán para aqueles que o veñan desfrutando.

Artigo 5º.-Retribucións.

As retribucións correspondentes ás distintas categorías afectadas por este convenio faranse efectivas o último día de cada mes. Aplicaranse a partir do 1 de xaneiro de 1996 ó 31 de decembro de 1997, sendo revisadas o día 1 de xaneiro de 1996 cos incrementos que se produzan entre o persoal do Sergas. No caso de que se produza revisión salarial para o persoal do Sergas, será aplicada ós afectados por este convenio na mesma contía.

Artigo 6º.-Antigüidade.

O concepto de antigüidade retribuirase cos mesmos criterios e contía que teñen establecidos o Sergas para o persoal do grupo E categoría pinche-limpador.

Artigo 7º.-Pagas extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio percibirá as mesmas gratificacións extraordinarias que o persoal subalterno do Hospital Xeral-Cíes de Vigo segundo os niveis ó que corresponda con independencia de que o traballador ou traballadora estea de baixa.

Artigo 8º.-Complemento de destino.

Tódolos traballadores e traballadoras percibirán por este concepto a mesma cantidade mensual que percibirá o persoal do grupo E do Hospital Xeral-Cíes.

Artigo 9º.-Complemento de productividade. (Factor fixo).

Tódolos/as traballadores/as percibirán por este concepto a mesma cantidade mensual que perciba o persoal do grupo E do Hospital Xeral-Cíes.

Artigo 10º.-Plus de perigosidade, penosidade e especial dedicación (PRD).

Percibiranse na contía de 5.000 ptas. por doce mensualidades.

Artigo 11º.-Nocturnidade.

Percibiranse por este concepto nas mesmas condicións que os percibe o persoal subalterno do Sergas que realiza xornada nocturna.

Artigo 12º.-Cadro de persoal e substitucións.

O cadro de persoal deberá axustarse ó contrato de concesión que outorgue o Sergas, debendo se-los contratados de carácter fixo. Os contratos de traballo das substitucións deberán facerse polo tempo de duración da baixa que se substitúa ou do período de vacacións que se cubra sendo de aplicación este convenio.

Artigo 13º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 40 horas semanais de traballo efectivo, computándose como tal os 30 minutos de descanso obrigatorio que os traballadores e traballadoras veñen desfrutando. Na aplicación da xornada respectaranse as melloras existentes que supoñan mellora da xornada pactada.

Artigo 14º.-Traballo en domingos e festivos.

As condicións de traballo nos ditos días será na mesma forma e condicións económicas e organizativas que o fai o persoal subalterno do Sergas, do Hospital Xeral de Vigo e Complexo Hospitalario Cíes. Así mesmo, de producirse calquera mellora neste aspecto para o persoal do Sergas, os traballadores e traballadoras afectados por este convenio desfrutarán dela.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias.

Con carácter xeral queda prohibida a realización de horas extraordinarias, e no caso de emerxencia ou forza maior aboaranse as mesmas de acordo co disposto na lexislación vixente.

Artigo 16º.-Licencias.

Logo da solicitude dos traballadores e traballadoras afectados considerarase licencia retribuída polo tempo e nos casos seguintes:

a) Matrimonio do traballador, 20 días naturais.

b) Matrimonio de pais, fillos ou parentes que convivan co traballador, 2 días laborais.

c) Parto de esposa, 5 días laborais.

d) Morte, hospitalización, intervención cirúrxica ou enfermidade grave: do cónxuxe, 5 días laborais. Dos pais, pais políticos e fillos, 5 días laborais. Irmáns e parentes ata segundo grao de consaguinidade ou afinidade, 3 días laborais, se hai convivencia 5 días laborais.

Irmáns políticos e parentes ata o 2º grao de consanguinidade ou afinidade, 3 días naturais.

Se entre os traballadores e traballadoras e os parentes houbera convivencia, a licencia sería de 5 días naturais. O mesmo ocorrería se o casamento ou enfermidade grave dos parentes anteriores se producira fóra da praza.

e) Morte de tío, 2 días naturais. Se houbera convivencia entre o traballador e o falecido, a licencia sería de tres días naturais.

f) Traslado de domicilio, 3 días laborais. Se é fóra da praza tamén.

g) Os traballadores e traballadoras que cursen estudios para a obtención dun título oficial, académico ou profesional, terán dereito a un permiso retribuído de 8 días ó ano para concorrer a exames, logo de comunicación do traballador á dirección da empresa, con 10 días de antelación e a correspondente xustificación.

As traballadoras, por lactancia dun fillo menor dun ano, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo que poderán dividir en dúas fraccións.

