Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 12 de marzo de 1996 Páx. 2.108

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

DECRETO 82/1996, do 29 de febreiro, polo que se establece un réxime de axudas para o fomento do cesamento anticipado na actividade agraria.

O Regulamento (CEE) 2079/1992, do consello, do 30 de xuño, establece un réxime comunitario de axudas para a xubilación anticipada no sector agrario, cofinanciado pola Sección de Garantía do Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agraria (FEOGA).

A aplicación en Galicia deste réxime de axudas fundamentábase no Decreto 216/1993, do 16 de setembro, que desenvolvía as medidas contidas no Real decreto 477/1993, do 2 de abril, modificado polo Real decreto 539/1994 doo 25 de marzo, que regulaban a aplicación en España do réxime de axudas establecido polo Regulamento (CEE) 2079/1992.

A reducida acollida dada polos agricultores á anterior normativa en relación coa inicialmente prevista no programa 1993-1997, aprobado por decisión da Comisión das Comunidades Europeas, do 13 de abril de 1994, e transcorrido xa un tempo considerable desde a entrada en vigor desta, facían necesario impulsar esta liña de axudas para facilita-lo acceso a estas dun maior número de agricultores, e o cumprimento, no posible, dos obxectivos programados.

Para tal fin, o Real decreto 1695/1995, do 20 de outubro, flexibiliza algunhas das condicións requiridas para o acceso a estas axudas, incrementando pola súa vez estas por unidade de superficie transferida, mantendo as finalidades básicas de reestructuración, rexuvenecemento e de carácter social que se consideraban na normativa anterior, e introducindo no seu texto tanto os grandes obxectivos coma certos requisitos contemplados na vixente Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias.

Co mantemento dos fins recollidos na normativa comunitaria, nacional e no Decreto 216/1993, as axudas reguladas neste decreto destínanse a proporcionar unha renda ós agricultores e traballadores de maior idade que cesen na actividade agraria, contribuíndo coas súas explotacións á ampliación e reestructuración dos doutros agricultores e á incorporación á titularidade de explotacións de agricultores xoves.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintenove de febreiro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artígo 1º

O réxime de axudas ó fomento do cesamento anticipado na actividade agraria, de acordo co disposto

no Regulamento (CEE) 2079/1992, do consello, do 30 de xuño e no Real decreto 1695/1995, do 20 de outubro, regúlase en Galicia conforme establece o presente decreto.

Artígo 2º

O réxime de axudas, beneficiarios, requisitos que deben reuni-los cedentes, os cesionarios agrarios, os traballadores e as explotacións e demais condicionantes do programa de cesamento anticipado na actividade agraria serán, con carácter xeral, os contidos no Real decreto 1695/1995, do 20 de outubro.

Artígo 3º

De acordo co previsto no punto 1 do artigo 7 do Real decreto 1695/1995, para zonas nas que predomine o minifundio, establécese que a explotación do cedente deberá ter unha dimensión mínima equivalente a dúas UDE de marxe bruta estándar, en toda a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artígo 4º

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá organiza-los servicios ou entidades adecuados para lles facilitaren ós agricultores a transmisión de terras e a ampliación de explotacións agrarias, así como a reasignación de terras a usos agrarios, forestais, de creación de reservas ecolóxicas ou outros usos non agrarios.

Artígo 5º

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes establecerá o procedemento de tramitación e xestión das axudas contempladas no presente decreto.

Artígo 6º

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá subscibir, co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, os convenios de colaboración precisos, os que poderán incluír aspectos recollidos no artigo 15 do Real decreto 1695/1995, do 20 de outubro.

Artígo 7º

O financiamento comunitario das axudas ó cesamento anticipado na actividade agraria será o previsto no artígo 9 do Regulamento (CEE) 2079/1992, do consello, do 30 de xuño.

As porcentaxes restantes serán financiadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, de acordo co convenio establecido ou que se estableza para o efecto.

Disposición adicional

Ata que se subscriban, se é o caso, os convenios de colaboración recollidos no artigo 6º, que inclúan as axudas establecidas no artígo 10 do Real decreto 1695/1995, do 20 de outubro, os solicitantes das ditas axudas poderán percibir, con cargo ós orzamentos da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, ata a metade das axudas previstas no devan

dito artigo a partir do momento e na forma en que se determine.

Disposición transitoria

Os expedientes presentados ó abeiro do Decreto 216/1993, do 16 de setembro e que non teñan sido resoltos á entrada en vigor do presente decreto, resolveranse de acordo co establecido neste último.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 216/1993, do 16 de setembro, polo que se aplican na Comunidade Autónoma de Galicia as medidas de fomento do cesamento anticipado na actividade agraria.

Disposicións derradeiras

Primeira

Facúltase o conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes para dicta-las normas precisas para o mellor desenvolvemento deste decreto.

Segunda

O presente decreto entrará en vigor o día siguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de febreiro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

1636