Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 08 de marzo de 1996 Páx. 1.996

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 22 de febreriro de 1996 pola que se convocan subvencións a empresas editoriais para apoia-la edición do libro en galego, a traducción para o galego, e a edición noutras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego.

O libro editado en galego estase a normalizar nestes últimos anos. O traballo realizado por parte dos profesionais do libro foi intenso e fructífero, e por iso as nosas edicións acadaron niveis comparables ás do resto do Estado, non só en presentación, deseño e tiradas, senón tamén no que respecta ós contidos. A completa normalización da nosa lingua precisa aínda do esforzo conxunto das empresas do sector e da axuda da Consellería de Cultura en razón da súa responsabilidade no desenvolvemento da cultura escrita. Ademais disto, entre as publicacións destes últimos anos obsérvanse carencias ás que a iniciativa privada por si soa é incapaz de atender. O aínda reducido mercado, a competencia noutras linguas e os elevados prezos de producción fan moi difícil a publicación en galego de libros das características mencionadas.

A Consellería de Cultura, consciente da capacidade da nosa lingua para ser portadora de calquera mensaxe, considera importante para os galegos, ter acceso ás obras de creación escritas noutras linguas e, ó mesmo tempo, tendo en conta a calidade que a literatura galega ten acadado nos últimos anos, é tamén importante para nós que as obras escritas en galego poidan ser lidas por outros pobos con lingua de seu, para, deste xeito, dar a coñece-la nosa literatura e a nosa cultura fóra de Galicia. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse subvencións a empresas do sector editorial para apoia-la edición en galego, a traducción para o galego, e a traducción e edición noutras linguas de obras escritas orixinariamente en galego.

As subvencións concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.353.A.770, dos orzamen

tos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, e terán carácter plurianual naqueles casos nos que así se faga constar nas bases específicas que acompañan esta orde.

Artigo 2º

2.1. Poderán optar a estas subvencións as empresas editoriais que cumpran os requisitos esixidos nesta orde.

2.2. Non poderán solicitar aqueles editores que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura e non xustificasen o seu investimento.

Artigo 3º

As solicitudes formuladas ó abeiro da sección A) da Orde do 2 de xaneiro de 1995 (subvencións a obras xa editadas en lingua galega), ás que non lles foi concedida a axuda peticionada, serán tidas en conta na presente convocatoria, salvo indicación do interesado en sentido contrario, dirixida ó conselleiro de Cultura. A tramitación dos expedientes continuará dende o trámite no que se atopaba ó remate do exercicio anterior.

Artigo 4º

Os editores que desexen acollerse ós beneficios desta orde elevarán petición, por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, segundo modelo que figura como anexo desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Cultura ou nas delegacións provinciais dela, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

1. Declaración xurada, asinada polo presidente ou director da empresa, especificando número de contratos da empresa acollidos ó réxime xeral da Seguridade Social así como calquera outro tipo de axuda ou subvención obtida ou solicitada para financia-lo proxecto editorial de calquera Administración pública ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais (a esta declaración xuntaranse fotocopias dos correspondentes documentos TC1 e TC2 da última cotización á Seguridade Social, se procede).

2. Se o solicitante é unha persoa física, documento nacional de identidade. Se o solicitante é unha persoa xurídica, acreditación da personalidade e da súa representación, mediante fotocopia compulsada da escritura pública de constitución ou modificación, se é o caso, da sociedade, e do poder notarial correpondente, ámbolos dous documentos debidamente inscritos no Rexistro Mercantil.

3. Fotocopia da cédula de identificación fiscal ou do número de identificación fiscal, no caso de persoas físicas.

4. Certificación bancaria.

5. Fotocopia do último recibo do imposto de actividades económicas.

6. Catálogo da producción realizada pola editorial, así como documentación acreditativa dunha actividade editorial ininterrompida mínima de dous anos.

A documentación relacionada nos apartados 1 a 6 do deste artigo presentarase unha soa vez, engadiráselle a documentación prevista nas bases específicas para a concesión das subvencións.

Artigo 5º

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Cultura, e o director xeral de Cultura elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Cultura quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 6º

Na valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos:

-Nivel de cumprimento de anteriores compromisos de edición o incumprimento deles poderá ser razón para a denegación da subvención.

-Importancia do fondo editorial en galego ou relacionado con Galicia do editor solicitante.

