Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 12 de marzo de 1996 Páx. 2.109

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 83/1996, do 29 de febreiro, sobre homoxeneización dos medios técnicos das policías locais de Galicia.

O Artigo 16 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación de policías locais de Galicia, dispón que a Xunta de Galicia establecerá regulamentariamente a homoxeneización dos medios técnicos postos á disposición das policías locais co obxecto da súa coordinación, de acordo co sinalado nos artigos 1, 4 e 5.1º b) do citado texto legal.

A regulación da dita coordinación efectuarese por decreto e logo de dictame da Comisión de Coordinación das Policías Locais de Galicia.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de informe favorable da Comisión de Coordinación das Policías Locais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de febreiro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Medios técnicos.

Por medios técnicos á disposición das policías locais enténdese os elementos e sistemas que os

corpos da policía local utilizan para cumprir coas súas obrigas.

Artigo 2º.-Clasificación

Os medios técnicos clasifícanse como segue:

a) Dotación persoal.

b) De inspección e control.

c) Vehículos.

d) De sinalización.

e) De transmisión e comunicación.

f) Informáticos.

g) De auxilio e autoprotección.

h) Instalacións especiais.

Artigo 3º.-Dotación persoal.

1. Constitúe a dotación persoal o conxunto de elementos que é asignado a cada un dos funcionarios da policía local e comprende o seguinte:

a) Equipo básico.

-Arma de fogo coa súa munición e funda.

-Defensa e talabarte.

-Grillóns coa súa funda.

-Asubío.

-Bolsa portadocumentos.

b) Equipo complementario.

-Chaleco reflector.

-Manguitos e polainas reflectores.

2. A arma só se portará cando o seu titular estea de servicio e ó seu remate quedará depositada no armeiro existente nas dependencias policiais, o que reunirá as condicións esixidas polas normas en vigor.

3. Soamente se utilizarán as armas de fogo cando exista un risco racionalmente grave para a vida propia e de terceiros, así como naquelas circunstancias que poidan supoñer un grave risco para a seguridade cidadá, rexéndose, ó facelo, polos principios de congruencia, oportunidade e proporcionalidade.

4. Para acada-la imprescindible destreza no seu manexo, tódolos membros dos corpos de policía local efectuarán cada ano tres exercicios de tiro como mínimo, de vintecinco disparos cada un, quedando consignados os resultados obtidos nunha cartilla persoal destinada para o efecto.

5. As características dos elementos que compoñen a dotación persoal detállanse no anexo I.

Artigo 4º.-Medios de inspección e control.

1. Para inspección e control, as policías locais serviranse de:

a) Sonómetros para medi-lo nivel de ruído.

b) Etilómetros para medi-la cantidade de alcohol no sangue.

c) Radar medidor da velocidade á que se desprazan os vehículos.

d) Medidores de fumes.

e) Equipos de captación de imaxes.

2. Cando os corpos de policía local adquiran algúns dos instrumentos indicados no apartado anterior, excepto os citados en último lugar, farano entre aqueles que cumpran as especificacións técnicas ás que obriguen as normas vixentes.

Artigo 5º.-Vehículos.

1. Os vehículos a motor utilizados polas policías locais serán de cor branca cunha banda en forma de dameiro composta por tres ringleiras de cadros brancos e azul celeste exhibida nos costados e parte traseira, interrompida nas portelas dianteiras, onde figurará a lenda «Policía Local», o escudo municipal e o nome do concello e igualmente na parte traseira dos costados onde deberá figura-lo escudo de Galicia en azul celeste.

Se a disposición do capó dianteiro o permite, tamén levará o devandito escudo nome e lenda.

O teito do vehículo presentará a banda dameiro descrita ou as iniciais PL de forma que poida imprimirse o número de orde en tamaño suficiente para poderse distinguir por un observador aéreo. Na súa parte dianteira instalarase a tulipa lanzaestincilacións e o indicador luminoso de «Policía Local».

2. Os vehículos a motor de dúas rodas e as embarcacións exhibirán o dameiro aludido, segundo o permita o seu carenado.

3. As características represéntanse en esquema contido no anexo II.

Artigo 6º.-Medios de sinalización.

1. Para sinalizar ou coutar espacios utilizarase a denominada «cinta policial» confeccionada en material plástico e con ringleiras de cadros brancos e azul celeste formando dameiro e, por tramos, a lenda «Policía Local».

2. Cando as circunstancias de risco para a circulación viaria ou a regulación do tránsito rodado o aconsellen, poderán empregarse bastóns luminosos e cantos emisores ópticos conveñan, de acordo coa normativa de circulación e seguridade vial.

