Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 08 de marzo de 1996 Páx. 1.980

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 8 de xaneiro de 1996 pola que se anuncian subvencións para a creación de establecementos de turismo rural.

A situación das actividades primarias existentes no noso espacio rural, cunhas grandes fluctuacións debido á moi forte dependencia que estas economías teñen, basicamente, da natureza e do clima, provoca que non se poidan manter comunidades economicamente eficientes, e iso determina un continuo éxodo da poboación que leva consigo, consecuentemente, o abandono de vellas casas e construccións perfectamente integradas no medio e na paisaxe. Para corrixi-las ditas fluctuacións económicas, e, se é o caso evitalas, é conveniente poñer en práctica unha estratexia definida por unha política de diversificación da economía local e para isto é preciso fomentar alternativas de investimento que determinen a creación de novos postos de traballo así como un incremento das rendas familiares, feitos que deben de redundar na mellora da calidade de vida das comunidades rurais, así como na creación das circunstancias axeitadas que lles permitan volver á súa terra ás xentes que o desexen.

A actividade turística é un dos vieiros para acada-los obxectivos sinalados xa que as actuais tendencias da demanda turística van cara ó consumo de novos productos que se caracterizan polo seu poder desestacionalizador e descentralizador e capacidade para promover un turismo sostible, circunstancia que obriga á procura dun desenvolvemento turístico efectivo no rural.

Galicia posúe os elementos precisos para este tipo de actividade ó existir unha serie de construccións cun grande valor cultural como son os pazos, mosteiros, castelos, casas grandes e mesmo antigas casas rectorais, elementos que debidamente acondicionados poden ser destinados a un uso turístico dentro do denominado «turismo rural» pero, ante todo, deben de significar unha importante achega á calidade da oferta e consecuentemente ó desenvolvemento económico da zona. Por iso o acondicionamento destas construccións tense que realizar a través de proxectos que afonden no coñecemento da historia e do lugar, que permitan resultados axeitados ó medio e ó tempo, respectuosos coas estructuras das edificacións, garantindo autenticidade e calidade nas intervencións e procurando un equilibrio entre o inmoble, o lugar e o seu novo uso, fuxindo do mesmo xeito do folclorismo ca do intervencionismo.

Así mesmo e ante a imposibilidade legal xurdida ós titulares dos establecementos de turismo rural beneficiarios de subvencións concedidas ó abeiro da orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 4 de xaneiro de 1995 pola que

se anuncian subvencións a empresas privadas para o fomento do turismo rural e a modernización de balnearios para lle daren cumprimento ó requisito establecido no artigo 8º.3.6. da antedita orde articúlase un novo mecanismo legal coa única finalidade de garanti-lo compromiso que se expresa no artigo 3º.c).2 da orde mencionada.

Por todo isto e con cargo ós créditos orzamentarios da Secretaría Xeral para o Turismo que foron aprobados para esta finalidade e seguindo os criterios básicos sobre o réxime de incentivos ó investimento productivo en Galicia sinalados no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse unhas axudas destinadas a fomenta-lo turismo rural e polo tanto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Destinatarios.

A Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia poderalles conceder subvencións con cargo á aplicación 04.05.651-A.770.0 dos seus créditos orzamentarios para 1996 ás persoas físicas e xurídicas propietarias das construccións nas que se poidan realiza-los investimentos obxecto de subvención, segundo o sinalado no artigo 2º desta orde.

As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin e así mesmo, cando as subvencións concedidas teñan carácter plurianual, observarase ó que dispón o artigo 36.dous.B).2º.f) da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, para os efectos do pagamento correspondente á anualidade do presente exercicio.

Artigo 2º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, consonte o establecido nesta orde, os investimentos relativos á rehabilitación ou restauración de construccións situadas nos espacios rurais, sempre que polas súas características permitan a oferta de aloxamentos e outros servicios complementarios e estean encadradas, seguindo o sinalado nos artigos 2º e 3º da orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 2 de xaneiro de 1995, pola que se establece a ordenación dos establecementos de turismo rural, na modalidade de hospedería dos grupos A ou B.

