Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 07 de marzo de 1996 Páx. 1.921

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO PARA AS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

REAL decreto 212/1996, do 9 de febreiro, sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servicios da Seguridade Social en materia de asistencia sanitaria encomendada ó Instituto Social da Mariña (ISM).

O artigo 149.1.16º e 17º da Constitución establece as competencias do Estado nas materias de sanidade e Seguridade Social. Pola súa vez, o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no seu artigo 33 atribúelle á Comunidade Autónoma competencias nas ditas materias.

Por outra parte, a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, establece os principios ós que se deben acomoda-las transferencias ás comunidades autónomas da xestión da asistencia sanitaria da Seguridade Social.

A comisión mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, de conformidade coas disposicións citadas e de acordo co establecido no Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro -polo que se determinan as normas e o procedemento a que se deben axusta-las transferencias de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia- adoptou, na súa reunión do día 25 de xaneiro de 1996, un acordo sobre traspaso de funcións e servicios do Instituto Social da Mariña; a súa virtualidade práctica esixe a súa aprobación polo Goberno mediante real decreto.

Na súa virtude, en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, por proposta do ministro para as Administracións Públicas e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día nove de febreiro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o acordo da comisión mixta de transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, adoptado

polo Pleno o día 25 de xaneiro de 1996, polo que se concretan as funcións e servicios da Seguridade Social que deben ser obxecto de traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de asistencia sanitaria encomendada ó Instituto Social da Mariña, e que se transcribe como anexo ó presente real decreto.

Artigo 2º

En consecuencia quedan traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios, así como os bens, dereitos e obrigas, e medios persoais que figuran nas relacións adxuntas ó propio acordo da comisión mixta, nos termos e condicións que alí se especifican, así como os créditos orzamentarios determinados segundo o procedemento establecido no propio acordo.

Artigo 3º

Os traspasos a que se refire este real decreto terán efectividade a partir do día sinalado no acordo da mencionada comisión mixta, sen prexuízo de que o Instituto Social da Mariña ou demais órganos competentes produzan, ata a entrada en vigor deste real decreto, se é o caso, os actos administrativos necesarios para o mantemento dos servicios no mesmo réxime e nivel de funcionamento que tivesen no momento da adopción do acordo.

Disposición derradeira

Única.-O presente real decreto será publicado asemade no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, e adquirirá vixencia a partir da súa publicación.

Dado en Madrid, nove de febreiro de mil novecentos noventa e seis.

Xoán Carlos R.

Juan Lerma Blasco

Ministro para as Administracións Públicas

ANEXO

Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Marín, secretarios da Comisión Mixta de Transferencias Administración do Estado-Comunidade Autónoma

de Galicia, prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia,

CERTIFICAN:

Que na sesión plenaria da comisión, celebrada o día 25 de xaneiro de 1996, se adoptou un acordo sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servicios da Seguridade Social, en materia de asistencia sanitaria encomendada ó Instituto Social da Mariña (ISM), nos termos que a seguir se expresa:

a) Referencia a normas constitucionais, estatutarias e legais nas que se ampara o traspaso.

A Constitución, no seu artigo 149.1.16º e 17º resérvalle ó Estado a competencia exclusiva sobre sanidade exterior, bases e coordinación xeral da sanidade; lexislación sobre productos farmecéuticos, así como a lexislación básica e o réxime económico da Seguridade Social, sen prexuízo da execución dos seus servicios polas comunidades autónomas.

Pola súa parte, o Estatuto de autonomía da Comunidade Autónoma de Galicia establece no seu artigo 33 o seguinte:

1. Correspóndelle á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior.

2. En materia de Seguridade Social, corresponderalle á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado, agás as normas que configuran o réxime económico dela. Correspóndelle tamén á Comunidade Autónoma a xestión do réxime económico da Seguridade Social en Galicia, sen prexuízo da caixa única.

3. Corresponderalle tamén á Comunidade Autónoma a execución da lexislación do Estado sobre productos farmacéuticos.

4. A Comunidade Autónoma poderá organizar e administrar para tales fins e dentro do seu territorio tódolos servicios relacionados coas materias antes expresadas e exercerá a tutela das institucións, entidades e fundacións en materia de sanidade e Seguridade Social, reservando o Estado para si a alta inspección conducente ó cumprimento das funcións e competencias contidas neste artigo.