-Calidade das obras contidas no dito catálogo.

-Esforzo que supón para o editor a incidencia da obra en ámbitos de especial importancia cultural pero pouca demanda comercial.

-Importancia do investimento realizado en capital e en persoal pola propia empresa arredor do libro galego.

-Continuidade dentro dunha colección.

Artigo 7º

7.1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

7.2. A Consellería de Cultura comunicarálle-la resolución do conselleiro ós solicitantes, que quedarán obrigados a xustifica-las subvencións concedidas.

7.3. Os beneficiarios farán constar en cada obra que esta recibiu unha subvención da Consellería de Cultura -Dirección Xeral de Cultura, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

7.4. Recibidos os exemplares e a documentación á que se fai referencia nas bases específicas para a concesión das subvencións, a Dirección Xeral de Cultura, de atopalos conformes, proporá o libramento dos fondos, de acordo co calendario sinalado nas ditas bases.

7.5. O libramento do importe da subvención realizarase de acordo coa normativa orzamentaria aplicable, esixíndose certificacións expresas de non ter

contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia, e de estar ó corrente nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

Artigo 8º

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura instruirá expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houber, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 9º

De non se notificar resolución favorable no prazo de tres meses a partir da presentación da solicitude, darase por desestimada a petición, podendo o solicitante a partir desta data retira-la documentación presentada, durante os 30 días seguintes a ela. Transcorrido este prazo, arquivarase sen máis trámite.

A documentación que deba xuntarse á solicitude ou que sexa requirida, no seu momento, para a tramitación do expediente presentarase en orixinal ou fotocopia compulsada.

Bases específicas para a concesión das subvencións.

A) Subvencións a obras xa editadas en lingua galega.

A.1. As obras deberán estar publicadas en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15 de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

A.2. A contía de cada subvención non poderá supera-la cantidade de 450.000 (catrocentas cincuenta mil) pesetas por libro, consistindo no equivalente ó 75% do prezo de venda ó público (sen IVE) dun máximo do 10% dos exemplares editados, ata un límite de 300. Os libros de lectura infantís e xuvenís, un máximo do 20% dos exemplares editados, ata un límite de 500.

A.3. As solicitudes deberán presentarse antes do 10 de setembro de 1996.

A.4. Ademais da documentación solicitada no artigo 4º da presente orde, deberá presentar:

-Constancia documental da existencia dun contrato debidamente asinado co autor, que respetará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Un exemplar da obra para a que se solicita subvención.

-Un certificado de tirada.

A.5. Para que un libro poida optar a estas subvencións terá que cumpri-las seguintes condicións:

-Ter como mínimo 50 (cincuenta) páxinas, agás os libros infantís.

-Posuí-lo número de ISBN e depósito legal definitivo, debendo estar feito o depósito de exemplares previsto no Decreto 36/1991. O depósito legal terá data posterior ó 10 de outubro de 1995.

A.6. Non poderán acollerse ás subvencións desta orde:

-As publicacións destinadas a uso escolar, quer como libro de texto, quer como material complementario.

-As que non sexan primeiras edicións estrictas, incluídas as versións críticas ou comentadas de obras xa editadas con anterioridade.

-As obras subvencionadas en máis dun 30% con fondos públicos.

-As publicacións de difusión gratuíta.

-As que carezan de contrato de dereitos de autor.

-As que teñan un prezo de venda ó público (incluído IVE) superior a 3.750 ptas.

A.7. Para xustifica-las subvencións concedidas deberán entregarse, nun prazo de quince días contados a partir da comunicación da resolución, os exemplares equivalentes á subvención concedida.

B) Subvencións para editar obras de carácter non literario, obras orixinais galegas ilustradas en color e grandes proxectos editoriais.

B.1. Estas subvencións poderán ter carácter plurianual, segundo o disposto no Art. 58 da Lei 11/1992, do sete de outubro, de réxime financeiro e presupostario da Xunta de Galicia, podendo a consellería comprometer outras fases do proxecto editorial, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias.

A contía a pagar para cada anualidade librarase logo de xustificación, antes do 1 de novembro de cada exercicio, do investimento relizado nela. No último ano presentarase tamén certificación da tirada realizada e a copia do contrato definitivo co autor ou autores, debidamente asinado por ámbalas dúas partes, así como o correspondente número de exemplares da obra subvencionada.