A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal nunha hora coa mesma finalidade.

Todo traballador ou traballadora que se teña que presentar por unha citación xudicial terán dereito a dispor do tempo necesario para asistir a mesma, igualmente retribuída pola empresa.

Igualmente o traballador ou traballadora, solicitándoo coa debida antelación, terá dereito a dispor de ata cinco días de licencia e unha vez ó ano, non retribuídos pola empresa.

Artigo 17º.-Excedencias.

Todo traballador ou traballadora fixos cunha antigüidade ó menos de dous anos na empresa terá dereito a que se lle recoñeza a excedencia voluntaria por un prazo non inferior a seis meses e non maior a cinco anos.

O traballador ou traballadora excedentes, cando a súa categoría se atope entre os pertencentes ós grupos de persoal subalterno e obreiro, terá dereito á reserva do seu posto de traballo durante o período máximo de dous anos. A reincorporación á empresa terá que ser solicitada cun preaviso de tres meses.

Excepcionalmente, cando a solicitude de excedencia sexa por tempo máximo de dous anos, o traballador terá dereito a reintegrarse na empresa durante o prazo dos seis primeiros meses da dita excedencia, dispoñendo o empresario dese mesmo

prazo dos 6 meses para proceder á súa reincorporación. En todo caso, o traballador/a poñerá en coñecemento do empresario a súa intención de voltar á empresa cunha antelación mínima dun mes. Pasados os seis primeiros meses do exercicio da excedencia sen que o traballador/a fixera uso do seu dereito xa non poderá voltar á empresa ata esgota-lo período total de excedencia voluntaria.

Artigo 18º.-Cambio de postos de traballo por embarazo.

As mulleres embarazadas terán dereito a que se lle cambie de posto de traballo a outro máis acorde co seu estado, non estando obrigadas en ningún caso a desempeña-las súas funcións en lugares radiactivos, infecciosos ou perigosos para o seu embarazo.

Esta situación dará lugar a unha suspensión do contrato de traballo cunha duración máxima de dezaseis semanas, remitíndonos ó D. Lei do 3 de marzo de 1989. Durante o período citado a traballadora terá dereito ó aboamento das prestacións económicas correspondentes, con cargo á Seguridade Social e complementada ata o 100% do salario como para o caso de baixas por enfermidade ou accidente.

Artigo 19º.-Control médico obrigatorio.

Todo o persoal comprendido no presente convenio terá o dereito e a obriga a efectuar unha revisión médica que inclúa:

-Audiometría.

-Control de vista.

-Análise de ouriños.

-Esperiometría.

-Exploración clínica.

-Unha placa do tórax.

-Recoñecemento xinecolóxico.

A revisión será a cargo da empresa cada 6 meses.

Todo traballador/a de quenda de noite e de tarde fará a revisión en horas de traballo e se non é posible, compensaráselle en horas pola empresa.

Artigo 20º.-Asistencia a consultorios médicos.

Tódolos traballadores terán dereito a tres horas retribuídas pola empresa cada vez que teñan que ir ó médico de cabeceira. Cando o médico de cabeceira que lle correspondera ó traballador tivera o seu consultorio en localidade distinta daquela na que prestan os seus servicios os traballadores, estes disporán do tempo necesario.

O traballador que teña que ir ó consultorio médico estará obrigado a avisar con anterioridade á empresa, debendo xustificar que foi atendido polo médico de cabeceira. Para a súa asistencia á consulta do especialista os traballadores terán dereito a todo o tempo necesario, logo da presentación do volante do médico de cabeceira.

Así mesmo, terán dereito a tres horas retribuídas para asistir ó consultorio médico con fillos menores

de 15 anos ou fillos minusválidos calquera que sexa a súa idade, cun máximo de tres veces ó mes sempre que a súa xornada laboral coincida co horario de consulta médica e co horario do cónxuxe, compañeiro ou compañeira.

Artigo 21º.-Roupa de traballo.

Proverase a tódolos traballadores/as de roupa de traballo adecuada para traballar en lugares radioactivos ou infecciosos, concederase a todo o persoal a adecuada e regulamentaria roupa de traballo:

-Feminino:

Batas ou pixamas cada seis meses.

Zocos cada seis meses.

Guantes cada dez días.

-Masculino:

Pantalón e camisa cada seis meses.

Zocos cada seis meses.

Guantes cada dez días.

Artigo 22º.-Complemento por IT ou accidente.

A empresa estará obrigada a complementar ata o 100% o salario de tódolos complementos en caso de accidente ou baixa por enfermidade desde o primeiro día.

