Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 11 de marzo de 1996 Páx. 2.057

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 14 de febreiro de 1996 pola que se convocan bolsas de formación en biblioteconomía mediante a colaboración titoriada en diversos centros dependentes da Dirección Xeral de Cultura.

A Consellería de Cultura da Xunta de Galicia ten, de acordo co Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27, parágrafo 18, a competencia exclusiva en materia de bibliotecas que non sexan de titularidade estatal, competencia desenvolta na Lei 14/1989, do 11 de outubro, de bibliotecas e posterior desenvolvemento lexislativo desta. En función desta responsabilidade e consciente de que un dos elementos fundamentais no funcionamento das biblio

tecas é a cualificación e formación técnica dos responsables destas, a Consellería de Cultura, a través da súa Dirección Xeral de Cultura, vén ocupándose desde hai anos, mediante cursos de formación, da instrucción tanto básica como de perfeccionamento dos actuais e dos futuros bibliotecarios da rede de bibliotecas de Galicia. Esta formación, esencialmente teórica, non podería nunca ser de todo completa se non se complementa coa realización de prácticas en bibliotecas que permitan, non só unha completa formación nas diversas áreas destes centros, senón tamén un contacto diario e directo, durante un tempo suficiente, cos problemas e demandas reais dunha biblioteca ou centro de documentación.

Por esa razón, a Consellería de Cultura, a través da Dirección Xeral de Cultura, inicia un novo plano

de preparación de profesionais para a rede de bibliotecas de Galicia, a través de bolsas de formación mediante a colaboración titoriada en diversos centros dependentes desta.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Convócanse 18 bolsas de formación mediante colaboración titoriada na organización e descrición de fondos e actividades de biblioteconomía nas bibliotecas e centros de documentación que figuran no anexo III, con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.352.A.482.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996. O importe total das bolsas non excederá en ningún caso do crédito asignado para o efecto.

2. Os bolseiros realizarán os seus traballos nos citados centros, e serán coordinados, dirixidos e titoriados pola Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura a través de persoal técnico debidamente cualificado, designado para o efecto por aquela.

3. A bolsa terá unha duración de 9 meses, a partir da publicación do acordo de adxudicación ós bolseiros propostos por parte da Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura.

4. Os bolseiros seleccionados quedarán obrigados a:

-Acepta-la bolsa e incorporarse ás tarefas dentro dos 10 días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.

En caso de non aceptación da bolsa, o que deberá ser notificado por escrito nun prazo non superior ós tres días trala notificación, ou de non incorporación sen causa suficiente a xuízo do director xeral de Cultura, ou de demostrarse falsidade, non correspondencia cos orixinais, ou incorrección na documentación presentada, este poderá propoñe-lo seguinte ou seguintes candidatos por orde de puntuación, quedando sen efectos o nomeamento da persoa en cuestión.

-Asistir ós centros onde resulten destinados no horario sinalado polos responsables destes, que non poderá excede-las sete horas diarias e con alomenos 48 horas continuadas de descanso semanal.

-A segui-las indicacións técnicas dos responsables dos que dependan.

-A entregarlles a estes, ó finaliza-la bolsa, informe técnico e material realizado, resultado das súas actividades.

Ó remata-la actividade, os titores dos bolseiros depositarán na Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura un informe sobre o traballo realizado por estes.

Artigo 2º

1. Os solicitantes das bolsas deberán ter titulación universitaria como mínimo de grao medio. Valorarase especialmente a licenciatura en xeografía e historia coa especialidade de biblioteconomía ou a diplomatura en biblioteconomía, así como a posesión de master nesta especialidade.

2. As solicitudes presentaranse conforme o modelo oficial, que figura como anexo I desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Cultura ou nas súas delegacións provinciais. O prazo de presentación será de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, as solicitudes poderán así mesmo presentarse en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Os solicitantes, ademais da solicitude, deberán xunta-la seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI.

-Declaración expresa de non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, situacións que producen incompatibilidade co desfrute da bolsa que nesta orde se convoca.

-Fotocopia compulsada do expediente académico.

-Anexo II cuberto e fotocopia dos méritos alegados. Unha vez outorgadas as bolsas, a Dirección Xeral de Cultura poderá solicitarllas ós seleccionados a presentación do orixinal ou fotocopia compulsada dos méritos alegados que deberán ser presentados nun prazo non superior a dez días.

Artigo 3º

As bolsas serán adxudicadas para a organización e descrición de fondos de bibliotecas de Galicia que se relacionan no anexo III.

Artigo 4º

O importe das bolsas non excederá da cantidade de 1.000.000 de ptas. polo total de 9 meses cada unha. A percepción mensual líquida que van recibi-los bolseiros será a que resulte de aplicarlle á mensualidade a retención fiscal que proceda.

Artigo 5º

1. Os correspondentes servicios técnicos da Dirección Xeral de Cultura poderán reclamarlles, se fose necesario, ós solicitantes que emenden os defectos administrativos apreciados na documentación esixida, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, outorgándose un prazo de 10 días, desde o recibo do escrito de requirimento.

2. A avaliación dos méritos alegados, que lle corresponde á Dirección Xeral de Cultura, farase segundo o seguinte baremo:

-Titulación de licenciatura en xeografía e historia, especialidade en biblioteconomía.

Diplomatura en biblioteconomía

2,5 puntos cada un dos títulos.

-Experiencia de traballo remunerado en organización ou descrición de fondos en bibliotecas públicas dependentes do Estado, da Xunta de Galicia, ou doutras autonomías, de concellos ou deputacións, así como, en bibliotecas universitarias. Por cada mes traballado: 0,50 puntos ata un máximo de 6 puntos.