Considerarase investimento subvencionable tanto a execución material de obra como a redacción dos proxectos e a dirección de obra; non será subvencionable o mobiliario nin as taxas e impostos legalmente esixibles.

Artigo 3º.-Condicións particulares.

Ademais do establecido na antedita Orde do 2 de xaneiro de 1995, os investimentos que se subvencionen deberán cumpri-las seguintes condicións:

a) Os proxectos serán de rehabilitación ou restauración, non de construcción ex novo, mantendo

e recuperando a memoria histórica do inmoble e o seu contorno. Deberán ser respectuosos coa estructura da edificación nas súas relacións co lugar, e respectaranse tamén os seus usos tradicionais e a sectorización segundo as plantas. Manteranse volumes e formas preexistentes e proporanse materiais e acabados propios de zona e das condicións do inmoble. Recuperaranse as estructuras tradicionais cos requirimentos técnicos esixibles. Terase especial coidado na resolución da cuberta, lucernas e elementos auxiliares, así como no tratamento de fachadas. O proxecto deberá propoñer solucións en canto á potabilidade da auga, a evacuación dos residuos e o seu tratamento.

b) Os proxectos serán globais, é dicir, comprenderán tódalas obras e instalacións, non só as pertencentes á propia edificación senón tamén, se é o caso, ás da contorna afecta á propiedade do predio debéndose respecta-las características peculiares do medio rural galego.

c) A superficie pechada destinada a habitacións ( e os seus baños), non poderá ser maior cá destinada a espacios comúns (salóns, comedor, biblioteca, cociña, etc.) sen contar espacios de circulación.

d) Os investimentos que sexan obxecto de subvención terán que comezarse durante o ano 1996 e estar rematados con tempo dabondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde, aínda que tamén poden ser subvencionados os proxectos iniciados con anterioridade, sempre e cando os solicitantes acheguen certificación valorada das obras realizadas, asinada por técnico facultado e visada polo correspondente colexio oficial.

No caso dos proxectos que foron subvencionados ó abeiro da orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 4 de xaneiro de 1995 (DOG nº 40, do 27-2-1995) e nos que cumpriu parti-la execución, no caso de seren subvencionados no presente exercicio, deberán axusta-lo proxecto ós requerimentos que se sinalan na presente norma, sempre que tecnicamente sexa posible e non se requira destruí-lo xa restaurado.

e) Os titulares dos establecementos de turismo rural subvencionados adquiren os seguintes compromisos:

1. Solicita-la autorización de apertura ante a Administración turística nun prazo máximo de tres meses contados a partir da data da xustificación final do investimento.

2. Mante-la súa actividade durante un período mínimo de quince anos, contados desde a data de concesión de autorización de apertura expedida pola Administración turística pois en caso contrario e seguindo o sinalado no artigo 78.5º.c) da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, os beneficiarios quedan obrigados a devolve-lo importe da subvención reci

bida cos correspondentes xuros de demora ó tipo que sinale a Lei de orzamentos xerais do Estado do exercicio correspondente.

3. Oferta-los seus servicios mediante prezos semellantes ós que operan no mercado desta Comunidade Autónoma para os establecementos análogos, sen prexuízo do disposto na lexislación vixente sobre prezos.

f) A titularidade dos establecementos de turismo rural que se subvencionen terá que ostenta-la propiedade da vivenda obxecto de subvención. No caso de persoas físicas, a responsabilidade da xestión da explotación destes establecementos corresponderalle ó seu titular, agás nos casos de xubilación deste, onde a dita xestión poderá ser desenvolvida por outra persoa sempre que resida tamén na vivenda subvencionada; no caso de enfermidade grave, tamén poderá ser substituída provisionalmente por outra persoa aínda que non resida na mesma vivenda.

