Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 07 de marzo de 1996 Páx. 1.900

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 26 de febreiro de 1996 pola que se regula a aplicación na Comunidade Autónoma do Real decreto 2190/1995, do 28 de decembro, sobre medidas de financiamento de actuacións protexibles en materia de vivenda e solo, e axudas complementarias.

Aprobado polo Consello de Ministros o Real decreto 2190/1995, do 28 de decembro, (BOE 30-decembro-1995), sobre medidas de financiamento de actuacións protexibles en materia de vivenda e solo para o período 1996-1999, en aplicación do seu artigo 60, a Comunidade Autónoma, no exercicio das súas competencias e co fin de abordar conxuntamente co Goberno central a problemática de vivenda en Galicia, asinou, o día 29 de xaneiro de 1996, un convenio marco co Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente sobre actuacións en materia de vivenda e solo durante o devandito período.

A Comunidade Autónoma de Galicia, nunha liña de continuidade dos principais obxectivos iniciados durante o rematado Plan Cuadrienal de Vivenda, que se prorrogou con algunhas variacións puntuais, mantén os compromisos naquel adquiridos, comprometéndose de novo, con cargo ós seus orzamentos, ó outorgamento de axudas económicas dirixidas fundamentalmente a adquirentes acollidos ó sistema específico de primeiro acceso á vivenda, nas súas distintas modalidades, a adquirentes de vivendas en réxime xeral con ingresos familiares ponderados igual ou inferiores a 2,5 veces o salario mínimo interprofesional, así como, de conformidade coa normativa desenvolvida para o efecto, a autoconstructores de vivendas no medio rural.

A presente orde regula a concesión das axudas establecidas no Real decreto 2190/1995 así como as que se outorgan con cargo á Comunidade Autónoma de acordo co convenio asinado e, co obxectivo de non excede-las axudas dispoñibles en vivendas a prezo taxado, establece un rexistro das promocións que queiran acollerse a esta modalidade.

Por outra banda, facendo uso das facultades que lle outorga o punto terceiro da disposición adicional primeira do devandito real decreto, tendo en conta a evolución dos factores que serviron de base á definición de áreas xeográficas homoxéneas no territorio da Comunidade Autónoma, é necesaria a modificación da inserción daqueles municipios nos que variaron claramente as condicións obxectivas que as determinaron.

Polo que dispoño:

Artigo 1º.-Ámbito.

1.-Ó Instituto Galego da Vivenda e Solo, de acordo co disposto no Decreto 2190/1995 estanlle atribuídas as competencias da Comunidade Autónoma para a concesión das axudas económicas seguintes:

a) En materia de solo:

-Urbanización de solo.

-Adquisición onerosa da titularidade da propiedade ou do dereito de superficie de terreos para a súa inmediata urbanización.

-Adquisición onerosa de solo para formación de patrimonios públicos.

b) En materia de vivenda:

- Promoción, adquisición e cesión en arrendamento de vivendas de protección oficial de nova construcción.

- Adquisición a prezo taxado doutras vivendas.

- Rehabilitación de áreas. Rehabilitación de edificios. Adecuación de habitabilade de vivenda. Rehabilitación integral de edificios dunha soa vivenda. Adecuación do equipamento comunitario primario.

2.-As competencias antes indicadas serán exercidas polas delegacións provinciais do instituto.

Artigo 2º.-Actuacións non recollidas.

Non se recollen nesta disposición e serán obxecto de regulación independente o financiamento cualificado nos supostos de autoconstrucción no medio rural, así como as axudas específicas para vivendas incluídas en conxuntos históricos.

Artigo 3º.-Requisitos das axudas.

1.-Para acceder ás axudas será preciso cumpri-las condicións esixidas no citado Real decreto 2190/1995, presentando nas delegacións provinciais do IGVS a correspondente solicitude nos modelos establecidos para o efecto que figuran no anexo I da presente disposición, xunto coa documentación pertinente na que se acrediten os extremos fixados na norma antedita e que figura así mesmo no devandito anexo I.

2.-Con carácter específico, o non ser titular do dominio ou dun dereito real de uso ou desfrute sobre unha vivenda libre na mesma localidade na que se sitúa a vivenda obxecto da actuación protexible, acreditarase mediante certificación expedida polo concello no que estea situada con referencia ó padrón de imposto sobre bens inmobles.

3.-Así mesmo a composición da unidade familiar acreditarase mediante a presentación da copia da declaración da renda do exercicio que corresponda.

Artigo 4º.-Axudas complementarias da Comunidade Autónoma.

1.-Con independencia do financiamento establecido no Real decreto 2190/1995, o Instituto Galego da Vivenda e Solo concederá con cargo ós seus orzamentos as subvencións seguintes:

a) O 5% de subvención do prezo da vivenda que figure na escritura de compra, adxudicación ou escritura da declaración de obra nova ós adquirentes e promotores para uso propio, con ingresos familiares ponderados inferiores a 2,5 veces o salario mínimo interprofesional, acollidos ó réxime xeral.

b) O 5% de subvención do prezo sinalado no apartado anterior a adquirentes e promotores para uso propio acollidos ó sistema específico de financiamento para o primeiro acceso en propiedade dunha vivenda, dentro do réxime xeral e vivenda a prezo taxado.

2.-Este tipo de subvencións non serán compatibles con outras axudas específicas establecidas en materia de vivenda con cargo ós orzamentos da Comunidade

Autónoma, salvo que nas normas concretas que as regulen se estableza o contrario.