B.2. As obras que se subvencionen publicaranse en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15 de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

B.3. O importe de cada subvención establecerase, de acordo coa dispoñibilidade orzamentaria, nunha cantidade equivalente ó 75% do prezo de venda ó público para un número de exemplares que oscilará entre o 5% e o 50% da tirada prevista. A contía fixada na resolución poderá ser revisada á baixa polo órgano responsable da concesión da axuda, se o prezo de venda ó publico e a tirada definitiva certificada non concordasen cos inicialmente declarados na solicitude.

B.4. As solicitudes deberán presentarse no prazo de 30 días naturais contados a partir do seguinte

ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

B.5. Ademais da documentación solicitada no artigo 3º da presente orde, presentarase:

-Calendario de investimentos e plan de traballo que se vai desenvolver para cada proxecto editorial.

-Número de espacios mecanografados ou matrices de que constará a obra proxectada, e características técnicas do proxecto de edición.

-Modelo de contrato que a editorial asinaría co autor ou autores da obra e que respetará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Un exemplar completo da obra para a que se solicita subvención.

-Previsión de tirada e prezo de venda ó público.

C) Subvencións para a traducción de obras escritas e publicadas orixinariamente en lingua distinta do galego.

C.1. Estas subvencións poderán ter carácter plurianual, segundo o disposto no Art. 58 da Lei 11/1992, do sete de outubro, de réxime financeiro e presupostario da Xunta de Galicia; a consellería poderá comprometer outras fases do proxecto editorial, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias.

A contía que se vaia pagar para cada anualidade librarase logo de xustificación do investimento relizado nela, antes do 1 de novembro de cada exercicio. No último ano presentarase tamén o xustificante do pagamento realizado ó traductor, se este non fora presentado xa no primeiro ano, así como 5 exemplares da traducción editada.

C.2. As obras publicaranse en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15 de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

C.3. A subvención consistirá no pagamento da traducción segundo as tarifas da Asociación de Traductores Galegos. En todo caso non será superior a 1.000.000 (un millón) de pesetas por título e/ou volume.

C.4. As solicitudes deberán presentarse no prazo de 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

C.5. Ademais da documentación solicitada no artigo 3º da presente orde deberá presentarse:

-Calendario de investimentos e plan de traballo que se vai desenvolver para cada proxecto editorial.

-Modelo de contrato que a editorial asinaría co traductor da obra e que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Un exemplar completo da obra para a que se solicita subvención.

-Xustificante, se houbese lugar, de te-los dereitos precisos para a publicación da obra.

D) Subvencións para editar noutras linguas obras publicadas orixinariamente en galego.

D.1. Estas subvencións poderán ter carácter plurianual, segundo o disposto no Art. 58 da Lei 11/1992, do sete de outubro, de réxime financeiro e presupostario da Xunta de Galicia; a consellería poderá comprometer outras fases do proxecto editorial, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias.

A contía a pagar para cada anualidade librarase logo da xustificación do investimento relizado nela, antes do 1 de novembro de cada exercicio. No último ano presentarase tamén o xustificante do pagamento realizado ó traductor, se este non fora presentado xa no primeiro ano, así como 15 exemplares da traducción editada.

D.2. A contía de cada subvención será de 3.000 a 4.000 (tres mil a catro mil) ptas. por páxina para as obras que se vaian editar en linguas da Península Ibérica, e de 4.000 a 5.000 (catro mil a cinco mil) pesetas por páxina para as obras que se editen nas outras linguas do mundo, ata un máximo, en tódolos casos, de 950.000 (novecentas cincuenta mil) pesetas por obra. Tómase como páxina tipo a de 1.800 caracteres e para a realización do cómputo utilizarase o libro editado en galego.

D.3. As solicitudes deberán presentarse no prazo de 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

D.4. Ademais da documentación solicitada no artigo 3º da presenta orde, deberá presentar:

-Calendario de investimentos e plan de traballo que se vaia desenvolver para cada proxecto editorial.

-Modelo dos contratos que a editorial asinaría co autor, autores ou traductor da obra e que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Un exemplar da obra para a que se solicita subvención.

-Acordo da editorial detentadora dos dereitos en lingua galega para a cesión destes dereitos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Cultura para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 1996.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

Sr. Director Xeral de Cultura

1793