Cando se trate de persoas xurídicas, a responsabilidade da xestión de explotación destes establecementos corresponderalle a unha persoa física con residencia na vivenda obxecto de subvención e con poder dabondo para exercer esta responsabilidade; o dito poder terá que plasmarse en escritura pública.

g) Os proxectos que se subvencionen terán que darlle publicidade á colaboración da Secretaría Xeral para o Turismo, tanto durante a realización das obras como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá en sitio ben visible. As características do dito cartel, así como a súa localización e contido, serán indicados polos Servicios Provinciais de Turismo. Os custos correspondentes da dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

h) Os proxectos que se subvencionen terán que cumpri-lo disposto no Decreto 286/1992, do 8 de outubro (DOG do 21-10-1992), sobre accesibilidade e eliminación de barreiras.

Artigo 4º.-Contía das subvencións.

1. Os proxectos que se recollen nesta orde como accións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de ata o 50% do orzamento de investimento subvencionable pero en todo caso a contía máxima da subvención será:

-Para os proxectos de pazos, castelos, mosteiros, casas grandes e casas rectorais, un millón seiscentas mil pesetas por praza de aloxamento ofertada ó público. Se o proxecto prevé a creación dun restaurante engadiráselle á contía anterior cento cincuenta mil pesetas por praza de aloxamento ofertado.

-Para os proxectos de «casa de aldea», un millón duascentas cincuenta mil pesetas por praza de aloxamento ofertada ó público. Se o proxecto prevé a creación dun restaurante engadiráselle á contía anterior cen mil pesetas por praza de aloxamento ofertada.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes, dirixidas o secretario xeral para o Turismo, maila documentación que de seguido se especifica presentaranse, por duplicado exemplar, no Servicio Provincial de Turismo correspondente á localización do investimento, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Declaración segundo o modelo do anexo II.

c) Fotocopia compulsada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

d) Informe urbanístico emitido polo concello sobre as condicións que debe cumpri-la execución do proxecto para que este sexa conforme coa legalidade urbanística vixente.

e) Certificación bancaria da conta onde se aboará a subvención, se é o caso.

f) Proxecto básico asinado por arquitecto no que faga consta-lo seu número de colexiado, e no que se comprenda, obrigatoriamente:

-Memoria histórica do edificio facendo referencia á súa catalogación ou inventariado.

-Fotografías do inmoble, exteriores, interiores e do contorno.

-Memoria explicativa do proxecto e xustificación das solucións adoptadas.

-Orzamento do investimento no que se incluirá a execución material e mailo custo da redacción do proxecto e da dirección de obra.

-Plano de localización do investimento.

-Planos do estado actual e do proxecto a escala mínima 1:50.

-Indicación dos materiais e acabados propostos.

-Indicación dos mobles e equipamentos que se van instalar.

-Programa de obras no se que se determine a previsión anual de execución do investimento.

g) Para os proxectos promovidos por persoas xurídicas, achegarase copia autenticada dos seus estatutos, nos que se indicará, con dilixencia do seu secretario, que estes son os vixentes.

h) Escrito motivado do solicitante, co visto e prace do director de obra, de cando, por razóns de índole técnica e aínda sendo o importe da execución material do investimento inferior a 25.000.000 de ptas., se considere preciso executa-lo investimento en dous exercicios consecutivos.

2. Os interesados emendarán, a requerimento do correspondente Servicio Provincial de Turismo, os defectos dos expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime

xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedéndose ó arquivo, sen máis trámite, daqueles que non se cubrisen en tempo e forma.

3. Os solicitantes de subvención serán requiridos polo Servicio Provincial de Turismo para cubrir un cuestionario, para os efectos de valoración do expediente.

4. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios provinciais de Turismo.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

Ás solicitudes achegaráselle certificado dos respectivos xefes dos servicios provinciais de turismo no que se indique que o expediente de solicitude cumpre os requisitos determinados na convocatoria.