3.-Para a concesión das subvencións reguladas no presente artigo deberá efectuarse solicitude independente, que dará lugar á constatación do cumprimento dos requisitos para poder obte-la subvención, nos modelos establecidos para o efecto que figuran no anexo II da presente disposición. Estas solicitudes deberán presentarse xunto coas solicitudes, de entre as recollidas no artigo 3º da presente orde, das que son complementarias.

Para a autorización do gasto e recoñecemento da obriga de pagamento destas subvencións requirirase a presentación da correspondente escritura pública de compravenda, adxudicación ou declaración de obra nova, segundo corresponda.

Artigo 5º.-Cualificacións, visados e certificacións.

As cualificacións, visados de contratos e certificacións esixibles para acceder ó financiamento cualificado previsto no Real decreto 2190/1995 en materia de vivenda e solo, seguirán rexéndose pola lexislación vixente e polos condicionamentos previstos na citada disposición.

Artigo 6º.-Limitacións á concesión de axudas.

O recoñecemento do dereito a acceder ó financiamento cualificado e demais subvencións previstas nesta orde estará supeditado en todo caso ás seguintes limitacións:

1.-Poderán recoñecerse axudas económicas directas ós adquirentes ou adxudicatarios de vivendas de nova construcción promovidas ó amparo do R.d. 2190/1995 e da presente orde, ás que se lle concederan préstamos cualificados, se as solicitasen ata o 31 de decembro do ano 2.003 e no caso das VPO ou a prezo taxado en solo acollido a actuacións protexidas, ata o 31 de decembro do 2.009.

2.-Ás dispoñibilidades orzamentarias e ó número de actuacións protexibles que lle corresponden á Comunidade Autónoma de acordo coas estipulacións do convenio asinado co Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente.

Artigo 7º.-Rexistro de promocións de vivendas a prezo taxado.

Para os efectos do previsto no artigo 23.1º b) do Real decreto 2190/1995 establécese o rexistro de promocións de vivendas a prezo taxado.

Para acceder ó rexistro os promotores interesados deberán presentar nas delegacións provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo a correspondente solicitude no modelo de formulario e xunto coa documentación que figura no anexo III da presente disposición.

Artigo 8º.-Inserción dos municipios da Comunidade Autónoma nas áreas xeográficas.

1.-Modifícase a inserción dos municipios da Comunidade Autónoma nas distintas áreas xeográficas, que pasa a se-la seguinte:

-Municipios integrados na área xeográfica 1ª:

A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Narón, Carballo, Oleiros, Ribeira, Arteixo, Culleredo, Cambre, Fene, Neda, Mugardos, Ares, Teo e Ames.

Lugo, Monforte e Viveiro.

Ourense e O Barco de Valdeorras.

Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Redondela, Nigrán, O Porriño, Mos, Baiona, Marín, Poio, Cangas, A Estrada e Lalín.

-Municipios integrados na área xeográfica 2ª:

Boiro, Noia, Betanzos, As Pontes de García Rodríguez, Ordes, Pontedeume, Cedeira, Cee, Melide, Padrón e Sada.

Ribadeo, Cervo, Sarria, Vilalba, Foz, Burela e Chantada.

Verín, O Carballiño, Allariz, Ribadavia, A Rúa e Xinzo de Limia.

Ponteareas, Moaña, Tui, Sanxenxo, O Grove e Cambados.

-Municipios integrados na área xeográfica 3ª:

Ortigueira, Rianxo, P. do Caramiñal, Muros, Porto do Son, Santa Comba, Camariñas, Arzúa, Malpica, Negreira, Carral, Boqueixón e Oroso.

Barbadás, San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar, Coles e Toén.

Vilanova de Arousa, A Guarda, Gondomar, Bueu, Caldas de Reis, Tomiño, Ponte-Caldelas e Salvaterra de Miño.

-Municipios integrados na área xeográfica 4ª:

Os restantes concellos da Comunidade Autónoma.

2.-As ditas áreas xeográficas serán de aplicación:

-Para os efectos do Real decreto 2190/1995.

-Para os efectos da presente orde.

Disposición adicional

O valor do coeficiente ponderador de ingresos V ó que se refire o artigo 10 e a disposición adicional segunda do Real decreto 2190/1995, do 28 de diciembre será: 1.

Disposición transitoria

As solicitudes presentadas ó abeiro dos reais decretos 1932/1991 e 726/1993 e Orde do 20 de marzo do 1992 da COTOP ata o 31 de decembro de 1995 e que non foron resoltas, serán resoltas ó abeiro do disposto na presente orde, se as características se adecuan á vixente normativa.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Á entrada en vigor desta orde queda derrogada a Orde do 20 de marzo de 1992 que regula a aplicación na CC.AA dos reais decretos 1668/1991 e 1932/1991 sobre financiamento de actuacións protexibles en materia de vivenda e solo e axudas complementarias.

Non obstante, de acordo co previsto na disposición derrogatoria única do Real decreto 2190/1995, poderán recoñecerse axudas económicas directas ós adquirentes ou adxudicatarios de vivendas de nova construcción promovidas ó abeiro do Real decreto 1932/1991 ás que se lle concederon préstamos cualificados, se se solicitan ata o 31 de decembro de 1999. Nestes casos poderán así mesmo concederse as axudas complementarias da Comunidade Autónoma reguladas na Orde do 20 de marzo de 1992.

Segunda.-Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior categoría que contradigan o disposto na presente norma.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral do IGVS para dictar cantas disposicións sexan necesarias en desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde surtirá efectos desde o 1 de xaneiro de 1996.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 1996.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

1419