Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 08 de marzo de 1996 Páx. 2.004

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 5 de marzo de 1996 pola que se determinan os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios do persoal da empresa Amalis, S.A., concesionaria do servicio de limpeza do hospital do Meixoeiro, durante a folga convocada para os días 11, 12, 13, 18, 19, 20, 21, 25, 26, 27 e 28 de marzo de 1996.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño de 1988), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde e diante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta o persoal dependente da empresa Amalis S.A., concesionaria do servicio de limpeza do hospital do Meixoeiro, que presta os seus servicios no dito centro sanitario, que se levará a efecto os días 11, 12, 13, 18, 19, 20, 21, 25, 26, 27 e 28 de marzo de 1996, oido o comité de folga, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

A convocatoria de folga que afecta o persoal dependente da empresa Amalis, S.A., concesionaria do servicio de limpeza do hospital do Meixoeiro, que presta os seus servicios no dito centro sanitario, que se levará a efecto os días 11, 12, 13, 18, 19, 20, 21, 25, 26, 27 e 28 de marzo de 1996, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen no anexo desta orde.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada hixiene do hospital, en evitación de que se produzan graves prexuízos para os usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga, coa adecuada atención ós usuarios do centro que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

Entrando na análise dos criterios da determinación dos servicios mínimos, pódese sinalar que para a súa fixación se tivo en conta a necesidade de manter unha porcentaxe da actividade imprescindible e como tal irreductible para cubri-las necesidades de limpeza do centro. E para garantir tal actividade de aseguramento da hixene necesaria no hospital, requírese a presencia de vinte traballadores na quenda de mañá, dezasete na quenda de tarde e un na de noite.

Convén precisar que o número de efectivos determinado constata unha reducción do total dos efectivos existentes en presencia física durante os días da folga para que, deste xeito, non se empeza o lexítimo exercicio do dereito de folga. Por iso, na súa concreción tívose en conta a ineludible necesidade de cubrir fundamentalmente as áreas de carácter asistencial coa conseguinte maior reducción dos efectivos en áreas ou servicios non asistenciais.

Xa que logo, non cabe facer unha mera extrapolación porcentual de carácter absoluto sobor o cadro de persoal efectivo en presencia física sen atende-los mentados criterios de atención preferente ás áreas asistenciais e maior flexibilidade respecto ás outras áreas ou servicios do centro.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios será feita pola dirección da empresa Amalis S.A., procedéndose á súa publicación nos taboleiros de anuncios do centros de traballo.

Artigo 3º

Os prazos e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados no anexo serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo de 1977).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia das garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 1996.

José Manuel Romay Becaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO I

Quenda de mañáQuenda de tardeQuenda de noite

15 limpadores15 limpadores1 limpador

5 peóns2 peóns

1213