Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 15 de marzo de 1996 Páx. 2.344

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 xaneiro de 1996 pola que se regula a concesión de subvencións ás entidades e institucións sen fin de lucro para a realización de cursos e doutras actividades formativas de lingua galega.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, mándalles ós poderes públicos de Galicia que garantan o uso normal do galego, lingua propia e oficial da Comunidade Autónoma.

Para que ese uso normal chegue a ser unha realidade, cómpre levar a cabo un labor de formación e de mellora do dominio do idioma galego entre toda a poboación. A concreción desta tarefa é competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que regulou os cursos de lingua galega mediante unha Orde do 1 de marzo de 1989 (DOG nº 74, do 18-4-1989).

Un importante sector da sociedade, especialmente sensible co idioma e coa cultura de Galicia, é o que abrangue as entidades e institucións sen fins de lucro. Nelas agrúpanse libremente cidadáns que, usándoa, lle confiren á lingua galega ante outros sectores sociais o prestixio necesario que os anime a utilizala.

Por todo isto, e de acordo coa vixente normativa en materia de subvencións,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, poderalles conceder subvencións a aquelas entidades e institucións sen fin de lucro, legalmente constituídas, que, aténdose ás condicións da presente orde, organicen e realicen de forma totalmente gratuíta cursos e outras actividades formativas de lingua galega, nas contías que se determinen na resolución de concesión e de conformidade coa Orde do 18 de xuño de 1990 pola que se regulan os módulos económicos das actividades de formación dirixidas ó profesorado dos niveis non universitarios.

2. Das entidades e institucións sen fins de lucro mencionadas no apartado anterior exceptúanse as dependentes das entidades locais, entendendo por tales as así recoñecidas no artigo 3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local.

3. Estas subvencións concederanse con cargo á partida 07.06.353F.480.00, correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1996, e nunha contía total de ata 40.000.000 (corenta millóns) de pesetas.

Artigo 2º

As peticións realizaranse empregando o modelo de solicitude que se xunta como anexo a esta orde, e a el engadiráselle:

a) Breve proxecto no que consten os seguintes datos da actividade ou actividades para as que se pide a subvención: número de actividades que se queren realizar, localidade ou localidades onde se van levar a cabo, modalidade (iniciación, perfeccionamento ou outras) e número de asistentes a cada unha delas (entre 20 e 30 persoas).

b) Documento que amose a acreditación legal da personalidade da entidade e representación suficiente do asinante da petición.

c) Certificación bancaria (orixinal) da conta corrente na que desexan que se lles realice o pagamento.

d) Fotocopia do CIF.

Artigo 3º

Poderanse subvencionar tamén proxectos presentados por varias entidades ou institucións sen fin de lucro, sempre que se trate da realización dun programa de formación conxunto.

Artigo 4º

O prazo de presentación das solicitudes será de 30 días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As peticións entregaranse no rexistro da correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (dirixidas ó Gabinete de Normalización Lingüística), sendo de aplicación o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os defectos nas solicitudes notificaránselles ós interesados e daráselles un prazo de 10 días para emendar erros ou omisións. Transcorrido ese prazo, e se non se produciu a emenda, as peticións arquivaranse sen máis trámite.

Artigo 5º

As solicitudes estudiaranas comisións, presididas polos delegados provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e integradas polos xefes dos gabinetes de normalización lingüística das delegacións, un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística e un funcionario da delegación, que actuará como secretario.

Para o seu traballo as comisións concederanlles prioridade, entre outros, ós seguintes criterios de actuación:

a) Preferencia dos cursos de iniciación e de perfeccionamento sobre outras actividades formativas.

b) Que o curso ou actividade complete ciclo.

c) No caso de que o custo dos cursos e actividades solicitadas supere a contía total especificada no artigo 1º.3 desta orde, atenderase unicamente un curso ou actividade por entidade ou institución solicitante.

d) Respecto á distribución desa contía total por provincias, efectuarase un reparto proporcional entre as actividades susceptibles de subvención segundo o exposto nos tres anteriores apartados.

Unha vez examinadas as solicitudes, as propias comisións, a través do delegado provincial, trasladaranlle as propostas de concesión das subvencións ó Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, o cal resolverá.

No suposto de non se producir resolución expresa desta convocatoria no prazo de tres meses, as solicitudes entenderanse desestimadas.

Artigo 6º

Os delegados provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta dos gabinetes de normalización lingüística das propias delegacións, serán os encargados de nomea-los profesores idóneos para imparti-los cursos, tendo en conta os límites establecidos tanto na Lei 53/1984 e no R.D. 598/1985, sobre incompatibilidades, coma no Decreto 165/88, polo que se declara de interese público a impartición de cursos de lingua galega.

Artigo 7º

1. Os cursos de iniciación e de perfeccionamento terán unha duración de 75 horas e responderán ós contidos sinalados na Orde do 1 de marzo de 1989 pola que se regularon tales cursos. Das demais actividades formativas cada comisión estudiará individualizadamente as solicitudes e formulará a correspondente proposta tanto en canto ó programa que se debe impartir coma no tocante á duración en horas da actividade.

2. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia de cada un dos asistentes non poderá ser superior ó 10% da duración total do curso ou da actividade.

3. A avaliación que se efectúe nestes cursos e actividades deberá responder ós principios de formativa e continua, e terá en conta o dominio oral e escrito do idioma, aplicándose as probas necesarias. Ó remate de cada curso ou actividade, ós asistentes que superen as distintas fases da avaliación outorgaráselles un certificado coa calificación de «apto».

4. As persoas que desexen acceder ós cursos de perfeccionamento convocados por esta orde deben acreditar previamente que teñen superado ou validado o curso de iniciación. Para o resto das actividades formativas, as comisións mencionadas no artigo 5º determinarán os requisitos previos de admisión.

Artigo 8º

Tódalas actividades que se realicen nestes cursos faranse segundo o establecido na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (disposición adicional) e no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, sobre a normativización da lingua galega (DOG do 20-4-1983).

Artigo 9º

O pagamento dos cursos e actividades subvencionadas realizarase así que a entidade subvencionada lle xustifique, antes do 30 de novembro de 1996, ó Gabinete de Normalización Lingüística da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a realización completa da actividade, para o cal terá que lle entregar:

-Acta do curso ou certificación da actividade.

-Facturas correspondentes ó gasto de material e á retribución do profesor ou profesores.

Artigo 10º

Non se lles poderá conceder estas subvencións a aquelas entidades e institucións sen fin de lucro que recibisen subvencións no exercicio económico pasado, acolléndose ó disposto na Orde do 27 de xaneiro de 1995, e que non as xustificasen debidamente conforme se estipulaba na propia orde.

Artigo 11º

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicación da axuda con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e o seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 27 de decembro de 1990 (DOG nº 27, do 7 de febreiro de 1991).

Artigo 12º

As entidades e institucións que resulten subvencionadas farán constar na publicidade ou publicacións relacionadas cos cursos ou actividades de formación en lingua galega, que están subvencionados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Política Lingüística.

Disposición derradeira

Primeira.-Autorízase o director xeral de Política Lingüística para dicta-las instruccións que sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 1996.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

1848