Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 12 de marzo de 1996 Páx. 2.129

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 1996, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifican os estatutos da Federación Galega de Fútbol Sala.

Visto o estatuto da Federación Galega de Fútbol Sala, e a acta de aprobación da súa asemblea xeral extraordinaria do 23-9-1995.

Visto o informe da Sección de Rexistro de Clubs e Asuntos Xurídicos, a Orde do 28 de xullo de 1995 de desenvolvemento do Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Lei 10/1990, xeral do deporte, e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar, con efectos desde a aprobación da súa asemblea, os estatutos aprobados de conformidade co artigo 8 da Orde do 28 de xullo de 1995, e autoriza-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 1996.

Eduardo Lamas Sánchez

Secretario xeral para o Deporte

Estatutos da Federación Galega de Fútbol Sala

TÍTULO I

Disposicións xerais

Capítulo I

Denominación, natureza xurídica, obxecto social e domicilio

Artigo 1º

A Federación Galega de Fútbol Sala, é unha entidade privada, con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, e o seu ámbito de territorialidade comprende a Comunidade Autónoma de Galicia no desenvolvemento das competencias que lle son propias, e está integrada polas entidades deportivas, deportistas, técnicos, adestradores, xuíces e árbitros adicados á práctica do deporte do fútbol sala.

A Federación Galega de Fútbol Sala, ademais das competencias que lle son propias, exerce por delegación funcións públicas de carácter administrativo actuando como axente colaborador da Administración pública.

Artigo 2º

A Federación Galega de Fútbol Sala, organízase orgánica e funcionalmente de forma democrática e representativa, con personalidade xurídica e patrimonio propio e independente de dos seus asociados, e plena capacidade de obrar, coas limitacións sinaladas pola lei e disposicións vixentes, e pode adquirir, para os seus propios fins, bens de todas clases, mobles e inmobles, contratar e obrigarse para o cumprimento das súas finalidades e está suxeita ás súas propias responsabilidades.

Artigo 3º

A Federación Galega de Fútbol Sala, ten como obxecto social promocionar, dirixir e ordenar exclusivamente dentro de Galicia, sen prexuízo das competencias concorrentes das distintas administracións públicas, as actividades propias da súa modalidade deportiva, en coordinación cos organismos correspondentes da Xunta de Galicia, e rexerase por estes estatutos e os seus regulamentos, e polas disposicións que dicte a Xunta de Galicia e, supletoriamente a Administración do Estado.

A Federación Galega de Fútbol Sala, é a única entidade competente dentro da Comunidade Autónoma de Galicia para promocionar, regulamentar, organizar, xestionar e controla-las competicións oficiais de fútbol sala.

Artigo 4º

A Federación Galega de Fútbol Sala, dentro da súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, ademais das súas funcións propias de promoción, goberno, administración, xestión e organización do fútbol sala, exercerá, baixo a coordinación e tutela da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, as seguintes funcións públicas de carácter administrativo:

a) A promoción e divulgación do fútbol sala en tódalas súas facetas.

b) Orienta-los deportistas á práctica do fútbol sala mediante oportunos cursos de iniciación, formación e perfeccionamento.

c) Apoiar técnica e administrativamente a práctica do fútbol sala, velando ante os organismos competentes polo apoio a esta modalidade deportiva dentro de Galicia.

d) Cualificar e organiza-las actividades e competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico galego.

e) Exerce-la potestade disciplinaria sobre os integrantes da federación nos termos previstos pola lei.

f) Exerce-lo control das subvencións que lles asignen ás asociacións e entidades deportivas nas condicións que fixe a Secretaría Xeral para o Deporte.

g) Executar, se é o caso, as resolucións do Comité Galego de Disciplina Deportiva.

h) Outras que lle sexan atribuídas pola lexislación vixente ou que acorde no ámbito da súa competencia a asemblea xeral.

Os actos realizados pola Federación Galega de Fútbol Sala no exercicio das funcións públicas de carácter administrativo, son susceptibles de recurso ante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública, e as resolucións esgotan a vía administativa.

Artigo 5º

O domicilio social da Federación Galega de Fútbol Sala establécese na cidade da Coruña, no complexo polideportivo de Elviña, O Birloque s/n.

A comisión delegada, por maioría dos seus membros e cando as circunstancias o aconsellen, poderá acorda-lo cambio do domicilio social dentro da mesma localidade. Para o traslado do domicilio a outra localidade, que deberá ser sempre dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, será necesario o acordo maioritario da asemblea xeral. En ámbolos dous casos, o traslado do domicilio social deberalles ser notificado ós afiliados e á Secretaría Xeral para o Deporte.

Por acordo da asemblea xeral, e para efectos puramente de organización interna, poderanse establecer delegacións da Federación Galega de Fútbol Sala nas localidades de Galicia que decida a citada asemblea.

Capítulo II

Requisitos para ser membro da Federación Galega de Fútbol Sala. Dereitos e deberes

Artigo 6º

Os clubs deportivos poderán integrarse, por petición propia, na Federación Galega de Fútbol Sala sempre que teñan o seu domicilio social e desempeñen a súa actividade en Galicia e se atopen constituídos conforme os requisitos esixidos para cada modalidade pola lexislación vixente e inscritos no Rexistro de Clubs, Federacións e Asociacións Deportivas da Xunta de Galicia, debendo comprometerse a cumpri-los estatutos e regulamentos da Federación Galega de Fútbol Sala e someterse á autoridade dos órganos federativos, en relación coas materias da súa competencia.

Os mesmos criterios e requisitos no que sexa de aplicación, rexerán para a integración na Federación Galega de Fútbol Sala dos deportistas, adestradores, e árbitros.

Artigo 7º

A integración na Federación Galega de Fútbol Sala comportará a integración automática e para tódolos efectos nas entidades en que aquela pola súa parte, se integre.

Artigo 8º

A integración na Federación Galega de Fútbol Sala producirase mediante a expedición por parte desta da correspondente licencia federativa ou documento de afiliación ou inscrición. A dita expedición será acordada pola xunta directiva da federación galega. Contra a denegación, que deberá ser motivada, caberá recurso ante a asemblea xeral.