Artigo 7º.-Medios de transmisión e comunicación.

1. Os corpos de policía local disporán de acceso á rede telefónica, co fin de facer posible a recepción de chamadas dos cidadáns en demanda de servicios.

2. Así mesmo, posuirán un sistema propio de comunicación radioeléctrica que permita enlaza-las patrullas móbiles coa súa base de operacións, empregando a frecuencia herziana que asigne o órgano administrativo competente.

Artigo 8º.-Medios informáticos.

Os corpos de policía local que polo seu tamaño, ámbito xeográfico e demográfico da súa demarcación o precisen, disporán de medios informáticos para

conseguir un melloramento da xestión, establecendo a posibilidade de que, no seu día e co emprego de sistemas compatibles, poida conseguirse o seu funcionamento en rede para o intercambio de datos dos ficheiros existentes nos distintos bancos de datos.

Artigo 9º.-Medios de auxilio e autoprotección.

1. Os vehículos automóbiles de policía local, polo menos incluirán entre a súa dotación un extintor de capacidade bastante para prestar axuda a terceiros, en condicións de uso inmediato, caixa con material de primeiros auxilios sanitarios e manta isotérmica.

2. Cando as condicións que se dean en tempo e lugar determinado o aconsellen, os policías locais poderán protexerse mediante chaleco antibalas confeccionado en forma e con materiais homologados.

Artigo 10º.-Instalacións especiais.

Para a custodia e garda das armas de fogo regulamentarias e a súa cartuchería utilizaranse armeiros con capacidade suficiente, construídos con materiais e de forma que cumpran os requisitos esixidos polas normas en vigor.

Disposicións adicionais

Primeira.-Establécese o prazo dun ano para prover dos elementos que compoñen a dotación persoal, enumerados no artigo 3º, a cada un dos policías locais que carezan deles. A quen ingrese nos corpos de policía local a partir da entrada en vigor deste decreto, dotaráselles dos que nel se determina.

Segunda.-Os funcionarios de policía local que sexan titulares de arma curta de características diferentes ás que se determinan neste decreto, poderán continuar utilizándoa.

Terceira.-As policías locais que non posúan armeiro para a garda de armas e cartuchería disporán dun prazo dun ano para a súa instalación.

O mesmo prazo rexerá para os medios sinalados nos artigos 6º, 7º e 9º.1.

Cuarta.-A partir da entrada en vigor do presente decreto, tódolos vehículos que se adquiran polas corporacións locais para o servicio de policías locais, presentarán o aspecto que se determina no artigo 5º, anexo II.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de febreiro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO I

Os elementos que integran o equipo básico e o complementario, a que se refire o artigo 3º.1 son os que se describen a continuación.

A) Equipo básico.

1. Arma de fogo coa súa munición.

Pistola semiautomática compacta coas seguintes características:

* Calibre 9 mm. parabellum.

* Sistema de disparo de dobre e simple acción.

* Seguro manual ambidextro, ademais doutros automáticos.

* Capacidade de cargador para 8 ou máis cartuchos.

* Lixeira, pavonada en negro e con cachas de goma ou material similar.

2. Defensa e tahalí.

A defensa será ríxida e terá as seguintes características:

* Lonxitude de 60 cm. e díámetro uniforme.

* Madeira de faia.

* Cor negra.

* Correa de suxeición adaptable.

O talabarte é o soporte onde se aloxa a defensa. Irá suxeito ó cinto e será a xogo con el.

3. Grillóns coa súa funda.

Os grillóns serán metálicos e de máxima seguridade, tanto na súa propia configuración como no seu pecho. Os portagrillóns ou fundas adaptaranse á forma daqueles e permitirán a súa fácil suxeición ó cinto.

4. Asubío.

Será metálico, inoxidable e en ton prateado.

5. Bolsa portadocumentos.

As súas características de tamaño e forma virán dadas polos tipos de documentos que se vaian gardar.

Serán de lona impermeable, cor negra.

B) Equipo complementario.

1. Chaleco reflector.

De cor amarela e pecho de cremalleira. Levará a inscrición «Policía Local» nas súas caras anterior e posterior, de material reflector, igual que as beiras.

2. Manguito e polaina reflectores.

Serán de material branco reflector, con cinta dameiro do mesmo tipo.

ANEXO II

Os vehículos descritos no artigo 5 terán a configuración que se indica nos deseños esquemáticos, acompañados a modo de exemplo, cos tipos 1 e 2.

1753