Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 14 de marzo de 1996 Páx. 2.227

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 6 de febreiro de 1996, da secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, pola que se aproba o procedemento para a elaboración do catálogo de medios e recursos da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, no capítulo V, dedicado á organización básica en materia de dirección e coordinación, no artigo 16, punto b), prevé a elaboración do catálogo nacional de recursos mobilizables nas emerxencias, integrando nel os que resulten dos plans territoriais e especiais.

A Resolución do 11 de outubro de 1994, da Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, pola que se publica o Plan Territorial de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia (Platerga), no capítulo VI, apartado 6.6 (6.6.1 e 6.6.2), sobre catálogo de medios e recursos, indica que o catálogo de medios e recursos se elaborará de conformidade co artigo 16, punto b) da Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil.

O catálogo de medios e recursos de protección civil fórmano uns arquivos de datos descritivos, numéricos e gráficos onde se recolle toda a información relativa ós medios e recursos pertencentes ás distintas administracións públicas (autonómica, local e xeral do Estado), organizacións, entidades, agrupacións, asociacións, empresas e cidadáns mobilizables fronte a emerxencias de protección civil previstas no Platerga.

A Comisión Galega de Protección Civil, na súa reunión do 8 de maio de 1995, emitiu informe favorablemente sobre a estructura do catálogo de medios e recursos da Comunidade Autónoma de Galicia e o procedemento e os criterios para a súa aprobación.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o procedemento para a catalogación e os criterios e sistemas de codificación do catálogo de medios e recursos da Comunidade Autónoma de Galicia segundo se especifica no anexo.

Artigo 2º

A Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente é o órgano competente para mante-la unidade de criterio de catalogación e integración dos catálogos de medios e recursos de ámbito inferior.

Artigo 3º

Co obxecto de garanti-lo mantemento da unidade de códigos e a integridade da base de datos, a Comisión Permanente da Comisión Galega de Protección Civil terá a misión de garanti-la dita unidade, e

ademais establecerá o procedemento de actualización e mantemento do catálogo de medios e recursos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 1996.

José Luis Aboal García-Tuñón

Secretario xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente

ANEXO

PROCEDEMENTO DE ACTUACIÓN PARA A CATALOGACIÓN

Constitúe unha referencia para a realización do proceso de inventario e catalogación de medios e recursos por parte de tódolos niveis administrativos con competencia en protección civil. Este proceso permite que se vaian introducindo ó longo do seu desenvolvemento as modificacións que indiquen as administracións interesadas para a mellora do procedemento. Os aspectos esenciais do proceso de catalogación son:

Nivel local: cataloga directamente os medios e recursos da súa competencia.

Nivel autónomico: cataloga directamente os medios e recursos da súa titularidade. Integra no seu catálogo os medios e recursos de ámbito local e provincial. Identifica os medios e recursos de ámbito estatal presentes no seu territorio.

Nivel nacional: cataloga directamente os medios e recursos da súa competencia. Integra no seu catálogo os medios e recursos de ámbito autonómico.

Co obxecto de poder realiza-las funcións de catalogación, identificación e integración correspondentes ós diferentes niveis das administracións responsables, e de unifica-la información relativa ós medios e recursos, disporase dos seguintes documentos: listado de códigos e termos; fichas de recollida e entrada de datos; estructura informática da base de datos para a xestión do catálogo.

A finalidade é unifica-los códigos e termos que se empregarán nas diferentes fases de elaboración do catálogo de medios e recursos nos respectivos ámbitos competenciais: local, autonómico e nacional. Responde, polo tanto, a un proceso de planificación e desenvolvemento no que, na súa fase máis avanzada, se pretende conseguir unha base de datos distribuída cun modelo de datos común. Tamén está prevista a inclusión de novos códigos, entendéndose, polo tanto, que a relación é aberta e dinámica.

Dada a heteroxeneidade dos medios e recursos de que se precisa dispoñer en situacións de emerxencia faise necesario establecer entre eles unha codificación que permita a súa rápida identificación e a dispoñibilidade dos datos que deles se dispoñan.

Determinouse como máis idónea unha codificación orgánica, asignándolle a cada medio ou recurso un código numérico e agrupándoos en función do tipo de recurso e medio, a súa finalidade, os seus caracteres, etc. O código utilizado consta de sete cifras e unha letra.

A Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente é a unidade administrativa responsable de transmitir, ó nivel correspondente, os cri

terios para a elaboración do catálogo de medios e recursos, así como as variacións ou modificacións posteriores. Así mesmo, é a encargada de recibir, tratar e integra-las bases de datos documentais e/ou informáticas dos medios catalogados tal como se indica no parágrafo primeiro deste anexo.

1461