En todo caso, para a aprticipación en actividades ou competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico, será preciso estar en posesión da licencia ou documento de afiliación expedido pola Federación Galega de Fútbol Sala.

Artigo 9º

Tódolos membros da Federación Galega de Fútbol Sala teñen dereito a recibi-la tutela desta con respecto ós seus intereses deportivos comúns e individuais, así como o de participaren nas súas actividades e no funcionamento dos seus órganos, de acordo cos presentes estatutos e cos regulamentos internos daquela. Os membros da Federación Galega de Fútbol Sala teñen, ó mesmo tempo, o deber de acata-los acordos dos seus órganos, sen que isto obste ó seu dereito de recorrer, ante as instancias federativas competentes e, se é o caso, ante os tribunais de xustiza ou Secretaría Xeral para o Deporte, segundo proceda, aqueles que consideren contrarios ó dereito, e sen prexuízo de acudir á conciliación extraxudicial ou arbitraxe nos termos previstos nas leis.

Artigo 10º

As entidades deportivas, técnicos-adestradores, xuíces-árbitros, en prexuízo da súa pertenza e afi

liación directa á Federación Galega de Fútbol Sala, poderán xuntarse en asociacións deportivas, con ou sen personalidade xurídica propia, que, ó mesmo tempo, deberán estar integradas necesariamente na Federación Galega de Fútbol Sala.

Capítulo III

Estructura territorial

Artigo 11º

A Federación Galega de Fútbol Sala estructúrase territorialmente en delegacións.

Cada delegación quedará integrada polas entidades deportivas, deportistas, adestradores, xuíces, que correspondan ó ámbito territorial fixado pola asemblea xeral para cada delegación.

Artigo 12º

As delegacións axustarán a súa actividade ás normas dictadas pola Federación Galega de Fútbol Sala.

Artigo 13º

Os titulares das delegacións serán nomeados e apartados do cargo polo presidente da Federación Galega de Fútbol Sala, de acordo co artigo 33º dos presentes estatutos.

A composición do equipo directivo da delegación e a competencia deste, será de libre facultade do titular da delegación, o cal lle dará conta ó presidente da Federación Galega de Fútbol Sala.

TÍTULO II

Dos órganos de goberno e representación

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 14º

Son órganos de goberno e representación da Federación Galega de Fútbol Sala a asemblea xeral e o presidente.

No seo da asemblea xeral deberá constituírse unha comisión delegada de asistencia a ela.

Artigo 15º

1. Serán órganos electivos da Federación Galega de Fútbol Sala o presidente, a asemblea xeral e a comisión delegada no ámbito das súas respectivas competencias.

Os membros dos demais órganos e comités serán designados e revogados libremente polo presidente coas excepcións previstas nos presentes estatutos.

2. O nomeamento ou a separación dos membros dos órganos de goberno e representación, dos órganos complementarios e dos comités que puidesen crearse dentro da federación, deberán serlles comunicados a tódolos membros da asemblea xeral e á Secretaría Xeral para o Deporte nun prazo máximo de 15 días a partir da data do nomeamento.

3. Os órganos de goberno e representación reuniranse na forma e termos establecidos nestes estatutos; os seus acordos, salvo disposición expresa que

dispoña o contrario, adoptaranse por maioría simple; en caso de empate, o presidente terá voto de calidade. Os acordos poderán ser impugnados de conformidade co disposto na lexislación aplicable e nos presentes estatutos.

4. A responsabilidade dos membros dos órganos da federación no exercicio das súas funcións será esixida no ámbito disciplinario de conformidade co disposto no Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, e nos ámbitos civil e penal, de acordo coa lexislación xeral de aplicación.

5. Son requisitos xerais para ser membro de calquera órgano da Federación Galega de Fútbol Sala, sen prexuízo do establecido regulamentariamente, os seguintes:

a) Te-la condición de cidadán de Galicia, segundo o disposto no artigo 3 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia.

b) Ser maior de idade e estar en pleno uso dos dereitos civís.

c) Non estar suxeito a corrección disciplinaria de carácter deportivo que o inhabilite.

d) Non ter sido condenado mediante sentencia penal (xudicial) firme que leve anexa pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para cargo público.

e) Non estar incurso en ningunha causa de incompatibilidade establecida legalmente ou nos presentes estatutos.

f) Reuni-los requisitos específicos propios de cada estamento deportivo.

Capítulo II

Da asemblea xeral

Sección primeira

Natureza, composición, nomeamento e cesamento

Artigo 16º

A asemblea xeral é o órgano superior de goberno e representación da Federación Galega de Fútbol Sala.

Artigo 17º

A asemblea xeral estará constituída polo presidente da federación e polos representantes das entidades deportivas, os deportistas, os técnicos-adestradores, os xuíces-árbitros e outros colectivos, se os houber.

As entidades deportivas non poderán ser membros da asembla xeral, se no momento da convocatoria de eleccións non figuran inscritos no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas da Xunta de Galicia.

Os compoñentes da xunta directiva, por este só carácter, poderán asistir ás reunións da asemblea, con dereito a voz pero sen voto.

Artigo 18º

A asemblea xeral está integrada por 120 membros, e a representación dos estamentos sinalados anteriormente responderá ás seguintes proporcións:

-Entidades deportivas: 70%, correspondendo 84 membros.

-Deportistas: 20%, correspondendo 24 membros.

-Adestradores-técnicos: 5%, correspondendo 6 membros.

-Xuíces-árbitros: 5%, correspondendo 6 membros.

Artigo 19º

A convocatoria de eleccións deberá indicar expresamente o número de membros da asemblea xeral e cada un dos estamentos.

Artigo 20º

Os membros da asemblea xeral e da comisión delegada cesarán polas seguintes causas:

a) Defunción.

b) Disolución da entidade á que representan.

c) Expiración do mandato para o que foi elixido.

d) Renuncia voluntaria ou demisión.

e) Estar incurso en causa de inelixibilidade ou incompatibilidade legal ou estutaria.

f) Sanción disciplinaria imposta en forma regulamentaria que implique o cesamento no cargo que ostenta.

