Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 08 de marzo de 1996 Páx. 1.990

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 15 de xaneiro de 1996 pola que se convocan cursos de iniciación e de perfeccionamento de lingua galega para o persoal das administracións públicas de Galicia.

A Lei 3/1983, de normalización lingüística, recollendo o que dispoñen a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia, establece que o galego é lingua oficial en Galicia. En consonancia con isto, recoñécelles ós cidadáns o dereito de usalo, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración pública no ámbito territorial da Comunidade Autónoma. Ademais, para facer efectivo ese dereito, mándalles ós poderes públicos autonómicos que vaian capacitando progresivamente no uso do galego o persoal que traballa ó servicio da Administración pública e das empresas de carácter público en Galicia.

Entre as funcións e competencias da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, determinadas polo Decreto 232/1994, figura a promoción e o ensino da lingua galega, concretados, ademais de noutros campos, na coordinación de cursos de formación de lingua galega dirixidos, entre outros colectivos, ós funcionarios públicos. A capacitación lingüística en galego do persoal ó servicio das Administracións públicas de Galicia tamén é un dos fins da Escola Galega de Administración Pública, segundo o establece a Lei 10/1989.

Por outra banda, os cursos de lingua galega reguláronse mediante a orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 1 de marzo de 1989.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Artigo 1º

1.-Convócanse, en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública, os cursos de iniciación e de perfeccionamento de lingua galega que a seguir se relacionan:

Lugar de

celebración

Tipo de cursoData de

comezo

HorariosPrazas

A Coruñaimarzo8-9.3030
ioutubro8-9.3030
pmarzo13.30-1530
poutubro13.30-1530
Lugoimarzo8-9.3030
ioutubro8-9.3030
pmarzo13.30-1530
poutubro13.30-1530
Ourenseimarzo8-9.3030
ioutubro8-9.3030
pmarzo13.30-1530

Lugar de

celebración

Tipo de cursoData de

comezo

HorariosPrazas

poutubro13.30-1530
Pontevedraimarzo8-9.3030
ioutubro8-9.3030
pmarzo13.30-1530
poutubro13.30-1530
Santiago de

Compostela

imarzo8-9.3030
ioutubro8-9.3030
pmarzo13.30-1530
poutubro13.30-1530
Vigoimarzo8-9.3030
ioutubro8-9.3030
pmarzo13.30-1530
poutubro13.30-1530

2.-Para a celebración destes cursos existe crédito suficiente con cargo á partida 07.06.353F.640.10, correspondente ó orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

Artigo 2º

Os cursos van dirixidos ó persoal que realiza funcións administrativas nas diferentes administracións públicas de Galicia. Reservarase o 75% das prazas para o persoal da Administración autonómica galega.

Artigo 3º

1.-As solicitudes, utilizando o modelo que figura como anexo a esta orde, presentaranse nas seguintes dependencias: o persoal que preste os seus servicios en Santiago e na súa comarca, no rexistro xeral da Escola Galega de Administración Pública. O resto do persoal, no rexistro da Delegación da Consellería da Presidencia e Administración Pública correspondente á provincia na que presta os seus servicios. En ámbolos dous casos é de aplicación o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2.-Os que aspiren a participar nos cursos de perfeccionamento engadiranlle ó modelo de solicitude unha copia compulsada da certificación que acredite que teñen superado ou validado o curso de iniciación.

3.-O prazo de presentación das solicitudes será:

-Para os cursos que se inicien en marzo, quince días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta Orde no Diario Oficial de Galicia.

-Para os cursos que comecen en outubro, ata o 19 de setembro.

Artigo 4º

1.-Os criterios de selección dos participantes axustaranse ó previsto na resolución da Escola Galega de Administración Pública do 27/6/1994 (DOG nº 149, do 3/8/1994).

2.-As listas de seleccionados para participar nos cursos faranse públicas ós seis días hábiles do remate do prazo de presentación das solicitudes, nos taboleiros de anuncios da Escola Galega de Administración Pública, da Oficina de Información Administrativa e Atención ó Cidadán da Consellería da Presidencia e Administración Pública e das delegacións provinciais desa mesma consellería.

3.-A data exacta de comezo notificaráselles directamente ós seleccionados.

4.-Os cursos que se celebren en Santiago impartiranse nos locais da Escola Galega de Administración Pública. Os das demais localidades especificadas no artigo 1º impartiranse nos lugares que determine o gabinete de normalización lingüística de cada delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 5º

1.-Os cursos terán unha duración de 75 horas e responderán ós contidos sinalados na orde do 1 de marzo de 1989, pola que se regulan os cursos de iniciación e de perfeccionamento.

2.-A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia de cada un dos asistentes non poderá ser superior ó 10% da duración total do curso.

3.-A avaliación que se efectúe nestes cursos deberá responder ós principios de formativa e continua, e terá en conta o dominio oral e escrito do idioma, aplicándose as probas necesarias. Ó remate do curso, ós asistentes que superaron as distintas fases da avaliación outorgaráselles un certificado coa cualificación de "apto".

Artigo 6º

Tódalas actividades que se realicen nestes cursos faranse segundo o establecido na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (disposición adicional) e no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, sobre a normativización da lingua galega.

Disposición derradeira

1.-Autorízase o director xeral de Política Lingüística para dicta-las instruccións que sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

2.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 1996.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

96-1216