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, crea o Sistema Nacional de Saúde como conxunto dos servicios de Saúde da Administración do Estado e dos servicios de Saúde das comunidades autónomas convenientemente coordinados, e establece, en concreto, na súa disposición transitoria cuarta que as posibles transferencias que se vai realizar en materia de xestión da asistencia sanitaria da Seguridade Social a prol das comunidades autónomas que poidan asumi-la dita xestión, deberán acomodarse ós principios establecidos nesta lei.

O Real decreto 1414/1981, do 3 de xullo, polo que se reestructura o Instituto Social da Mariña, regula a estructura e funcións do instituto, adscrito

ó Ministerio de Traballo e Seguridade Social, e dotado de personalidade xurídica.

O Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, establece que o Instituto Social da Mariña continuará levando a cabo as funcións e servicios que ten encomendados en relación coa xestión especial da Seguridade Social dos traballadores do mar, sen prexuízo dos demais que lle atribúen as leis reguladoras e outras disposicións vixentes na materia.

Sobre a base das anteriores previsións, é legalmente posible que a Comunidade Autónoma de Galicia ostente e faga efectivas as súas competencias en materia de asistencia sanitaria da Seguridade Social, encomendada ó Instituto Social da Mariña, polo que se procede a realizar transferencias de funcións e servicios de tal índole a ela.

B) Funcións que asume a Comunidade Autónoma e identificación dos servicios que se traspasan

1. Traspásanse á Comunidade Autónoma de Galicia, dentro do seu ámbito territorial, e nos termos do presente acordo e dos reais decreto e demais normas que o fagan efectivo, as funcións e servicios que viña realizando o Instituto Social da Mariña en materia de asistencia sanitaria da Seguridade Social recollida no apartado terceiro do artigo 2º do Real decreto 1414/1981, do 3 de xullo, e, en concreto, a asistencia sanitaria dos traballadores do mar e dos seus beneficiarios dentro do territorio nacional nos establecementos propios do Instituto Social da Mariña, así como a súa asistencia hospitalaria, con carácter xeral, servicios de especialidades e urxencias.

Así mesmo, corresponderalle á Comunidade Autónoma de Galicia a contratación, xestión, actualización e resolución dos concertos con entidades e institucións sanitarias ou asistenciais que presten servicios na Comunidade Autónoma, dentro dos límites orzamentarios.

A partir da efectividade do traspaso destas funcións, a Comunidade Autónoma de Galicia subrogarase nos concertos en vigor entre o Instituto Social da Mariña e outros organismos e entidades, ata que se extingan os ditos concertos.

A xestión dos centros, establecementos e servicios, así como das funcións que se traspasan, realizarase de acordo coa lexislación básica do Estado. Igualmente a Comunidade Autónoma suxeitarase á normativa xeral da Seguridade Social no relativo á determinación dos beneficiarios, requisitos e intensidade da acción protectora e réximes económico-financeiro e económico-administrativo.

2. Para a efectividade das funcións relacionadas, traspásanse á Comunidade Autónoma de Galicia, receptora delas, os servicios e institucións do seu ámbito territorial que se detallan nas relacións adxuntas ó acordo.

C) Funcións que reserva para si a Administración do Estado.

Como consecuencia da relación de competencias que permanecen no ámbito da titularidade estatal, a Administración do Estado exercerá as seguintes funcións e actividades:

A asistencia sanitaria dos traballadores do mar, a bordo e no estranxeiro, utilizando os seus propios medios, tales como centro radio-médico, banco de datos, centros no estranxeiro, buques sanitarios e outros que poden implantarse, ou acordando a evacución e repatriación de traballadores enfermos ou accidentados; todo isto sen prexuízo das obrigas que competen ós empresarios, de conformidade coa lexislación vixente, e dos reintegros a que estes poidan ter dereito.

A información sanitaria ó traballador do mar, educación e distribución da guía sanitaria a bordo, a práctica dos recoñecementos médicos previos ó embarque, inspección e control dos medios sanitarios a bordo e das condicións hixiénicas das embarcacións e calquera outra función de medicina preventiva e educación sanitaria que lle correspondan.

D) Funcións nas que deben concorre-la Administración do Estado e a da Comunidade Autónoma.

Desenvolveranse coordinadamente entre o Instituto Social da Mariña e a Comunidade Autónoma de Galicia, as seguintes funcións:

a) O intercambio de información en materia de asistencia sanitaria dos traballadores do mar, así como o asesoramento e cooperación con carácter permanente. En particular ámbalas dúas administracións cooperarán facilitándose, nos casos nos que se precise, a realización de consultas de especialidade, análise ou exploracións complementarias en relación co exercicio das súas respectivas funcións en materia de asistencia sanitaria ós traballadores do mar.

b) A elaboración de estudios e proxectos conxuntos, así como a realización de propostas tendentes ó perfeccionamento da acción sanitaria dos traballadores do mar e a colaboración en accións programadas de interese xeral.

c) O desenvolvemento dos programas de informática de proxección estatal e o acceso á información derivada deles.

d) O intercambio de información sobre os conflictos laborais que se poidan producir nos centros e servicios sanitarios da Seguridade Social.

e) Calquera outra que poida contribuír á mellor relación e coordinación entre a Administración do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia.