-Experiencia de traballo remunerado noutros tipos de bibliotecas. Por cada mes traballado: 0,20 puntos ata un máximo de 2 puntos.

-Cursos de biblioteconomía, bibliografía, documentación, historia do libro e informática aplicada a bibliotecas organizados exclusivamente por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais de bibliotecarios ou documentalistas e cursos de postgraduado:

-Con acreditación expresa de duración superior a 250 horas: 1,25 puntos ata un máximo de 3,75 puntos.

-Con acreditación expresa de duración superior a 100 horas: 0,75 puntos ata un máximo de 3,75 puntos.

-Con acreditación expresa de duración superior a 40 horas: 0,40 puntos ata un máximo de 3,20 puntos.

-Con duración inferior a 40 horas: 0,20 puntos ata un máximo de 2 puntos.

-Organizados por outros organismos: 0,20 puntos ata un máximo de 1 punto.

-Asistencia a congresos de biblioteconomía, bibliografía, documentación e historia do libro: 0,10 puntos ata un máximo de 1 punto.

-Presentación de comunicacións en congresos de biblioteconomía, bibliografía, documentación e historia do libro: 0,50 puntos ata un máximo de 2 puntos.

-Publicacións relacionadas con biblioteconomía, bibliografía, documentación e historia do libro:

-Por cada libro de autoría individual ou ata un máximo de tres autores: 2 puntos ata un máximo de 6 puntos.

-Por cada artigo en revista especializada ou participación en libros de autoría colectiva de máis de tres autores: 1 punto ata un máximo de 4 puntos.

O mesmo mérito só se valorará unha única vez: como comunicación, publicación ou asistencia a congresos.

-Cursos de galego:

-Iniciación: 0,50 puntos.

-Perfeccionamento: 1 punto.

Máximo 1 punto.

-Título de doutorado na especialidade de bibliotecas: 2 puntos.

4. A resolución da convocatoria correspóndelle ó conselleiro de Cultura por proposta do director xeral de cultura. O acordo farase público nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura e nos das súas delegacións provinciais.

5. A resolución de adxudicación pon fin á vía administrativa de acordo co artigo 109 da citada Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e contra ela cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir da data de notificación efectiva desta ós interesados.

Artigo 6º

O pagamento da bolsa axustarase á normativa orzamentaria de aplicación.

Artigo 7º

1. No caso de que os beneficiarios das bolsas incumprisen algunha das condicións ou obrigas estipuladas na presente orde, a Consellería de Cultura instruirá expediente sancionador conforme o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e poderá mesmo anula-los beneficios concedidos e solicita-la devolución das cantidades percibidas, se as houbese, nos prazos que establece o Regulamento xeral de recadación.

2. O persoal técnico e facultativo que dirixa os bolseiros poderá propoñerlle á Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura a extinción da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das condicións sinaladas.

3. A Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura expedirá, logo do informe favorable dos responsables, ó remata-los traballos, certificación acreditativa das actividades realizadas.

Artigo 8º

Os adxudicatarios adquiren exclusivamente a condición de bolseiros, coas obrigas e dereitos desta conforme a estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase ó director xeral de Cultura para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 1996.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

Sr. Director Xeral de Cultura

ANEXO II

SINALA-LOS MÉRITOS QUE SE ACREDITAN

1. Licenciatura en xeografía e historia, especialidade en biblioteconomía...

Diplomatura en biblioteconomía...

2. Traballo remunerado en bibliotecas públicas dependentes do Estado, da Xunta de Galicia ou doutras autonomías, concellos, deputacións e bibliotecas universitarias.

-Número de meses remunerados ata un máximo de 12...

3. Traballo remunerado noutros tipos de bibliotecas ou traballo non remunerado en calquera tipo delas:

-Número de meses remunerados ou non remunerados ata un máximo de 10...

4. Cursos de biblioteconomía, bibliografía, documentación, historia do libro e informática aplicada ás bibliotecas

a) Organizados por organismos públicos, universidades ou agrupacións profesionais

-Número de cursos con duración superior a 250 horas ata un máximo de 3...

-Número de cursos con duración superior a 100 horas ata un máximo de 5...

-Número de cursos con duración superior a 40 horas ata un máximo de 8...

-Número de cursos con duración inferior a 40 horas ata un máximo de 10...

b) Organizados por outros organismos

Ata un máximo de 5...

5. Número de asistencias a congresos ata un máximo de 10...

6. Número de comunicacións presentadas en congresos ata un máximo de 4...

7. Publicacións relacionadas coa biblioteconomía, bibliografía, documentación e historia do libro

-Número de libros ata un máximo de 3...

-Número de artigos ata un máximo de 4...

8. Cursos de galego

-Iniciación...

-Perfeccionamento...

9. Doutorado na especialidade de biblioteconomía...

ANEXO III

RELACIÓN DE DESTINOS DAS BOLSAS DE BIBLIOTECONOMÍA

A Coruña:

Biblioteca Pública Miguel González Garcés: 3 bolseiros.

Centro de Documentación do C.G.A.I. (Centro Galego de Artes e Imaxe): 1 bolseiro.

Santiago de Compostela:

Biblioteca Pública: 1 bolseiro.

Centro Superior Bibliográfico de Galicia: 1 bolseiro.

Lugo:

Biblioteca Pública: 4 bolseiros.

Ourense:

Biblioteca Pública: 4 bolseiros.

Pontevedra:

Biblioteca Pública Antonio Odriozola: 4 bolseiros.

1506