Artigo 21º

As vacantes que se produzan na asemblea antes das seguintes eleccións xerais a ela, serán cubertas, dentro de cada estamento e de maneira sucesiva, polos candidatos que no proceso electoral obtivesen maior número de votos despois dos que resultaron electos e, a falta destes, mediante a realización de eleccións parciais, sempre que, neste último caso, as vacantes superen o 20% dos membros da asemblea.

Os elixidos para ocupa-las vacantes ás que se refire o apartado anterior desempeñarán o seu mandato polo tempo que falte para a celebración das seguintes eleccións xerais.

Sección segunda

Réxime de funcionamento

1. Competencias

Artigo 22º

A asemblea xeral, en canto órgano máximo de goberno e representación da federación, pode adoptar calquera acordo ou decisión sobre ela, con sometemento ás regras de competencia e procedemento. Especialmente son competencias da asemblea xeral as seguintes:

1. A aprobación e modificación dos estatutos da Federación Galega de Fútbol Sala.

2. A elección mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto do presidente e da comisión delegada da Federación Galega de Fútbol Sala, así como o cesamento e a moción de censura ó presidente.

3. Aprobación e liquidación do orzamento anual da Federación Galega de Fútbol Sala.

4. Aprobación do programa ou calendario deportivo anual que vai desenvolve-la Federación Galega de Fútbol Sala a das bases ou regulamentos que rexerán a competición.

5. Aprobación da creación de órganos territoriais da Federación Galega de Fútbol Sala.

6. Aprobación do Regulamento de eleccións á asemblea, presidente e da comisión delegada da Federación Galega de Fútbol Sala.

7. Aprobación do Regulamento sobre conciliación extraxudicial ou arbitraxe.

8. Aprobación do Regulamento de disciplina deportiva.

9. Calquera outra competencia da federación que non lle estea expresamente atribuída polos presentes estatutos a outro órgano.

2. Convocatoria.

Artigo 23º

A asemblea xeral será convocada polo presidente da Federación Galega de Fútbol Sala, cun mínimo de 10 días naturais de antelación á data da súa celebración, no taboleiro de anuncios da federación, debendo incluír necesariamente os puntos da orde do día que se van tratar, ademais da notificación individual a cada un dos membros ó enderezo, que deberá constar na federación 30 días antes da data da convocatoria; a notificación remitirase por calquera medio que permite ter constancia da recepción cunha antelación mínima de corenta e oito horas. Os defectos formais na convocatoria non darán lugar á nulidade da asemblea, sempre e cando os membros desta recibisen a convocatoria coa orde do día no prazo establecido e, en todo caso, a asemblea será válida, sen necesidade de ningún outro requisito, sempre que concorran a totalidade dos membros dela.

A orde do día poderá ser modificada, no sentido de incorporar novos puntos, a petición fundada dunha quinta parte dos membros da asemblea xeral e sempre que esta incorporación se solicite cunha marxe de tempo suficiente para que poida ser notificada a tódolos membros da asemblea xeral, mediante a notificación e a publicación no taboleiro de anuncios da Federación Galega de Fútbol Sala cunha antelación mínima de 3 días á data de celebración.

Artigo 24º

O presidente da Federación Galega de Fútbol Sala deberá convocar unha asemblea xeral ordinaria anualmente antes do inicio da nova tempada deportiva para trata-los asuntos propios da xestión ordinaria e, como mínimo, para a aprobación da memoria

anual de actividades, a aprobación do novo orzamento e a liquidación do anterior, aprobación do calendario deportivo e das regras que rexerán a competición e o exame e consideración das propostas que formulen os membros da asemblea, da comisión delegada, da xunta directiva ou do presidente.

Tódalas demais asembleas terán carácter extraordinario e serán convocadas polo presidente da Federación Galega de Fútbol Sala sempre que considere oportuno, ou a petición dun número de membros que integran a asemblea non inferior ó 25%. Neste caso, os solicitantes deberán formular unha petición por escrito dirixida ó presidente da federación, indicando os puntos que compoñerán a orde do día. O presidente, no prazo máximo de 10 días naturais desde a entrada da petición no rexistro da Federación Galega de Fútbol Sala deberá convoca-la asemblea xeral con carácter extraordinario, cos requisitos de forma sinalados nestes estatutos, e coa orde do día solicitada, sen incluír ningún outro punto, e celebrar nun prazo non superior a 20 días naturais desde a convocatoria. Caso de negativa expresa do presidente a efectua-la convocatoria, ou pasados 10 días desde que a solicitude fose efectuada sen ser respondida, os solicitantes poderán facer uso dos dereitos que a lexislación vixente establece,

ante a Secretaría Xeral para o Deporte para a convocatoria dos órganos colexiados de goberno.

Cando o presidente da federación aprecie a existencia dunha situación urxente que non permita demora na convocatoria da asemblea extraordinaria, poderá convocala sen suxeición a prazo nin requisito de forma ningunha agás a citación persoal dos asembleístas que poidan ser localizados nos domicilios que consten na federación. En todo caso, a asemblea requirirá como mínimo a presencia de 2/3 dos seus membros e antes de analiza-la orde do día pronunciarase previamente, por maioría de asistentes, sobre a urxencia da convocatoria e a necesidade ou non da súa celebración. En todo caso, nunha asemblea convocada desta forma, non poderán modificarse os estatutos.

3. Constitución

Artigo 25º

A asemblea quedará validamente contituída en primeira convocatoria cando a ela concorran a maioría dos seus membros.

Na segunda convocatoria será válida sexa cal sexa o número de asistentes. Deberá mediar un mínimo de media hora entre a primeira e a segunda convocatoria.