E) Réxime financeiro e orzamentario.

a) Corresponderalle á Comunidade Autónoma de Galicia elaborar anualmente o anteproxecto de gastos

de asistencia sanitaria dos servicios traspasados do Instituto Social da Mariña, referido a un período anual e ó ámbito territorial da dita comunidade.

b) O referido anteproxecto, que se adaptará á estructura e clasificación orgánica, económica, funcional e por programas, que o Ministerio de Traballo e Seguridade Social teña establecido, para o sistema da Seguridade Social, remitiráselle ó Ministerio de Traballo e Seguridade Social, xunto cos seguintes documentos:

1. Memoria explicativa.

2. Informe económico-financeiro.

c) O Ministerio de Traballo e Seguridade Social, a través dos órganos competentes, elaborará o orzamento agregado de ámbito estatal na área da súa competencia. Durante o proceso de elaboración do orzamento agregado daráselle audiencia á Comunidade Autónoma.

d) Os órganos competentes da Administración do Estado adaptarán as necesidades expostas no anteproxecto do orzamento ós recursos dispoñibles do sistema da Seguridade Social, presentándoo posteriormente ás Cortes Xerais para sometelo á súa aprobación. A distribución das dotacións totais do Instituto Social da Mariña efectuarase segundo os modelos que atendan simultaneamente a criterios de equidade, que garanta o principio de solidariedade interterritorial e á cobertura financeira dos servicios a xestión dos cales se transferiu.

e) O financiamento do custo correspondente ó traspaso asignarase e efectuarase:

Transitoriamente, polo custo real do servicio, determinado sobre a liquidación do orzamento de 1995 para o Instituto Social da Mariña e que se recolle no anexo 3 e, mentres non se efectúe esta, sobre as previsións de liquidación dispoñibles. Estes créditos serán obxecto de actualización en función dos outorgados ó Instituto Social da Mariña para asistencia sanitaria nos exercicios de vixencia transitoria do presente acordo.

Unha vez rematada a vixencia do acordo do Consello de Política Fiscal e Financeira do 21 de setembro de 1994, sobre financiamento da asistencia sanitaria prestada a través do orzamento do Insalud, o financiamento do gasto correspondente á asistencia sanitaria do Instituto Social da Mariña determinarase de conformidade cos criterios xerais que se acorden sobre o financiamento da sanidade, que recolla a asistencia sanitaria do Instituto Social da Mariña.

f) Os créditos que lle corresponden á Comunidade polos servicios traspasados do Instituto Social da Mariña instrumentaranse anualmente a favor da Comunidade Autónoma de Galicia polo Ministerio de Traballo e Seguridade Social, e garantirase unha

habilitación mensual de créditos equivalentes á doceava parte.

Os ditos créditos terán carácter limitativo.

Os compromisos de gastos que se adquiran por contía superior ó que resulta do establecido neste apartado deberán ser financiados con recursos achegados pola propia Comunidade Autónoma agás que proveñan de disposicións vinculante dictadas con carácter xeral para todo o territorio do Estado, o cumprimento do cal leve implícito un incremento efectivo do gasto.

g) A Xunta de Galicia, no exercicio das funcións de xestión dos servicios traspasados, poderá levar a cabo no orzamento de gastos asignados, conforme o parágrafo f), as modificacións orzamentarias que sexan precisas, así como, tamén, establece-las bases ou directrices da dita xestión, respectando en todo caso, agás no aspecto orgánico, os principios contidos no texto refundido da Lei 11/1977, do 4 de xaneiro, xeral orzamentaria, aprobado por Real decreto lexislativo 1091/1988, do 23 de setembro.

h) O órgano que ó respecto estableza a Xunta de Galicia será o ordenador de pagamentos con cargo ós créditos asignados conforme o establecido no parágrafo f). Os ditos pagamentos faranse efectivos polo órgano que determine a Comunidade Autónoma que poderá, para estes efectos, canalizalos a través da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

i) A partir da data de efectos do traspaso, os compromisos de gastos non recoñecidos na dita data polo Instituto Social da Mariña serán contraídos con cargo ós créditos da Comunidade Autónoma de Galicia, agás aqueles que derivados de sentencias xudiciais firmes, por actuacións anteriores a este traspaso, e de conformidade coa Lei de proceso autonómico, a Comunidade Autónoma considera que corresponden á Administración do Estado.

j) A Comunidade Autónoma de Galicia e o Ministerio de Traballo e Seguridade Social intercambiarán a información que para efectos estatísticos se estableza.

