Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 12 de marzo de 1996 Páx. 2.141

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 87/1996, do 29 de febreiro, polo que se acorda a imposición dunha afectación secundaria sobre unha parcela sita no porto de Cangas, termo municipal de Cangas (Pontevedra).

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda solicitou á Secretaría Xeral e do Patrimonio, a incoación do expediente de afectación secundaria dunha parcela no porto de Cangas, termo municipal de Cangas (Pontevedra), baseándose na

necesidade desta co fin de construír unha estación de autobuses.

A titularidade do porto de Cangas correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 3214/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de portos (BOE nº 285, do 27 de novembro de 1982).

Mediante Decreto 167/1982, do 1 de decembro, (DOG nº 10 do 12 de febreiro de 1983), as competencias asumidas asignáronse á Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas.

Na actualidade, despois dos distintos cambios na estructura orgánica da Xunta de Galicia, o porto de Cangas atópase adscrito á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda. A dita consellería, no trámite de audiencia establecido no artigo 31.2ºdo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega (DOG nº 71 do 13 de abril), informou favorablemente a imposición dunha afectación secundaria sobre unha parcela da zona de servicio do porto de Cangas.

Á vista do disposto nos artigos 12.4º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 31.1º do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, as afectacións secundarias dos bens de dominio público requiren acordo do Consello da Xunta de Galicia baixo forma de decreto, logo da instrucción do correspondente expediente pola Consellería de Economía e Facenda

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de febreiro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a imposición dunha afectación secundaria sobre unha parcela da zona de servicios do porto de Cangas, termo municipal de Cangas (Pontevedra), situada no lugar que se indica no plano incorporado ó correspondente expediente.

Artigo 2º

O fin da afectación secundaria é a construcción pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda dunha estación de autobuses.

Artigo 3º

Correspóndelle á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda as facultades de xestión, administración e conservación do inmoble obxecto da afectación secundaria, sen prexuízo das facultades derivadas da adscrición orgánica que ostenta a mesma consellería.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do disposto no presente decreto.

Santiago de Compostela, vintenove de febreiro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

96-1618