4. Adopción de acordos

Artigo 26º

Non será admisible en modo ningún para a formación da vontade dos órganos colexiados da Federación Galega de Fútbol Sala nin para o establecemento do seu quórum, o voto por correo nin a delegación de voto sendo, por tanto, necesaria a pre

sencia física dos seus membros. Exceptúanse as eleccións dos membros da asemblea xeral, se así se aprobase no Regulamento electoral.

Con carácter excepcional os clubs deportivos poderán estar representadas de conformidade ós seus propios estatutos, pero o representante non poderá ser membro da asemblea xeral.

Ningún poderá ostentar na asemblea xeral máis dunha delegación de voto.

Artigo 27º

As votacións no seo da asemblea xeral realizaranse na forma e pola orde que a presidencia estableza, sendo esta a que decidirá se serán ordinarias, nominais ou secretas. Cando polo menos o vintecinco por cento dos asistentes solicite unha modalidade determinada, a forma de votación decidirase por maioría simple dos membros da asemblea xeral e comisión delegada.

Artigo 28º

A asemblea xeral será presidida polo presidente da Federación Galega de Fútbol Sala e o seu voto será de calidade en caso de empate. Os acordos adoptaranse por maioria simple dos asistentes.

Para os efectos de cómputo de quórums e maiorías, cando estes se conformen cun número inexacto de asambleístas, computaranse sempre por exceso e con referencia ó número daqueles efectivamente existentes como membros da asemblea, descontadas as vacantes.

Artigo 29º

De tódolos acordos adoptados na asemblea xeral e comisión delegada, levantará acta o secretario delas, especificando o nome das persoas que interviñeron e as demais circunstancias que se consideran oportunas, contido dos acordos adoptados, resultado da votación e, se é o caso, os votos particulares contrarios ó acordo adoptado.

Os votos contrarios ó acordo adoptado ou as abstencións motivadas, eximirán a quen os emitan de calquera responsabilidade derivada de tales acordos.

Artigo 30º

Os acordos da asemblea xeral e da comisión delegada, serán vinculantes e de obrigatorio cumprimento para a totalidade dos órganos, persoas e entidades que integran a Federación Galega de Fútbol Sala e terán forza executiva a partir da data da súa adopción.

Artigo 31º

A asemblea xeral non poderá adoptar ningún acordo ou realizar ningún acto que poida comprometer de forma irreversible o seu patrimonio ou a actividade que constitúe o obxecto propio da Federación Galega de Fútbol Sala.

No caso de dúbida a petición dun 5% dos membros de dereito da asemblea, será requisito imprescindible a emisión dun informe favorable, por parte dos organismos competentes da Xunta de Galicia.

Capítulo III

Da comisión delegada

Natureza, constitución, composición e funcionamento

Artigo 32º

1. No seo da asemblea xeral deberá constituírse unha comisión delegada que terá carácter electivo e será un órgano de goberno e representación da Federación Galega de Fútbol Sala.

2. A comisión delegada será elixida pola asemblea xeral, na primeira reunión que esta celebre despois da súa constitución, mediante sufraxio entre os membros dela. O seu mandato coincidirá co da asemblea xeral.

3. Estará integrada por un mínimo de 5 membros e un máximo de 15 (15%). (Necesariamente estará integrada polo 15% dos membros da asemblea xeral Adapta-lo artigo 63).

Se se producise algunha vacante cubriríase co seguinte candidato máis votado.

4. O presidente da Federación Galega de Fútbol Sala convocará a comisión delegada, que se reunirá como mínimo cada 4 meses para os fins da súa competencia, e polo menos, para realiza-lo seguimento da xestión deportiva e económica da Federación Galega de Fútbol Sala.

5. Correspóndelle á comisión delegada da asemblea xeral:

a) A elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

b) A modificación do calendario deportivo.

c) A modificación dos orzamentos e regulamentos.

d) O seguimento da xestión deportiva e económica da Federación Galega de Fútbol Sala.

As modificacións non poderán exceder dos límites e criterios que a propia asemblea xeral estableza.

A proposta sobre os temas que se van tratar na comisión delegada correspóndelle ó presidente ou a dous tercios dos membros da comisión delegada.

Capítulo IV

Do presidente

Artigo 33º

O presidente da Federación Galega de Fútbol Sala é o órgano de goberno e representación que ostenta a súa representación legal, convoca e preside os órganos de goberno e representación e executa os acordos destes. O presidente poderá nomear delegados nas localidades aprobadas pola asemblea xeral, que actuarán seguindo as instruccións daquel e por delegación nas funcións que se lle encomenden. Os ditos delegados poderán ser cesados ou substituídos polo presidente segundo o seu criterio.

Artigo 34º

A duración do cargo do presidente será de 4 anos.

No caso de que, excepcionalmente, quede vacante a presidencia antes de que transcorra o prazo para o que foi elixido, considérase demisionaria toda a xunta directiva, e constituirase a comisión delegada en comisión xestora, presidida polo membro de maior idade. Convocará a asemblea xeral, e esta acordará unha nova elección do presidente para cubri-la vacante polo tempo que falte ata a terminación do prazo correspondente ó mandato ordinario. Se a vacante se produce por prosperar unha moción de censura, haberá que aterse ó disposto no artigo 37º destes estatutos.

Artigo 35º

O desempeño do cargo de presidente será causa de incompatibilidade coas seguintes actividades:

a) Ocupación de cargos directivos noutras federacións deportivas.

b) Desenvolvemento de actividades ou desempeño de cargos en asociacións deportivas, ou clubs dependentes integrados na Federación Galega de Fútbol Sala.

c) Ocupación de cargos nunha Federación Autonómica de Fútbol Sala.

d) A persoa que resulte elixida como presidente da Federación galega de Fútbol Sala, deberá cesar en todo tipo de actividades directivas no deporte específico e no ámbito territorial da Federación Galega de Fútbol Sala.

Non existirá incompatibilidade, en ningún caso, coa práctica activa do deporte.

Artigo 36º

O presidente cesará por:

a) Transcurso do prazo polo que foi elixido.

b) Demisión.

c) Incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.

d) Aprobación dunha moción de censura pola asemblea xeral.

e) Por incorrer en causa de inelixibilidade.