As solicitudes, logo de emitido o certificado anterior, serán estudiadas en cada provincia por unha comisión provincial de valoración constituída, cada unha delas, polo titular da Subdirección Xeral de Xestión do Turismo, que a presidirá, actuando como vocais o xefe do servicio provincial de Turismo correspondente, o xefe da área de turismo rural de Turgalicia, os xefes de servicio de contratación e supervisión, de ordenación e inspección e de fomento e promoción da Secretaría Xeral para o Turismo así como un representante da Delegación Provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública respectiva. Exercerá as funcións de secretario da comisión o xefe do servicio provincial de turismo correspondente.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

1º. A localización do investimento atendendo á súa situación, accesos, infraestructuras básicas e oferta de servicios de utilización turística así como á oferta existente de turismo rural na contorna.

2º. O estado actual e as características da construcción.

3º. As características da rehabilitación.

4º. A oferta de servicios proxectada para o establecemento.

5º. O mobiliario e os equipamentos proxectados.

6º. A xeración de postos de traballo (incluso autónomos).

7º. A relación entre a oferta de servicios e o investimento proxectado.

8º. O cuestionario a que se fai referencia no punto 2 do artigo 5º.

9º. O número de prazas ofertadas ó publico que superen as mínimas esixidas.

10º. Que o solicitante sexa beneficiario do programa «Lanza» do Instituto Galego de Promoción Económica.

11º. Non estar localizado o investimento nun municipio incluído nalgún outro programa de axuda que persiga os mesmos fins.

2. Cada comisión provincial de valoración, á vista dos expedientes e dos informes emitidos polos servicios provinciais, analizará e cualificará os proxectos, e redactará a correspondente acta que se remitirá á comisión de selección de proxectos.

3. A comisión de selección de proxectos, constituída polo titular da Subdirección Xeral de Xestión do Turismo, que a presidirá, actuando como vocais o xefe da área de turismo rural de Turgalicia e os xefes de servicio de contratación e supervisión e de fomento e promoción da Secretaría Xeral para o Turismo, á vista da análise feita e da cualificación dada ás solicitudes polas respectivas comisións provinciais de valoración e tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, elevaralle ó respectivo delegado provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública proposta de concesión de subvención. Actuará como secretario desta comisión o sinalado xefe do servicio de fomento e promoción.

4. O delegado provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública, no exercicio das competencias que lle atribúe o Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, vista a proposta elevada pola comisión de selección de proxectos, dictará as resolucións de concesión ou, se é o caso, de denegación de subvencións.

Esta resolución determinará a aplicación en dous anos consecutivos do importe da subvención concedida, con cargo ós orzamentos xerais de Galicia para 1996 e 1997, ou cando o importe da execución material de obra sexa superior a 25.000.000 de ptas. ou razóns de índole técnica de execución do investimento subvencionado así o aconsellen.

5. De conformidade co establecido no Decreto 264/1994, do 29 de xullo, entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaía resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data do rexistro de entrada da solicitude.

Artigo 7º.-Aceptación e renuncia das subvencións.

1. Unha vez recibidas as notificacións de concesión de subvención polos beneficiarios, estes, no prazo de quince días naturais, comunicaranlle ó Servicio Provincial de Turismo correspondente a aceptación ou renuncia a elas. Se transcorridos os sinalados quince días non se fisexe manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

2. No prazo de dous meses desde a aceptación da subvención, os beneficiarios presentarán no Ser

vicio Provincial de Turismo correspondente a seguinte documentación:

a) Proxecto definitivo da acción subvencionada visado polo correspondente colexio oficial, acorde coa resolución de concesión.