Os traballadores/as que non estean de baixa po IT nun período superior a 30 días ó ano percibirán un complemento 25.000 ptas. que serán feitas efectivas nos 5 primeiros días do mes de xaneiro do seguinte ano. As baixas que se produzan por accidente ou que se produzan hospitalización non serán computadas para o efecto, nin as bixas por maternidade.

Artigo 23º.-Xubilación.

Os traballadores e traballadoras que cumpran a idade de 64 anos e demais requisitos esixidos poderán acollerse á modalidade de xubilación determinada ou recollida na lexislación vixente, para tal efecto as empresas obríganse a contratar no lugar do xubilado outro/a traballador/a que sexa titular de dereito a calquera das prestacións económicas de desemprego ou xove demandante de primeiro emprego tal e como dispoñen as normas citadas.

Establécese un premio de xubilación anticipada coas seguintes escalas:

Ós 60 anos5 mensualidades de salario real.

Ós 61 anos4 mensualidades de salario real.

Ós 62 anos4 mensualidades de salario real.

Ós 63 anos3 mensualidades de salario real.

Ós 64 anos2 mensualidades de salario real.

Ós 65 anos2 mensualidades de salario real.

Coa obriga de xubilarse ós 65 anos sempre que se teñan as prestacións que se necesiten e que a empresa poña no seu lugar outro traballador/a.

En caso de xubilación anticipada terán preferencia dos/as fillos/as do traballador afectado.

Artiigo 24º.-Adscripción de persoal.

Primeiro.- Ó término da concesión da contrata de limpeza, os traballadores e traballadoras da empresa contratista saínte, pasarán a estar adscritos á nova titular da contrata, quen se subrogará en tódolos dereitos e obrigas, sempre que se dea algún dos seguintes supostos:

a) Traballadores e traballadoras en activo que presten os seus servicios no dito centro cunha antigüidade mínima dos seis últimos meses, sexa cal fora a modalidade do seu contrato de traballo.

b) Traballadores e traballadoras que no momento do cambio de titularidade da contrata, se atopen enfermos, accidentados, en excedencia, en servicio militar ou situación análoga, sempre e cando prestaran os seus servicios no centro obxecto de subrogación con anterioridade á suspensión do seu contrato de traballo e que reúnan a antigüidade mínima establecida no apartado a).

Non desaparecerá o carácter vinculante deste artigo no caso de que a empresa adxudicataria do servicio o suspendese por un período inferior a dous meses: o dito persoal con tódolos seus dereitos adscribirase á nova empresa.

Documentos a facilitar pola empresa saínte á empresa entrante:

-Certificado do organismo competente de estar ó corrente no pagamento da Seguridade Social.

-Fotocopia das 4 últimas nóminas mensuais dos traballadores afectados.

-Fotocopias dos TC-1 e TC-2 de cotizacións á Seguridade Social dos 4 últimos meses.

-Relación de persoal na que se especifique nome e apelidos, domicilio, número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, xornada, horario, modalidade da súa contratación e data de desfrute das súas vacacións.

-Copia de documento debidamente dilixenciada por cada traballador afectado no que se faga constar que este recibiu da empresa saínte a súa liquidación de datos proporcionais dos seus haberes ata o momento da subrogación, non quedando pendente cantidade ningunha. Este documento deberá estar en poder da nova adxudicataria na data de inicio do servicio como nova titular.

Sexto.-O empresario saínte estará obrigado a liquidar ó entrante as partes proporcionais dos conceptos retributivos dos traballadores ó obxecto de que estes cobren integramente as pagas correspondentes.

Artigo 25º.-Contrato de traballo e altas na Seguridade Social.

A empresa estará obrigada a entregar ós traballadores fotocopia da alta dos mesmos na Seguridade Social, para o que disporá do prazo de dúas semanas desde a súa incorporación ó traballo. Así mesmo, a empresa obrígase á entrega da copia do contrato de traballo no momento en que este se efectúe. A

empresa estará obrigada a colocar fotocopia dos boletíns de cotización no taboleiro de anuncios das súas oficinas e no hospital xeral.

Artigo 26º.-Vacacións.

O persoal afectado por este convenio terá dereito ó desfrute ininterrompido dun mes de vacacións retribuídas a desfrutar entre os meses de xuño e setembro, ademáis terán dereito a outros nove días que desfrutarán de acordo coa dirección da empresa, catro días desde o 1 de xaneiro ó 31 de maio, e cinco días desde o 1 de outubro ó 15 de xaneiro, para o seu desfrute establecerase un calendario elaborado entre a empresa e o comité de empresa. Cando as vacacións se soliciten para o seu desfrute fóra do período vacacional os días de libre disposición poderanse engadir ó período de vacacións.