Artigo 37º

A moción de censura ó presidente poderá ser presentada polos membros da asemblea xeral que constitúan polo menos un 25% da mesma mediante escrito presentado no rexistro da federación. Na dita petición deberán solicitar do presidente a convocatoria dunha asemblea xeral extraordinaria coa dita moción como único punto da orde do día e propoñer un candidato alternativo á presidencia. No caso de prospera-la moción de censura, que se votará nun sistema de dobre volta, e deberá alcanza-la maioría absoluta de membros que compoñen a asemblea na primeira ou maioría simple de asistentes na segunda, celebradas cunha hora de diferencia, o candidato

quedará investido cun mandato polo prazo que falte para concluí-lo período ordinario.

Para a convocatoria da asemblea xeral extraordinaria á que se refire este artigo, haberá que aterse ó disposto no artigo 23º destes estatutos. A sesión da asemblea na que se debata a moción de censura, estará presidida polo membro de maior idade. Non será válido o voto por correo nin a asistencia por representación.

Se a moción de censura non prosperase, non se poderá presentar unha nova dentro do mesmo período de mandato, (por 6 meses) como tampouco poderá presentarse, no caso de prosperar, contra o candidato investido na dita moción polo tempo que falte para concluí-lo período ordinario.

TÍTULO III

Órganos complementarios de goberno e representación

Artigo 38º

Son órganos complementarios dos de goberno e representación da Federación Galega de Fútbol Sala para asisti-lo presidente:

a) A xunta directiva.

b) O secretario xeral.

c) O tesoureiro.

Artigo 39º

1. A xunta directiva é o órgano colexiado de xestión da Federación Galega de Fútbol Sala e os seus membros son designados e revogados libremente polo presidente.

O número de membros será establecido pola asemblea xeral e non poderá ser inferior a 5 nin superior a 15.

O presidente elixirá entre os membros da súa xunta directiva un vicepresidente que o será tamén da federación, quen substituirá o presidente por delegación, imposibilidade física ou ausencia temporal; un secretario que, a súa vez, o será da Federación Galega de Fútbol Sala, así como o tesoureiro. Tales cargos, en canto baseados na confianza, poderán ser removidos polo presidente cando o considere conveniente.

Os membros da xunta directiva que non sexan da asemblea xeral, terán acceso ás sesións desta, con dereito a voz pero sen voto.

Tódolos cargos son gratuítos, e, no caso de establecerse unha compensación económica a favor dalgún dos seus membros da xunta directiva, deberá ser expresamente acordada pola asemblea xeral e constar de maneira diferenciada no orzamento. En ningún caso a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a federación.

2. O presidente da Federación Galega de Fútbol Sala nomeará un secretario, o cal exercerá as funcións de fedatario e asesor, e máis específicamente:

a) Levantar actas das sesións dos órganos de goberno e representación da Federación Galega de Fútbol Sala, con indicación dos asistentes, temas tratados, o resultados das votacións e, se é o caso, os votos particulares contrarios ó acordo adoptado.

b) Expedi-las certificacións oportunas das actas dos órganos de goberno e representación.

c) Remitir á Secretaría Xeral para o Deporte as actas das reunións da asemblea xeral e da comisión delegada no prazo de 15 días desde a data da súa celebración.

d) Cantas funcións lle encomenden os estatutos e regulamentos da federación, ou lle sexan delegadas polo presidente.

3. O tesoureiro da Federación Galega de Fútbol Sala é o órgano de administración desta.

Exercerá como funcións propias:

a) Leva-la contabilidade da federación.

b) Exerce-la inspección económica de tódolos órganos da federación.

c) Elaborar e presentar informes á comisión delegada do estado contable da federación.

d) Calquera outra función que lle encomenden os estatutos e regulamentos da federación.

Artigo 40º

Para ser membro da xunta directiva non será necesario formar parte da asemblea xeral, pero si da federación.

Artigo 41º

Os membros da xunta directiva cesarán polas seguintes causas:

a) Por vacancia na presidencia, sen prexuízo da súa conversión en comisión xestora nos casos previstos nos estatutos.

b) Demisión.

c) Falecemento ou incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.

d) Por incorrer en causas de inelixibilidade.

e) Cesados directamente polo presidente en cumprimento das comunicacións ás que se refiren os presentes estatutos.

Artigo 42º

A xunta directiva, como órgano colaborador do presidente, non terá competencias propias e exercerá por delegación, as que lle encomende o presidente que poderá avogar e revogar en calquera momento.

Artigo 43º

Os asuntos ordinarios de trámite serán despachados polo presidente e o secretario.

TÍTULO IV

Dos órganos técnicos e asesores

Capítulo I

Comisións en xeral

Artigo 44º

1. A Federación Galega de Fútbol Sala poderá crear, logo de aprobación pola asemblea xeral, cantas comisións técnicas precisa, ademais das seguintes:

a) A dirección técnica.

b) Os comités de disciplina deportiva: comité de competición ou xuíz único e comité de apelación.

c) Comité de árbitros.

Tódalas comisións se rexerán polos seus respectivos regulamentos internos e, se é o caso, pola lexislación aplicable, e polo disposto nos presentes estatutos.

Capítulo II

Comité de árbitros

Artigo 45º

No seo da Federación Galega de Fútbol Sala constituirase, de maneira obrigatoria, un comité de xuíces ou árbitros, no cal o presidente será designado polo presidente da Federación Galega de Fútbol Sala.

Este comité poderá adopta-la estructura territorial da federación.

Serán funcións deste comité:

a) Establece-los niveis de formación arbitral.

b) Clasificar tecnicamente, os árbitros, en función de criterios prefixados pola asemblea xeral, propoñéndolle á xunta directiva a adscrición ás categorías correspondentes. Estas clasificacións comunicaránselle a asemblea xeral.

c) Propoñe-los candidatos a árbitros nacionais.

d) Propoñerlle á xunta directiva as normas administrativas que regulan a arbitrase, para a súa posterior aprobación pola asemblea xeral.

e) Designa-los colexiados nas competicións oficiais de ámbito galego.

f) Colaborar cos órganos competentes da Federación Galega de Fútbol Sala.