A Comunidade Autónoma de Galicia, igualmente, queda sometida ó réxime de contabilidade pública, debendo render contas das súas operacións ó Tribunal de Contas.

k) Co fin de poder elabora-las contas e balances da Seguridade Social para presentar nas Cortes Xerais, conforme o establecido no artigo 148.2º do citado texto refundido da Lei xeral orzamentaria, a Comunidade Autónoma remitiralle ó Ministerio de Traballo e Seguridade Social, para a súa consolidación e integración polos órganos competentes nas do total do sistema, a documentación contable relativa ó peche do exercicio na forma e prazos que estableza o Ministerio de Traballo e Seguridade Social, con carácter xeral para todo o territorio español.

F) Bens, dereitos e obrigas do Estado que se traspasan.

1. Traspásanselle á Comunidade Autónoma de Galicia os bens, dereitos e obrigas do Instituto Social da Mariña que corresponden ós servicios traspasados.

2. No prazo dun mes desde a efectividade deste acordo, o Goberno asinará as correspondentes actas de entrega e recepción de mobiliario, equipo e material inventariable.

3. Adscríbense á Comunidade Autónoma de Galicia os bens patrimoniais afectados ó Instituto Social da Mariña que se recollen no inventario detallado da relación adxunta número 1.

Esta adscrición enténdese sen prexuízo da unidade do patrimonio da Seguridade Social, distinto do do Estado e afecto ó cumprimento dos seus fins específicos, a titularidade dos cales lle corresponde á Tesourería Xeral da Seguridade Social.

As novas adscricións de bens á Comunidade Autónoma de Galicia, así como o cambio de destino dos xa adscritos e a retrocesión destes, se é o caso, á Seguridade Social axustaranse ó procedemento que por convenio se estableza, de acordo coa lexislación básica do Estado.

Mentres non se formalice o citado convenio, as novas adscricións de inmobles, autorizadas polo Consello de Ministros, non precisarán de formalización mediante acordo específico do Pleno da Comisión Mixta. Será suficiente, para a súa efectividade, a sinatura polos representantes autorizados da Tesourería Xeral da Seguridade Social e da Comunidade Autónoma, da correspondente acta de posta a disposición, da que se remitirá un exemplar para a súa constancia, custodia e arquivo, á Secretaría Xeral da Comisión Mixta.

G) Persoal e vacantes adscritos ós servicios e institucións que se traspasan.

1. O persoal e postos de traballo vacantes adscritos ós servicios e institucións traspasados e dos que se fai referencia nominal na relación adxunta número 2, pasarán a depender da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos legalmente previstos polo Estatuto de autonomía, e as demais normas que en cada caso resulten aplicables e nas mesmas circunstancias que se especifican na relación adxunta.

2. O Instituto Social da Mariña ou demais órganos competentes en materia de persoal notificaralles ós interesados o traspaso. Así mesmo, remitiráselles ós órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia unha copia certificada de tódolos expedientes do persoal traspasado, así como certificados de haberes referidos ás cantidades devengadas durante 1995.

H) Valoración das cargas financeiras dos servicios traspasados.

A valoración efectuada pola comisión mixta de transferencias dos créditos orzamentarios do exercicio 1995, que se transfiren á Comunidade Autónoma de Galicia e que son os que se especifican na relación adxunta número 3, ascende a un total de 5.153.767.597 pesetas, importe correspondente á previsión de liquidación orzamentaria do exercicio 1995, que deberá axustarse á liquidación definitiva e que se actualizará de conformidade co establecido no apartado E) e) deste acordo.

I) Documentación e expedientes dos servicios que se traspasan.

A entrega da documentación e expedientes dos servicios traspasados, cos correspondentes inventarios, será realizada no prazo dun mes desde a data de efectividade deste acordo.

J) Data de efectividade do traspaso.

Os traspasos de funcións e servicios obxecto deste acordo terán efectividade a partir do día 1 de marzo de 1996.

E para que así conste, expídese a presente certificación en Madrid o 25 de xaneiro de 1996. Os secretarios da comisión mixta, Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Marín. Rubricado.

CONTINUARÁ

1750