b) Licencia urbanística de obras, expedida polo concello e con referencia explícita ó proxecto subvencionado, na que se indique que aquela é para rehabilitación ou restauración dunha edificación para establecemento de turismo rural. Excepcionalmente, e por razóns non imputables ó interesado, poderase apraza-la presentación deste documento.

c) Fotocopia compulsada do documento que acredite que o solicitante é propietario do predio obxecto de rehabilitación. No caso de existir propiedade pro-indivisa, deberá achegarse poder notarial dos copropietarios, outorgándolle representación ó solicitante, que deberá ser un deles, para actuar neste procedemento e asumi-los compromisos derivados do establecido nesta orde.

d) Fotocopia compulsada de documento acreditativo de constitución de empresa.

Se transcorridos os ditos dous meses non se cumprise algunha das condicións anteriores procederase sen máis trámite ó arquivo do expediente.

3. Se por calquera motivo, e durante o exercicio económico, houbese máis crédito orzamentario para a concesión de subvencións obxecto desta orde, o correspondente delegado provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública, vista a proposta que formule a comisión de selección de proxectos poderá conceder subvencións ós expedientes que non a recibisen e teñan cualificación dabondo, segundo os acordos das correspondentes comisións provinciais de valoración.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude da presente orde se o importe da subvención se atribuíu en dúas anualidades estes terán como data límite para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

-Fase de 1996: 15 de novembro de 1996.

-Fase de 1997: 31 de xuño de 1997.

Nos outros casos, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberán xustificalo o antes posible e nunca con posterioridade ó 15 de novembro de 1996, data límite da presentación da xustificación.

2. O proxecto xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3. Para percibi-la subvención os beneficiarios achegaranlle ó Servicio Provincial de Turismo correspondente, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobro segundo o modelo do anexo III.

3.2. Certificación por conceptos, asinada polo técnico director de obra e visada polo correspondente colexio oficial, relativa á obra executada coa súa valoración, no caso de obra rematada achegarase tamén certificado de fin de obra, visado polo colexio oficial.

3.3. Certificados de estar ó corrente nas súas obrigas tributarias coas facendas do Estado e a da Comunidade Autónoma e de estar ó corrente nas obrigas coa Seguridade Social. Así mesmo deberase acreditar documentalmente estar ó corrente no imposto sobre actividades económicas.

3.4. Licencia urbanística de obras, no caso de que non se achegase con anterioridade por causas excepcionalmente autorizadas.

3.5. Certificación de residencia do titular, emitida polo concello da localización do investimento subvencionable, se o solicitante é persoa física; e certificación expedida polo Rexistro Mercantil, sobre o domicilio social da empresa no concello da localización do investimento subvencionado, se é persoa xurídica.

3.6. Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recolla o compromiso a que se fai referencia no artigo 3º.e).2 da presente orde.

Por outra banda, no caso de ser beneficiario dunha subvención plurianual e cando se solicite o pagamento da anualidade de 1996, ademais da documentación indicada no apartado 3 do presente artigo, deberase remitir tamén a documentación á que se fai referencia no artigo 36.Dous.B).2 da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996 (DOG nº 249, do 30-12-1995).

4. Para o non previsto anteriormente haberá que aterse ó disposto nesta materia na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1996 e nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional

Para a acreditación do compromiso expresado no artigo 3º.c).2 da orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 4 de xaneiro de 1995 pola que se anuncian subvencións a empresas privadas para o fomento do turismo rural e a modernización de balnearios e que adquiriron os titulares

dos establecementos de turismo rural beneficiarios de subvencións concedidas ó abeiro da sinalada orde, tamén se poderá facer mediante acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recolla o dito compromiso. Rexerá tamén neste caso o establecido no artigo 3º.e).2 da presente orde con respecto á obriga do reintegro do importe da subvención e mailos correspondentes xuros de demora, para o caso de incumprimento do devandito compromiso.

Disposición derradeira

Facúltase o secretario xeral para o Turismo para dicta-las resolucións oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 1996

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

1457