Tódolos presidentes dos comités srerán nomeados polo presidente da federación.

O secretario da federación intervirá como secretario de tódolos comités sen voz e sen voto, salvo que fora membro deles.

TÍTULO V

Réxime electoral

Capítulo I

Os censos

Artigo 46º

Compoñerán os censos correspondentes a cada estamento electoral tódolos membros da Federación

Galega de Fútbol Sala que reúnan os requisitos establecidos para cada estamento nos presentes estatutos e no Regulamento electoral.

Capítulo II

Regulamento electoral

Artigo 47º

Os procesos electorais desenvolveranse conforme o Regulamento electoral que deberá ser aprobado pola asemblea xeral, por proposta do presidente, e regulará as seguintes cuestións:

1. Número de membros da asemblea xeral; circunscrición electoral e número de representantes que por cada circunscrición electoral corresponda a cada un dos estamentos.

2. Calendario electoral.

3. Censo electoral.

4. Composición, competencias e funcionamento da xunta electoral central.

5. Requisitos para presentación e proclamación de candidatos.

6. Procedemento de resolución de conflictos, impugnacións e reclamacións, así como os recursos electorais.

7. Regulación do voto por correo nas eleccións á asemblea xeral. Non se admitirá esta clase de voto nas eleccións á comisión delegada e presidente.

8. Composición, competencia, funcionamento e instalación das mesas electorais.

9. Elección do presidente.

10. Elección da comisión delegada.

O Regulamento electoral deberá ser ratificado pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Capítulo III

A comisión xestora

Artigo 48º

Aprobado o Regulamento electoral, a xunta directiva procederá no prazo sinalado neste á convocatoria de eleccións á asemblea xeral. A partir dese momento, a xunta directiva e o presidente constituiranse en comisión xestora, e someterán o Regulamento electoral á ratificación pola Secretaría Xeral para o Deporte.

A comisión xestora garantirá a máxima difusión e publicidade das convocatorias de eleccións á asemblea xeral e presidente, así como do Regulamento electoral, coas medidas previstas nas disposicións federativas a través dun medio que permita asegura-la recepción da dita modificación. Deberá expoñerse o Regulamento electoral en cada circunscrición electoral o mesmo día da convocatoria.

A comisión xestora administrará a federación e convocará e realizará novas eleccións no prazo máximo de tres meses no caso de que non se presentase

nuingunha candidatura ou non fose válida ningunha das presentadas.

Capítulo IV

Circunscrición electoral

Artigo 49º

A circunscrición electoral será cada unha das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra na que teña o seu enderezo para efectos federativos cada un dos membros dos respectivos estamentos.

Capitulo V

Xunta electoral

Artigo 50º

1. A xunta electoral estará composta por tres membros pertencentes á asemblea anterior, un en representación ó estamento de clubs, outro ó estamento de deportistas e o outro en representación de adestradores e árbitros, mediante elección libre, directa, igual e secreta na asemblea xeral. Se designará, así mesmo, os membros suplentes, en igual número e condición que os titulares.

2. De entre os membros designados, o presidente será o de maior idade, e actuará como secretario o que o sexa da Federación Galega de Fútbol Sala, con voz pero sen voto.

3. Os membros da xunta electoral non poderán figurar como candidatos ós cargos de representación electa da asemblea xeral e á presidencia da Federación Galega de Fútbol Sala.

4. A xunta electoral controlará todo o proceso electoral e terá competencia para coñecer e resolve-las incidencias que se produzan sobre o censo electoral, presentación e proclamación de candidatos, proclamación de membros da asemblea xeral e comisión delegada e do presidente da Federación Galega de Fútbol Sala, así como a decisión doutras cuestións que afecten directamente á celebración das eleccións e ós seus resultados. Unha vez finalizada a votación, levantará acta da votación e o reconto e remitirá a acta á Secretaría Xeral para o Deporte no prazo máximo de 3 días.

5. As decisións da xunta electoral son executivas e formaranse por maioría de votos. En caso de empate, o voto do presidente terá carácter dirimente.

6. As impugancións contra os acordos da xunta electoral ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva non suspenderán a súa eficacia.

7. Unha vez concluído o proceso electoral da asemblea xeral, do presidente da Federación galega de Fútbol Sala e da comisión delegada, a xunta electoral disolverase.

Capítulo VI

Mesas electorais

Artigo 51º

Para a elección dos distintos estamentos da asemblea xeral, do presidente e da comisión delegada,

constituiranse unha ou varias mesas electorais na forma establecida no Regulamento electoral. Os membros destas mesas non poderán ser candidatos, axustándose no seu funcionamento ás normas que se establezan no Regulamento electoral.

Capitulo VII

Recursos

Artigo 52º

As reclamacións e impugnacións que se presenten contra calquera acto electoral dirixiranse á xunta electoral e contra o que esta resolva caberá recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva.

Capítulo VIII

Elección da asemblea xeral

Artigo 53º

1. Os membros da asemblea xeral serán elixidos cada catro anos coincidindo cos Xogos Olímpicos de inverno mediante sufragio libre, secreto, igual e directo entre e polos compoñentes dos distintos estamentos da federación.

2. As eleccións á asemblea xeral serán acordadas pola mesma que aprobará a convocatoria con tódolos requisitos que se establecerán no Regulamento electoral, que así mesmo se aprobe.

3. Acordada pola asemblea xeral a convocatoria de eleccións, o acordo será formalmente executado polo presidente da federación quen a asinará.

4. Desde a convocatoria para a celebración desta asemblea xeral a xunta directiva constituiranse en comisión xestora, a cal, se non o hubera, desiganrá o seu presidente.

Artigo 54º

Para ser candidato a membro da asemblea xeral requírese o cumprimento dos requisitos establecidos con carácter xeral no artigo 15º.5 destes estatutos.

Os requisitos esixidos para seren electores ou elixibles deberán estar cumpridos no día no que se publique a convocatoria de eleccións.

