Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 12 de marzo de 1996 Páx. 2.141

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 86/1996, do 29 de febreiro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto a favor da Comunidade Autónoma de Galicia dun terreo na zona de Beco, de 1.575 m de superficie, con destino exclusivo á construcción dunha estación de autobuses.

O Pleno da Corporación municipal de Cedeira (A Coruña), reunido en sesión extraordinaria o 27 de outubro de 1995 acordou a cesión á Xunta de Galicia dun terreo de 1.575 m para a construcción dunha estación de autobuses.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/85, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles sobrepase o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para dá-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta da Consellería de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Cedeira acordou a cesión, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de febreiro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo primeiro.

Acéptase cesión gratuíta do terreo de 1.575 m de superficie na zona de Beco, con destino exclusivo á construcción dunha estación de autobuses.

O dito terreo resulta da unión das seguintes parcelas, propiedade do concello:

a) Porción de 1.163 m, segregada do predio inscrito no Rexistro da Propiedade de Ortigueira, tomo 254, libro 43, folio 219, predio 6.562.

b) Porción de 412 m, segregada do predio adquirida polo concello a Josefa Picos García e Mercedes e Rosa María Iglesias Picos, formalizada en escritura autorizada o 20 de outubro de 1995 polo notario de Cedeira e inscrita ó tomo 398 do arquivo, libro 98 do Concello de Cedeira, folio 190, predio número 19.252, inscrición 1ª.

Artigo segundo.

Os inmobles cedidos destinaranse á construcción dunha estación de autobuses.

Artigo terceiro.

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e a inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, vintenove de febreiro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

1617