A empresa de acordo co comité elaborará as quendas correpondentes seguindo cada ano unha orde rotatoria de preferencia. Os traballadores que no intre de desfruta-las vacacións estean en situación de baixa por enfermidade ou accidente, terán dereito ó desfrute delas inmediatamente ó mes seguinte ó da súa incorporación ó traballo.

O aboamento das vacacións será igual ó equivalente a un mes de salario real máis unha gratificación de 13.000 ptas.

Cando por necesidade e causa xustificada o traballador ou traballadora necesiten os días de libre disposición acumulados nos períodos indicados, poderán desfrutalos sempre que os soliciten á empresa e o comunique ó comité de empresa cun período de dez días de antelación e sempre fora do período de vacacións, no suposto que para a mesma data houbera varias peticións, farase un sorteo entre os solicitantes.

Artigo 27º.-Dereitos e garantías dos cargos sindicais.

En todo o relacionado con este tema haberá que aterse ó disposto nos artigos 61 e seguintes do Estatuto dos traballadores, determinándose que, cando un representante legal deba saír da empresa para exercer funcións de representación deberá comunicalo á mesma o día anterior, salvo situacións excepcionais que se xustificarán posteriormente. Como xustificante será válido o comprobante dos organismos oficiais ou da central sindical correspondente.

Acumulación de horas sindicais.

As horas sindicais dos membros do comité de empresa ou delegados da sección sindical, poderán ser acumuladas nun ou máis membros do mesmo sindicato, debendo comunicarllo á empresa.

Sección sindical.

Os sindicatos que acrediten ter máis do 20% de afiliación entre os traballadores do cadro de persoal terán dereito á creación da sección sindical, e o seu delegado terá recoñecido, entre outros, os mesmos dereitos que tén o comité de empresa.

Desconto en nómina da cota sindical.

A empresa descontará a cota sindical ós traballadores afiliados ós sindicatos, logo da correspondente autorización.

Artigo 28º.-Asembleas.

Os traballadores e traballadoras da empresa terán dereito a reunirse en asemblea unha vez ó mes, e por tempo máximo de dúas horas, durante a xornada, debendo comunicar á empresa a súa celebración cunha antelación de 48 horas salvo situacións excepcionais de conflicto ou folga, nas que bastará con preavisar con 24 horas de antelación.

Artigo 29º.-Comité de saúde laboral.

Crearase un comité de saúde laboral, con funcións efectivas no centro de traballo, Hospital Xeral e Policlínico Cíes de Vigo, con competencias en tódolos aspectos relacionados coa saúde laboral como son métodos de traballo, ritmos, horarios de traballo nocturno, etc. Os comités serán paritarios e os representantes dos traballadores e traballadoras de cada central sindical terán os mesmos dereitos e garantías cos membros do comité de empresa.

A empresa está obrigada a dar a este comité de saúde laboral información relativa ás medidas de seguridade segundo normas que a lexislación laboral prevé. Así mesmo, proverá a tódolos traballadores e traballadoras dos medios necesarios para o desenvolvemento do seu traballo sen exposición nin riscos de ningunha clase.

Artigo 30º.-Seguro de accidente.

A empresa suscribirá unha póliza de seguro colectivo en favor de tódolos traballadores/as que presten os seus servicios no Hospital Xeral e o Policlínico Cíes, seguro que cubrirá como mínimo as seguintes garantías:

Morte ou invalidez total: 2.500.000 ptas.

Invalidez absoluta: 3.500.000 ptas.

As ditas continxencias deberán derivarse en calquera caso de accidente laboral incluído o accidente in itínere e as indemnizacións fixadas serán totalmente independentes daquelas que lles correspondan ós traballadores e traballadoras en virtude da lexislación laboral vixente.

Artigo 31º.-Comisión de vixilancia.

O control do cumprimento das cláusulas deste convenio, e en xeral de cantas cuestións se deriven da súa aplicación, exerceranse polo comité de empresa, asesorado neste labor polos demais asinantes sinalados no encabezamento.

As sancións que pretenda impoñe-la empresa deberán comunicárselle ó comité de empresa.

Artigo 32º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria de interpretación deste convenio estará composto polos representantes dos traballadores que subscriben este convenio.

As partes que subscriben o convenio:

A empresa. O comité. As centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG.

Cláusula adicional

Adecuación ó convenio sen prexuízo salarial para os traballadores e traballadoras. As actas e convenio faranse en galego de acordo coa Lei de normalización lingüistíca de Galicia.

1426