Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 15 de marzo de 1996 Páx. 2.350

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 28 de febreiro de 1996 pola que se establecen axudas económicas individuais para asistencia a actividades de formación do profesorado.

O plan de formación continuada do profesorado dos centros de formación dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura persegue, como obxectivo xeral, mellora-la competencia profesional do profesorado, fomenta-la reflexión crítica sobre a súa actividade e crear actitudes proclives á investigación e á renovación pedagóxica coa incorporación de novas metodoloxías educacionais.

Coa finalidade de facilita-la participación do profesorado en actividades de formación que contribúan

á consecución dos obxectivos anteriormente sinalados, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-Establecer axudas individuais cofinanciadas co Fondo Social Europeo, para o profesorado que asista a actividades de formación que se leven a cabo na Comunidade Autónoma de Galicia, no resto do territorio español ou no estranxeiro durante o ano 1996.

Segundo.-Poderán solicitar axudas os profesores con destino nos centros docentes de formación profesional marítimo-pesqueira, náutico-pesqueira e ciclos formativos de grao medio e superior en acuicultura dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e sempre que, para a asistencia á mesma actividade, non sexan beneficiarios doutra axuda.

Terceiro.-As axudas concederanse para actividades de formación: cursos, xornadas, encontros, conferencias, congresos e outras análogas directamente relacionadas coa disciplina, área, ciclo ou especialidade que imparta o solicitante.

Cuarto.-A contía da axuda será fixada de forma individual, para o cal teranse en conta os gastos ocasionados ó profesorado pola asistencia ás actividades formativas e que acadan os seguintes conceptos:

-Importe da matrícula e documentación entregada pola organización.

-Gastos de desprazamento.

-Gastos de aloxamento.

-Gastos de mantenza.

Quinto.-Os criterios para a concesión de axudas serán establecidos por unha comisión nomeada para o efecto pola directora xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Sexto.

6.1. Os interesados deberán presenta-la súa solicitude ante a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación a través da dirección do centro onde presta os seus servicios, cunha antelación mínima de 15 días antes do comenzo da actividade para a que se solicita a axuda.

6.2. Coa solicitude xuntarase a seguinte documentación:

a) Orixinal ou fotocopia da convocatoria da actividade para a que se solicita a axuda.

b) Orzamento dos gastos de matrícula e desprazamento.

c) Breve explicación dos motivos polos que se desexa asistir á actividade e repercusión na súa formación docente.

d) Informe do director do centro onde se xustifique que o solicitante exerce actualmente nel; a disciplina, área, ciclo ou especialidade que imparte e a conveniencia da súa asistencia á actividade.

Sétimo.-A concesión ou denegación da axuda seralle notificada ó interesado a través do centro onde está adscrito.

Oitavo.-O profesorado que asista a actividades de formación organizadas e convocadas pola dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación non será beneficiario das axudas económicas establecidas na presente orde, xa que as ditas actividades serán obxecto dunha cobertura e tratamento específico.

Noveno.-O pagamento da axuda farase efectivo unha vez que finalice a actividade, para iso, o interesado deberá remitir á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, dentro dos 15 días seguintes á finalización da actividade, os seguintes documentos:

a) Breve memoria con informe crítico da actividade desenvolvida.

b) Fotocopia debidamente compulsada do resgardo da matrícula ou documento que xustifique a inscrición, no que se especificará o importe do gasto realizado.

c) Xustificación dos gastos de desprazamento segundo corresponda (billete de avión, de tren, factura da axencia..., ou declaración xurada de ter realizado o desprazamento en vehículo propio). Todo isto en documentos orixinais.

Salvo en circunstancias excepcionais, non se autoriza a realización de desprazamento en vehículo propio, en caso de facelo a contía aboada será a correspondente ó importe do billete de avión, tren ou calquera outro medio de transporte colectivo.

d) Facturas do hotel polo aloxamento.

e) Facturas polas comidas.

As cantidades aboadas polos conceptos d) e e) non poderán ser superiores ó establecido na normativa que regula as indemnizacións por razóns de servicio ó persoal con destino na Administración Autonómica de Galicia.

f) Fotocopia compulsada do certificado de asistencia expedido pola entidade organizadora ou documento equivalente.

Décimo.-As axudas serán incompatibles coas indemnizacións por razón de servicios reguladas polo Decreto 21/1994, do 4 de febreiro, da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Décimo primeiro.-As citadas axudas financiaranse con cargo ó concepto orzamentario 12.04.322.K 640.1 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, ata un límite de 6.000.000 de pesetas.

Disposición derradeira

Facúltase a directora xeral de Formación Pesqueira e Investigación para dicta-las resolucións precisas para o cumprimento da presente orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de febrero de 1996.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

878