Artigo 55º

As eleccións á asemblea xeral realizaranse para cada un dos postos correspondentes ós estamentos integrantes dela, de acordo co previsto nestes estatutos.

Artigo 56º

Os representantes dos clubs deportivos na asemblea xeral serán elixidos por e entre os representantes dos correspondentes a cada circunscrición electoral dos que integran o censo de clubs deportivos inscritas no rexistro público da Federación Galega de Fútbol Sala e no Rexistro de Clubs, Federacións e Asociacións Deportivas da Xunta de Galicia, no momento da convocatoria das eleccións e estivesen igualmente inscritos durante a tempada deportiva anterior, sempre que participasen en competicións ou actividades de fútbol sala de carácter

oficial e ámbito territorial non superior ó autonómico organizada pola Federación Galega de Fútbol Sala.

Artigo 57º

Os representantes dos deportistas na asemblea xeral serán elixidos por e entre os maiores de 18 anos correspondentes a cada circunscrición electoral dos que teñan licencia en vigor expedida pola Federación Galega de Fútbol Sala no momento da convocatoria das eleccións e tamén a tivesen, polo menos, durante a tempada deportiva anterior, sempre que participasen en competicións, ou actividades de fútbol sala de carácter oficial o de ámbito territorial non superior ó autonómico organizada pola Federación Galega de Fútbol Sala.

Artigo 58º

Os representantes dos adestradores e dos árbitros na asemblea xeral serán elixidos por e entre os pertencentes a cada estamento, calquera que sexa a súa categoría, dos que teñan licencia en vigor no momento da convocatoria de eleccións e tamén a tivesen, como mínimo, na tempada deportiva inmediatamente anterior, sempre que participasen en competición ou actividades de fútbol sala de carácter oficial e de ámbito territorial non superior ó autonómico organizados pola Federación Galega de Fútbol Sala

Capítulo IX

Elección de presidente

Artigo 59º

Unha vez concluídas as eleccións á asemblea xeral, o presidente da comisión xestora, logo de acordo desta, procederá inmediatamente a convocatoria da dita asemblea para elixi-lo presidente e a comisión delegada da Federación Galega de Fútbol Sala.

O presidente será elixido para un período de catro anos, coincidindo cos anos en que se celebren Xogos Olímpicos de inverno, pola asemblea xeral e logo de ronoveción desta, mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto por tódolos membros da dita asemblea xeral, logo da presentación e aceptación das candidaturas correspondentes que deberán estar avaladas, polo menos, polo 10% dos membros da asemblea xeral. Os candidatos a presidente poderán non ser membros da asemblea xeral.

Artigo 60º

Será elixido presidente o candidato que obteña a maioría absoluta dos votos emitidos. No caso de que ningún candidato alcance esta maioría, procederase a unha segunda votación entre os dous candidatos máis votados, resultando elixido o que obteña a maioría de votos.

No suposto de que se presentase un só candidato, non se efectuará votación, e será proclamado presidente o único candidato pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Artigo 61º

Para poder ser candidato a presidente da Federación Galega de Fútbol Sala, haberán de reunirse as condicións seguintes:

a) Te-la condición de cidadán de Galicia, segundo o que dispón o Estatuto de autonomía.

b) Ser maior de idade e estar en pleno uso dos dereitos civís.

c) Non estar incurso en ningunha sanción deportiva que o inhabilite, dictada polos órganos disciplinarios da Federación Galega de Fútbol Sala ou polo Comité Galego de Disciplina Deportiva.

d) Non estar condenado mediante sentencia xudicial firme que leve anexa pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de cargos públicos.

Artigo 62º

A votación será libre, igual, secreta e directa, non se admitirá o voto por correo, nin por delegación das persoas físicas.

Capítulo X

Elección da comisión delegada

Artigo 63º

Na mesma asemblea xeral convocada para a elección de presidente, e unha vez realizada esta, procederase á elección dos membros da comisión delegada da asemblea xeral.

A comisión delegada estará composta por 10 membros, e ademais o presidente da Federación Galega de Fútbol Sala.

Os membros da comisión delegada serán elixidos por e entre os integrantes da asemblea xeral.

Serán elixidos membros da comisión delegada os que obteñan maior número de votos hasta cubri-lo número de membros correspondente á comisión delegada.

TÍTULO VI

Réxime económico

Artigo 64º

A Federación Galega de Fútbol Sala está sometida ó réxime de administración, orzamento e patrimonio propio e caixa única.

Ó final de cada ano ou tempada deportiva, o tesoureiro someterá á asemblea xeral ordinaria un balance de situación e as contas de ingresos e gastos, memoria económica, así como o orzamento para a tempada seguinte, balance e orzamento que deberá serlle notificado ós órganos competentes da Xunta de Galicia.

Non poderá aprobarse un orzamento deficitario salvo autorización da Secretaría Xeral para o Deporte. Tampouco poderán repartirse beneficios entre os seus membros.

A Federación Galega de Fútbol Sala elaborará unha memoria que analizará fielmente a actividade económica da federación, a súa adecuada actuación

orzamentaria, o cumprimento dos obxectivos e os proxectos a desenvolver, e informará separadamente como mínimo sobre os seguintes aspectos:

1. Diferenciación dos ingresos e contribucións segundo:

a) Subvencións públicas.

b) Subvencións, donativos ou contribucións privadas.

c) Vendas de activos.

d) Ingresos procedentes de competicións organizadas.

e) Ingresos para servicios prestados pola federación, permisos, licencias e outros.

f) Ingresos financeiros.

2. Tamén constará o destino da totalidade dos recursos distinguindo como mínimo os grupos de custo ou investimentos seguintes:

a) Administración da federación.

b) Dirección e servicios da directiva, incluíndo viaxes.

c) Competicións.

d) Axudas a clubs e outras entidades.

e) Axudas para actos deportivos.

f) Construccións e outros inmovilizados.

g) Formación de deportistas e técnicos.

h) Deportes de élite e profesional.

i) Árbitros.

j) Órganos xurisdiccionais.

3. O importe das obrigas de pagamento que é necesario satisfacer noutros exercicios que non estean previstos no balance.

4. O importe das garantías e os avais comprometidos.

5. A liquidación do orzamento, que explique as variacións en relación co orzamento aprobado na asemblea anterior.

As contas anuais e os orzamentos estarán no domicilio social da federación cunha antelación mínima de 15 días á data de celebración da asemblea, á disposición das persoas ou entidades con dereito a voto, as cales poderán pedir copia que se lles entregará antes da celebración da asemblea.

Artigo 65º

Constitúen os ingresos da Federación Galega de Fútbol Sala:

a) As subvencións ordinarias e extraordinarias da Xunta de Galicia ou as que outras entidades públicas poidan concederlle.

b) Os bens ou dereitos que reciba por herdanza, legado ou doazón de persoas físicas ou entidades

particulares, así como os premios que lle sexan outorgados.

c) As cotas dos seus afiliados.

d) As sancións pecuniarias que se lles impoñan ós seus afiliados dentro do exercicio da potestade disciplinaria.

e) Os froitos, rendas e xuros dos seus bens patrimoniais.

f) Os préstamos ou créditos que se lle concedan.

g) Os beneficios que produzan as actividades e competicións deportivas que organice, así como os derivados dos contratos que realice.

h) Calquera outro que poida serlle atribuído por disposición legal ou en virtude de convenio.

Artigo 66º

A Federación Galega de Fútbol Sala destinará a totalidade dos seus ingresos e patrimonio á consecución dos fins propios do seu obxecto social.

Artigo 67º

A xestión económica ordinaria correrá a cargo do tesoureiro, baixo a dirección do presidente, coidando das operacións de cobros e pagamentos. Autorizará coa súa sinatura, mancomunada coa do presidente ou coa do vicepresidente autorizado, tódolos documentos de movementos de fondos. Será responsable da levanza e custodia dos libros de contabilidade. Formulará os balances anualmente que deberán presentarse á asemblea xeral para a súa aprobación.

TÍTULO VII

Réxime documental

Artigo 68º

O réxime documental da Federación Galega de Fútbol Sala comprenderá, como mínimo, os seguintes libros debidamente dilixenciados:

a) Libro de rexistro de entrada e saída de documentos e comunicacións oficiais.

b) Libro de rexistro de clubs no que constará a denominación destes, domicilio social e número de isncricións no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas da Xunta de Galicia.

c) Libros de actas que consignarán as reunións que celebren tódolos órganos colexiados da Federación Galega de Fútbol Sala, tanto de goberno e representación como complementarios e técnicos.

d) Libros de contabilidade.

e) Libro inventario de bens mobles e inmobles.

Artigo 69º

O réxime documental da Federación Galega de Fútbol Sala estará a cargo do secretario, ó que lle corresponde a custodia dos libros da federación, levantar actas das reunións dos órganos colexiados e, unha vez aprobadas, asinadas co visto e prace do presidente, expedir certificacións e, en xeral, prepara-la resolución e despacho de tódolos asuntos.

No caso de ausencia ou imposibilidade física do secretario, as súas funcións serán desempeñadas polo propio presidente da federación ou pola persoa en quen delegue.

TÍTULO VIII

Réxime disciplinario e xurisdiccional

Artigo 70º

A Federación Galega de Fútbol Sala, en materia de disciplina deportiva, ten potestade sobre tódalas persoas que forman parte da súa estructura orgánica, os clubs deportivos e os seus deportistas, adestradores e directivos, os árbitros e, en xeral, todas aquelas persoas ou entidades que, estando federadas, desenvolvan a actividade deportiva de fútbol sala no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 71º

Os órganos competentes en materia disciplinaria serán:

a) En primeira instancia, un comité de competición ou xuíz único.

b) En segunda instancia, un comité de apelación.

Ámbolos órganos rexeranse por e aplicarán o disposto no Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva.

O comité de competición ou xuíz único de competición estará integrado por un número de membros entre 1 e 3 nomeados pola asemblea xeral de entre membros da federación. O comité de apelación estará integrado por 3 membros, así mesmo nomeados pola asemblea xeral entre os membros da federación.

A duración do cargo coincidirá coa da asemblea xeral que os nomease e durante o dito período só cesarán por renuncia ou demisión, falecemento, incapacidade física ou psíquica, perda da condición de membro da federación.

Unha vez elixidos os membros dos comités, estes designarán os seus presidentes nas primeiras reunións que celebren.

A composición destes comités seralle comunicada á Secretaría Xeral para o Deporte na forma prevista nestes estatutos.

Artigo 72º

As resolucións dictadas polo comité de apelación, dentro das súas competencias, terán carácter definitivo no ámbito da Federación Galega de Fútbol Sala e poderán ser recorridas ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva conforme a lexislación vixente.

TÍTULO IX

Da modificación dos estatutos e da disolución da Federación Galega de Fútbol Sala

Artigo 73º

Os estatutos da Federación Galega de Fútbol Sala só poden ser modificados pola asemblea xeral e de acordo co establecido nos presentes estatutos.

Artigo 74º

A proposta de modificación dos estatutos deberá ser acordada polo presidente ou comisión delegada da federación, nomeándose seguidamente por ela unha comisión técnica que realice os traballos necesarios para presentarlle á asemblea o novo texto que se someterá a aprobación.

Aprobada a reforma dos estatutos pola asemblea xeral, deberá ser ratificada polos órganos competentes da Xunta de Glaicia.

Artigo 75º

A Federación Galega de Fútbol Sala extinguirase polas seguintes causas:

a) Por acordo da maioría de 2/3 dos membros da asemblea refrendado, por maioría absoluta, por tódolos membros da Federación Galega de Fútbol Sala a través de votación libre, igual, directa e secreta.

b) Polas demais causas que determinen as leis.

Unha vez producida a liquidación, o patrimonio neto destinarase ós fins de carácter deportivo que determine o organismo competente da Xunta de Galicia.

1616